DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.363

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2006 pola que se convoca un curso sobre Xestión de emerxencias e toma de decisións.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración dun curso sobre Xestión de emerxencias e toma de decisións, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Cando nos enfrontamos a unha emerxencia complexa a gran cantidade de factores e variables que temos que manexar, e os numerosos medios que temos que coordinar fai que o director de emerxencia necesite, para tomar as decisións acertadas, utilizar un método de xestión rigorosa e o apoio dun equipo que procesará e analizará toda a información, e proporalle as ideas de manobra máis adaptadas á situación en función dos obxectivos buscados e dos medios dispoñibles.

Con este curso preténdese expoñer un método de xestión de emerxencias que dea resposta aos interrogantes e necesidades que se presentan ante un incidente de importancia, no que teñan que actuar distintos servizos de axuda.

Este curso baséase na repartición das tarefas de información, análise, xestión de medios, e dirección de operacións.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico de protección civil da Dirección de Protección Civil da Xunta de Galicia.

-Xefes do parque e xefes de quenda dos servizos de bombeiros de Galicia.

-Persoal técnico de protección civil da Administración local.

-Presidentes ou xefes de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de vinte e catro (24).

2. Duración e datas: o curso desenvolverase do día 5 ao 9 de xuño de 2006, cunha duración de 32 horas lectivas.

O horario será o seguinte:

-Das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 a 19.00 horas, de luns a xoves; e de 10.00 a 14.00 o venres.

3. Lugar: o curso realizarase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 29 de maio de 2006.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo ao que estea adscrito e co selo deste; no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, deberán ser relacionadas en orde de preferencia. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia a: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Xestión de emerxencias sinxelas.

-Situacións sinxelas ou complexas.

-Principios básicos de mando.

-Organización do mando.

-Cronoloxía das accións de mando.

-Exercicios prácticos.

Xestión de emerxencias complexas.

-Método de reflexión táctica.

-Busca da información.

-Análise e anticipación.

-Identificación das tarefas en función do obxectivo.

-Elaboración da idea de manobra.

-Xestión en tempo real e anticipación dos medios.

Aplicación do método de reflexión táctica no Centro de Coordinación Operativa (Cecop).

-Concepto de crise.

-A cadea de mando.

-Organización, repartición de funcións.

-Organización física do Cecop.

-Organización das comunicacións.

As ferramentas gráficas.

-Método moi interesante para a representación gráfica da situación táctica nunha operación; permítenos representar en calquera momento a situación dos medios sobre o terreo. É moi útil para a información entre Cecop avanzado e fixo e tamén para dar ordes en situacións complicadas.

-Exercicios prácticos.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente ao inicio do curso. Tamén poden comprobar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46, ou consultando a páxina web http://cexesga.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de abril de 2006.

Carlos Súarez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia