DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2006 Páx. 7.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 26 de abril de 2006 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.22º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 1 a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que conta coa Secretaría Xeral do Benestar á que corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, desenvolvido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

As entidades xuvenís desempeñan un papel fundamental nos diversos ámbitos da actividade social, contribuíndo a un exercicio activo da cidadanía e á consolidación dunha democracia avanzada representando os intereses da mocidade ante os poderes públicos e desenvolvendo unha función esencial e imprescindible na política de xuventude, para o cal a Lei contempla o outorgamento de axudas e subvencións por parte das diferentes administracións públicas conforme o marco legal e regulamentario de carácter xeral que as prevé.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia considera como obxectivos prioritarios contribuír á promoción da participación da mocidade desta comunidade e a súa inserción na vida social de forma participativa, mediante a dotación de axudas económicas para a realización de actividades e desenvolvemento de iniciativas e programas, que incidan na consecución dos obxectivos propostos.

Neste sentido, nesta orde, establécense as bases que han de rexer as convocatorias de subvencións ás entidades xuvenís e ás prestadoras de servizos á xuventude, distinguíndose en cada unha delas as finalidades e beneficiarios aos que van destinadas. Esta diferenciación vén xustificada pola necesidade de cubrir obxectivos de diversa consideración, sendo todos eles de capital importancia para o desenvolvemento do tecido asociativo xuvenil e da participación e dinamización da mocidade que se resumen nos seguintes:

-Fomentar a vida asociativa das organizacións especificamente xuvenís como recursos idóneos de expresión dos intereses da xuventude e de aprendizaxe de valores de cooperación, solidariedade e civismo.

-Potenciar a realización de proxectos dirixidos á mocidade que contribúan á mellora das condicións sociais, culturais e educativas desta, favorecendo a súa participación activa como elemento pedagóxico.

Esta convocatoria axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas

e subvencións e no establecido na Lei 7/2005, pola que se aproban os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, así como ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que haberán de rexer os procedementos de concesión de subvencións a entidades xuvenís e a entidades prestadoras de servizos á xuventude pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Comunidade Autónoma de Galicia para os seguintes fins:

A) A realización do programa anual de actividades e gastos de funcionamento.

B) A adquisición de equipamento e material inventariable.

C) A realización de proxectos de promoción xuvenil.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar financiará as subvencións con cargo á partida orzamentaria 05.32.355B.480.1, pola contía de 331.000 euros, para a realización do programa anual de actividades e gastos de funcionamento, así como a realización de proxectos de promoción xuvenil, e á 05.32.355B.780.0, pola contía de 230.000 euros, a adquisición de equipamento e material inventariable.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención ao abeiro das presentes bases reguladoras, as entidades xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude da Comunidade Autónoma de Galicia, que carezan de interese lucrativo.

1.1. Cando se trate da realización do programa anual de actividades e gastos de funcionamento, así como da adquisición de equipamento e material inventariable:

a) As asociacións xuvenís constituídas conforme a lexislación vixente.

b) As federacións de asociacións xuvenís constituídas conforme a lexislación vixente.

1.2. Cando se trate da realización de proxectos de promoción xuvenil:

a) As asociacións xuvenís constituídas conforme a lexislación vixente.

b) As federacións de asociacións xuvenís constituídas conforme a lexislación vixente.

c) As entidades prestadoras de servizos á xuventude.

Artigo 4º.-Requisitos.

Para ser beneficiarios das subvencións a que se refire esta, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Non estar incurso en ningunha das circunstancias establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Será requisito imprescindible para poder solicitar a subvención o ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

Artigo 5º.-Actividades e bens subvencionables.

As actividades e bens para os que se solicite subvención deberán responder aos seguintes criterios:

1. Cando se trate da realización do programa anual de actividades:

As actividades deberán ter coherencia cos fins establecidos nos estatutos da entidade solicitante e que se realicen no ano en que se efectúe a convocatoria correspondente.

2. Cando se trate da realización de proxectos de promoción xuvenil:

Os proxectos deberán cumprir algunha das seguintes finalidades:

a) Promover a participación social da xuventude na súa comunidade, mediante actividades que potencien a educación para a participación e que fomenten valores cívicos e democráticos.

b) Fomentar a aprendizaxe intercultural, educación en valores, coeducación, igualdade, dereitos humanos, autoestima persoal e colectiva; tamén intercambios con asociacións xuvenís doutras comunidades autónomas ou países estranxeiros.

3. Cando se trate da adquisición de equipamento e material inventariable da sede social:

a) Poderase subvencionar a adquisición de equipamento e/ou material inventariable de uso necesario para o funcionamento interno da entidade e para o desenvolvemento das actividades habituais, sempre e cando se xustifique convenientemente a necesidade.

b) Cando o gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros, a entidade deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores.

c) En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

4. Quedan excluídos, para os efectos de subvención, os programas docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

5. A duración dos proxectos non poderá ser superior a 12 meses, incluída a preparación, desenvolvemento e avaliación das actividades (contados entre o 1 de xaneiro ao 15 de novembro de 2006).

Artigo 6º.-Solicitude e prazo de presentación.

1. A solicitude, segundo o modelo oficial que figura no anexo I desta orde, poderá presentarse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 42 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

3. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes de proceder á súa certificación.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e as delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán acompañarse con carácter xeral de:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificado dunha conta bancaria aberta a nome da entidade.

d) Declaración de non estar incurso en circunstancias do artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións (anexo II).

e) Os anexos III, IV e V correspondentes á modalidade solicitada (A, B ou C) debidamente cubertos.

f) Declaración do conxunto de todas as axudas de solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II).

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

1. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou das delegacións pro

vinciais da Igualdade e do Benestar, será requirido o solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixese terase por por desistido da súa petición, logo de resolución de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, ou as delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, poderán demandar do solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles levantarase acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 9º.-Contía máxima de subvención.

1. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do gasto subvencionable que legalmente se estableza.

2. A contía da axuda concedida non poderá superar o 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

Artigo 10º.-Comisión de avaliación.

1. No caso de entidades de ámbito autonómico a Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

a) Presidenta: a subdirectora xeral de Programas.

b) Secretario/a: un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

c) Vogais:

-A xefa de Servizo de Asociacións.

-Un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

-Un/ha representante do Consello da Xuventude de Galicia.

1.1. A Comisión de Avaliación poderá solicitarlles aos interesados a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

1.2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a Comisión de Avaliación elaborará un informe proposta de resolución que elevará ao director xeral de Xuventude e Solidariedade. Con anterioridade a ditar a proposta de resolución, deberase acreditar que os beneficiarios que superen os 1.500 euros, para a adquisición de equipamento e material inventariable se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Comunidade Autónoma de Galicia.

1.3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, a devandita comisión terá a seguinte composición:

a) O/a secretario/a da delegación provincial da Igualdade e do Benestar que actuará como presidente.

b) A xefe/a do Servizo de Xuventude e Solidariedade.

c) Un/ha representante do Servizo de Administración e Contratación.

d) Un/ha representante do Consello da Xuventude de Galicia.

e) Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a da delegación provincial.

2.1. A Comisión de Avaliación poderá solicitar aos interesados a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

2.2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a Comisión de Avaliación elaborará un informe proposta de resolución que elevará ao/á delegado/a provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Con anterioridade a ditar a proposta de resolución, deberase acreditar que os beneficiarios que superen os 1.500 euros, para a adquisición de equipamento e material inventariable se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2.3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 11º.-Criterios de avaliación.

A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á subvención requirirase unha puntuación mínima en cada un dos puntos sinalados nos criterios, que será establecida pola Comisión de Avaliación unha vez baremados todos os proxectos. A Comisión de Avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

A) Cando se trate da realización do programa anual de actividades:

1. Criterios cualitativos:

1.1. Fundamentación das actividades: ata 10 puntos.

1.2. Obxectivos. Adecuación entre estes e as actividades por desenvolver: ata 10 puntos.

1.3. Metodoloxía. Aspectos innovadores e participación activa da mocidade na organización das actividades: ata 10 puntos.

1.4. Participación de mozos/zas desfavorecidos/as ou con menos oportunidades: ata 7 puntos.

1.5. Beneficiarios: se as actividades se dirixen exclusivamente a membros da asociación valorarase ata 5 puntos. Se as actividades se dirixen a mozos/as en xeral e as realizan os membros da asociación valorarase ata 20 puntos.

2. Criterios cuantitativos:

2.1. Número de beneficiarios directos: ata 5 puntos.

2.2. Recursos económicos. Existencia doutras achegas para o cofinanciamento do proxecto: ata 5 puntos.

B) Cando se trate da realización de proxectos de promoción xuvenil:

1. Criterios cualitativos:

1.1. Análise de situación e fundamentación da actuación que xustifiquen o seu interese social: ata 15 puntos.

1.2. Adecuación dos obxectivos específicos do proxecto á finalidade e obxectivos xerais expostos no artigo 5º desta orde: ata 5 puntos.

1.3. Programa detallado de actividades. Coherencia entre estas e os obxectivos formulados: ata 15 puntos.

1.4. Metodoloxía. Desenvolvemento de procesos de participación da xuventude na realización do proxecto, incluídas as fases de elaboración, execución e avaliación. Neste sentido, considerarase imprescindible que os/as mozos/as participen na toma de decisións: ata 20 puntos.

1.5. Impacto local. Repercusión na comunidade. Implicación doutras entidades e colectivos sociais no desenvolvemento do proxecto: ata 15 puntos.

1.6. Avaliación. Obxecto, técnicas e indicadores: ata 10 puntos.

2. Criterios cuantitativos:

2.1. Número de mozos/as que interveñan na realización do proxecto e distribución de responsabilidades e tarefas: ata 10 puntos.

2.2. Número de beneficiarios directos e indirectos: ata 5 puntos.

2.3. Recursos económicos. Existencia doutras achegas para o cofinanciamento do proxecto: ata 5 puntos.

C) Cando se trate da adquisición de equipamento e material inventariable da sede social:

-A necesidade do material para a realización das actividades propias da entidade solicitante, debidamente xustificada: ata 5 puntos.

-O maior número de socios da entidade: ata 5 puntos.

-A existencia de cofinanciamento para a adquisición do equipamento: ata 5 puntos.

-As actividades realizadas pola entidade no ano natural anterior a súa solicitude: ata 5 puntos.

-A accesibilidade doutras asociacións ou público en xeral a este material: ata 5 puntos.

-Que a asociación dispoña de local propio: ata 5 puntos.

Artigo 12º.-Resolución.

1. Serán órganos competentes para resolver, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico: o director xeral de Xuventude e Solidariedade.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior: os/as delegados/as provinciais da Igualdade e do Benestar.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo,

reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e comprobar a súa execución, cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

4. As entidades solicitantes ás que non lles fose concedida a subvención disporán dun mes de prazo, contado a partir da recepción da notificación, para retirar a documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento da subvención.

Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención procederase á xustificación e pagamento na forma en que se indica a continuación.

A xustificación das axudas efectuarase ata o día 15 de novembro de 2006.

1. As entidades beneficiarias presentarán para xustificar a axuda:

a) Anexo VI das modalidades A, B ou C debidamente cubertos.

b) Facturas orixinais. As entidades que teñan concedida subvención para máis dunha modalidade (programa de actividades, proxecto de promoción xuvenil ou equipamento e material inventariable) deberán facer xustificación para cada unha delas, e cada factura só valerá para unha modalidade, tendo en conta ademais que as facturas de merca de material inventariable ou equipamento só son válidas para a modalidade B descrita no artigo 1º.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo programa de actividades e gastos de funcionamento, adquisición de equipamento ou material inventariable ou proxecto de promoción xuvenil, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Modelo no anexo VI.

d) Declaración responsable, asinada polo/a representante da entidade, acreditando a procedencia do 25% que achega o beneficiario.

2. Unha vez recibida e comprobada a documentación poderase proceder ao pagamento da subvención.

2.1. Nos casos das subvencións concedidas para o programa anual de actividades e gastos de funcionamento e para os proxectos de promoción xuvenil:

a) Poderanse facer anticipos de pagamento do 50%, a aquelas entidades que non superen o importe concedido os 6.010,12 euros, e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

b) Para as entidades que superen os 6.010,12 euros, poderá acordarse un pagamento parcial de ata o 50%, sempre que xustifique a realización da actividade e o gasto realizado segundo se especifica nas letras a) e b) do punto 1, e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

2.2. Nos casos das subvencións concedidas para a adquisición de equipamento e material inventariable, poderá acordarse un pagamento parcial de ata o 50%, sempre que xustifique o investimento segundo se especifica nas letras a) e b) do punto 1, e librarase o importe restante no momento da completa xustificación. No caso de que o importe concedido supere os 30.050,60 euros, o beneficiario está obrigado á presentación dunha garantía mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, no que cubrirá o importe do anticipo xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación. A presentación da garantía realizarase

días a partir da notificación da resolución de concesión. Unha vez xustificada a subvención a garantía será liberada.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar perante a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou a delegación provincial da Igualdade e do Benestar a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o gozo da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e do disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou a delegación provincial da Igualdade e do Benestar, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou a delegación provincial da Igualdade e do Benestar, a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión axustándose aos seguintes principios: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados, eficiencia na asignación na utilización dos recursos públicos.

h) Figurar ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non ser debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter algunha débeda pendente, por calquera

concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario non se fará o pagamento da subvención.

Artigo 15º.-Control e reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no establecido nesta orde.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas no punto 4º do artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas

e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, levará á obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención de conformidade co disposto no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade e nos delegados provinciais da Igualdade e do Benestar, en función do seu respectivo ámbito competencial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar