DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 27 de abril de 2006 pola que se establecen normas para a concesión de axudas para a realización de actividades de educación para a sustentabilidade.

O artigo 149.1º.23 da Constitución, en relación coas competencias asumidas por esta comunidade

autónoma no artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia, faculta a nosa comunidade autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e a paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomentar a conciencia de que o medio galego é un patrimonio e un ben no que todos os estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, recolle entre as súas competencias a promoción das iniciativas sociais relativas á difusión e divulgación ambiental, así como á promoción, deseño, execución e seguimento de programas, accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da poboación.

Por todo isto, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible promove un réxime de axudas destinadas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a educación para a sustentabilidade.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para a realización das seguintes actividades de educación para a sustentabilidade:

a) Cursos, exposicións, conferencias, obradoiros, seminarios e xornadas relacionadas coa educación para a sustentabilidade.

b) Publicacións en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación dirixido á educación para a sustentabilidade, incluíndo a súa preparación e elaboración, sempre que a súa finalidade sexa a súa distribución gratuíta.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) As persoas físicas, sempre que a súa finalidade sexa a realización de publicacións segundo o recollido no artigo 1º b) desta orde.

b) As institucións sen fins de lucro (como asociacións, fundacións, entidades benéficas, etc.) que dispoñan dos medios suficientes e adecuados para levar a cabo accións de divulgación e educación para a sustentabilidade.

c) Os concellos, as mancomunidades, os consorcios e, en xeral, todas aquelas institucións, asociacións e colectivos que pertenzan ao ámbito dunha administración territorial.

d) As sociedades públicas e outros entes públicos.

2. Todos os beneficiarios deberán ter o seu domicilio social ou delegación, no caso de persoas xurídicas, e domicilio particular, no caso de persoas físicas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Co obxecto de acadar unha maior repartición das axudas, só se admitirá unha solicitude por entidade, salvo para o caso das institucións recollidas

no apartado d) que poderán presentar máis dunha solicitude para a realización das actividades obxecto destas axudas.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde, as persoas ou entidades nos que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Porcentaxe e importe das axudas.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará os investimentos que se realicen para levar a cabo accións relacionadas no artigo 1º, cun importe que pode chegar ao 100% do orzamento aprobado, sempre e cando non concorran con outro tipo de subvencións e axudas doutras administracións públicas ou entidades públicas ou privadas, nacionais ou extranxeiras.

2. Estas axudas non superarán os máximos seguintes dependendo do beneficiario de que se trate:

-Para os beneficiarios das axudas previstos na letra a) do artigo 2º: Ata un máximo de 3.000 euros (tres mil euros).

-Para os beneficiarios das axudas previstos na letra b) do artigo 2º: ata un máximo de 8.000 euros (oito mil euros).

-Para os beneficiarios das axudas previstos na letra c) do artigo 2º: ata un máximo de 15.000 euros (quince mil euros).

-Para os beneficiarios das axudas previstas na letra d) do artigo 2º: ata un máximo de 5.000 euros (cinco mil euros).

2. A cobertura destas axudas estenderase a:

a) Para as actividades do artigo 1º a): gastos derivados da organización; honorarios de conferenciantes e profesorado; aluguer de equipos e material; realización de material expositivo, de divulgación do propio acto e outro material correspondente á actividade, excluído o material inventariable.

b) Para as actividades do artigo 1º b): gastos derivados da preparación do material (como fotografías, ilustracións e outros necesarios) para a elaboración da unidade que se propoña na memoria de solicitude, a de impresión ou publicación, excluído o material inventariable.

3. O importe do IVE non será subvencionable na medida recuperable da Facenda pública.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas no modelo de solicitude normalizado recollido para o efecto no anexo I desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán presentarse na Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, nas delegacións provinciais ou nos servizos centrais.

2. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras.

Artigo 5º.-Documentación xeral que hai que presentar.

1. As solicitudes irán acompañadas, con independencia do tipo de beneficiario, da seguinte documentación:

1) A instancia da solicitude, que figura no anexo I da presente orde, segundo as indicacións recollidas no artigo 4º.1.

2) Certificación bancaria presentada no modelo normalizado recollido para o efecto no anexo II desta orde.

3) Fotocopia do NIF do solicitante nos casos de persoas físicas debidamente compulsada, ou acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, para todos os tipos de beneficiarios que actúen en nome de calquera entidade.

4) Memoria explicativa das accións concretas que se queiran emprender, que deberá conter, polo menos, os seguintes extremos:

a) Programación, que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, lugar, temas para tratar, relatores e títulos dos relatorios, medios materiais e humanos cos que se conta, e calquera outro aspecto que se considere de interese.

b) Persoas ás que vai dirixido e número de participantes previstos.

c) Relación dos actos celebrados no último ano pola entidade organizadora e certificado dos que foran recoñecidos de interese ambiental.

5) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas.

6) Calendario previsto de inicio e remate das actuacións. A súa finalización deberá ser anterior ao día 30 de outubro de 2006.

7) Declaración xurada de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes. Esta declaración presentarase no modelo normalizado recollido para o efecto no anexo III desta orde.

8) No caso de publicacións terá que presentarse unha maqueta delas.

2. Especificamente, para o caso dos beneficiarios que se inclúan nas letras b) e d) do artigo 2 da presente orde, as solicitudes deberán ir acompañadas, ademais da documentación xeral anteriormente relacionada, dunha copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da organización solicitante.

Para o caso dos beneficiarios recollidos na letra c) do artigo 2, as solicitudes deberán ir acompañadas ademais da documentación común anteriormente relacionada, dun certificado do acordo de participación na convocatoria do órgano competente, segundo se trate de concellos, mancomunidades, consorcios, etc..

3. No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios, as solicitudes presentaranse nunha petición única cursada polo seu representante legal, ou ben a persoa designada para o efecto como representante dela.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Unha vez recibidas as solicitudes, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá solicitar a ampliación de datos ou informes, en relación coa documentación presentada, que considere necesarios.

Se observase algunha deficiencia, ésta seralle notificada ao solicitante, concedéndoselle un prazo de dez días, contados desde a recepción da notificación, para emendar as faltas ou acompañar os documentos preceptivos, conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda, terase por desistido da súa petición o solicitante, tras a oportuna resolución administrativa, ditada nos termos do artigo 42 da LRXPAC.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible tramitará as axudas efectuando as comprobacións e estudos pertinentes, e formulará a correspondente proposta de resolución que conterá:

-Orzamento aprobado para cada actividade,

-Relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de axudas e a contía,

-Listaxe daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada.

A dita proposta elevarase ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, quen ditará a pertinente resolución de concesión ou denegación de axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións contidas nesta orde.

Antes da concesión da axuda, a unidade xestora terá que comprobar que o beneficiario se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas, por ningún outro concepto, coa Administración pública desta comunidade autónoma, segundo o disposto no artigo 78.4º b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. No prazo máximo de dous meses desde o remate do prazo de presentación de instancias, comunicaráselles aos solicitantes a aprobación ou denegación

da axuda. Aos solicitantes aos que se lle aprobe a súa solicitude comunicaráselles o orzamento aprobado para cada actividade e a contía da axuda concedida.

4. Transcorrido o prazo máximo para notificar a resolución sen que a Administración a adoptase, entenderase denegada a solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolvela expresamente en todo caso, de acordo co establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRXPAC).

5. O outorgamento da axuda terá que ser aceptado polo beneficiario no prazo de 10 días, e deberá notificarllo á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada.

6. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

Para efectos de valorar os proxectos e solicitudes presentadas constituirase unha comisión de avaliación que estará formada por:

a) O director/a xeral de Desenvolvemento Sostible, ou persoa en quen delegue.

b) O subdirector/a xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible.

c) O xefe/a do Servizo de Educación para a Sustentabilidade.

d) O director/a do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.

e) O presidente/a da Sociedade Galega de Educación Ambiental.

Artigo 8º.-Criterios de baremación e aprobación.

1. As solicitudes baremaranse conforme os seguintes criterios:

a) Calidade técnica da actividade que se vai realizar, valorándose a súa adecuación aos obxectivos da EGEA (Estratexia Galega de Educación Ambiental): 0-10 puntos.

b) Cualificación profesional e experiencia dos medios humanos que executarán a actividade, valorándose a titulación universitaria dos monitores.: 0-5 puntos.

c) Alcance das accións que se van desenvolver, no número de persoas a que se dirixen e ámbito territorial: 0-10 puntos.

d) Orixinalidade do proxecto: 0-5 puntos.

e) Nivel de cofinanciamento achegado para a realización da actividade polo propio solicitante: 0-10 puntos.

2. Aprobaranse soamente as solicitudes que obteñan polo menos 20 puntos sobre os 40 totais.

3. Aquelas solicitudes que superen a puntuación mínima para seren admitidas serán baremadas por orde descendente de puntuación.

4. Se algún dos solicitantes aprobados rexeita a axuda, o importe desta poderá ser redistribuído nas restantes axudas aprobadas.

Artigo 9º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1. Para o pagamento das axudas será preciso xustificar a execución das accións aprobadas mediante a proba documental correspondente, considerándose como medios de xustificación procedentes, sen prexuízo doutros que poidan establecerse, os que se determinan no artigo 15.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, no prazo de 15 días naturais a partir da finalización das actuacións obxecto da axuda.

2. Antes da tramitación do pagamento da axuda, o órgano xestor da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible deberá comprobar que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais coa AEAT, coa Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

3. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, para verificar o cumprimento da finalidade da axuda.

4. O incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión determinará a obriga de reintegro total ou parcial da axuda percibida.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta na concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou anulación da concesión.

Artigo 10º.-Prazo de finalización das actuacións.

1. As actuacións obxecto de axuda deberán estar rematadas antes do 30 de outubro de 2006 e xustificadas antes do 1 de decembro de 2006.

2. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 11º.-Aplicación orzamentaria.

1. As axudas concedidas financiaranse para os beneficiarios que se inclúan no artigo 2º, letras a) e b), con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A.780.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cunha dotación inicial de 100.000 euros (cen mil euros).

2. As axudas concedidas aos beneficiarios que se inclúan na letra c) do artigo 2º, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para

o ano 2006, cunha dotación inicial de 150.000 euros (cento cincuenta mil euros).

3.As axudas concedidas aos beneficiarios incluídos na letra d) do artigo 2º, terán a súa aplicación orzamentaria na partida 15.04.342A.740.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cunha dotación inicial de 30.000 euros (trinta mil euros).

4. Estas dotacións orzamentarias poderán verse incrementadas en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 12º.-Outras condicións.

1. En toda a documentación pública relacionada coas actividades obxecto de axuda, farase constar que estas se realizan en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, empregando os logotipos de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

2. No caso de axudas concedidas para publicacións deberá reservarse un 10% dos exemplares editados para a súa distribución gratuíta pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

3. En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible». Nos exemplares de distribución gratuíta farase constar impreso neles a frase «Exemplar gratuíto».

4. En relación cos orixinais que se realicen ao abeiro do establecido no artigo 1º b), que non leven consigo directamente a súa publicación ou realización, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible reservará para si o dereito de publicación ou de realización, durante un ano, contando desde a data de entrega do orixinal.

5. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible publicará no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da consellería relación que conteña os extremos indicados no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999. Ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas que, individualmente consideradas, superen os 3.000 euros.

6. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 28 de novembro, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao contido dela.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederase ao reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde, e dos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas na súa concesión e, se é o caso, nos supostos previstos no artigo 78.5º e 78.6º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, que modifica o artigo 78.4º e 78.5º respectivamente do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e nos supostos establecidos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 14º.-Obriga de facilitar información.

Os beneficiarios das axudas previstas nesta orde ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, teñen a obriga, conforme ao previsto no artigo 78.8º j) da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo que modifica o artigo 78.6º i) do Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 15º-Recursos.

A resolución pola que se outorga a axuda porá fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da LRXPAC, ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Única.-Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, que modifica o artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Sostible para ditar as instruccións precisas para o desenvolvemento e execución do disposto na presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e

Desenvolvemento Sostible