DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2006 Páx. 7.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 28 de abril de 2006 pola que se convocan exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

Ao abeiro do establecido no Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, esta consellería, en uso das atribucións que lle están conferidas.

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse exames para a habilitación de guías de turismo especializados/as de Galicia, de acordo coas bases contidas no anexo I desta orde.

Artigo 2º

O programa que rexerá nestas probas é o que figura no anexo II desta orde.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases:

1. Requisitos dos/as candidatos/as.

1. 1. Para tomaren parte nos exames, os/as candidatos/as deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Ter a nacionalidade dun país membro da Unión Europea, dun país asociado ao Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou dun país con convenio de reciprocidade con España neste ámbito.

c) Estar en posesión, como mínimo, dalgún dos seguintes títulos:

-Técnico/a superior en información e comercialización turística.

-Técnico/a en empresas e actividades turísticas.

-Gran Diploma do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

-Calquera outro título superior universitario, licenciatura ou doutoramento.

-No caso de titulacións obtidas no extranxeiro deberá estarse en posesión do documento que acredite de modo que faga fe a súa homologación en España pola autoridade competente.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo.

e) Acreditar o dominio das linguas cooficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir, galego e castelán, e algunha lingua estranxeira das que se soliciten.

1.2. Todos estes requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Solicitudes.

2.1. As persoas que desexen tomar parte nestas probas de habilitación deberán facelo constar mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, segundo os modelos que correspondan dos que figuran nos anexos III e IV desta disposición, no prazo de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Xunto coa instancia presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade ou de calquera outro documento acreditativo da súa identidade e nacionalidade.

b) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos, e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 36,59 A en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas

para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o ingreso da taxa empregarase o impreso de autoliquidación sinalado no anexo V. O dito impreso facilitaráselles aos/as interesados/as no rexistro da Consellería de Innovación e Industria, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo, e nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo V.

A presentación dun xustificante do ingreso das taxas en que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do/a aspirante. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa pola internet nas entidades finaceiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e premer a ligazón «taxas, prezos, multas e sancións» no menú da marxe esquerda. Neste caso, unha vez efectuado o pagameanto da taxa correspondente imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa, que será o que se achegue xunto coa instancia. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, aos/ás aspirantes excluídos/as que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da Dirección Xeral de Turismo en que se declare tal exclusión.

c) Documento xustificativo (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do título do curso de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, no caso de optar a esta vía de exención prevista no terceiro exercicio.

2.2. As solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería de Innovación e Industria, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo, nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria ou en calquera dos outros rexistros, oficinas ou organismos a que fai referencia o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

3. Ampliación da habilitación.

3.1. Os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para un ámbito territorial inferior ao autonómico que desexen ampliar a súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, serán eximidos/as de realizar as probas de galego e dos idiomas que consten nas súas habilitacións, así como da avaliación sobre as materias

que constan no temario cultural que figura no anexo II desta orde (temas 1 ao 20, ambos dous incluídos).

3.2. Así mesmo, os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializadados/as de Galicia para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen ser habilitados/as para outros idiomas distintos aos da súa habilitación, tan só deberán superar as correspondentes probas de idiomas.

3.3. Nestes casos deberanse facer constar tales circunstancias na solicitude.

4. Recoñecemento profesional.

4.1. Os/as nacionais dun país membro da Unión Europea ou dun país asociado ao Acordo sobre o Espazo Económico Europeo e os/as cidadáns españois/as que posúan un título, conxunto de títulos ou habilitación que lles permitan exercer a profesión de guía de turismo especializado/a nos seus países ou comunidade autónoma de procedencia que teñan solicitado o recoñecemento profesional ao abeiro do establecido no Decreto 42/2001, do 30 de setembro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, e deban someterse a unha proba de aptitude sobre as materias que nunca cursaron, segundo determine a Dirección Xeral de Turismo, poderán participar nestes exames nos exercicios/as que procedan, segundo se fará constar na lista de admitidos/as e excluídos/as.

4.2. A solicitude de recoñecemento profesional deberase ter efectuado antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes a que se fai referencia na base 2.1.

5. Idiomas.

5.1. Avaliaranse, en todo caso, os seguintes idiomas estranxeiros: inglés, francés, alemán, italiano, portugués e xaponés.

5.2. Sobre o resto dos idiomas estranxeiros solicitados polos/as interesados/as, a Dirección Xeral de Turismo, en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística dese idioma, reserva para si o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación. Esta circunstancia farase constar na lista de admitidos/as e excluídos/as.

5.3. Cando un/ha candidato/a resulte excluído/a por solicitar só un ou varios idiomas que non vaian ser obxecto de exame, o importe que, se é o caso, aboase en concepto de exame devolveráselle despois dos trámites correspondentes.

6. Admisión dos/as aspirantes.

6.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral de Turismo ditará resolución pola que se declarará aprobada a lista de admitidos/as e excluídos/as, así como as causas da súa exclusión. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou de calquera outro documento identificativo equivalente.

6.2. A lista de admitidos/as e excluídos/as expoñerase durante 15 días no taboleiro de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

6.3. Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

6.4. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

6.5. Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral de Turismo ditará resolución pola que se declarará definitivamente aprobada a lista de admitidos/as e excluídos/as.

6.6. O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos no procedemento que se convoca mediante esta orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o exame, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación neste procedemento.

7. Realización dos exames.

7.1. Os exames realizaranse na cidade de Santiago de Compostela, nas datas e as horas que se publicarán no taboleiro de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

8. Tribunal.

8.1. O tribunal cualificador destas probas será designado mediante resolución do conselleiro de Innovación e Industria, que se expoñerá no taboleiro de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, e a súa composición será a seguinte:

Presidente/a: o/a xefe/a do Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación da Dirección Xeral de Turismo.

Vocais:

-O/a xefe/a do Servizo de Turismo da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Pontevedra.

-Un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Turismo.

-Dous/úas profesores/as de ensino oficial especializados, un/ha en historia da arte e outro/a en xeografía.

-Un/ha representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, designado/a pola dita asociación ou, no seu defecto, un/ha profesional nomeado/a pola propia Administración.

Secretario/a: o/a xefe/a de Servizo de Ordenación de Turismo.

Para xulgar as probas de idiomas, o tribunal poderá solicitar a presenza de persoas cualificadas que o asistan se así o considera conveniente. A designación destas persoas deberá comunicárselle ao conselleiro de Innovación e Industria.

8.2. Para os efectos de adopción de acordos, o/a presidente/a dirimirá os posibles empates co seu voto.

8.3. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o primeiro exercicio e a primeira proba do terceiro exercicio sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

8.4. O tribunal excluirá aqueles/as candidatos/as en cuxos exercicios en que figuren marcas ou signos que puideren permitir coñecer a identidade do/a aspirante.

8.5. Por cada sesión do tribunal redactarase acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, se aprobará coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

8.6. O tribunal que actúe nestas probas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

8.7. As comunicacións que lle formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Innovación e Industria, Dirección Xeral de Turismo (praza de Mazarelos 15, Santiago de Compostela).

9. Exercicios.

9.1. As probas de habilitación para guía de turismo especializado/a de Galicia consistirán nos bloques seguintes de exercicios, todos eles eliminatorios e realizados na orde que se indica.

9.2. Primeiro exercicio.

9.2.1. Consistirá en responder por escrito un cuestionario de 60 preguntas tipo test con respostas alternativas, extraído ao chou de entre tres cuestionarios, elaborados previamente polo tribunal e correspondentes a todo o contido do programa que figura no anexo II desta orde. O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

9.2.2. Os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia, para un ámbito territorial inferior ao autonómico, que desexen ampliar a súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tan só deberán contestar por escrito un cuestionario de 40 preguntas tipo test con respostas alternativas, extraído ao chou de entre tres cuestionarios, elaborados previamente polo tribunal e correspondentes aos temas do 21 ao 52, ambos inclusive, do programa que figura no anexo II desta orde. Neste caso o tempo máximo para a realización desta proba será de 40 minutos.

Así mesmo, os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen ser habilitados/as para outros idiomas distintos aos da súa habilitación, estarán exentos da realización desta proba.

9.2.3. Este exercicio poderase realizar en galego ou castelán, segundo a escolla do/a aspirante, que a fará constar na solicitude.

9.2.4. Esta proba cualificarase con apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar a condición de apto/a. Non obstante, para superar esta proba será preciso contestar correctamente, polomenos, a metade das preguntas do cuestionario.

9.2.5. As cualificacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios nos taboleiros de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

9.3. Segundo exercicio.

9.3.1. Consistirá en responder de forma oral, durante un tempo máximo de 20 minutos, ás preguntas que formulará o tribunal. Estas preguntas tratarán sobre dous temas que os/as interesados/as extraerán ao chou, un do temario cultural (temas 1 ao 20) e outro do de itinerarios e recursos turísticos (temas 21 ao 45).

9.3.2. De cada un dos temarios o/a candidato/a extraerá dous temas e elixirá un de cada temario, de entre os que extraese.

9.3.3. Este exercicio poderase realizar en galego ou castelán, á escolla do/a aspirante, que o fará constar na solicitude.

9.3.4. Os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para un ámbito territorial inferior ao autonómico que desexen ampliar a súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, só deberán realizar a exposición oral en que consiste este segundo exercicio, respecto ao temario de itinerarios e recursos turísticos (temas 21 ao 45), e durante un tempo máximo de 15 minutos. O/A candidato/a extraerá deste temario dous temas e expoñerá, á súa escolla, un deles.

Así mesmo, os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para todo o ámbito terrritorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen ser habilitados/as para outros idiomas distintos aos da súa habilitación estarán exentos/as da realización desta proba.

9.3.5. Esta proba cualificarase con apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido.

9.3.6. As cualificacións publicaranse diariamente, unha vez rematadas as exposicións orais, no lugar onde se realicen as probas. Así mesmo, unha vez

rematada a avaliación de todos/as aspirantes publicaranse as súas cualificacións nos taboleiros de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

9.4. Terceiro exercicio, ao cal concorrerán unicamente aqueles/as candidatos/as que superen os exercicios anteriores e os candidatos/as que estean exentos/as de realizar os exercicios anteriores.

Constará de dúas probas:

9.4.1. Primeira proba: consistirá nunha tradución dun texto de galego para o castelán, e doutro de castelán para o galego, elixidos ao chou de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización desta proba será de unha hora.

Non obstante, os/as aspirantes que desenvolvesen un dous exercicios anteriores en galego e outro en castelán ou acreditasen a posesión do curso de perfeccionamento de galego ou estudos equivalentes, estarán exentos/as de realizar esta proba.

Os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia estarán exentos/as de realizar esta proba.

As cualificacións desta proba publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

9.4.2. Segunda proba: consistirá en manter unha conversa cos membros do tribunal ou coas persoas que o asistan, nun tempo máximo de quince minutos en cada un dos idiomas solicitados, sobre un tema correspondente ao bloque do programa itinerarios e recursos turísticos, elixido entre dous propostos polo tribunal.

As cualificacións publicaranse diariamente, unha vez rematadas as exposicións orais, no lugar onde se realicen as probas.

10. Exercicios que deberán realizar os/as solicitantes de recoñecemento profesional.

10.1. Os/as interesados/as que, ao abeiro no Decreto 42/2001, do 30 de setembro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, solicitasen antes da finalización do prazo establecido na base 2 desta convocatoria o recoñecemento profesional do seu título ou conxunto de títulos, e que lles fose comunicada por parte da Dirección Xeral de Turismo a necesidade de someterse a unha proba para obter ese recoñecemento, realizarán a totalidade ou parte dos exercicios previstos nesta convocatoria segundo se lles determinase en cada caso.

11. Lista de aprobados/as e presentación de documentación.

11.1. Unha vez rematados os tres exercicios, o tribunal redactará as listas dos/as candidatos/as

declarados/as aptos/as e propoñeralle ao conselleiro de Innovación e Industria a súa habilitación como guías de turismo especializados/as de Galicia, ou a ampliación da habilitación xa outorgada a todo o territorio da comunidade autónoma ou para determinados idiomas, segundo se trate, sempre que cumpran todos os requisitos exixidos nas bases desta orde. As listas expoñeranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Innovación e Industria, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

11.2. Mediante resolución do conselleiro de Innovación e Industria elevarase a definitiva a proposta do tribunal dos/as aspirantes que superen os exames establecidos e publicarase nos taboleiros de anuncios referidos. A partir desta publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que os/as ditos/as aspirantes presenten na Dirección Xeral de Turismo os seguintes documentos:

a) Tres fotografías tamaño carné.

b) Fotocopia compulsada dalgún dos títulos exixidos na base 1ª alínea c) desta orde. No caso de títulos estranxeiros, deberá ser acreditada a súa homologación en España pola autoridade competente. A dita homologación deberá posuírse o día da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A Dirección Xeral de Turismo poderá solicitar, cando o considere conveniente, a presentación dun certificado oficial que expedirá o órgano competente, acreditativo da equivalencia dos títulos presentados.

c) Certificado médico oficial no cal se acrediten os extremos sinalados na base 1ª alínea d) desta convocatoria.

d) Comprobante de ter aboadas as correspondentes taxas de expedición da habilitación de guía de turismo especializado/a de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, polo importe de 36,59 A. O dito ingreso efectuarase no impreso de autoliquidación, debendo cubrirse cos códigos que figuran no anexo VI desta orde.

Para a obtención dos impresos de autoliquidación, forma de pagamento e xustificante obsevarase o disposto na base 2.1 b) desta orde.

11.3. Os/as candidatos/as declarados/as aptos/as que non presenten a documentación exixida no prazo establecido ou a presenten incompleta ou incorrecta, agás casos de forza maior debidamente acreditados, perderán o seu dereito, sen prexuízo de promoveren os recursos que correspondan.

11.4. Completada a referida documentación, aos/ás candidatos/as declarados/as aptos/as outorgaráselles, por parte do conselleiro de Innovación e Industria, a habilitación como guías de turismo especializados/as de Galicia, ou ampliaráselles a que posúan

para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ou para os idiomas que correspondan segundo se trate, para o cal se lles expedirá un carné en que constará o idioma ou idiomas que acreditasen coñecer, xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

11.5. O ámbito territorial da habilitación será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO II

Temario cultural.

1. Características xeográficas de Galicia: situación, principias trazos físicos. Galicia na Península Ibérica.

2. Estrutura socioeconómica de España. Economía de Galicia: dun país de base agraria á diversificación e modernización produtiva.

3. A poboación e a ocupación do espazo en Galicia. Estancamento demográfico e polarización do crecemento no litoral.

4. A Galicia prerromana. O megalitismo. A Idade do Bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

5. A cultura galaico-romana. As vías. Asentamentos rurais e urbanos. A articulación político administrativa da Gallaecia. As explotacións mineiras. Cristianización e conflito priscilianista.

6. Séculos V-X. O reino suevo de Galicia. O proceso de feudalización. As relacións aristrocracia-monarquía-igrexa. A presencia normanda.

7. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

8. Séculos XI-XIII: crecemento demográfico e expansión económica. Xelmírez. Reordenación do espazo político: a independencia de Portugal. A literatura medieval galaico-portuguesa. Os reis de Galicia e León Fernando II e Alfonso IX: o renacemento urbano.

9. Séculos XIV-XV: a Baixa Idade Media e a transición á Idade Moderna. O reino de Galicia na monarquía castelá. Crises económicas. Conflitos sociais e políticos. O comercio marítimo galego. Os Irmandiños.

10. O monacato en Galicia na Idade Media. As ordes militares e Galicia. Orixes e desenvolvemento da Universidade en Galicia.

11. A Galicia do antigo réxime. Desenvolvemento demográfico. Institucións político-administrativas. Fidalguía, foro e campesiñado. Peculiaridades do mundo urbano. Transformacións agropecuarias.

12. A arte renacentista en Galicia. A arquitectura e escultura barroca en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

13. A transición á Idade Contemporánea. A incipiente industrialización. A ilustración. A emigración. O agrarismo.

14. Modelos e evolución da arquitectura galega no século XIX. Clasicismo e academicismo. Eclecticismo e historicismo.

15. A literatura do Rexurdimento. Rosalía de Castro. Eduardo Pondal. Curros Enríquez.

16. Antecedentes da autonomía galega. O galeguismo. O século XX en Galicia e o proceso de modernización.

17. Arquitectura modernista en Galicia. A xeración Nós. O movemento renovador e de vangarda da arte galega. Tendencias actuais da arte e da literatura de Galicia. Grandes literatos galegos en lingua castelá.

18. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos construtivos e tipoloxía da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, o muíño.

19. Artesanía e oficios populares. A lingua galega.

20. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

Temario de itinerarios e recursos turísticos.

21. Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos.

22. Recursos turísticos de Galicia. Trazos diferenciais da oferta turística galega. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos e convencións. Turismo activo e de natureza.

23. Paisaxe e áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

24. Paisaxe e áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

25. Costa norte e Rías Altas desde Caión a Ribadeo.

26. Desde Fisterra a Caión. Especial significación da Costa da Morte.

27. As Rías Baixas. Desde Fisterra ao esteiro do Miño.

28. A Galicia interior: serras setentrionais. Dorsal galega. Penechaira galega. Depresión de Ourense, A Limia. Val de Monterrei. Val de Arnoia. Terras do Carballiño. Val do Ribeiro. Valdeorras. O chanzo de Santiago. Fosa Padrón-Tui. As bacías do Tambre e o Ulla. Serras meridionais.

29. As serras orientais e o macizo central ourensán.

30. Visita á cidade e provincia da Coruña.

31. Visita á cidade e provincia de Lugo.

32. Visita á cidade e provincia de Ourense.

33. Visita á cidade e provincia de Pontevedra.

34. Visitas ás cidades e vilas de Betanzos, Muros, Noia, Viveiro, Mondoñedo, Ribadavia, Allariz, Baiona e Cambados.

35. Visita á cidade e ría de Vigo. Tui e o Baixo Miño.

36. Visita á cidade de Santiago de Compostela.

37. O Camiño francés e outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.

38. A zona de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

Nos temas do 23 ao 38, ambos inclusive, o aspirante deberá motivar a elección dos puntos de visita e posibles itinerarios para levalos a cabo, podendo expoñer diversas solucións segundo o tempo, finalidade e obxectivo da viaxe.

39. Rede viaria e sistemas de transportes.

40. Oferta de aloxamentos. Localización e características. Balnearios e mananciais de augas medicinais e termais.

41. Museos principais de Galicia.

42. As catedrais.

43. Os mosteiros.

44. Dolmes, petroglifos, castros. Exemplos máis relevantes.

45. Castelos, pazos, edificios civís máis relevantes.

Temario de lexislación.

46. A Constitución española. Principios xerais. O Estatuto de autonomía de Galicia. Características xerais. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

47. A Xunta de Galicia: estrutura e funcións das distintas consellerías. A Consellería de Innovación e Industria: estrutura e competencias.

48. Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

49. Aspectos fundamentais da normativa reguladora de aloxamentos turísticos: establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos e acampamentos públicos de turismo.

50. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos establecementos de restauración.

51. Aspectos fundamentais da normativa reguladora das axencias de viaxes. Normativa reguladora da profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

52. Os parques naturais, os espazos naturais en réxime de protección xeral, os espazos naturais das normas subsidiarias e complementarias de planeamento provincial. A Rede Natura. Nocións xerais das leis de caza, pesca fluvial, patrimonio cultural de Galicia e protección do Camiño de Santiago.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA