DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2006 Páx. 7.570

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 25 de abril de 2006 pola que se convocan axudas para o mantemento e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Por outra banda, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado ao que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, coofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de

servizos ás familias galegas, que contribúa tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e as nenas, á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. A constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 anos, como proxecto articulado e de calidade, en cooperación cos concellos é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Neste contexto a sinatura entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta do acordo que establece o Pacto Local incidirá directamente na redifinición dos mecanismos xurídicos e económicos para o sostemento dos centros, xa que no pacto se establece a creación dun Consorcio Galego de Servizos de Benestar que, entre outros temas, asumirá a xestión conxunta cos concellos das escolas infantís, polo que esta orde ten unha natureza de transitoriedade ata o establecemento dun novo sistema de actuación conxunta.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), ao Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.212A.4610, recollida na Lei de orzamentos xerais de Galicia para o ano 2006, e o importe destinado a elas ascenderá a 4.200.000 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para subvencionar o mantemento e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 dependentes das corporacións locais que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais (DOG do 21 de agosto), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto), así como a normativa de desenvolvemento, no seu caso.

2. Para efectos desta orde, enténdese por nenos/as de 0 a 3 anos, os/as nacidos/as con posterioridade a 31 de decembro de 2002. Poderán eximirse do límite de idade os/as nenos/as de integración logo do ditame do equipo de orientación específico, dependente da Inspección de Educación en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ou do órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, en que se motive a necesidade de integración, de ser o caso.

3. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais/nais ou representantes legais dos usuarios, as escolas infantís 0-3 prestarán servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Salvo causa de forza maior, as solicitudes para o peche temporal dos centros durante o ano 2006 presentaranse antes do 31 de maio.

4. As corporacións locais deberán realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan en funcionamento unha escola infantil 0-3 e cumpran os requisitos anteriores.

Artigo 3º.-Requisitos e criterios de concesión.

1. Será requisito imprescindible para resultar entidade beneficiaria das axudas, a adaptación do proxecto educativo da escola infantil 0-3 á estrutura establecida no anexo VII desta orde.

2. Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde os seguintes:

A. Axudas de mantemento:

Co obxecto de lles dar continuidade aos centros en funcionamento terán preferencia por este orde:

a) Aqueles centros que fosen cofinanciados en anos anteriores con cargo ao Programa de atención á primeira infancia (0-3) polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a Comunidade Autónoma e a Corporación Local e obtiveron unha valoración satisfactoria.

b) As escolas infantís 0-3 que en anos anteriores recibiron subvencións da extinta Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e obtiveron unha valoración satisfactoria.

A valoración satisfactoria a que se refiren os puntos anteriores acreditarase mediante o correspondente informe sobre a execución da actividade subvencionada emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros.

c) As novas solicitudes atenderanse en función da dotación de recursos e criterios de necesidade e poboación.

B. Axudas para a mellora da calidade:

Valóranse os proxectos de mellora da calidade do centro que reúnan algunha das seguintes condicións:

a) Que dispoña de persoal de atención directa en número que supere as ratios establecidas nas seguintes contías:

Nº de unidadesIncremento de persoal sobre o mínimo establecido

De 1 a 31 persoa

De 4 a 62 persoas

7 ou máis3 persoas

Para estes efectos soamente se terá en conta o persoal que preste servizos en xornada completa.

b) Que desenvolva programas de innovación pedagóxica e dinamización lingüística.

c) Que ofreza outros servizos complementarios de atención e apoio familiar.

d) Que desenvolva un plan de formación para o seu persoal atendendo preferentemente a algunha das seguintes materias:

-Innovación pedagóxica.

-Atención temperá.

-Necesidades educativas especiais.

e) Que leve a cabo un plan de mellora nutricional no comedor infantil.

Artigo 4º.-Tipo de axuda.

1. A axuda destinada a subvención de mantemento ten como finalidade compensar os gastos nos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

2. A axuda destinada á mellora da calidade compensará os gastos derivados do deseño, xestión e execución dos programas subvencionados incluídos no punto 2.B) do artigo 3º.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvención.

O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

As corporacións locais solicitantes deberán ter xustificado, nos prazos previstos, e en todo caso no momento de presentar a solicitude de axuda, os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.

Artigo 6º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda serán os seguintes:

A) Axudas para mantemento:

Contía anual da axuda para gastos de mantemento. Esta contía estará en función do número de unidades da escola infantil 0-3 e da prestación do servizo de comedor.

Contía anual por unidadeCentros con servizo de comedorCentros sen

De 1 a 3

unidades

De 4 a 6

unidades

Con 7 ou máis unidadesservizo de

comedor

Servizos prestados directamente pola corporación local17.000 A16.000 A15.000 A13.000 A

Servizos prestados de forma indirecta a través de contrato de xestión de servizos públicos15.000 A14.000 A13.000 A11.000 A

Para estes efectos enténdese por servizo de comedor cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de cátering), incluídos os alimentos. En todo caso este servizo incluirá o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir á disposición dos pais/nais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada á idades dos/das nenos/as.

B) Axudas para a mellora da calidade:

A contía anual da axuda obterase como resultado de aplicar unha porcentaxe sobre os módulos seguintes:

Nº de unidades do centroContía anual

Centros de 1 a 3 unidades6.000 A

Centros de 4 a 6 unidades9.000 A

Centros de 7 ou máis unidades12.000 A

A porcentaxe determinarase en función do cumprimento dos criterios sinalados no punto 2.B) do artigo 3º. Para estes efectos terase en conta a seguinte valoración:

AlíneaPuntuación

a)3 puntos

b)2 puntos

c)2 puntos

d)2 puntos

e)1 punto

Soamente se terán en conta proxectos que obtendo una valoración satisfactoria alcancen unha puntuación mínima de 3 puntos. Para os efectos do cálculo da axuda os programas puntuados con 3 e 4 puntos terán dereito ao 50% do módulo, para os que obteñan unha puntuación de 5 ou máis puntos a porcentaxe será do 100%.

2. Aqueles centros en que logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar por mantemento na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. No caso de non existir crédito suficiente gozan de preferencia para a súa concesión as solicitudes de axuda para mantemento sobre as de mellora da calidade, así mesmo, e tendo en conta a prioridade anterior, a contía das axudas reducirase en igual proporción a todas as corporacións locais que resulten beneficiarias.

4. No caso de que, unha vez calculadas estas axudas, existise remanente de crédito, este poderase distribuír entre todas as corporacións locais beneficiarias desta orde en proporción ás cantidades que lles correspondan, logo de aplicar os módulos de referencia establecidos neste artigo.

5. A contía que subvencione non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2006 segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo I).

A contía total da axuda terá como límite máximo o 50 por cento do orzamento do centro.

Artigo 7º.-Renda per cápita mensual.

1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita á que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles á que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para os efectos desta orde e para os efectos de cálculo da renda per cápita mensual teranse en conta os ingresos correspondentes ao ano 2004.

4. Para os efectos desta orde considérase familia monoparental aquela formada pola nai ou polo pai solteira/o, segundo corresponda, que non convivan e os cónxuxes en situación de separación, divorcio ou viuvez.

Artigo 8º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento polo menos cun 30 por 100 do orzamento total do centro.

Artigo 9º.-Prezos.

1. Sen prexuízo da autonomía municipal, as corporacións locais que sexan beneficiarias destas axudas deben asumir a obriga de establecer como prezos máximos que aboarán os usuarios/as das escolas infantís 0-3 as contías máximas reguladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro (DOG do 13 de marzo), polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da extinta Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os prezos sinalados nos puntos anteriores refírense aos servizos básicos prestados pola escola infantil 0-3 ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos a asistencia ao centro, o comedor e o transporte.

3. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto aos especificados no punto anterior, o prezo deste servizo será establecido libremente pola corporación local titular do centro, e en todo caso, a súa utilización será voluntaria pola unidade familiar.

Artigo 10º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) que irá acompañada da seguinte documentación:

A) Proxecto educativo adaptado á estrutura que figura como anexo VII desta orde.

B) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ao mantemento da escola infantil 0-3.

C) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

D) Memoria do centro do curso escolar 2004/2005.

E) Declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

F) O permiso de inicio de actividades será comprobado de oficio pola Administración.

G) No caso de solicitudes por mellora da calidade:

a) Proxectos que se refiran ás alíneas b), d) e e) do punto 2.B) do artigo 3º:

Memoria en que se indique a definición do programa, medios persoais e materiais, orzamento, obxectivos, alcance do programa e calendario de implantación.

b) Para os proxectos que se refiran ás alíneas a) e c) do punto 2.B) do artigo 3º teranse en conta os datos consignados na solicitude (anexo I).

2. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

3. Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35 f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As corporacións locais solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo IV desta orde.

5. As corporacións locais que en anos anteriores percibisen axudas para o mantemento da escola infantil 0-3, deberán presentar declaración de que a tarifa de prezos se adapta ao disposto no artigo 9º desta orde. As corporacións locais que soliciten por primeira vez as axudas desta orde, no caso de resultaren beneficiarias, deberán enviar a tarifa de prezos adaptada ao disposto nesta orde, no prazo de catro meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo,

todas as corporacións locais beneficiarias das axudas deberán informar de todas as modificacións de prezos que se produzan durante o ano 2006.

Artigo 11º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano responsable da tramitación dos expedientes realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorizacións e Inspección de Centros da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais sobre as condicións actuais dos centros solicitantes para efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

2. Revisados os expedientes, e completados, se é o caso, a Secretaría Xeral da Igualdade remitiraos á Comisión Central de Valoración para que, unha vez avaliados, dite a proposta de resolución, propoñéndolle ao órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a secretaria xeral da Igualdade.

Vogais: tres funcionarios/as designados polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar por proposta da secretaria xeral da Igualdade, actuando un deles como secretario/a.

Á dita comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención competente.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo do establecido no artigo 44 da dita lei.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. As resolucións concedidas seranlle comunicadas ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para o seu coñecemento.

5. Se a entidade estiver tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto, que será necesariamente dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ao que se refire esta subvención, e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación:

A) As subvencións poderanse facer efectivas da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80 por 100 da contía outorgada, librándose o 20 por 100 restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30 por 100 da totalidade da subvención, en concepto de anticipo, no momento da súa concesión.

b) Ata o 80 por 100 do total concedido (o seguinte 50 por 100 da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que

deberán incluír o recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local, segundo o disposto no artigo 8º; neste caso, procederase ao aboamento do 100 por 100 da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20 por 100 restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

En todo caso, o importe certificado debe indicar o tipo de gasto (mantemento ou mellora da calidade) e ten que ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local segundo o disposto no artigo 8º.

A corporación local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As corporacións locais beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, coa excepción do cumprimento da obriga a que se refire o artigo 78.4º c) de acordo co disposto no artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e ademais especificamente a:

1. En relación coas solicitudes de novo ingreso na escola infantil 0-3:

A) Adaptar os modelos de solicitude de praza que conterán, como mínimo, a información do modelo que figura como anexo V desta orde. O solicitante de praza deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que corresponda en cada caso.

B) Puntuar as solicitudes de novo ingreso de acordo co baremo que figura como anexo VI a esta orde.

C) Enviar á delegación provincial da Igualdade e do Benestar con anterioridade a 15 de maio de 2006, a relación de solicitantes que figuran en lista de espera para o curso 2006/2007 e que, pola súa vez, opten por unha praza do Programa cheque infantil. Esta relación deberá indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos do neno/a.

b) Nome e apelidos do/a solicitante.

c) Idade do neno/a.

d) Puntuación que corresponde en aplicación do baremo a que se fai referencia nesta epígrafe.

e) Renda per cápita da unidade familiar.

Xunto a esta relación enviarase copia das solicitudes en lista de espera e a documentación que se tiver en conta para puntualas.

2. O cumprimento pola escola infantil 0-3 do proxecto educativo establecido segundo a estrutura que figura no anexo VII desta orde.

3. Adxudicar praza na escola infantil 0-3, con caracter urxente, aos/ás fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar respecto dos centros subvencionados.

5. Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

6. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

7. As corporacións locais que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultaren beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 9º, no prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 16º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se deben acadar os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 8º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

f) Resistencia, escusa obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos puntos 4º e 6º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2006.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto no título sexto, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira.-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO VI

Baremo

1º Situación sociofamiliar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea a cargo dela: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para o que se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por minusvalidez física, psíquica ou sensorial, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

1.6.Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parenterais: 6 puntos.

1.7. Por irmán/a - áns/ás con praza renovada no centro á do/a neno/a para o que se solicita a praza: 3 puntos.

1.8. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.9. Calquera grave circunstancia familiar debidamente acreditada: ata 3 puntos.

2º Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación:

-Nai: 3 puntos.

-Pai: 3 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

-Nai: 2 puntos.

-Pai: 2 puntos.

(1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

3º Situación económica.

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

-Inferior ao 25% do IPREM: +4 puntos.

-Entre o 25% e o 50% do IPREM: +3 puntos.

-Superior ao 50% e inferior ao 75% do IPREM: +2 puntos.

-Entre o 75% e o 100% do IPREM: +1 punto.

-Superior ao 100% e inferior ao 125% do IPREM: -1 punto.

-Entre o 125% e o 150% do IPREM: -2 puntos.

-Superior ao 150% e inferior ao 200% do IPREM: -3 puntos.

-Igual ou superior ao 200% do IPREM: -4 puntos.

* En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

* Para efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

ANEXO VII

Proxecto educativo

O proxecto educativo da escola infantil 0-3 adaptarase á seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro.

-Titularidade e financiamento.

-Niveis educativos que escolariza: número de unidades.

-Situación xeográfica.

-Descrición breve das instalacións.

-Servizos que ofrece.

-Proxección social do centro na zona.

-Relación coas familias.

-Descrición breve dos recursos e materiais.

-Horario do centro.

a.2) Características do alumnado.

-Número de alumnas e alumnos, idades e agrupamentos.

-Características das familias.

-Tipo de relacións entre o alumnado.

-Nenos e nenas con necesidades educativas especiais: como se integran, apoios cos que se conta.

-Procedementos de información ás familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro.

-Numero e funcións.

-Formación.

-Forma de traballar (en equipo ou individualmente).

-Distribución das tarefas.

-Mecanismos de información entre o persoal.

-Criterios que se seguen para a distribución do alumnado.

a.4) Características do contorno.

-Situación.

-Características socioculturais e económicas.

-Lingua empregada.

-Servizos que nos ofrecen para os nenos e as nenas.

-Relacións que mantén a escola cos recursos do contorno.

-Relación con outros centros.

-Como se traballa cos nenos e nenas o coñecemento do contorno social e natural.

b) Sinais de identidade.

Definición da escola.

-Confesionalidade da escola segundo a lexislación vixente.

-Lingua de aprendizaxe segundo a lexislación vixente.

-Liña metodolóxica.

-Coeducación: a educación para a igualdade.

-Colaboración cos pais e nais.

c) Obxectivos.

Obxectivos do centro a nivel:

-Pedagóxico (incluíndo a adecuación dos obxectivos xerais de etapa/ciclo).

-Administrativo.

-Organizativo.

-Institucional.

-Normalización lingüística.

d) Estrutura organizativa.

Organización do centro para o logro dos obxectivos.

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Asignación de educadores aos grupos.

-Número de educadores por grupo.

-A dimensión do grupo.

-A composición do grupo.

-A titoría na escola infantil.

-A utilización dos espazos escolares.

-O equipamento e os recursos didácticos.