DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 2006 Páx. 7.858

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de abril de 2006 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

De acordo co artigo 10.1º b) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os membros dos consellos sociais cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento.

A renuncia deberá presentárselles por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e ao presidente do Consello Social, quen lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a que producirá efectos.

Segundo o artigo 10.2º da dita lei, as vacantes deberán ser cubertas pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do dito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante deica a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O artigo 7.2º da mesma Lei 1/2003, dispón que será membro do Consello Social un representante do persoal de administración e servizos, elixido polo Consello de Goberno da universidade de entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos. En todo caso, os nomeamentos serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 7.4º da citada Lei 1/2003, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Con data do 6 de abril de 2006, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica a renuncia de Antonio de Padua Pérez Casas como representante do persoal de administración e servizos no Consello Social e a súa substitución por Xosé Antón Freire Ramos, elixido polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.-Nomear membro do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela a Xosé Antón Freire Ramos en representación do persoal de administración e servizos elixido polo Consello de Goberno desta universidade, en substitución de Antonio de Padua Pérez Casas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria