DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2006 Páx. 7.946

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2006, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior, e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2006.

As políticas de cooperación ao desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A letra b) do artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que, como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, se constitúen en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Tendo en consideración esta especial posición das ONGD, aprobaranse as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións para o ano 2006 para a execución de proxectos no exterior especificamente destinadas a estes axentes da cooperación galega.

Non obstante, a lei identifica outros actores da cooperación polo que, sen esquecer o papel relevante das ONGD, cómpre establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións aos outros axentes de cooperación, é dicir, ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior.

Pola súa vez, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

RESOLVO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta resolución para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos polas universidades, as empresas e organizacións empresariais, os sindicatos e as comunidades galegas no exterior.

2. Convocar a concesión das subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma de 2006 e 2007 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta resolución e que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.41.213B.490.0 (polas contías máximas de 480.000 euros no 2006 e de 220.000 euros no 2007) e 04.41.213B.790.0 (polas contías máximas de 320.000 euros no 2006 e de 130.000 euros no 2007).

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de mayo de 2006.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos no exterior ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior.

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior para a execución de proxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria, e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao secretario xeral de Relacións Exteriores (rúa dos Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figu

ra como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir os beneficiarios/as e os proxectos.

3.1. As entidades solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Sindicatos:

1. Ter depositados os seus estatutos, por medio dos seus promotores ou dirixentes na oficina pública correspondente, de acordo co previsto no número 1 do artigo 4 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

2. Dispoñer de sede central ou de delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades.

b) Organizacións empresariais:

1. Ter depositados os seus estatutos na oficina pública correspondente.

2. Dispoñer de sede central na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Universidades:

1. Formar parte do Sistema Universitario de Galicia segundo a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia.

2. Poderán optar a estas subvencións, a través das universidades galegas, os seus departamentos e institutos que realicen actividades que poidan ser obxecto destas axudas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Empresas:

1. Ter o seu domicilio social en Galicia.

2. Se fose persoa xurídica, estar inscrita no Rexistro Mercantil.

3. Se fose persoa natural, estar inscrita, se é o caso, no correspondente Rexistro Oficial.

e) Comunidades galegas no exterior:

1. Ter recoñecida a súa galeguidade ou a súa condición de centro colaborador.

3.2. Outros requisitos que deben reunir os solicitantes:

a) Ter xustificado, se é o caso, e antes do remate do prazo de solicitude desta convocatoria, as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación ao desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, cómpre que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os/as beneficiarios/as de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

b) Non estar inhabilitados, administrativa o xudicialmente, para obter axudas.

c) Estar ao corrente nas súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incurso en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por non xustificar outras axudas, así como non manter débeda ningunha por calquera concepto na Facenda Autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido na letra j) do artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por varias entidades que, cumprindo os requisitos anteriores, se presenten asociadas, neste caso, cada unha das entidades deberán cumprir os requisitos sinalados anteriormente. As entidades asociadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán un responsable e enderezo único para os efectos das notificacións administrativas dos expedientes.

3.3. Requisitos dos proxectos.

a) Non estar iniciados na data da solicitude. Nos supostos nos que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán de executarse antes do 30 de novembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán de executarse antes do 30 de setembro do ano seguinte ao de concesión da subvención, debendo executarse polo menos o 70% da contía total do proxecto no ano 2006.

b) Que teñan unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas da poboación das zonas máis desfavorecidas de países en vías de desenvolvemento.

c) Que os resultados perseguidos se acaden nun prazo razoable de tempo.

d) Que conten coa participación dos/as beneficiarios/as no desenvolvemento do proxecto.

e) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

f) Que o proxecto se axeite tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) Que o proxecto sexa viable e sustentable, de forma que se acheguen especificacións técnicas e financeiras suficientes e que as súas repercusións continúen cando cesen as axudas da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Que o proxecto sexa coherente, no sentido de gardar relación entre a problemática que se presenta e os obxectivos marcados para superala.

i) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias.

j) Que as accións non teñan como obxectivo único o financiamento de servizos públicos de saúde, a educación regulada, a investigación oficial e os seminarios e viaxes de estudos, agás razóns excepcionais.

k) Que sexan respectuosos cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción, e das comunidades beneficiarias.

l) Que non sexan discriminatorios por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe.

m) Que sexan respectuosos coa protección do medio e fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

Artigo 4º.-Documentación.

4.1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

4.2. A citada solicitude irá acompañada da seguinte documentación, que será presentada por duplicado e se é posible, ademais, o formulario de presentación do proxecto en disquete ou CD:

Carpeta 1: Información relativa á entidade solicitante.

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina a solicitude e copia compulsada do DNI da persoa que formula a solicitude.

b) Declaración doutras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

c) Documentación acreditativa de dispoñer de sede central ou delegación permanente na comunidade autónoma, agás para as universidades e as comunidades galegas e os seus centros colaboradores.

d) No caso de ter participado en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, memoria da entidade que reflicta a súa experiencia no sector.

e) Cando a entidade solicitante sexa un sindicato, deberase incluír unha memoria explicativa das actividades realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia, durante os últimos dous anos.

f) Declaración xurada facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non fora inhabilitada para recibilas, segundo modelo que figura como anexo II.

g) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido na letra j) do artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

h) Cando varias entidades se asocien en consorcio para a realización dun proxecto, deberase incluír á solicitude contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles

responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se concedeu a subvención. Neste documento designarán un representante legal e un enderezo único a efectos de notificacións. Así mesmo, deberán detallar as actuacións nas que colaborasen conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, actividades que se van desenvolver e a distribución da subvención prevista, se é o caso.

i) Os empresarios que fosen persoas xurídicas acreditarán a súa capacidade de obrar mediante a escritura de constitución ou modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil. Se non o fosen, esta acreditación realizarase mediante a escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional no que constasen as normas polas que se regula a súa actividade, inscritos, se é o caso, no correspondente rexistro oficial. Ademais, as empresas achegarán documento de compromiso asinado polo seu representante legal de non obter beneficio algún da operación. Este compromiso conlevará a obriga de encargar unha auditoría contable, que deberá ser efectuada por un profesional independente designado polo centro directivo competente en materia de cooperación exterior de entre a terna que proponga o beneficiario da subvención e na mesma desagregaranse os custos directos da intervención e a súa plena correspondencia co obxecto da axuda outorgada. En ningún caso poderán imputarse á

operación custos indirectos ou de xestión.

j) Os sindicatos achegarán copia fidedigna de ter depositados os seus estatutos, por medio dos seus promotores ou dirixentes na oficina pública correspondente, de acordo co previsto no número 1 do artigo 4 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical e documento acreditativo de dispoñer de sede central ou de delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

k) As organizacións empresariais incluirán copia fidedigna de ter depositados os seus estatutos na oficina pública correspondente e documento acreditativo de dispoñer de sede central ou de delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

l) As universidades incluirán a certificación, expedida pola persoa competente, autorizando a presentación do proxecto á convocatoria, e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

Carpeta 2: Información relativa á contraparte local.

a) Datos sobre a personalidade xurídica do socio ou contraparte local, e domicilio social.

b) Documento ou cédula de identidade da súa representante legal e do responsable local do proxecto.

c) Documento do código de identificación fiscal, cando exista o rexistro correspondente no seu país.

d) Informe onde se inclúan outros proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos que participase, así como a experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto.

Carpeta 3: Información relativa ao proxecto de desenvolvemento.

A información sobre o proxecto presentarase no formulario facilitado por medio de correo electrónico polo órgano xestor. O formulario solicitarase no seguinte enderezo: cooperacion.exterior*xunta.es e conterá, entre outra, a seguinte información:

a) Nome e cargo do persoal responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

b) Identificación e formulación precisa do proxecto que deberá incluír:

b.1) Mapa de localización exacta do proxecto (país, rexión, departamento ou provincia, concello).

b.2) Beneficiarios/as e criterio para a súa determinación.

b.3) Información socioeconómica adecuada e actualizada sobre a situación existente no contexto local no que se prevé actuar.

b.4) Obxectivos que se pretenden acadar.

b.5) Cronograma de actividades que se van desenvolver.

b.6) Documentación acreditativa da titularidade e réxime de cesión, de ser o caso, dos inmobles vinculados ao proxecto. En caso de construción de infraestruturas ou vivendas incluirase documento de conformidade das autoridades locais.

b.7) Criterios e indicadores que permitan medir o grao de realización dos obxectivos fixados.

b.8) Indicación no proxecto das obrigas das contrapartes locais e das actividades que se comprometen a desenvolver, e, de ser o caso, participación dos/as beneficiarios/as na elaboración, execución e valoración do proxecto.

b.9) Mecanismos de viabilidade da acción para que o seu impacto continúe despois do cofinanciamento.

c) Desagregación e xustificación das distintas partidas do proxecto que se vai desenvolver. Así mesmo, sinalarase a porcentaxe dos custos directos e indirectos (estes últimos non excederán do 10% da contía do orzamento do proxecto) e as achegas propias ou alleas que financien o custo total do proxecto. No suposto de que as entidades solicitantes sexan empresas non se sinalarán os custos indirectos.

Os orzamentos presentaranse en euros.

d) Informe e documentación xustificativa da contía dos gastos indirectos relativos ao proxecto.

e) Documentación acreditativa, de ser o caso, do valor das contribucións en especie dos socios locais.

f) Facturas pro forma ou cuantificación razoada nos seguintes casos:

f.1) Calquera custo cuantificado polo socio local ou persoas beneficiarias.

f.2) Nas construcións cando o investimento supere os 12.000 A.

f.3) En equipamentos e materiais cando o custo unitario dun equipamento, mercadoría ou material supere os 4.000 A, ou cando o montante total dos bens ou servizos que vaian ser provistos por unha soa empresa sexa superior a 12.000 A.

g) Os solicitantes anexarán calquera outra documentación de soporte técnico que demande a natureza do proxecto para facilitar a súa comprensión e valoración como planos, fotos, certificados, convenios, escrituras, estudos, cálculos de rendibilidade, regulamentos ou calquera outro.

4.3. A falta de documentación administrativa nalgunha das carpetas ou da xustificación de ditas faltas, impedirán a avaliación do proxecto, se non procederan a súa correción dentro dos prazos establecidos.

Artigo 5ª.-Prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrucións, prazo de resolución, criterios de valoración, condicións de financiamento, gastos subvencionables e valoración.

6.1. A instrución do procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de cooperación exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, serán requiridos os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6.2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

6.3. Os criterios de valoración ordenaranse de acordo coas seguintes prioridades:

1. Prioridades xeográficas:

Considéranse prioritarios os seguintes países: América Central (Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala); Caribe (República Dominicana, Haití e Cuba); América do Sur (Perú, Ecuador e Bolivia); África (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal).

Así mesmo, os proxectos que teñan coma beneficiarios á poboación dos campamentos saharauís serán obxecto dunha especial atención.

2. Prioridades sectoriais:

Universidades:

a) Actividades de cooperación interuniversitaria, como fortalecemento institucional das universidades dos países en desenvolvemento, asistencia para o diseño de títulos e currículos académicos, apoio á mobilidade de investigadores e docentes e realización de

investigacións conxuntas, organización de pasantías de alumnos en prácticas, formación de redes para o traballo en común e outras.

b) Actividades de apoio e asistencia ao resto dos actores da axuda tanto administracións públicas como entidades privadas (ONGD) e de desenvolvemento científico e transferencia de tecnoloxía.

Empresas:

a) Dotación de bens e servizos -materiais, obras e asistencia técnica- que os procesos de desenvolvemento demandan así como achega libre de recursos -humanos, materiais, técnicos ou financeirosa proxectos ou institucións de desenvolvemento.

b) Actividades de fortalecemento do sector privado dos países en desenvolvemento, apoiando a súa participación no diálogo social a través da transferencia da súa experiencia e recursos a institucións homólogas do mundo en desenvolvemento, como tarefas de formación do empresariado e de asistencia técnica en áreas profesionais definidas e no apoio á consolidación das organizacións empresariais.

c) Promoción dos contactos previos e os estudos de prefactibilidade que alenten a creación de oportunidades para a posta en marcha de iniciativas empresariais conxuntas, que permitan xerar renda e emprego no país en desenvolvemento, fortalecendo o tecido produtivo do país.

Sindicatos:

a) Actividades de apoio a través dos seus recursos e capacidades humanas e técnicas ás intervencións directas.

b) Actividades de apoio á organización sindical no mundo en desenvolvemento, potenciando a capacidade técnica e organizativa destas institucións e apoiando a súa participación no diálogo social nos seus respectivos países co obxectivo de contribuír a unha maior articulación e fortaleza da sociedade civil.

c) Actividades de promoción da organización da produción a través da transferencia da experiencia dos sindicatos agrarios e das confrarías de pescadores.

Comunidades galegas no exterior:

a) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as comunidades galegas teñen creado.

b) A promoción da igualdade de oportunidades e defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, terceira idade, refuxiados, desprazados, inmigrantes, retornados, minorías étnicas e comunidades indíxenas.

Outros sectores prioritarios para todas as entidades:

-Accións positivas tendentes á mellora da posición das mulleres na sociedade.

-A protección e mellora da calidade do ambiente, respectando a biodiversidade, a conservación e a utilización renovable e sustentable dos recursos naturais.

-Serán especialmente valorados, nos países africanos os proxectos de política de xestión administrativa de recursos mariños e a pesca; investigación mariña e dos recursos pesqueiros, desenvolvemento pesqueiro; formación e capacitación; acuicultura e servizos pesqueiros (Programa Nauta); programas de saúde materno-infantil, loita contra as enfermidades tropicais e infecciosas e xestión sanitaria (Programa Vita) e nos países de Iberoamérica, os proxectos para a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable (Programa Araucaria).

3. Prioridades relativas aos/ás beneficiarios/as do proxecto.

Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de beneficiarios/as, así como aqueles que atendan á infancia, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados e desprazados.

4. Outras prioridades:

-Que sexan presentados por un consorcio de entidades.

-Que se desenvolvan nun país considerado coma menos adiantado.

-Que complementen programas institucionais de desenvolvemento.

-Que teñan unha elevada porcentaxe de financiamento da entidade solicitante ou doutras entidades.

-Que prevexan a realización dunha auditoría externa a presentar co informe final, na que conste o grao de cumprimiento dos obxetivos acadados, e a xustificación económica do gasto.

-Que sexan solicitados por entidades que presenten unha auditoría externa das contas sobre resultados da súa xestión no último ano.

-Que a súa sustentabilidade estea garantida unha vez rematada a acción exterior.

-Que teñan un maior grao de implicación dos/as beneficiarios/as e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución.

6.4. Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 100.000 euros. Nos proxectos presentados por varias entidades, a subvención concedida non excederá o límite de 150.000 euros.

Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

6.5. Subvencionaranse os gastos seguintes:

1. Os custos directos e os custos indirectos do proxecto, agás no suposto de que as entidades solicitantes sexan empresas, en tal caso subvencionaranse exclusivamente os custos directos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto. Para os efectos de concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Partida destinada á construción ou rehabilitación de edificacións e infraestruturas, das que se especificará o réxime de propiedade e a súa titularidade, achegando a documentación probatoria suficiente. A man de obra ligada de forma puntual a estas tarefas e os materiais de construción ou rehabilitación necesarios entenderanse incluídos nesta partida.

No caso de ser achegada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a valoración dela de ser acreditada de xeito suficiente e a prezos de mercado local.

b) Equipamentos e materiais. A compra e transporte de equipamentos e materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

c) Persoal local. Os custos de persoal local adscritos explícita e exclusivamente ao proxecto. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto. Considerase persoal local toda persoa contratada polo socio local segundo a lexislación vixente no lugar onde se realice o proxecto. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 25% do orzamento do proxecto, agás nos que o seu contido sexa de carácter predominantemente inmaterial, en que poderá ascender ata o 50% da contía do orzamento do proxecto.

d) Persoal expatriado. Os custos de persoal expatriado que inclúe seguros, salario, viaxes, aloxamento e manutención. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar ao 15% do orzamento do proxecto e non excederá de 2.500 euros brutos por persoa e mes. Destes límites exclúense os gastos de viaxes.

A entidade solicitante deberá recorrer, na medida do posible, aos recursos humanos locais. Para o envío de expatriados achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

e) Funcionamento. Os custos de funcionamento do proxecto na localidade que corresponda, relativos aos alugueres de bens mobles ou inmobles e a adquisición de materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto. Non poderán incluírse outros gastos de funcionamento da entidade solicitante para a execución do proxecto, que deberán incluírse nos gastos indirectos.

f) Fondo fiduciario. Entenderase por tal as contías que se empregan como préstamos directos ás persoas beneficiarias que deben ser devoltos por elas.

3. Custos indirectos: son os gastos de índole administrativa, loxística ou organizativa imputables ao proxecto e os gastos derivados exclusiva e directa

mente da identificación, formulación, seguimento e avaliación de cada un dos proxectos. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será do 10% do importe total do orzamento do proxecto.

6.6. Valoración dos proxectos.

6.6.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 15 puntos.

1. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento suficientemente descrita na solicitude, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 3 puntos.

2. Experiencia relevante no país, zona, comunidade onde se vai executar o proxecto, suficientemente descrita na solicitude, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 3 puntos.

3. Experiencia da entidade solicitante no sector de actuación do proxecto. Máximo: 3 puntos.

4. Capacidade de xestión, de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 3 puntos.

5. Achega financeira da entidade solicitante do proxecto. Máximo: 3 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia relevante en proxectos de cooperación ao desenvolvemento descrita suficientemente na solicitude para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 2 puntos.

2. Experiencia no país, zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto, descrita suficientemente na solicitude para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 2 puntos.

3. Experiencia no sector de actuación do proxecto suficientemente descrita na solicitude. Máximo: 2 puntos.

4. Capacidade de xestión, de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 2 puntos.

5. Achega financeira do socio local ao proxecto. Máximo: 2 puntos.

6. Participación do socio local e da poboación beneficiaria na identificación e formulación do proxecto. Máximo: 3 puntos.

7. Experiencia de traballo conxunto en cooperación para o desenvolvemento coa entidade solicitante. Máximo: 2 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 60 puntos.

1. Identificación do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos/as beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación del. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Actividades que hai que desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 5 puntos.

4. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 5 puntos.

5. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

6. Recursos humanos e técnicos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

7. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos/as destinatarios/as, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 5 puntos.

8. Viabilidade técnica e sustentabilidade do proxecto. Máximo: 5 puntos.

9. Impacto de xénero. Máximo: 5 puntos.

10. Impacto medio ambiental. Máximo: 5 puntos.

11. País prioritario para a cooperación galega (Bolivia, Cabo Verde, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Haití, Honduras, Angola, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia, Nicaragua, Perú, República Dominicana e Senegal). Máximo: 5 puntos.

12. Sector prioritario da cooperación galega e/ou sinerxías cos programas prioritarios. Máximo: 5 puntos.

1. Sectores prioritarios: os descritos no artigo 6º apartado 3.

2. Programas prioritarios: Programa Nauta (pesca en África), Programa VITA (saúde en África) e Programa Araucaria (ambiente en Iberoamérica).

IV. Presentación do proxecto en consorcio con outras entidades ou institucións. Máximo: 10 puntos.

6.6.2. Será necesario acadar unha puntuación do 65% da máxima en cada un dos tres puntos sinalados para superar a fase de valoración.

6.6.3. Para unha mellor valoración deles poderán solicitarse previamente á resolución os informes técnicos que se coiden oportunos. Estes informes non terán carácter vinculante.

Artigo 7º.-Resolución.

Á vista dos expedientes instruídos e do resultado da valoración dos proxectos, o secretario xeral de Relacións Exteriores resolverá, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artículo 8º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sem

pre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artículo 9º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación do/a beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade.

Artículo 10º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito da aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente fose posible e sen que se altere a finalidade do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica del, que será obxecto dunha nova valoración. A non-presentación no dito prazo de comunicación ningunha, entenderase, como que a entidade beneficiaria renuncia á subvención aprobada, procedéndose ao seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto o centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 11º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5º da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, unha vez concedidas aboarase en concepto de anticipo:

-Nos proxectos cuxo período de execución exceda o exercicio corrente, o cincuenta por cento do importe anual subvencionado.

-Nos proxectos que o período de execución estea comprendido no exercicio corrente, o oitenta por cento do importe da subvención concedida.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio do proxecto expedida polo responsable da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

d) Compromiso específico de cesión dos bens mobles o inmobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos/ás beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido na letra j) do artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

f) Certificación bancaria das contas da entidade e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

g) O xustificante do depósito de garantía que cubra o importe da anualidade 2006, de tratarse dunha subvención de capital, excepto para as administracións públicas.

2. A entidade solicitante transferirá, en función da execución do proxecto, as cantidades aprobadas á conta especificada polo socio local.

3. O resto do importe da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12 destas bases reguladoras.

Non obstante, os/as beneficiarios/as deberán acreditar, previamente a este último pagamento, que se atopan ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto algún, coa Facenda Autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido na letra j) do artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; e unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

4. De conformidade coas previsións do artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, para o pagamento de anticipos que superen o importe de 30.050,61 euros ou os pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda da citada contía, nos

supostos de que se traten de subvencións de capital (capítulo VII do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma), os/as beneficiarios/as deberán constituír garantía a favor da Xunta de Galicia mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e esta deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes á fin do prazo de xustificación previsto nesta convocatoria.

Artigo 12º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 do mes de peche do exercicio.

Os proxectos con subvención plurianual, xustificarán cada anualidade independentemente e antes do día 15 de decembro de cada exercicio, presentando a documentación que se sinala no seguinte punto.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado dos seguintes documentos:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos para o fin destinado.

b) Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Memoria financeira final separada por conceptos de gastos aprobados, en que deberá constar:

1. Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

2. Relación de facturas que se xuntan co seu contravalor en euros.

3. Facturas que soporten a relación anterior, expedidas consonte a lexislación do país no que se adquirisen os bens ou prestasen os servizos. En todo caso incluirán: nome e apelidos se se tratase dunha persoa física ou a denominación social, enderezo e número de identificación fiscal ou tributaria, no caso de persoas xurídicas do expendedor e destinatario; descrición da operación e contraprestación total; o lugar e a data de emisión e importe na moeda en que se emite.

Presentaranse orixinais de todas as facturas que se aboen con cargo ao orzamento total do proxecto, que unha vez comprobadas lles serán devoltos aos/ás interesados/as que o soliciten. No suposto de que a contraparte local non poida desprenderse dalgún docu

mento xustificativo de gasto, presentará informe motivando a dita imposibilidade. Neste caso, será necesario que se achegue unha fotocopia compulsada por funcionario público.

4. Relación de persoal contratado e voluntario da entidade solicitante e local que participaron na execución do proxecto, achegándose no primeiro caso as súas correspondentes nóminas.

5. Certificación asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria co detalle por concepto dos custos indirectos que se imputan ao proxecto.

6. Xustificante das transferencias ás contas afectas á execución do proxecto das contrapartes locais e da súa recepción.

7. Xustificación do emprego do fondo fiduciario coa relación de préstamos concedidos onde consten os seguintes datos: obxecto, tipo monetario, importe do préstamo, tipo de xuro, prazo de carencia, garantías e outras condicións exixidas ás persoas beneficiarias, reintegro e destino deses retornos.

8. As universidades, os seus departamentos e os institutos dependentes delas xustificaran as subvencións concedidas coa documentación sinalada nas letras a) e b) do paragrafo 2 deste artigo, e certificación do xerente ou secretario xeral comprensiva da relación dos gastos do proxecto e de que os fondos recibidos foron empregados na actividade subvencionada. As facturas e demais xustificantes da aplicación das subvencións quedarán baixo a custodia das universidades ao dispor dos órganos de control fiscal, tanto internos como externos.

Artigo 13º.-Seguimento e control dos programas.

1. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato o centro directivo con competencias en materia de cooperación ao desenvolvemento sobre cualquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o axeitado desenvolvemento do proxecto subvencionado.

2. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución e unha vez finalizada por representantes do centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitarlle ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de xeito visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo iso en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención. Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. O logotipo será facilitado polo órgano xestor.

Artigo 14º.-Reintegro por incumprimento.

Os/as beneficiarios/as que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade das mesmas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais a que proceda.

Así mesmo, os/as beneficiarios/as deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e restante normativa de aplicación. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 15º.-Información aos órganos fiscalizadores.

Os/as beneficiarios/as estarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte aos seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execucións ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 17º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa resolución, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto.

ANEXO II

Declaración xurada

D/Dª ... , con DNI ..., en representación da entidade .... declara, para os efectos do previsto no artigo 4º, punto 4.2 carpeta 1 da Resolución do ... de ... de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras de concesión de subvencións para a execucións de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior, e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2006, que a citada entidade non foi sancionada coa inhabilitación para obter subvencións públicas.

..., ... de .... de 2006.

(Sinatura).

Secretario xeral de Relacións Exteriores.