DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2006 Páx. 7.978

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 2 de maio de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2006 a concesión de subvencións a entidades locais para a instalación de marquesiñas como elementos auxiliares do transporte colectivo.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes emprenden diversas accións co fin de fomentar o uso do transporte colectivo de viaxeiros, salientando tanto o fomento do transporte metropolitano no ámbito das principais aglomeracións urbanas, como a implementación de medidas de promoción nos ámbitos comarcais.

Dentro de todo este conxunto de actuacións, a dotación dun mobiliario urbano e, de xeito significativo, de marquesiñas que faciliten o acceso ao transporte colectivo e a información sobre os servizos, constitúen elementos relevantes na promoción do uso do transporte.

Nos ámbitos referidos das sete principais aglomeracións urbanas, e dentro da promoción do transporte metropolitano, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes programou a dotación dun número significativo de elementos dotacionais, cun criterio de homoxeneidade entre eles; igualmente, coa execución das actuacións que esta consellería está a pór en marcha disporase no conxunto da comunidade autónoma dunha rede de intercambiadores, áreas de estacionamento e estacións de autobuses que atenderán á xeneralidade dos núcleos de poboación de Galicia.

Por tanto, as referidas medidas deben ser completadas coa programación de actuacións de reposición e instalación de marquesiñas nos ámbitos territoriais que non se integren nas denominadas áreas de transporte metropolitano.

Considerando tanto as necesidades ás que este mobiliario está chamado a atender, tanto transportes interurbanos coma transporte escolares ou servizos de carácter basicamente municipal; como a tipoloxía do solo e dos núcleos nos que se debe proceder á súa instalación, e xunto coa proximidade da Administración local, estímase que a actuación por parte dos concellos constitúe a mellor alternativa para garantir tanto a elección das mellores localizacións como o seu correcto mantemento posterior.

Para tal fin, esta consellería programou a execución dunha orde de axudas ás administracións locais co fin de colaborar financeiramente na instalación de marquesiñas nos seus respectivos termos municipais.

Por todo iso, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto desta orde a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva ás entidades locais que o soliciten, para o financia

mento dos gastos de subministración e instalación de marquesiñas como instalacións auxiliares do transporte colectivo.

Os ditos equipamentos terán que se axustar, nas súas características básicas, ás condicións incorporadas no anexo I da presente orde.

2. Poderán acollerse ás axudas previstas aqueles concellos da comunidade autónoma respecto dos que non estea prevista a súa integración nos ámbitos delimitados para as sete áreas de transporte metropolitano de Galicia, segundo os estudos elaborados para o efecto por esta consellería.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 2006.08.04.413A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e cun importe de catrocentos mil euros (400.000 A).

As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que a entidade beneficiaria destine á execución das actuacións que se describen no artigo 1º. Non obstante, a suma total de todas elas non poderá superar o 100% do orzamento total que require a actuación. Neste caso, a axuda concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.

Artigo 3º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As solicitudes puntuaranse, para cada unha das marquesiñas para as que se solicite a axuda, de acordo coa xustificación ofrecida polas entidades locais na memoria prevista no artigo 5º.1, por aplicación dos seguintes criterios de valoración:

a) Poboación:

-Municipios de ata 2.000 habitantes: 8 puntos.

-Municipios de entre 2.001 e 5.000 habitantes: 7 puntos.

-Municipios de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 6 puntos.

-Municipios de máis de 10.000 habitantes: 5 puntos.

b) Poboación á que está chamada a servir a nova infraestrutura de transporte:

-Ata 100 habitantes: 5 puntos.

-Entre 101 e 250 habitantes: 7 puntos.

-Entre 251 e 500 habitantes: 9 puntos.

-Máis de 500 habitantes: 11 puntos.

c) Compromiso de investimento adicional por parte do concello, no ano 2006, en marquesiñas para o transporte colectivo interurbano:

-Polo compromiso de investimento adicional sobre o importe da axuda solicitada, por cada porcentaxe dun 10% máis ata o 100%.

1 punto, ata un máximo de 10 puntos.

d) Para o caso de que da aplicación dos criterios previstos nas alíneas anteriores resultase unha mesma puntuación, resultarán preferentes aquelas nas que o compromiso de maior investimento adicional na presente anualidade en marquesiñas para o transporte colectivo interurbano sexa superior, e subsidiariamente, as chamadas a atender a un maior volume de poboación.

Artigo 4º.-Contía e entidade das axudas.

1. As subvencións que se outorguen acadarán o importe máximo de dous mil cincocentos euros (2.500 A) por marquesiña, sen que en ningún caso poidan superar os custos totais da actividade (sen IVE); no referido importe estimarase incluído tanto os custos de subministración do equipamento como os gastos de transporte e instalación.

No suposto de que o custo das marquesiñas, sen IVE, sexa inferior ao anteriormente indicado, o importe da subvención axustarase o custo real.

2. Atendendo ao volume de solicitudes formuladas, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes determinará o número máximo de marquesiñas que poderán ser obxecto de subvención por entidade local, logo da proposta formulada para tal fin pola comisión de valoración prevista no artigo 6º desta orde.

Respecto daquelas entidades locais que fosen beneficiarias de achegas económicas para a instalación de marquesiñas nos anos 2004 ou 2005, efectuadas por esta consellería mediante convenios de colaboración, terán limitada a posibilidade de obtención de novas axudas a que o conxunto das obtidas previamente xunto coas novas solicitadas non supere en máis dun cincuenta por cento o número determinado consonte co previsto na alínea anterior.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a finalidade establecida nesta orde, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca superar o 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Transportes, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo II desta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria sucinta na que se xustifique a necesidade e oportunidade das instalacións para os que se solicita subvención, con expresión detallada dos seguintes extremos:

-Poboación de dereito do municipio.

-Relación de marquesiñas para as que se solicite a axuda, con indicación do punto exacto do seu emprazamento e a súa indicación nun plano ou mapa;

-Certificación referente á poboación a que estea chamada a servir cada unha das novas marquesiñas para as que se solicite a axuda; para estes efectos, computarase a poboación residente nun raio dun quilómetro medido en liña recta desde a súa localización. En casos excepcionais, como os derivados da inexistencia de servizos de transporte máis próximos, poderase computar unha maior distancia, xustificando debidamente os criterios seguidos para a súa determinación.

b) Orzamento previsto da subministración e instalación da/s marquesiña/s para a/s que se solicita a axuda;

c) Compromiso de investimento adicional polo concello, no presente exercicio, para a dotación de novas marquesiñas con destino ao transporte colectivo interurbano;

d) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo concepto, ante as administracións públicas ou outros entes públicos ou privados.

Artigo 6º.-Procedemento e resolución.

1. Delégase no director xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde. O órgano instrutor das axudas será a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

2. Revisados os expedientes polo órgano instrutor, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudo e conseguinte proposta de resolución.

Para os efectos previstos nesta orde, créase unha comisión de valoración, que funcionará como órgano colexiado segundo se establece no artigo 78.8º da Lei 1/1999, do 7 de outubro,de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A dita comisión estará composta polo subdirector xeral de Ordenación do Transporte, que a presidirá, e serán vogais os xefes dos Servizos de Programación e Actuación Económica; de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral; de Concesións; e de Estudos e Apoio Xurídico, da Dirección Xeral de Transportes.

Efectuada esta, a comisión de valoración publicará a relación provisional de valoracións no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Transportes, sito

en Santiago de Compostela, praza de Europa 5 A, 2ª planta, Área Central-As Fontiñas, por prazo de 10 días, en horario de oficina, podendo os interesados formular dentro do mesmo prazo cantas observacións coiden oportunas, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Examinadas as alegacións, de ser o caso, a comisión de valoración elevará a proposta de resolución, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin, ao órgano competente, quen ditará resolución definitiva motivada consonte cos criterios de outorgamento, e porá fin á vía administrativa.

3. O prazo para resolver e notificar as solicitudes ao abeiro desta orde será de tres meses, que se computarán a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, logo do que, de non se ter ditado resolución expresa, e de acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os solicitantes poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Resolta a convocatoria e notificada aos concellos beneficiarios, darase publicidade no Diario Oficial de Galicia en cumprimento do disposto no artigo 18.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo de quince días, contados a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención. Para o efecto deberá unir a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións ou achegas aplicables para o mesmo fin ou, de existir, que todas as subvencións ou achegas aplicables a este non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facerlles fronte ás achegas que, de ser o caso, debera realizar a entidade local.

d) De non constar de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia a conta bancaria na que se teña que efectuar o ingreso, certificación bancaria co número de conta.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a devandita comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, ditarase resolución deixando sen efecto a concesión da axuda.

3. Coa aceptación da subvención a corporación local asume os seguintes compromisos:

-Reintegrar á comunidade autónoma, de acordo co artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cantidade total ou parcial da axuda establecida e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, para o caso de incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

-Facilitarlle, se fose o caso, toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto desta orde.

-Comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, se fose o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para os efectos de propoñer, se procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda.

-Asumir, pola súa consideración de beneficiario segundo o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia todas as obrigas que, para isto, establece o citado artigo.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez notificada a resolución a que se refire o artigo 6º desta orde, e sen prexuízo da obrigada remisión en prazo da documentación prevista no artigo 7º, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións concedidas disporán dun prazo de tres meses para proceder á instalación dos equipamentos e presentar ante a Administración a xustificación correspondente.

Para tal fin, deberán presentar inescusablemente no citado prazo, ante a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte (Santiago de Compostela, praza de Europa 5 A, 2ª planta, Área Central-As Fontiñas), a seguinte documentación:

-Certificación municipal acreditativa da súa instalación, e dos seus custos;

-Un resumo fotográfico dixital das marquesiñas instaladas;

-Un plano de localización das marquesiñas instaladas, así como do resto de marquesiñas, paradas de autobuses e de taxis existentes no termo municipal;

-Unha ficha correspondente a cada unha das marquesiñas instaladas así como das preexistentes no termo municipal, en soporte informático, co formato sinalado no anexo III á presente orde.

No caso de omisión da antedita xustificación no prazo sinalado na alínea anterior, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda concedida, e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Procederase ao pagamento das subvencións, tras a comprobación de que a documentación antedita se axusta ao contido desta orde, mediante transferencia bancaria ao número de conta expresado na certificación bancaria que se xunte, segundo o artigo 4º desta orde.

Artigo 9º.-Condicionantes.

1. Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a finalidade delas, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá realizar as inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos fundamento da concesión. Por tanto, os equipamentos obxecto da presente liña de subvención deberán estar instalados e operativos, durante toda a súa vida útil e, en todo caso, durante un prazo mínimo de dez anos.

2. Os solicitantes e beneficiarios das subvencións deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así cómo o lóxico seguimento e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das axudas.

3. Os beneficiarios das subvencións deberán facer constar en todo tipo de publicidade e información ao respecto, a condición de subvencionada pola Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Para tal fin, e concretamente, establécese a obriga dos beneficiarios de inserir e manter permanentemente na totalidade das marquesiñas subvencionadas, en lugar visible para o usuario, información da súa dotación coa colaboración da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia.

4. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, das subvencións percibidas e dos xuros de demora correspondentes, todo isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba

o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; de xeito concreto, terase en consideración o previsto no punto 9 do referido artigo.

Artigo 10º.-Réxime xurídico e de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, consonte co disposto polo artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da

xurisdición contencioso-administrativa.

3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións reguladas por esta orde quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e ao previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Pola natureza das actuacións previstas nesta orde e, de acordo co artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006, as entidades locais quedan exentas de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78.4º c) e 78.8º último parágrafo do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes

ANEXO I

Características básicas das marquesiñas obxecto de subvención.

1. Dimensións. Como parámetros de tamaño recomendados establécense os seguintes:

-Longo: entre 3 e 4 metros.

-Largo: entre 1,25 e 1,80 metros.

-Alto: entre 2,20 e 2,30 metros.

2. Cuberta. O seu deseño debe permitir a súa fácil limpeza e evitar que se acumule sucidade. Preferiblemente será de vidro de seguridade ou policarbonato, e igualmente de xeito preferente cun grao de transparencia de cando menos un 75%; deberá garantir a evacuación da auga de choiva cara a un ou varios puntos, mantendo a máxima estanquidade da marquesiña.

3. Paramentos. Deben ser elementos modulares, transparentes e de solidez contrastada (resistentes ao impacto, corrosión, etc.). Tanto o propio elemento, esencialmente ante supostos de rotura, como a súa execución e colocación, deben garantir totalmente a seguridade dos usuarios e viandantes. A súa colocación e substitución deben ser sinxelas e rápidas. O material ou materiais deberan ser antirreflactantes.

4. Banco. Deberá integrarse estética e funcionalmente no deseño da marquesiña, así como restar o menor espazo posible da capacidade de acollida de persoas da marquesiña.

5. Panel de información. As marquesiñas disporán dun panel destinado á colocación de información sobre o sistema de transporte público (itinerarios, paradas, horarios, tarifas, etc.). Este panel deberase integrar no módulo ou módulos traseiros da marquesiña ou nun dos paneis laterais, debendo ser visible tanto polo interior como polo exterior da marquesiña. Non se especifican dimensións pero recoméndanse arredor de 0,60 m de alto e 0,40 m de largo.

6. Sinalización. As marquesiñas disporán da posibilidade de integrar na súa estrutura elementos soportes dos indicativos dos servizos de transporte, garantindo a maior visibilidade para os usuarios.

7. Materiais. Utilizaranse materiais de calidade e boa presenza estética, coma os que habitualmente se usan neste tipo de mobiliario, especialmente aptos para o contorno no que se sitúan as marquesiñas e as condicións meteorolóxicas. Os materiais deberán ser de grande resistencia e solidez, non presentando cantos vivos que poidan representar un perigo para o usuario ou o viandante nin para os vehículos. Deberá garantirse un elevado grao de resistencia e a garantía contra a corrosión dos materiais por un elevado número de anos.

8. Seguridade. Os modelos presentados deberán cumprir as normativas vixentes de prevención de incendios, resistencia de materiais ao lume, actos vandálicos, etc.