DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 2006 Páx. 8.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2006, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan as organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2006.

As políticas de cooperación ao desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á cooperación internacional propia dos distintos países únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

Un dos obxectivos desta lei é impulsar e promover a participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento así como fomentar a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega nas realidades dos pobos máis desfavorecidos, potenciando unha ética asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre as persoas.

As prioridades enunciadas pola lei en sensibilización e educación para o desenvolvemento perseguen a concienciación da opinión pública nesta materia, a difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países menos desenvolvidos, o fomento da investigación sobre as causas do desenvolvemento, así como a potenciación dos axentes de cooperación de Galicia e, en particular, dunha acción coordinada entre eles.

Pola súa parte, entre os axentes de cooperación recoñecidos pola Lei gozan de especial relevancia as organizacións non gobernamentais que se constitúen como interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Velaí, que procede establecer as bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan as organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento.

Pola súa vez, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2006 e 2007 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras, que se xuntan como anexo desta resolución, para concesión de subvencións para actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan as organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2006 e 2007 de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo desta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.41.213B.480.1 (pola contía máxima de 260.000 euros no ano 2006 e de 65.000 euros no ano 2007).

Disposición derradeira

Primeira.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2006.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento para o desenvolvemento de actividades de formación e sensibilización.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento para actividades de formación e sensibilización en Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao secretario xeral de Relacións Exteriores (rúa dos Feáns, 5 baixo, 15706

Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir os beneficiarios/as e requisitos dos proxectos.

1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ao Desenvolvemento creado por orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública (agora Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza) do 4 de abril de 1994 cunha antigüidade de polo menos un ano.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter domicilio social en Galicia ou contar con delegación permanente en Galicia.

Neste último suposto, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprométese ao mantemento da documentación, contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación polo menos, na formulación e xestión da actividade.

d) Ter xustificado, se for o caso, e antes da fin do prazo de solicitude desta convocatoria, as axudas recibidas por parte da Xunta a outros proxectos en materia de cooperación ao desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios/as de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

e) Non estar inhabilitadas, administrativa ou xudicialmente, para obter axudas.

f) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incurso en procedemento ningún de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia sobre axudas da mesma natureza, así como non manter débeda ningunha por calquera concepto coa Facenda autonómica.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por varias ONGD que cumprindo os requisitos anteriores se presenten agrupadas. Neste caso, cada unha das entidades asociadas deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente.

2. Requisitos dos proxectos.

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de xuño do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a súa dirección, coordinación e control sexan exercidos directamente pola entidade solicitante.

d) Que sexan viables e que fornezan especificacións técnicas ou financeiras suficientes.

e) Que fagan referencia á participación das persoas destinatarias directas e definan de xeito cuantificable o impacto no grupo destinatario do proxecto.

f) Que non sexan dirixidas exclusivamente aos membros da propia organización.

Artigo 4º.-Documentación.

1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

2. A citada solicitude irá acompañada da seguinte documentación, que será presentada por duplicado e, se é posible, ademais, o formulario en disquete ou CD:

Carpeta 1: información relativa á ONGD solicitante.

a) Documento acreditativo da representación da persoa asinante da solicitude e copia compulsada do DNI da persoa que formula a solicitude.

b) Documentación acreditativa de dispoñer de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) NIF compulsado da entidade.

d) Organigrama e estrutura organizativa da ONGD en Galicia.

e) Memoria da organización en que se inclúan as actividades formativas e de sensibilización levadas a cabo no ano anterior ao da convocatoria e estratexia de formación e sensibilización da organización para os seguintes anos (dous como mínimo) na cal se enmarca o proxecto presentado.

f) Declaración doutras axudas solicitadas a outras entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

g) No caso de que a ONGD presentase a documentación requirida ou parte á convocatoria de axudas de anos anteriores e esta non sufrise modificacións, Terá que presentar unha declaración de que non se produciron aquelas e, de ser o caso, a documentación modificada.

h) Declaración xurada facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en procedemento ningún de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non foi inhabilitada para recibilas, segundo modelo que figura como anexo II.

i) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda da Comunidade Autónoma de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

j) Cando varios solicitantes se asocien en consorcio para a realización dun proxecto, deberase achegar á solicitude contrato ou convenio de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se for o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención; neste documento designarán un representante legal e un enderezo único para efectos de notificacións. Asemade, deberán detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao seu financiamento, actividades que se van desenvolver e a distribución da subvención prevista, de ser o caso.

Carpeta 2: información sobre o proxecto de sensibilización social e/ou formativo.

A información sobre o proxecto presentarase no formulario facilitado por medio de correo electrónico polo órgano xestor. O formulario solicitarase no seguinte enderezo: cooperacion.exterior*xunta.es

3. A falta de documentación administrativa relativa á carpeta 1 e de información nalgunha das carpetas e das xustificacións das ditas faltas, impedirán a avaliación do proxecto, se non tivo lugar a súa reparación dentro dos prazos establecidos.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución, prazo de resolución, criterios de valoración, condicións de financiamento, gastos subvencionables e valoración.

1. A instrución do procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados ou carece de falta de documentación, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, repare a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo de resolución e notificación será de dous meses contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

3. Os criterios de valoración ordenaranse de acordo coas seguintes prioridades:

1. Que potencien as seguintes accións:

a) Fomento na sociedade galega, especialmente entre os mozos/as, dos valores da solidariedade e da cooperación ao desenvolvemento e proxectos que se vaian realizar en centros escolares.

b) Coñecemento da realidade dos países máis desfavorecidos e das causas que xeran a pobreza.

c) Divulgación entre a sociedade galega dos proxectos de cooperación executados nos países máis desfavorecidos.

d) Fomento da formación e capacitación de voluntarios e profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia para o traballo especializado no ámbito da solidariedade e da cooperación ao desenvolvemento.

e) Proxectos cuxo soporte e difusión estean baseados na utilización de novas tecnoloxías.

f) Consideración e impulso do enfoque de xénero na formulación, execución e avaliación das accións.

g) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento do milenio e que divulguen a situación nos países en vías de desenvolvemento dos sectores máis vulnerables da poboación, en particular, infancia e xuventude, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados e desprazados.

h) Accións que permitan a participación activa dos cidadáns ou colectivos destinatarios.

i) Accións que promovan e difundan os valores ambientais dos países en vías de desenvolvemento, a súa conservación e mellora.

j) Accións que promovan o comercio xusto e o consumo responsable.

2. Outras prioridades:

-Proxectos que sexan presentados por un consorcio de entidades.

-Proxectos que teñan unha elevada porcentaxe de financiamento da entidade solicitante ou doutras entidades.

-Actividades que teñan un maior grao de implicación dos destinatarios/as tanto na súa formulación como na súa execución.

4. Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 15.000 euros. Nos proxectos presentados por varias entidades, a Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a cantidade concedida os 35.000 euros.

5. Subvencionaranse os gastos seguintes:

a) Gastos de locais (non se inclúen os que correspondan á sede da propia organización) para impartir a formación, incluídos os de subministración.

b) Axudas de custo e gastos de desprazamento do profesorado e, cando resulte imprescindible, as remuneracións a conferenciantes, monitores ou profesores.

c) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade.

d) Gastos propios da actividade formativa ou de sensibilización (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

e) Outros gastos que figuren no orzamento da entidade solicitante asociados á administración, xestión, supervisión, difusión e sensibilización social da acción, non podendo exceder estes 10% do importe total da subvención solicitada á Xunta de Galicia.

6. Valoración das solicitudes.

1. As actividades que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: 30 puntos.

-Experiencia e traxectoria da entidade en accións de formación para o desenvolvemento e sensibilización social relevante e suficientemente descrita na solicitude, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

-Estratexia concreta de formación e sensibilización da entidade para os vindeiros anos (dous como mínimo). Máximo: 5 puntos.

-Experiencia en accións de cooperación para o desenvolvemento relevante e suficientemente descrita na solicitude, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

-Capacidade de xestión e recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

-Achega financeira da ONGD ao proxecto. Esta deberá de ser dun mínimo do 10% para ser puntuada. Máximo 5 puntos.

-Outras accións de sensibilización e formación financiadas pola Comunidade Autónoma de Galicia. Máximo: 5 puntos.

II. Aspectos relacionados co proxecto de actividades: ata 55 puntos.

-Contexto do proxecto: Antecedentes e xustificación do proxecto en función do lugar/es de realización e o público obxectivo, descritos suficientemente na solicitude para os obxectivos e características do proxecto. Máximo 5 puntos.

-Accións vencelladas aos proxectos de desenvolvemento que presentase a entidade solicitante. Máximo de 5 puntos.

-Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

-Contido da acción segundo os criterios seguintes. Máximo: 5 puntos.

a) Fomento na sociedade galega dos valores da solidariedade e da cooperación ao desenvolvemento.

b) Coñecemento da realidade dos países máis desfavorecidos e das causas que xeran a pobreza.

c) Fomento da formación e capacitación de voluntarios e profesionais galegos en materia de cooperación ao desenvolvemento.

d) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento do milenio e aquelas que difundan a situación nos países máis desfavorecidos dos sectores máis vulnerables da poboación, en particular, infancia e xuventude, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados, e desprazados, así como accións que promovan e difundan os valores ambientais, a súa conservación e mellora.

-Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 5 puntos.

-Carácter técnico e multidisciplinar do equipo formador e do programa que se vaia impartir así como o seu contido teórico e práctico. Máximo: 5 puntos.

-O pagamento de matrícula ou dereitos de formación que terán que achegar os participantes e previsión, se for o caso, de bolsas de participación por parte da organización. Máximo: 5 puntos.

-Incidencia prevista das actividades: número de persoas ás cales se dirixe e a súa pertenza aos colectivos prioritarios (nenos/as, mozos/as, profesorado de todos os niveis educativos e/ou monitores de tempo libre para mozos/as). Máximo: 5 puntos.

-Proxectos cuxo soporte e difusión estean baseados na utilización de novas tecnoloxías e/ou conte con materiais pedagóxicos ou de sensibilización innovadores. Máximo: 5 puntos.

-Promoción da igualdade entre mulleres e homes; dos valores do ambiente, a súa conservación e mellora; e dos obxectivos de desenvolvemento do milenio. Máximo: 5 puntos.

-Promoción do comercio xusto e o consumo responsable. Máximo: 5 puntos.

III. Presentación do proxecto en consorcio con outras ONGD. Máximo: 15 puntos.

2. Será necesario acadar unha puntuación do 65% nos dous primeiros puntos para superar a fase de valoración.

3. Para unha mellor valoración deles poderán solicitarse previamente á resolución os informes técnicos que se coiden oportunos da Comisión Técnica Asesora de Actividades de desenvolvemento. Estes informes non terán carácter vinculante.

A Comisión Técnica Asesora de Actividades de desenvolvemento estará integrada por cinco vogais nomeados pola Coordinadora galega de ONGD.

Artigo 7º.-Resolución.

Á vista dos expedientes instruídos e do resultado da valoración dos proxectos, o secretario xeral de Relacións Exteriores resolverá, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Compatibilidade de subvencións.

As subvencións serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares.

Artigo 9º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía, proxecto e finalidade.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria deberá presentar, nun prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito da aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Neste escrito poderá solicitar o pagamento do anticipo cos requisitos establecidos no artigo seguinte. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente for posible e sen que se altere a finalidade do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica deste, que será obxecto dunha nova valoración. Da non presentación no dito prazo de ningunha comunicación, entenderase que a entidade beneficiaria renuncia á subvención concedida, e procederase ao seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto, o centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento ditará nova resolución, que será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas o importe dela poderá destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 11º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5ª da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, unha vez concedidas aboarase en concepto de anticipo:

-Nos proxectos cuxo período de execución exceda o exercicio corrente, o cincuenta por cento do importe anual subvencionado.

-Nos proxectos cuxo período de execución estea comprendido no exercicio corrente, o oitenta por cento do importe da subvención concedida.

2. Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio das actividades expedida polo responsable da entidade beneficiaria.

c) Declaración complementaria e actualizada das axudas e subvencións recibidas e/ou concedidas para este proxecto.

d) Orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda da comunidade autónoma de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

e) Certificación da entidade financeira da conta bancaria onde se deben efectuar os ingresos. Nesta conta terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

3. O resto do montante da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras.

Non obstante, os beneficiarios/as deberán acreditar, con carácter previo a este último pagamento, que se atopan ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Facenda autonómica, máis unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución.

Artigo 12º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 do mes de peche do exercicio.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente e antes do día 15 de decembro de cada exercicio, presentando a documentación que se sinala no seguinte punto.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a cal se lle concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final comprensivo dos seguintes documentos:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Un informe detallado de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnica-económica do proxecto. En caso de que os resultados non fosen acadados, o informe deberá explicar o porqué desta situación e indicar as correspondentes accións de subsanación. Este informe deberá complementarse coa información gráfica (fotografías, vídeos e demais materiais) relativa ás accións subvencionadas.

c) Un informe financeiro final separado por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

1. Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias e no que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

2. Relación de facturas que se achegan coa indicación do seu importe.

3. Facturas que soporten a relación anterior. Presentaranse orixinais de todas as facturas que se paguen con cargo ao orzamento total do proxecto que, unha vez comprobadas, serán devoltas de oficio.

4. Relación de persoal contratado e voluntario da entidade solicitante que participaron na execución do proxecto.

5. Certificación asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria en que se detalle o concepto de gastos indirectos que se imputan ao proxecto.

Artigo 13º.-Seguimento, control das actividades e outras obrigas dos beneficiarios/as.

1. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato ao centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado.

2. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución e unha vez finalizada por representantes do centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, para o cal a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de xeito visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención. Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguranza. O logotipo será facilitado polo órgano xestor.

Artigo 14º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios/as que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen total ou parcialmente a boa fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade delas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional no caso dunha parcial falta de xustifica

ción, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades, administrativas ou penais, a que proceda.

Así mesmo, os beneficiarios/as deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 15º.-Información aos órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 17º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas ditadas na aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos de silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

ANEXO II

DECLARACIÓN XURADA

Don/Dona...................................................., con DNI.........................., en representación da entidade..................................... declara, para os efectos do previsto no artigo 4º, número 4.2 carpeta 1 da Resolución do .... de ......... de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras de concesión de subvencións para actividades formativas e de sensibilización que desenvolverán as organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento e pola cal se convocan as correspondentes ao ano 2006, que a citada entidade non foi sancionada coa inhabilitación para obter subvencións públicas.

....................., ......... de ....... de 2006.

(Sinatura)

Secretario xeral de Relacións Exteriores