DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2006 Páx. 7.968

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2006, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se convocan axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia e para crear medios de información electrónica.

A Secretaría Xeral de Comunicación ten entre as súas competencias a de promoción de todos os aspectos que poidan derivar da aplicación das novas tecnoloxías no eido da comunicación.

As actividades que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro constitúen unha área propicia para aproveitar as vantaxes e potencialidades das novas tecnoloxías da comunicación e información polo que se require facilitarllas a aquelas entidades que, polas funcións que realizan e a finalidade que perseguen, necesitan facer uso de ferramentas tecnolóxicas para unha mellor eficacia das súas actividades.

Por iso, preténdese continuar coa liña de subvencións que persegue como obxectivo a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia por parte daquelas entidades sen ánimo de lucro, que se traduza en axudas para a adquisición do equipamento audiovisual e multimedia necesario para o desenvolvemento das súas actividades no eido da comunicación.

Tamén se continúa coa liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro dirixida a potenciar a creación de medios de información electrónica para que esas entidades creen a súa propia páxina web en galego desde a que se faga divulgación e difusión das actividades que realizan.

Por todo isto, en virtude da desconcentración de competencias operada pola disposición adicional 2ª, c) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo,

DISPOÑO:

Bases para a concesión das subvencións.

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse dúas liñas de subvención, mediante réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e outros de natureza análoga necesarios para o desenvolvemento das súas actividades (modalidade A) e para crear unha páxina web en galego na internet (modalidade B).

Polo tanto, para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 287.564 euros que se imputarán ao crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 04.31.361A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, atribuíndose inicialmente o importe de 267.564 euros para a modalidade A e 20.000 euros para a modalidade B, sen prexuízo da distribución definitiva que resulte das resolucións de adxudicación. O crédito non adxudicado nunha modalidade pode aplicarse na outra, ata acadar o límite total sinalado.

Artigo 2º.-Equipamento subvencionable e/ou creación dunha páxina web en galego na internet.

1. Só para os efectos desta convocatoria, poderán ser obxecto de axudas na modalidade A:

a) A adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e outro de natureza análoga.

b) As adquisicións de PC, considerados como terminais interactivos e equipamentos de comunicación que permitan a conexión aos servizos da internet.

2. Só para os efectos desta convocatoria, poderán ser obxecto de axuda na modalidade B:

A creación de páxina web en galego na internet, referida á entidade solicitante e ás actividades que desenvolve, cando os contidos da web son da responsabilidade da entidade solicitante da axuda.

A páxina web deberá estar nun dominio propio cun primeiro nivel que sexa «.es» ou «.org».

3. O equipamento e/ou páxina web subvencionables terán como finalidade servir de ferramenta para que a entidade desenvolva axeitadamente as súas actividades no eido da comunicación, na modalidade A, ou que lle sirva para facer divulgación e difusión das actividades que realiza a entidade, na modalidade B.

4. Quedan excluídos destas axudas a instalación do equipamento e os gastos derivados do acceso e servizo da internet.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que persigan finalidades de interese xeral non empresarial, dispoñan dun establecemento aberto para a realización das devanditas actividades e teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, en concellos cunha poboación de dereito igual ou inferior a 30.000 habitantes.

Aquelas entidades sen ánimo de lucro que xestionen a actividade de cineclub poderán solicitar estas axudas en todo caso.

Artigo 4º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención das que xestiona a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 5º.-Contías.

1. Para a modalidade A:

a) A contía máxima da axuda será de ata un 65%, en termos xerais, do importe total da factura proforma presentada, expedida pola entidade subministradora, incluíndo unicamente o valor do material subvencionable adquirido e excluíndo outro tipo de gastos (IVE, transporte, etc.).

b) A axuda máxima por PC será de 500 euros.

c) Será de 130 euros a axuda máxima por receptor de sinal de televisión dixital terrestre que incorpore servizos interactivos (MHP).

d) En todo caso, nesta convocatoria o tope máximo da axuda concedida será de 1.500 euros por entidade solicitante.

2. Para a modalidade B:

a) A axuda máxima para crear a páxina web en galego será de 400 A.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. A solicitude farase mediante instancia dirixida ao secretario xeral de Comunicación, segundo o modelo que figuran como anexo I desta convocatoria e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.1. Coa solicitude xuntarase obrigatoriamente a seguinte documentación da entidade:

a) Fotocopia da tarxeta de idenficación fiscal da entidade.

b) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

c) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

d) Declaración de todas as subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas.

e) Declaración do número de membros da entidade

f) Declaración responsable de que a entidade non incorre en prohibicións para obter subvencións a que se refire o artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2.2. Para o caso de solicitar axuda por equipamento audiovisual e multimedia, modalidade A, xuntarase ademais:

a) Memoria detallada do equipamento así como o orzamento desagregado deste para o que se solicita a subvención.

b) Plan de actividades que se vai desenvolver co equipamento para o que se solicita a axuda.

c) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da entidade, sen incluír as partidas das actuacións subvencionables tramitadas.

2.3. Para o caso de solicitar axuda para a creación de páxina web en galego, modalidade B, xuntarase ademais:

a) Acordo social da entidade de creación da páxina web en galego.

b) Declaración responsable da titularidade da páxina web da entidade solicitante e tamén dos contidos da páxina web.

c) Sinalar a URL da páxina web, que deberá estar nun dominio propio cun primeiro nivel que sexa «.es» ou «.org».

d) Plan de actividades que posúe a entidade.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, segundo os modelos que figuran nos anexos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación.

Os servizos competentes da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión da subvención.

Artigo 9º.-Órgano colexiado e órgano instrutor.

A proposta de concesión formularáselle ao secretario xeral de Comunicación por un órgano colexiado, a través do director xeral de Comunicación Audiovisual, que é o órgano instrutor.

O referido órgano colexiado terá a seguinte composición:

-O subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual, que fará de presidente.

-O xefe de Servizo de Estudos e Análises de Telecomunicación e Audiovisual.

-Un xefe de servizo, técnico na materia de Televisión e Radiodifusión.

-Un funcionario desta dirección xeral, que fará de secretario.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

O órgano colexiado do artigo 9º valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

-Dimensión e ámbito de actuación da entidade solicitante.

-Que a entidade sen ánimo de lucro teña como finalidade o fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia.

-Plan de actividades de carácter social, cultural, formativo e outras de interese xeral.

-Situación nas zonas xeográficas de desenvolvemento tecnolóxico desfavorecido.

Artigo 11º.-Proposta e resolución.

Á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, o secretario xeral de Comunicación resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta convocatoria será de catro meses, contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes nesta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación no prazo dun mes, previo ao recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por

outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12º.-Notificación da resolución de concesión e publicidade.

1. Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación, comprometéndose a executar o proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas, empregando para ese trámite o modelo que figura como anexo III. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

2. A publicidade das subvencións outorgadas efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Comunicación-Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e no taboleiro de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 13º.-Pagamentos e xustificación.

Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar, en todo caso antes do 20 de outubro do ano 2006, o pagamento da totalidade do investimento realizado, xuntando a seguinte documentación (un orixinal e unha copia):

1. Para xustificar a adquisición de equipamento (modalidade A).

a) Factura do equipamento adquirido e xustificación do seu pagamento.

b) Unha nova declaración de axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administración públicas, organismo ou entidades públicas ou privadas.

c) Certificación expedida pola entidade bancaria en que sinale o número completo da conta que posúa o beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

2. Para xustificar a creación de páxina web en galego (modalidade B).

a) Indicar expresamente a URL da páxina web creada, que deberá residir nun dominio propio cun primeiro nivel que debe ser «.es» ou «.org».

b) Unha nova declaración de axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas, organismo ou entidades públicas ou privadas.

c) Certificación expedida pola entidade bancaria en que sinale o número completo da conta que posúa o beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

A entidade beneficiaria por axuda para crear páxina web en galego deberá incluír na propia páxina a referencia seguinte: «esta páxina web en galego tivo unha axuda outorgada pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia» (coa súa imaxe corporativa).

A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, con carácter previo ao pagamento, verificará que o contido da páxina web en galego sexa adecuado para a difusión e divulgación das actividades que realiza a entidade beneficiaria da axuda.

Artigo 14º.-Obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, una vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual poderá realizar as oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Para o caso de axudas ou subvencións outorgadas co mesmo obxecto, o importe das subvencións concedidas, en ningun caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 100% do custo total da actividade subvencionada que deberá desenvolver o beneficiario.

Artigo 15º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta convocatoria facultará o secretario xeral de Comunicación para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 16º.-Resolución.

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación Audiovisual para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta resolución de convocatoria.

Segunda.-Esta convocatoria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2006.

Juan Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación