DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2006 Páx. 7.523

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2006 pola que se aproba o Regulamento do premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural e se convoca o premio correspondente ao ano 2006.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada como unha unidade de xestión especializada, encargada de coordinar os esforzos das distintas áreas da Administración autonómica en materia de desenvolvemento rural así como de impulsar as actividades dos axentes territoriais públicos e privados que teñen protagonismo neste campo.

A axencia está poñendo todos os medios posibles para facer do medio rural un lugar atractivo para a realización de investimentos que contribúan a mellorar as condicións de vida e a frear o despoboamento.

En consecuencia con todo isto, Agader considera de especial interese a posta en marcha de actuacións que animen á participación pública e privada e que contribúan á conservación e dinamización do contorno rural facendo del un medio máis desexable.

Desde esta perspectiva, a axencia creou o premio Agader ao embelecemento do medio rural galego. A experiencia obtida nas convocatorias dese premio nos anos 2003, 2004 e 2005, así como as suxestións de membros dos seus xurados, aconsellan non facer énfase na compoñente estética do premio, suxerida na súa denominación, e potenciar o mérito das iniciativas que incidan, de xeito integral, no desenvolvemento rural galego.

Por estas razóns estímase conveniente instituír e convocar o premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, coa finalidade de premiar aqueles proxectos que destaquen na dignificación, mellora ou promoción do medio rural.

A facultade para aprobar o Regulamento do premio e para convocalo está delegada no director xeral de Agader, segundo deriva do acordo do Consello de Dirección de Agader do 10 de outubro de 2005 sobre delegación de funcións do Consello de Dirección (DOG nº 220, do 16 de novembro).

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Regulamento.

Apróbase o Regulamento do premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, que figura como anexo desta resolución.

Segundo.-Convocatoria de 2006.

Convócase o premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural correspondente ao ano 2006, que se suxeitará ás normas contidas no regulamento que figura como anexo desta resolución.

O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14 horas do día 31 de xullo de 2006.

O primeiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 25.000 euros.

O segundo premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 14.000 euros.

O terceiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 6.000 euros.

O premio especial dirixido a proxectos realizados por mozos e/ou mozas, ou que teñan este colectivo como principal beneficiario, constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2006.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral de Agader

ANEXO

Regulamento do premio Agader ás iniciativas

de desenvolvemento rural

Artigo 1º

O premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural poderá concederse ao proxecto, actuación ou iniciativa empresarial que, no seo da Comunidade Autónoma de Galicia, contribúa de xeito singular á dignificación, mellora ou promoción do medio rural a través da defensa e conservación do seu patrimonio social, cultural ou natural, contribuíndo a xerar unha sociedade rural máis viva e cohesionada.

Artigo 2º

Os grupos de acción local de Galicia, institucións, entidades, empresas, así como os cidadáns que o desexen, poderán presentar candidaturas razoadas ao premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, en nome propio ou de terceiros, durante o prazo que determine a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural na correspondente convocatoria.

As propostas poderán ser enviadas por correo certificado, correo electrónico (infoagader*xunta.es) ou presentadas na sede de Agader, avenida do Camiño Francés, 10, baixo, 15771 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 3º

Non poderán presentarse ao premio os proxectos ou actuacións que xa fosen premiados ou que obtivesen premio ou accésit nalgunha das convocatorias do premio Agader ao embelecemento do medio rural galego.

Artigo 4º

A documentación que necesariamente deberá incluírse na presentación de cada candidatura é a seguinte:

1. Identificación da candidatura: denominación da candidatura; nome da persoa ou entidade titular do proxecto ou actuación a que se refire a candidatura, o seu enderezo, CIF ou NIF, teléfono e persoa de contacto. No caso de candidatura presentada por terceiro, ademais do anterior: nome da persoa ou entidade propoñente, DNI ou CIF e teléfono do terceiro propoñente.

2. Proposta formal, explicando os motivos por que se presenta a candidatura.

3. Documentación acerca do proxecto ou actuación desenvolvida que se propón para o premio.

Poden xuntarse tamén, se se considera oportuno, apoios á candidatura e, en xeral, cantos datos e información se consideren axeitados para fortalecer a proposta.

Artigo 5º

As candidaturas que non xunten a documentación necesaria sinalada no artigo anterior non serán admitidas.

En todo caso, a documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela.

Agader reserva para si o dereito a recadar canta información considere oportuna para facilitar a análise do xurado acerca das candidaturas presentadas.

Artigo 6º

En cada convocatoria o premio terá o seu propio xurado. Os membros deste serán designados por Agader, que determinará, de entre aqueles, quen será o secretario.

Artigo 7º

Na primeira xuntanza do xurado o secretario declararao constituído. A seguir elixirase o presidente do xurado de entre os seus membros.

Ao xurado correspóndelle seleccionar os premiados e interpretar este regulamento. Ao presidente dirixir as deliberacións. E ao secretario, con voz e sen voto, levantar acta das sesións.

Artigo 8º

O primeiro premio outorgarase ao proxecto ou actuación que obteña a maioría dos votos do xurado. O voto deberá ser emitido persoalmente por cada un dos membros do xurado durante as xuntanzas formais que este celebre. No caso de empate decidirá o voto do presidente.

Artigo 9º

Os premios serán outorgados a unha soa candidatura. Excepcionalmente poderán ser compartidos.

Artigo 10º

O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios.

Artigo 11º

O premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural constará de diploma e de dotación económica. O xurado poderá conceder un primeiro, un segundo e un terceiro premio, que constarán dun diploma e da dotación económica que se estableza na convocatoria anual correspondente. O xurado poderá, así mesmo, conceder un premio especial dirixido a proxectos realizados por mozos e/ou mozas, ou que teñan este colectivo poboacional como principal beneficiario.

Para o premio especial terá a consideración de mozo e moza quen teña 35 anos ou menos durante o período de presentación da candidatura ou, no caso de agrupación, sociedade ou asociación, cando polo menos o 25% dos seus membros cumpran este requisito.

Artigo 12º

O importe dos premios deberá destinarse a realizar melloras, conservación ou actuacións complementarias respecto dos proxectos ou actuacións galardoados.

Artigo 13º

A axencia fará unha difusión axeitada dos resultados do premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.