DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 09 de maio de 2006 Páx. 7.423

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se creou o Servizo de Gardacostas de Galicia, encomendoulle as funcións de inspección, prevención e de corrección en materia de pesca, marisqueo e acuicultura en todas as súas fases, en materia de salvamento marítimo e en materia de loita contra a contaminación mariña accidental.

As particularidades das actuacións que levarán a cabo os membros deste servizo exixiron que no Decreto 157/2005, do 26 de maio, sobre ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia, se lle dera un tratamento específico en canto ao seu réxime de traballo, de dispoñibilidade, de traballo a quendas, de turnicidade, de perigosidade e penosidade, de celeridade nas súas actuacións, de identificación e de compensacións económicas, distinto do réxime xeral dos traballadores e traballadoras da función pública galega.

A sección III do capítulo III, do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia remite ao desenvolvemento por medio de orde das condicións do réxime de traballo e das compensacións a que poidan ter dereito os seus traballadores.

Para ese efecto e tras un proceso negociador cos representantes sindicais do colectivo e logo do acordo acadado na mesa xeral de negociación e do informe favorable da comisión de persoal,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º

Esta orde soamente será de aplicación ao persoal operativo do Servizo de Gardacostas de Galicia e ao persoal que pase á segunda actividade provinte do persoal operativo.

Artigo 2º

1. A xornada de traballo do persoal adscrito ao Servizo de Gardacostas de Galicia será a establecida, con carácter xeral, para todos os funcionarios da Xunta de Galicia, sen que exceda, salvo circunstancias excepcionais ou de forza maior, o número máximo de horas semanais establecidas en cómputo mensual. O dito persoal desenvolverá a súa xornada de traballo en quendas entre as 24.00 horas, todos os días do ano, adaptando o seu horario ás necesidades do servizo, de conformidade coas quendas programadas semestralmente, de acordo co artigo 6º desta orde.

2. A xornada, que se efectuará de xeito continuado, realizarase en quendas rotatorias de semanas de mañá, tarde e noite. A duración da quenda será de 8 horas, salvo casos de forza maior ou circunstancias excep

cionais, en que poderá prolongarse de acordo co artigo 3º desta orde. Non se poderá realizar máis dunha quenda no mesmo día, debendo transcorrer, como mínimo, un período de 12 horas entre quendas, coa mesma excepción anterior.

3. As quendas de mañá comezarán ás 7.00 horas e rematarán ás 15.00 horas, as quendas de tarde comezarán ás 15.00 horas e rematarán ás 23.00 horas e as quendas de noite comezarán ás 23.00 horas e rematarán ás 7.00 horas.

4. O persoal disfrutará dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

5. Non se poderán realizar máis de cinco xornadas continuadas de traballo, nin máis de 18 quendas mensuais.

Artigo 3º

1. Cando se estea desenvolvendo unha operación xa iniciada e sexa preciso seguir ata rematala, prolongarase a xornada de traballo o tempo necesario ata un máximo de catro horas, logo de comunicación do órgano superior.

2. O número máximo de horas de prolongación de xornada non poderá exceder de 12 ao mes.

3. No caso de prolongación de xornada, por cada hora prolongada respecto á xornada fixada compensarase no mesmo trimestre, en 1,5 horas, se se realiza en quenda de mañá ou tarde, en 2 horas se se realiza en quenda de noite e en 2,5 horas se se realiza en quenda de fin de semana e festivos, tendo en conta as necesidades do servizo e a petición do interesado.

4. Nos supostos previstos neste artigo, observarase ao disposto na normativa vixente en materia de indemnizacións por razón de servizo.

Artigo 4º

1. Terán a consideración de quendas de fin de semana ou festivo aquelas que se inicien entre as 23.00 horas do venres ou do día previo ao festivo e as 7.00 horas do luns ou do día seguinte ao festivo.

2. Cada período de 6 meses estableceranse un máximo de 16 quendas de fins de semana e festivos, que se corresponderán con 8 fins de semana completos, tendo sempre entre cada fin de semana traballado un fin de semana completo libre.

Artigo 5º

1. O número máximo de quendas nocturnas que realizará o persoal operativo será de 8 noites ao mes de luns a domingo.

2. O máximo de quendas nocturnas en fin de semana e festivos será de 18 noites cada 6 meses.

Artigo 6º

1. Terán a consideración de xornadas especiais de traballo:

a) As quendas de tarde e de noite do día 5 de xaneiro.

b) A xornada enteira do 1 e do 6 de xaneiro e do 24, 25 e 31 de decembro.

2. Estas xornadas serán retribuídas mediante un pagamento único por quenda de 90 euros día, non podendo encomendarse máis de dúas xornadas especiais ao ano a cada traballador.

Artigo 7º

1. Os cadros de servizos fixando quendas serán confeccionados conforme as necesidades dos servizos con carácter semestral e postos en coñecemento do persoal afectado, cunha antelación mínima dun mes.

2. No caso de que o horario da realización de gardas comprenda integramente os períodos entre as 13.00 e as 14.45 horas e/ou as 21.00 e as 22.45 horas, o persoal disporá dunha hora en cada período para comer ou cear, que se computará de traballo efectivo, sempre e cando isto non comporte a desatención do servizo. Para tal fin estableceranse as quendas que procedan.

3. Na realización da xornada de traballo, e sen prexuízo do disposto no artigo anterior, o persoal obxecto desta orde terá dereito á pausa establecida para os funcionarios da Administración pública galega, que se computará de traballo efectivo. A dita pausa poderá suspenderse segundo as necesidades do servizo, debendo desfrutarse nesa xornada.

4. Logo de autorización do superior xerárquico, o persoal obxecto desta norma, por mutuo acordo, poderá cambiar con outro da mesma escala a xornada de traballo, así como os períodos de vacacións.

Capítulo II

Artigo 8º

1. O persoal da escala desfrutará dun descanso adicional de dez días naturais consecutivos como compensación pola súa adaptación aos cadrantes horarios que se establezan. Este descanso desfrutarase de forma continuada por petición dos interesados e a súa concesión quedará supeditada á planificación do servizo, non sendo acumulable ás vacacións anuais.

2. As licenzas e permisos serán os establecidos con carácter xeral para os funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Artigo 9º

Ao persoal da escala incrementaráselle en 584 euros mensuais o seu complemento específico. A referida contía experimentará os incrementos establecidos na Lei de orzamentos para as retribucións dos funcionarios da Xunta de Galicia a partir do exercicio de 2006.

Capítulo IV

Artigo 10º

1. Créase unha comisión de seguimento do disposto nesta orde, integrada por un máximo de dous representantes de cada un dos sindicatos que formen parte da mesa xeral de negociación da Comunidade Autónoma de Galicia e polos representantes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. Unha vez constituída a comisión de seguimento elaborarase o seu regulamento de funcionamento que será aprobado polos integrantes da comisión.

Artigo 11º

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos comprométese a cumprir estritamente as disposicións vixentes en materia de prevención de riscos e seguridade no traballo, de conformidade co establecido na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Disposición transitoria

Ao persoal que preste servizos operativos na Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, mentres non se integre no Servizo de Gardacostas de Galicia, seralle de aplicación a esta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 29 de novembro de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 155/1996, do 9 de maio, polo que se regulan os horarios do persoal adscrito ao servizo de protección de recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA