DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 2006 Páx. 8.035

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 12 de maio de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia e se convocan para o ano 2006.

A evolución da mecanización agraria en común nos últimos anos, así como a dispersión das normas lexislativas debidas a sucesivas modificacións e convocatorias de axuda ao longo do tempo fan necesaria a actualización dunhas novas bases para facilitar a interpretación por parte do administrado e ao mesmo tempo introducir as modificacións que demanda a antedita evolución do sector nesta materia.

O elevado grao de mecanización de xeito individual das explotacións agropecuarias galegas leva consigo un volume de investimentos e gastos que no contexto actual de desenvolvemento do sector agrario é necesario reducir para que poidan ser competitivas nuns contornos socioeconómicos cada vez máis axustados e exixentes.

Tendo en conta a estrutura e a dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición da maquinaria e as quendas de traballo para a súa amortización, proponse como unha solución para reducir custos, sen detrimento da produtividade, o uso en común dos apeiros, máquinas e equipos por parte de varios agricultores baixo un réxime de carácter asociativo e colectivo, que englobe os traballos varios no eido agrícola, gandeiro e forestal, dado que o medio rural galego conforma un complexo que engloba frecuentemente estos tres sectores dentro da mesma unidade produtiva.

As cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas agrarias que prestan o servizo de maquinaria agrícola aos seus socios, así como as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as sociedades agrarias de transformación (SAT) que adquiran maquinaria agrícola para o seu uso asociativo e colectivo, nos anteditos sectores agrícola, gandeiro e forestal pódense axustar aos obxectivos que se pretenden con esta orde de axudas.

Tamén é necesario fomentar a incorporación de modernas técnicas de produción e de racionalización do uso dos medios, así como de novas tecnoloxías e máquinas polivalentes, que permitan o aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo no medio agrario, así como a diminución dos seus custos.

En consecuencia, a Consellería do Medio Rural considera de interese fomentar a constitución e funcionamento das CUMA, a utilización baixo fórmulas asociativas da maquinaria agrícola e a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipamentos agrarios, co fin de lograr unha correcta racionalización do parque de maquinaria de uso agrario, mellorando os servizos e abaratando custos nas explotacións agropecuarias galegas, así como mellorar os problemas de man de obra desde unha dobre vertente, tanto cuantitativa como cualitativa nas explotacións agrarias galegas, así como contribuír á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables desde a perspectiva tanto económica como social, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación dedicada ás actividades agrarias e por conseguinte contribúe tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Por outra parte, estas actuacións enmárcanse dentro do programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria, Sección Orientación (FEOGA-O) da Unión Europea.

Por todo o exposto, e de acordo coas especificacións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de outubro, xeral de subvencións e en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases das axudas para fomentar o asociacionismo na utilización

de maquinaria agrícola e convocar as correspondentes ao ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Liñas de actuación.

As axudas establecidas nesta normativa estrutúranse en dous tipos de actuacións:

1. Axudas ás cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA).

2. Axudas ás entidades asociativas agrarias que realicen investimentos en maquinaria para uso colectivo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller, respectivamente, ás axudas reguladas nesta orde:

1. As cooperativas que teñen como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria agrícola en común (CUMA), sempre que teñan o seu domicilio social e os seus socios en Galicia.

2. As cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as sociedades agrarias de transformación (SAT) que adquiran maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal para o seu uso asociativo e colectivo, sempre que teñan o seu domicilio social e os seus socios en Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos comúns.

1. Para que sexan subvencionables, é fundamental que os programas de investimento das CUMA e das demais entidades asociativas agrarias citadas anteriormente estean suficientemente xustificados e avalados pola memoria técnica e polo estudo de viabilidade correspondentes.

2. Toda a maquinaria propiedade das entidades beneficiarias é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.

Excepcionalmente, para favorecer a súa amortización, poderase compartir a maquinaria entre varias entidades. Tamén se poderá prestar servizos a terceiros, sempre que non superen o 40% das horas totais traballadas pola máquina ou equipamento afectado co obxectivo de acadar unha maior eficiencia do conxunto do parque.

3. As entidades beneficiarias non poden vender a maquinaria subvencionada da súa propiedade e demais bens relacionados con ela antes de cinco anos ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

Tampouco poden vender, doar nin cederlle en uso a maquinaria a ningún dos seus socios, nin aos seus familiares directos.

4. Tanto as CUMA como as demais entidades asociativas agrarias beneficiarias están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da maquinaria da súa propiedade coa que prestan os servizos cooperativizados, así como un programa de control e xestión específico para a maquinaria, que lles permita analizar e establecer os seus custos.

5. Para que sexan subvencionables, a maquinaria e os equipamentos que se adquiran deberán estar homologados polo organismo correspondente para efectos da súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como para a súa matriculación, cando sexa necesaria.

6. Excepcionalmente poderase admitir un número menor de socios aos recollidos no artigo 5.1º e 6.1º por razóns do seu interese social, do subsector agrario especialmente sensible, da súa dimensión ou da súa particular localización e dispersión, de xeito especial as zonas de montaña, definidas no regulamento CEE 1257/99. En todo caso, o número mínimo será sempre igual ou superior a catro socios.

7. En ningún caso se subvencionará a adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables. Tampouco se apoiarán investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios nin máquinas de pequena significación, para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

8. As subvencións á maquinaria e equipamentos no eido forestal queda restrinxida á maquinaria necesaria para plantación, limpeza, roza, transporte, equipamentos de implementación da seguridade no conxunto da maquinaria utilizada, así como as máquinas e equipamentos necesarios para as prácticas culturais e silvícolas propias deste sector.

9. No caso dos almacéns, achegar cualificación urbanística da parcela, sempre no momento da solicitude e só se subvencionarán aqueles que se destinen exclusivamente para a maquinaria agroforestal.

Artigo 5º.-Requisitos específicos para as CUMA.

1. As CUMA deberán ter en xeral un mínimo de seis socios titulares de explotación salvo os casos recollidos no punto 6 do artigo 4º.

2. Para que unha CUMA sexa subvencionable, a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais, salvo os recollidos no punto 6 do artigo 4º no que abondará coa metade.

3. Os socios deberán permanecer na CUMA un mínimo de cinco anos, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos estatutos.

O socio que cause baixa está obrigado a cumprir os compromisos acordados pola CUMA, quen pola súa vez deberá cubrir as baixas no prazo máximo de 12 meses.

4. As CUMA deberán establecer as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria para conseguir acadar modelos asociativos xustos e as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir a súa continuidade, normas que deberán facer constar ineludiblemente nos seus estatutos no caso de nova constitución e no regulamento de réxime interno (RRI) no resto dos casos, así como os compromisos económicos de cada socio coa entidade para salvagardar o seu futuro, sobre todo cando a baixa de

socios poida significar un quebranto patrimonial que poña en perigo a súa viabilidade.

5. Os socios da CUMA están obrigados a utilizar plenamente nas súas explotacións as máquinas, equipamentos, apeiros e servizos técnicos obxecto da CUMA e, en todo caso, na medida establecida e asinada no RRI.

6. Non se subvencionarán os investimentos da CUMA cando comporten duplicidade co tipo de maquinaria que teñen os seus socios nas súas explotacións, salvo casos puntuais xustificados detalladamente. As CUMAS quedarán obrigadas á presentación das baixas rexistrais e/ou documentos fidedignos de venda da maquinaria duplicada ao longo do procedemento administrativo.

Artigo 6º.-Requisitos específicos para as cooperativas e SAT.

1. As cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT deberán prestar o servizo de maquinaria a un mínimo de seis agricultores socios delas, salvo os casos establecidos no punto 6 do artigo 4º desta orde.

2. As cooperativas agrarias cun parque de maquinaria consolidado procurarán que os servizos ofertados cheguen á meirande parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, sempre e cando sexan agricultores profesionais.

3. As entidades asociativas solicitantes débense comprometer a manter o servizo de maquinaria durante un período mínimo de cinco anos.

4. As entidades asociativas deberán establecer as medidas de carácter económico e as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e salvagardar a súa viabilidade económica e funcional.

5. As SAT deberán establecer as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria para conseguir acadar modelos asociativos xustos.

6. As cooperativas agrarias solicitantes deberán facturar como mínimo 300.000 euros. Excepcionalmente, poderanse atender solicitudes de axuda presentadas por cooperativas agrarias que teñan menor facturación, sempre que se constituísen nos últimos cinco anos en sectores ou comarcas sen apenas asociacionismo, ou por razóns do seu interese socioeconómico para o medio rural onde están implantadas.

Artigo 7º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Adquisición de maquinaria agrícola por primeira vez.

1.1. A subvención poderá chegar ata un máximo de 120.000 A por entidade beneficiaria. Excepcionalmente, por razóns da súa importancia social e económica e de estratexia para o contorno en que se desenvolve o proxecto, poderase incrementar este límite ata os 240.000 euros.

1.2. No caso das CUMA, con carácter xeral a axuda non poderá superar o 40% do investimento auxiliable, sempre que ningunha das máquinas supere

o 65% do importe total investido no conxunto do parque de maquinaria que ten a CUMA. Se non se cumpre esta condición, a axuda só poderá chegar ata o 35% do investimento auxiliable, agás as recollidas no punto 6 do artigo 4º desta orde, que poderán acadar o 50%.

1.3. Para as demais entidades asociativas beneficiarias, a axuda poderá chegar ata o 35% do investimento auxiliable, agás as recollidas no punto 6 do artigo 4º, sempre e cando a maioría dos socios estean situados nas zonas establecidas no dito artigo.

1.4. Cando este implique melloras tecnolóxicas que repercutan favorablemente no aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica, o emprego de máquinas polivalentes e a mellora nas condicións de traballo dos agricultores e gandeiros, poderá chegar ao 40%. No caso das CUMA poderá acadar ata o 45%.

2. Adquisición de maquinaria agrícola para reposición doutra xa existente.

2.1. A subvención poderá chegar ata un máximo de 60.000 A por entidade beneficiaria.

2.2. No caso das CUMA, a axuda non poderá superar o 25% do investimento realizado. Para as demais entidades asociativas non poderá ser superior ao 20%.

3. Tamén serán subvencionables aqueles investimentos que fomenten a introdución de maquinaria, equipamentos, sistemas e novas tecnoloxías, en relación coa alimentación, manexo e sanidade nas explotacións agropecuarias, así como co tratamento e eliminación de residuos agrarios, en réxime asociativo e de forma respectuosa co ambiente.

3.1. Esta axuda poderá chegar ata o 35% do investimento auxiliable, sen superar o importe máximo de 100.000 euros por entidade asociativa beneficiaria, salvo que a potencialidade do proxecto por razóns de carácter innovador, dimensión ou interese socieconómico aconselle superar este límite.

3.2. O equipamento básico do taller, así coma construcións e acondicionamentos anexos de obrigada execución tamén poderán considerarse atendibles nun 30% do seu custo.

4. Subvencionarase a construción de almacéns para maquinaria ou proxectos relacionados coa epígrafe anterior, así como o seu equipamento.

4.1. A subvención poderá chegar ata un máximo de 50.000 A por entidade beneficiaria.

4.2. No caso das CUMA, a axuda non poderá superar o 40% do investimento realizado. Para as demais entidades asociativas non poderá ser superior ao 30%.

4.3. A consellería establecerá módulos construtivos máximos de referencia para determinar o investimento auxiliable e a subvención que lle corresponde a cada entidade beneficiaria, segundo o establecido nas instrucións complementarias á Orde do 27 de decembro de 2005, DOG do 29 de decembro, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias e se convoca para o ano 2006.

5. Terá preferencia a primeira adquisición de maquinaria, equipamentos e apeiros, sobre todo cando corresponda ás tipoloxías sinaladas a continuación:

5.1. Maquinaria de sementeira, colleita, preparación, almacenamento e distribución de forraxes.

5.2. Adquisición de cisternas e batedores de xurro, separadores de esterco sólido/líquido, aplicadores-enterradores de esterco e inxectores para a fermentación do xurro.

5.3. Maquinaria e equipamentos que representen unha innovación tecnolóxica: adquisición de maquinaria para a recolección da pataca e cultivos hortofroitícolas, maquinaria para a aplicación de produtos fitosanitarios e calquera outra máquina ou equipamento que represente unha innovación tecnolóxica.

6. Non se subvencionarán os investimentos que non se axusten ao descrito na memoria e estudo técnico-económico requiridos nesta orde.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións a aprobar, así como para establecer as porcentaxes de axuda, poderanse ter en conta os seguintes criterios:

A) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

1. Por ser cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), cooperativa de explotación comunitaria da terra ou cooperativa con sección específica de maquinaria ou de servizos que incorporen maquinaria, sempre que dispoñan de regulamento de réxime interno: ata 5 puntos.

2. Por ser outro tipo de cooperativa agraria ou SAT con polo menos 10 asociados: ata 4 puntos.

3. Por ser unha SAT de menos de 10 asociados: ata 3 puntos.

B) Atendendo ás características técnico-económicas dos programas:

1. A súa viabilidade técnica, económica e financeira, así como a importancia e o interese social para a zona de localización e o seu carácter innovador e de respecto ao ambiente. Valoraranse especialmente as medidas de salvagarda establecidas para garantir a continuidade e o futuro económico das CUMA e das demais entidades asociativas solicitantes, incluído o seu capital social.

2. A correlación existente entre o programa de investimentos e a dimensión e actividade desenvolvida pola entidade e polos seus socios.

3. O número de agricultores beneficiarios, que en todo caso debe ser acorde coa capacidade de traballo da maquinaria adquirida, co seu programa de amortización e co marco xeográfico e sector agrario onde se encadran as súas explotacións.

4. O investimento por socio que recibe o servizo.

5. O número de agricultores profesionais e de agricultores mozos que pertenzan á entidade.

6. A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

7. A presentación dun programa global de renovación da maquinaria agrícola como consecuencia da recollida da maquinaria vella.

8. Os criterios de valoración que se establecen nas epígrafes anteriores valoraranse cunha puntuación máxima de ata tres puntos o primeiro deles, dous puntos o segundo e un punto cada un dos demais.

C) Atendendo ao tipo de máquina ou equipo de cada plan:

1. Pola innovación tecnológica da máquina: ata 6 puntos.

Artigo 9º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se achega.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla no artigo 10º desta orde.

3. No caso das CUMA e demais entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.

4. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5. Non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude ou pre-solicitude de axuda.

6. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado implicará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 43º da Lei 7/2005, do 30 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

7. De acordo co previsto no artigo 5.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, nos conceptos subvencionados nesta orde pola Consellería do Medio Rural, empregarase preferentemente a lingua galega en todo o conxunto de documentación que teña que xuntar á solicitude para a súa tramitación.

Artigo 10º.-Documentación.

1. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.

2. No caso de novas entidades que presenten por 1ª vez solicitudes de axudas, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Se se encontra en fase de constitución, composición da comisión promotora. Neste caso, a concesión da axuda quedará condicionada á constitución efectiva da entidade.

3. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo do anexo IV, na cal se:

-Aproba realizar os investimentos para os que se vai pedir a subvención.

-Acorda solicitar a subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

4. Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, totalmente cuberto.

5. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

6. Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ao abeiro desta orde.

7. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.

8. Copia compulsada do acordo asembleario ou notarial que recolla a relación de medidas previstas para salvagardar a viabilidade económica e funcional da entidade e/ou do servizo prestado aos socios, así como as normas internas de funcionamento e os compromisos económicos de cada socio coa entidade.

9. Memoria técnica xustificativa e estudo de viabilidade elaborado por técnico cualificado, que inclúan como mínimo os seguintes puntos:

-Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, análise das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e rabaño gandeiro, etc.

-Relación nominal dos socios ou dos agricultores aos que se lles vai prestar o servizo, cos seus efectivos produtivos e capital social, se é o caso.

-Investimentos que se van realizar: xustificación da súa necesidade, descrición técnica, orzamento desagregado, prazos de execución, financiamento previsto, análise económica da súa viabilidade, etc.

10. Certificación bancaria asinada e orixinal do número de conta en que se solicita o ingreso da subvención.

11. As CUMA e demais entidades asociativas que xa solicitasen axudas para maquinaria agrícola en exercicios anteriores, deberán presentar copia compulsada do libro de rexistro da maquinaria coa que prestan os servizos, así como do programa de control e xestión da maquinaria correspondente ao ano 2005. Tamén deberán xustificar a baixa rexistral ou venda das máquinas e equipamentos nas que existise duplicidade.

12. No caso de construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais, deberase presentar a solicitude de licenza de obra e cualificación urbanística da parcela.

13. Compromiso da entidade asociativa conforme a maquinaria subvencionada só se utilizará nas explotacións que cumpran as normas mínimas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar animal.

14. Certificación conforme a entidade asociativa beneficiaria cumpre os requisitos establecidos nesta orde, sobre os seguintes aspectos:

-Compromiso de non vender a maquinaria antes da súa amortización.

-Compromiso de non vender, doar, nin ceder en uso a maquinaria a ningún dos seus socios nin aos familiares directos deles.

-Compromiso de que a maquinaria é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións, coa excepción prevista no artigo 4º desta orde.

-Compromiso de levar ao día un libro de rexistro da maquinaria e un programa de control e xestión específico dela.

15. No caso das cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT, presentarase certificación da entidade comprometéndose a manter o servizo de maquinaria durante un mínimo de 5 anos, así como de que os socios son agricultores profesionais polo menos na porcentaxe mínima establecida nesta orde.

16. No caso das CUMA, presentarase:

-Compromiso de permanencia dos socios durante polo menos 5 anos.

-Compromiso de cubrir as baixas de socios no prazo máximo de 12 meses.

-Compromiso de que os socios van usar plenamente a maquinaria da CUMA nas súas explotacións.

-Declaración xurada individualizada da maquinaria que ten cada un dos socios na súa explotación, e certificación conforme non existe duplicidade co tipo de maquinaria que ten a CUMA ou que pretende adquirir ao abeiro desta orde de axudas, comprometéndose, de ser o caso, a vender aquelas máquinas e equipamentos que estean duplicados.

-Acreditación en conforme son agricultores profesionais (fotocopia da última declaración do IRPF

e da cotización á seguridade social no réxime especial agrario), ou certificación de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

17. As CUMA e demais entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración na utilización de maquinaria agrícola, deberán acreditar a constitución formal da entidade asociativa de orde superior en que se integren, e no caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo, cal que se establece o marco de cooperación, para poder solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

18. Cando o importe do investimento subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 11º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo se terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Resolución.

O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A avaliación das solicitudes será levada a cabo por un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo, o xefe de servizo competente en Fomento Asociativo Agrario, un xefe de sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará proposta de concesión ao director xeral de Produción,

Industrias e Calidade Agroalimentaria, que pola súa vez a elevará ao conselleiro do Medio Rural.

O conselleiro de Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de seis meses, poderá entenderse desestimada a axuda solicitada.

Artigo 13º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda das administracións públicas para os mesmos conceptos, salvo coas subvencións ao tipo de xuro dos préstamos para financiar o investimento, sempre que non procedan de fondos da Unión Europea. En todo caso, a subvención neta equivalente total non poderá superar o 50% do investimento auxiliable.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde, deberase realizar antes do 31 de outubro de cada ano.

O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha á entidade beneficiaria.

2. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación de todas a axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente ou representante legal da entidade solicitante.

e) Copia compulsada da inscrición de todas as máquinas, apeiros e equipamentos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como da súa documentación técnica e matriculación cando corresponda.

f) No caso de construcións, licenza definitiva de obras.

g) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. A documentación xustificativa dos investimentos presentarase preferentemente no Servizo de Fomento Asociativo Agrario da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, (Consellería do Medio Rural, edificios administrativos de Salgueiriños, rúa Irmandiños s/n, Santiago de Compostela).

Artigo 15º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. A Consellería do Medio Rural poderá realizar as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas e subvencións.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos demais supostos previstos no artigo 78º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).

5. Igualmente estarán suxeitas ao réxime de infraccións e sancións da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Artigo 16º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. En todo o non previsto nesta orde aplicarase o sinalado nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Sección segunda

Convocatoria

Artigo 17º.-Convocatoria.

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, as axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galiza para o ano 2006.

Artigo 18º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 11.03.612-A.770.1, por un importe de 1.866.667 A dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, así como con outros remanentes que poidan existir nas mesmas aplicacións.

As devanditas aplicacións orzamentarias poderán ser incrementadas con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 18 de xullo de 2002, pola que se establecían as bases e réxime xurídico das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 143, do 26 de xullo de 2002, e as súas modificacións posteriores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural