DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2006 Páx. 7.957

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2006, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras de concesión de subvencións para a execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior por organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2006.

As políticas de cooperación ao desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á cooperación internacional propia dos distintos países únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida de seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúe maiores cotas de liberdade e a repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A letra b) do artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación ás organizacións non gobernamentais

para o desenvolvemento, que como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Procede, entón, establecer as bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma destinadas á cooperación ao desenvolvemento a través de proxectos no exterior canalizados polas ONGD galegas ou aquelas con sede permanente en Galicia.

Así mesmo, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLVO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta resolución para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos por organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD).

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006 e 2007 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta resolución, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.41.213B.490.0 (polas contías máximas de 1.100.000 euros no ano 2006 e de 600.000 euros no ano 2007) e 04.41.213B.790.0 (polas contías máximas de 950.000 euros no ano 2006 e 450.000 euros no 2007).

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2006.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento para a execucións de proxectos no exterior

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións a organizacións non

gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento para a execucións de proxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2º.-Solicitude.

As solicitudes dirixiranse ao secretario xeral de Relacións Exteriores (rúa Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir os beneficiarios e requisitos dos proxectos.

3.1. As entidades solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ao Desenvolvemento creado pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública (agora Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza) do 4 de abril de 1994, con polo menos un ano de antelación ao de publicación da convocatoria.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter domicilio social ou delegación permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste último suposto, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprométese ao mantemenento da documentación, contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación polo menos, na identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto.

d) Ter xustificado, se é o caso, e antes da fin do prazo de solicitude desta convocatoria, as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación ao desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios/as de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

e) Non estar inhabilitadas, administrativa ou xudicialmente, para obter axudas.

f) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia sobre axudas, así como non manter ningunha débeda por calquera concepto coa Facenda autonómica.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por varias ONGD que cumprindo

os requisitos anteriores se presenten asociadas. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente. As entidades asociadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán un responsable e enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciados na data da solicitude. Nos supostos nos que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán de executarse antes do 30 de novembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán de executarse antes do 30 de setembro do ano seguinte ao de concesión da subvención, debendo executarse polo menos o 60% da contía total do proxecto no ano 2006.

b) Que teñan unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas da poboación das zonas máis desfavorecidas de países en vías de desenvolvemento.

c) Que os resultados perseguidos se acaden nun prazo razoable de tempo.

d) Que conten coa participación dos beneficiarios/as no desenvolvemento do proxecto.

e) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) Que o proxecto sexa viable e sustentable, de forma que se acheguen especificacións técnicas e financeiras suficientes e que as súas repercusións continúen cando cesen as axudas da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Que o proxecto sexa coherente, no sentido de gardar relación entre a problemática que se presenta e os obxectivos marcados para superala.

i) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias.

j) Que as accións non teñan como obxectivo único o financiamento de servizos públicos de saúde, a educación regulada, a investigación oficial e os seminarios e viaxes de estudos, salvo razóns excepcionais.

k) Que sexan respectuosos cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción, e das comunidades beneficiarias.

l) Que non sexan discriminatorios por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou a orixe.

m) Que sexan respectuosos coa protección do ambiente e fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

Artigo 4º.-Documentación.

4.1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

4.2. A citada solicitude irá acompañada da seguinte documentación, que será presentada por duplicado e se é posible, ademais, do formulario de presentación do proxecto en disquete ou CD:

* Carpeta 1: información relativa á ONGD solicitante.

a) Documento acreditativo da representación da persoa asinante da solicitude e copia compulsada do DNI da persoa que formula a solicitude.

b) Documentación acreditativa de dispoñer de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) NIF compulsado da entidade.

d) Organigrama e estrutura organizativa da ONGD en Galicia e número de socios en Galicia.

e) Memoria da organización na que se inclúan as accións de desenvolvemento na zona do proxecto, cos beneficiarios, ou noutras zonas pero en proxectos do mesmo tipo os proxectos de cooperación ao desenvolvemento levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas; e mais a estratexia de cooperación da organización para os seguintes anos (dous como mínimo) na que se enmarca o proxecto presentado.

f) Declaración doutras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

g) No caso de que a ONGD presentase a documentación requirida ou parte á convocatoria de axudas de anos anteriores e esta non sufrise modificacións, terá que presentar unha declaración de que non se produciron aquelas e, de ser o caso, a documentación modificada.

h) Declaración xurada na que conste que a entidade solicitante non está incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non foi inhabilitada para obtelas, segundo modelo que figura como anexo II.

i) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa facenda autonómica.

j) Cando varias ONGD se agrupen en consorcio para a realización dun proxecto, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou

parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán un representante legal e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións nas que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso.

* Carpeta 2: información relativa á contraparte local:

a) Datos sobre a súa personalidade xurídica do socio ou contraparte local e o seu domicilio social.

b) Documento ou cédula de identidade do seu representante legal e do responsable local do proxecto.

c) Documento compulsado do código de identificación fiscal, cando exista o rexistro correspondente no seu país.

d) Informe onde se inclúan outros proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos que participase así como a experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto.

* Carpeta 3: información relativa ao proxecto de desenvolvemento.

a) A información sobre o proxecto presentarase no formulario facilitado por medio de correo electrónico polo órgano xestor. O formulario solicitarase no seguinte enderezo: cooperacion.exterior*xunta.es.

4.3. A falta de documentación administrativa relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha das carpetas ou da xustificación das ditas faltas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa corrección dentro dos prazos establecidos.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrucións, prazo de resolución, criterios de valoración, condicións de financiamento, gastos subvencionables e valoración.

6.1. A instrución do procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de cooperación exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6.2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación

de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

6.3. Os criterios de valoración ordenaranse de acordo coas seguintes prioridades:

1ª) Prioridades xeográficas:

Considéranse prioritarios os seguintes países: América Central (Honduras, El Salvador, Nicaragua e Guatemala); Caribe (República Dominicana, Haití e Cuba); América do Sur (Perú, Ecuador e Bolivia); África (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal).

Así mesmo, os proxectos que teñan como beneficiarios á poboación dos campamentos saharauís serán obxecto dunha especial atención.

2ª) Prioridades sectoriais.

Dentro das prioridades sectoriais fixadas no artigo 8, capítulo I da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento teranse especialmente en conta os proxectos que se integren nas seguintes:

a) Cobertura de necesidades sociais básicas.

b) Infraestrutura e promoción do tecido económico, en especial aqueles proxectos que promovan o comercio xusto.

c) Participación social, desenvolvemento institucional e bo goberno.

d) Investimento no ser humano.

e) A protección e mellora da cualidade do ambiente, respectando a biodiversidade, a conservación e a utilización renovable e sustentable dos recursos naturais.

f) Sensibilización e educación para o desenvolvemento.

Serán especialmente valorados os proxectos que se enmarcan nos programas: Nauta (pesca en África), VITA (saúde en África) e Araucaria (ambiente en Iberoamérica) ou que se realicen nas zonas de desenvolvemento destes.

3ª) Prioridades relativas aos beneficiarios/as do proxecto:

Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de beneficiarios/as, así como aqueles que atendan á infancia, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados e desprazados.

4ª) Outras prioridades:

-Que sexan presentados por un consorcio de entidades.

-Que se desenvolva nun país considerado como menos adiantado.

-Que complementen programas institucionais de desenvolvemento.

-Que teñan unha elevada porcentaxe doutro financiamento distinto ao da Xunta de Galicia, procedente de fondos propios ou doutras entidades.

-Que prevexan a realización dunha auditoría externa que se presentará co informe final, na que conste o grao de cumprimento dos obxectivos acadados, e a xustificación económica do gasto, para os proxectos cuxo orzamento supere os 80.000 euros.

-Que sexan solicitados por entidades que presenten unha auditoría externa das contas sobre resultados da súa xestión do último ano, para os proxectos cuxo orzamento supere os 80.000 euros.

-Que a súa sustentabilidade estea garantida unha vez finalizada a acción exterior.

-Que teñan un maior grao de implicación dos beneficiarios/as e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución.

6.4. Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto non superando en ningún caso a subvención concedida os 140.000 euros. Nos proxectos presentados por varias entidades, a subvención concedida non superará o límite de 350.000 euros.

Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

6.5. Subvencionaranse os seguintes gastos:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos dos proxectos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto. Para os efectos de concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Partida destinada á construción ou rehabilitación de edificacións e infraestruturas, dos que se especificará o réxime de propiedade e a súa titularidade, achegando a documentación probatoria suficiente. A man de obra ligada de forma puntual a estas tarefas e os materiais de construción ou rehabilitación necesarios entenderanse incluídos nesta partida.

No caso de ser achegada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local.

b) Equipos e materiais. A compra e transporte de equipos e materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

c) Persoal local. Os custos de persoal local adscritos explícita e exclusivamente ao proxecto. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para

ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto. Considerase persoal local toda persoa do país de execución do proxecto contratada polo socio local ou pola entidade solicitante, segundo a lexislación vixente. O importe máximo aplicable por este concepto no poderá superar o 25% do orzamento do proxecto, excepto nos que o seu contido sexa de carácter predominantemente inmaterial, nos que poderá ascender ata o 50 % da contía do orzamento do proxecto.

d) Persoal expatriado. Os custos de persoal expatriado que inclúe viaxes, seguros, salarios, aloxamento e manutención. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 15% do orzamento do proxecto e non excederá de 2.500 euros brutos por persoa e mes. Destes límites exclúense os gastos de viaxes.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais. Para o envío de expatriados achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

e) Funcionamento. Os custos de funcionamento do proxecto na localidade que corresponda, relativos aos alugueres de bens mobles ou inmobles e á adquisición de materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto. Non poderán incluírse outros gastos de funcionamento da entidade solicitante para a execución do proxecto, que deberán incluírse nos gastos indirectos.

f) Fondo para microcréditos. Entenderase por tal as contías que se empregan como préstamos directos ás persoas beneficiarias que deben ser devoltos por estas.

3. Custos indirectos: son os gastos de índole administrativa, loxística ou organizativa imputables ao proxecto e os gastos derivados exclusiva e directamente da identificación, formulación, seguimento e avaliación de cada un dos proxectos. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será do 10% do importe total do orzamento do proxecto.

6.6. Valoración dos proxectos.

6.6.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento e no sector de actuación do proxecto suficientemente descrita na solicitude, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 4 puntos.

2. Experiencia relevante no país, zona, comunidade onde se vai executar o proxecto, suficientemente descrita na solicitude, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 4 puntos.

3. Estratexia de cooperación da ONGD. Máximo: 3 puntos.

4. Capacidade de xestión, de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 3 puntos.

5. Achega financeira da ONGD ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5% para ser puntuada. Máximo: 3 puntos.

6. Contribución da ONGD solicitante ao fomento do sector galego de cooperación. Máximo: 3 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 10 puntos.

1. Experiencia relevante en proxectos de cooperación ao desenvolvemento descrita suficientemente na solicitude para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 1 punto.

2. Experiencia na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto, descrita suficientemente na solicitude para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 1 punto.

3. Experiencia no sector de actuación do proxecto suficientemente descrita na solicitude. Máximo: 1 punto.

4. Capacidade de xestión, de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 1 punto.

5. Achega financeira do socio local ao proxecto. Esta deberá de ser dun mínimo do 5% para ser puntuada. Máximo: 1 punto.

6. Relación da entidade local coas persoas beneficiarias directas e participación da poboación beneficiaria na identificación e formulación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

7. Experiencia de traballo conxunto en cooperación para o desenvolvemento coa ONGD solicitante e participación do socio local na identificación e formulación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

8. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 1 punto.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 58 puntos.

1. País prioritario para a Cooperación Galega (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Bolivia, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Haití, Honduras, Mauritania, Mozambique, Namibia, Nicaragua, Senegal, Perú e República Dominicana). Máximo: 5 puntos.

2. Sector prioritario da Cooperación Galega e/o sinerxías con programas prioritarios. Máximo: 4 puntos.

Sectores prioritarios: os descritos no artigo 6º punto 3.

Programas prioritarios: Programa Nauta (pesca en África), Programa VITA (saúde en África) e Programa Araucaria (ambiente en Iberoamérica).

3. Identificación do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Máximo: 5 puntos.

4. Coherencia dos obxectivos coa problemática presentada. Máximo: 4 puntos.

5. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 4 puntos.

6. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 5 puntos.

7. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

8. Recursos humanos e técnicos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

9. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 4 puntos.

10. Viabilidade técnica e sustentabilidade do proxecto. Máximo: 5 puntos.

11. Impacto de xénero. Máximo: 3 puntos.

12. Impacto ambiental. Máximo: 3 puntos.

13. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado. Máximo: 4 puntos.

14. Integración do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público ou con outras ONGD no terreo. Máximo: 4 puntos.

IV. Presentación do proxecto en consorcio con outras ONGD.

Máximo: 12 puntos

6.6.2. Será necesario acadar unha puntuación do 65% en cada unha das tres primeiras epígrafes sinaladas para superar a fase de valoración.

6.6.3. Para unha mellor valoración deles poderán solicitarse previamente á resolución os informes técnicos que se consideren oportunos ou da comisión técnica asesora de actividades de desenvolvemento. Estes informes non terán carácter vinculante.

A Comisión Técnica Asesora de Actividades de Desenvolvemento estará integrada por cinco vogais nomeados pola Coordinadora Galega de ONGD.

Artigo 7º.-Resolución.

Á vista dos expedientes instruídos e do resultado da valoración dos proxectos, o secretario xeral de Relacións Exteriores resolverá, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 8 º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 9º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará no prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito de aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente fose posible e sen que se altere a finalidade do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica deste, que será obxecto dunha nova valoración. A non-presentación no dito prazo de ningunha comunicación, entenderase que a entidade beneficiaria renuncia á subvención concedida, procedéndose ao seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto o centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento ditará nova resolución, que será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas e os seus importes poderán destinarse a aumentar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a atender aos que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 11º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5ª da Lei 3 /2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, unha vez concedidas aboarase en concepto de anticipo:

-Nos proxectos cuxo período de execución exceda o exercicio corrente, o cincuenta por cento do importe anual subvencionado.

-Nos proxectos que o período de execución estea comprendido no exercicio corrente, o oitenta por cento do importe da subvención concedida.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio do proxecto expedida polo responsable da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

d) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda da comunidade autónoma de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

f) Certificación bancaria das contas da entidade e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

g) O xustificante do depósito de garantía que cubra o importe da anualidade 2006, de tratarse dunha subvención de capital.

2. A entidade solicitante transferirá, en función da execución do proxecto, as cantidades aprobadas á conta especificada polo socio local.

3. O resto do importe da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras.

Non obstante os beneficiarios/as deberán acreditar, previamente a este último pagamento, que se atopan ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa facenda autonómica, e unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

4. De conformidade coas previsións do artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, para o pagamento de anticipos que superen o importe de 30.050,61 euros ou os pagamentos parciais cando

a contía da subvención exceda da citada contía, nos supostos de que se traten de subvencións de capital (Capítulo VII do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma), os beneficiarios/as deberán constituír garantía a favor da Xunta de Galicia mediante aval bancario ou seguro de caución prestado por entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e esta deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao fin do prazo de xustificación previsto nesta convocatoria.

Artigo 12º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 do mes de peche do exercicio.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente e antes do día 15 de decembro de cada exercicio, presentando a documentación que se sinala no seguinte punto.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado dos seguintes documentos:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Memoria de execucións sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Memoria financeira final desagregada por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

1) Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias e no que se indique as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

2) Relación de facturas que se inclúen co seu contravalor en euros.

3) Facturas que soporten a relación anterior, expedidas conforme a lexislación do país no que se adquirisen os bens ou prestasen os servizos. En todo caso, incluirán: nome e apelidos de tratarse dunha persoa física ou a denominación social, domicilio e número de identificación fiscal ou tributaria, e no caso de persoas xurídicas do expendedor e destinatario; descrición da operación e contraprestación total; lugar e data de emisión e importe na moeda na que se emite.

Presentaranse orixinais de todas as facturas que se aboen con cargo ao orzamento total do proxecto, que unha vez comprobadas serán devoltas aos interesados de oficio. No suposto de que a contraparte local no poida desprenderse dalgún documento xus

tificativo de gasto, presentará informe motivando a dita imposibilidade. Neste caso, será necesario que se achegue unha fotocopia compulsada por funcionario público.

4) Relación de persoal contratado e voluntario da entidade solicitante e local que participaron na execución do proxecto, achegándose no primeiro caso as súas correspondentes nóminas.

5) Certificación asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria co detalle por concepto dos custos indirectos imputados ao proxecto.

6) Xustificante das transferencias ás contas afectas á execución do proxecto das contrapartes locais e da súa recepción.

7) Xustificación do emprego do fondo fiduciario coa relación de préstamos concedidos onde consten os seguintes datos: obxecto, tipo monetario, importe do préstamo, tipo de xuro, prazo de carencia, garantías e outras condicións exixidas ás persoas beneficiarias, reintegro e destino deses retornos.

Artigo 13º.-Seguimento, control dos programas e outras obrigas do beneficiario/a.

1. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato ao centro directivo con competencia en materia de cooperación para o desenvolvemento sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado.

2. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución e unha vez finalizada por representantes do centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en toda as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención. Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. O logotipo será facilitado polo órgano xestor.

Artigo 14º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios/as que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da súa totalidade en

caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, os beneficiarios/as deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 15º.-Información aos órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 17º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto.