DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2006 Páx. 7.978

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 78/2006, do 27 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da obra Autovía Ferrol-Vilalba. Treito: Cabreiros-Autovía do Cantábrico en Vilalba. Clave LU/00/074.01.

Con data do 2 de maio de 2005 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o proxecto de construción da obra Autovía Ferrol-Vilalba. Treito: Cabreiros-Autovía do Cantábrico en Vilalba. Clave: LU/00/074.01.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial, toda vez que os usuarios poderán utilizar para os seus desprazamentos unha vía con parámetros e características que melloran as súas condicións de circulación.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e sete de abril de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de construción da obra Autovía Ferrol-Vilalba. Treito: Cabreiros-Autovía do Cantábrico en Vilalba. Clave: LU/00/074.01.

Santiago de Compostela o vinte e sete de abril de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes