DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 75/2006, do 20 de abril, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Santuario da Nosa Señora das Ermidas, concello do Bolo, e o seu contorno delimitado, nos concellos do Bolo e Manzaneda.

O Santuario da Nosa Señora das Ermidas atópase situado entre os macizos das serras de Queixa, do Eixo e San Mamede, nunha profunda garganta do río Bibei, e próximo a unha das antigas rutas de penetración en Galicia, a Vía Romana de Astorga a Ourense, non lonxe do cruzamento coa Vía de Braga a Astorga.

Goza dunha situación privilexiada, localizada nun anfiteatro natural que realza a súa arquitectura barroca, xa que os edificios que compoñen o santuario aséntanse nun reborde abrupto da empinada montaña, sobre unha plataforma artificial escavada na rocha viva desde a que se domina a ribeira encaixada pola que discorre o Bibei.

As Ermidas, célebre pola súa milagreira imaxe, converteuse desde antigo nun importante lugar de peregrinación, sobre o que se erixiu a primeira igrexa, unha sinxela ermida, a fins da Idade Media. En 1624 comezou a costrución dunha nova igrexa cunha única nave e unha casa para o administrador, e se ampliou o mesón de peregrinos xa existente, creándose o núcleo para o posterior desenvolvemento do santuario en fases sucesivas ata o complexo existente na actualidade.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por Resolución do 29 de xuño do 2004 (Diario Oficial de Galicia do 26 de xullo) incoou expediente para a declaración de ben de interese cultural a favor do Santuario da Nosa Señora das Ermidas e do seu contorno.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de abril de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Santuario da Nosa Señora das Ermidas, concello do Bolo, e o seu contorno delimitado nos concellos do Bolo e Manzaneda.

Artigo 2º

A declaración afecta os bens que se describen no anexo I e a zona comprendida na delimitación

descrita no mesmo anexo, así como no plano recollido no anexo II.

Artigo 3º

Este decreto será notificado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ao Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, aos concellos do Bolo e Manzaneda e aos demais interesados no expediente.

Artigo 4º

Este decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

ANEXO I

O Santuario da Nosa Señora das Ermidas esta formado pola igrexa, a súa praza, o cruceiro e a edificación de soportais, a casa da administración, a hospedaría e as dependencias anexas, o vía crucis, as súas figuras e capelas, o cemiterio, a capela neogótica da Resurrección, a fonte da Durmiñona e as demais construcións relacionadas coa tradición do Santuario e o seu mantemento e actividades produtivas, así coma a ponte e os camiños tradicionais que del parten.

Forman tamén parte desta declaración os bens mobles que figuran clara e exhaustivamente descritos no inventario incluído no expediente de declaración así como no Inventario Moble da Igrexa Católica, que definen en detalle retablos, esculturas, tallas, reixas, escudos, lenzos, ourivaría, roupaxes, petos, e outro enxoval, entre os que figuran como máis sobranceiros:

1. O retablo maior da Virxe das Ermidas así como o seu altar, o lenzo do Triunfo da Fe, o lenzo dos Misterios do Rosario e as catro imaxes de anxos portantes situados no presbiterio.

2. Os retablos de San Antonio de Padua, a Virxe Dolorosa, a Virxe do Rosario e a Inmaculada situados no cruceiro.

3. Os lenzos da Virxe do Carme e do Cristo, a reixa barroca e a pía bautismal asentados na nave central.

4. Os retablos de San Luis Gonzaga e San Roque, situados nas naves laterais.

5. O altar do Crucificado e as cinco táboas policromadas representativas da vida de Santo Domingo,

así como dos lenzos de San Pablo, San Pedro, San Vicente Ferrer, San Basilio Magno e Santo Tomás de Aquino, radicados na sancristía, así como a fonte barroca situada ao seu carón.

6. O altar da Dormición da Virxe, situado no camarín existente no lateral dereito da capela maior.

O contorno de protección do Santuario da Nosa Señora das Ermidas, queda definido pola liña que une os puntos A-B-C-D-E-F-G-H-I-J, estando o punto A situado no cumio do Alto do Serro, con cota 1.048,85 m.

A-B: liña recta que une os cumios de cota 1.048,85 m e cumio das Chairas de cota 930,88 m.

B-C: liña recta que une os cumios de cota 930,88 m e cumio do Alto da Abada de cota 624,48 m.

C-D: liña recta que une os cumios de cota 624,48 m e a cota 912,06 m ao outro lado da estrada C-533.

D-E: liña recta que une os cumios de cota 912,06 m e cumio do lugar da Queimada de cota 856,04 m.

E-F: liña recta que une os cumios de cota 856,04 m e o cumio do lugar do Pinar de cota 776,37 m.

F-G: liña recta que une os cumios de cota 776,37 m e cumio do lugar da Anduriña de cota 691,30 m, atravesando a estrada C-533.

G-H: liña recta que une os cumios de cota 691,30 m e cumio de cota 805,81 m, atravesando o río Bibei.

H-I: liña recta que une os cumios de cota 805,81 m e cumio do Alto do Outar Pedroso de cota 876,60 m.

I-J: liña recta que une os cumios de cota 876,60 m e cumio de cota 956,46 m.

J-A: liña recta que une os cumios de cota 956,46 m e cumio do Alto do Serro de cota 1.048,85 m que pecha o contorno.