DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.363

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 18 de abril de 2006 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2006 ao abeiro do Decreto 233/2003, do 3 de abril, de axudas aos concellos para a infravivenda rural.

O Decreto 233/2003, do 3 de abril, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de axudas aos concellos para a infravivenda rural.

O seu artigo 5.2º dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar en cada exercicio económico.

A súa disposición derradeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a nova estrutura da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Vivenda e Solo, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, na súa disposición adicional sétima establece que as referencias contidas na normativa reguladora do organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, en canto ao conselleiro e á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, deberán entenderse referidas á Consellería de Vivenda e Solo.

A Consellería de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo 5º.2 do Decreto 233/2003, do 3 de abril, e para dar cobertura aos expedientes que acaden no presente exercicio a fase de concesión determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas do Decreto 233/2003, é a 17.02.331A.760.0.

2. O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2006 será de 4.059.358,58 A, dos que 1.989.304,58 A empregaranse en atender aos expedientes de gasto procedentes de exercicios anteriores, e 2.070.054 A en expedientes de gasto de exercicio corrente.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo