DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 27 de abril de 2006 pola que se establecen as bases reguladores para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a empresas privadas para a creación, reforma e mellora da infraestrutura hoteleira sita en núcleos históricos en áreas de rehabilitación integral e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

Calquera actuación de política turística que teña como finalidade a modernización das infraestruturas e os servizos, así como a oferta dun amplo abano de posibilidades de aloxamento, debe apoiarse na industria hoteleira como protagonista principal e factor clave.

Dentro da ampla diversidade turístico-cultural galega, estase no tempo de fomentar e crear novas modalidades de aloxamentos turísticos e diversificar a oferta da comunidade, xerando emprego e riqueza mediante o aproveitamento racional dos recursos.

A posta en valor dos núcleos históricos en cidades e vilas da Comunidade Autónoma de Galicia, considérase unha aposta de grande interese para a promoción turística das zonas antigas dos medios urbanos.

A Administración turística galega entende esta acción como imprescindible para incrementar o valor engadido do turismo cultural en Galicia, dada a riqueza patrimonial de moitos núcleos urbanos hoxe desaproveitados para o turismo por falta de políticas promocionais axeitadas.

A dinamización turística destes medios desenvolverase coordinando accións de rehabilitación de construcións, co claro obxectivo de converter as zonas urbanas históricas máis interesantes de Galicia en lugares atractivos para os visitantes, á vez que se fomenta a habitabilidade de edificios antigos recuperados e o desenvolvemento económico das ditas zonas.

En todo caso, o acondicionamento destas edificacións debe realizarse a través de proxectos que respecten a súa localización na cidade histórica, de forma que exista un perfecto equilibrio entre a edificación e o seu contorno.

Deste xeito, a finalidade desta orde é fomentar a creación de establecementos hoteleiros en atención a súas características arquitectónicas e patrimoniais, así como a súa localización en núcleos históricos, entendendo o concepto de núcleo histórico como área de rehabilitación integral (ARI) así declarada pola Consellería de Vivenda e Solo.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, tendo en conta os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e con base no establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73

e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, así como o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á creación e mellora de infraestrutura hoteleira en núcleos históricos en áreas de rehabilitación integral polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, os investimentos dirixidos á creación, reforma ou mellora mediante nova construción ou á rehabilitación e/ou restauración de edificacións, para uso hoteleiro (grupo primeiro: hoteis), sitos en núcleos históricos dentro dun área de rehabilitación integral (ARI).

No caso de reforma ou mellora de establecementos existentes, serán obxecto de subvención as actuacións seguintes:

* As accións que permitan a conversión de establecementos hoteleiros de categoría inferior en establecementos hoteleiros do grupo primeiro (hoteis).

* As accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos hoteleiros que estean clasificados dentro do grupo de hoteis, incidindo especialmente no relativo as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

* As actuacións en hoteis dirixidas á implementación de enerxías renovables.

* As accións en hoteis encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

Estas accións abranguen a modernización e remodelación de todas as instalacións, así como a creación ou mellora da oferta complementaria.

A mellora non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola Administración turística.

Os establecementos, obxecto de subvención, non poderán superar unha oferta de aloxamentos de máis de 75 prazas.

Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se emprendan para a creación, reforma ou mellora dos hoteis obxecto desta orde como, s é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A ditas subvencións, que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.06.651A. 770.2 destínase un crédito de 744.153 A, distribuídos en 3 anualidades,

a saber, no ano 2006, 217.291 A, en 2007, 206.462 A e en 2008, 320.400 A.

As cantidades que se destinan para as subvencións poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Aplicarase o disposto nos artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios de 2006, 2007 e 2008, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable ou legalmente establecido.

En todo caso establécese a incompatibilidade da concorrencia de subvencións solicitadas ao abeiro do establecido nesta orde coa solicitude de axudas segundo as ordes de convocatoria de subvencións para a creación ou mellora de infraestrutura hoteleira, sen prexuízo do exposto no parágrafo anterior.

Os proxectos que se determinan nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o investimento subvencionable.

Engadiranse seis mil cen euros (6.100 A) por cada posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se exixe nesta orde, sen que en ningún caso co dito incremento se supere a poncentaxe do 40% do investimento subvencionable.

Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se emprendan para a creación ou mellora dos hoteis obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.

Considéranse comprendidos nos proxectos de obras, e por tanto subvencionables, todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nelas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc.); non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra estas condicións.

Non se considera subvencionable o mobiliario, a lenzaría, menaxe, vaixelas e análogos, a adquisición de terreos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

Cando se trate de creación de establecementos hoteleiros, para o cálculo do investimento subvencionable estimarase como orzamento máximo de exe

cución material o establecido por metro cadrado de superficie construída no cadro seguinte:

CategoríaHoteis

*640 A/m

**670 A/m

***690 A/m

****720 A/m

*****760 A/m

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

O importe total da subvención será distribuído en tres anualidades en relación coa execución do investimento subvencionado.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a creación, reforma ou mellora de hoteis, con carácter xeral, as empresas turísticas, así como as de nova creación e as agrupacións delas.

Os investimentos que se subvencionen deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. No caso de creación de hotel, o investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a douscentos mil euros (200.000 A).

2. No caso de reforma ou mellora de hotel o investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a sesenta mil euros (60.000 A).

3. Os proxectos que se presenten serán globais, é decir, estarán contidos nunha única solicitude e abranguerán todas as obras e bens de equipamento mediante instalacións fixas precisas para a posta en marcha do establecemento hoteleiro una vez rematada a ejecución e no prazo a que, conforme esta orde, se compromete o beneficiario.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes da subvención para a creación, reforma ou mellora de hoteis adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Iniciar a súa actividade turística, incluídos todos os servizos que se previron no proxecto, provisto da correspondente autorización de apertura da Administración turística, nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Manter a súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data da concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade.

Así mesmo, e de conformidade co artigo 8.5º do Decreto 172/2001, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia,

e o número 4.10 das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional, deberán manter os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 5 anos.

3. Crear os postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e mantelos durante un período de 5 anos.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Innovación e Industria e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

5. Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

6. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora producidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

* Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera administración ou ente público ou privado.

7. Adscribirse á central de reservas que, se é o caso, cree a Administración turística galega.

8. Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

9. A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria correspondente á provincia de localización do investimento ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Anexo II.

c) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, visado polo colexio profesional, que conterá:

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do entorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no cal se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá de estar na memoria deste.

-Planos de localización do investimento.

-Planos do estado actual, se correspondesen, e do proxecto.

-Relación exhaustiva (indicando cualidades) dos materiais e acabamentos propostos.

-Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese de indicar calidades, localizacións e número) que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

-Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, se é o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional así como equipamentos e servizos.

-Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que se presten no establecemento.

-Memoria explicativa das accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

-Proxecto de decoración de toda a edificación e, se é o caso, do contorno.

Teñen a consideración de edificación e, por tanto, requiren proxecto básico os seguintes:

I. Obras de edificación de nova construción, agás aquelas de escasa entidade e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nun só andar.

II. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

III. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como, aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección.

IV. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma dun hotel xa existente e cando se trate de actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución segundo a normativa vixente, mediante resolución motivada do director xeral de Turismo, visto o informe técnico correspondente e tendo en conta a natureza do investimento, pódese eximir o solicitante, logo de petición razoada deste, de presentar o proxecto básico; neste caso deberase presentar memoria explicativa, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica. Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

e) Anexo técnico.

f) Proxecto de explotación do establecemento proxectado.

g) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, bastará a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, mediante certificación do secretario, no cal se indique que o proxecto para o cal se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da dita licenza urbanística.

h) Certificación do concello de que o proxecto está nun núcleo histórico dentro dunha zona declarada área de rehabilitación integral.

i) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus estatutos, nos cales se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

j) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ninguna administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

k) No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa, será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa vai axustarse a todas as condicións que se sinalan para os destinatarios.

l) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicas ou privadas.

ll) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

m) Plan de calidade proxectado para o establecemento, normalizado e recoñocido, nos mercados. Débese de indicar expresamente se o dito plan está homologado polo Instituto da Calidade Turística Española.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. De non facelo, teranse por desistidos na súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás cales se lles achegará un informe emitido pola respectiva Delegación Provincial de

Turismo en que se deberá indicar se o proxecto para o cal se solicita subvención cumpre a normativa de ordenación turística, así como a clasificación hoteleira que lle correspondería, serán estudadas por unha comisión técnica de valoración, constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes dos servizos provinciais de Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innvovación e Industria, os xefes dos servizos de Fomento e Promoción, de Inspección, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo, un representante do Instituto Enerxético de Galicia e o xefe de área de xestión de calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servizo de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios:

1º) As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional conforme parámetros construtivos que permitan a súa utilización turística.

2º) Análise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de servizos de utilización turística.

3º) A oferta de servizos proxectada para o establecemento.

4º) Estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún plan de dinamización ou excelencia turística.

5º) A inadecuación entre a oferta hoteleira e a demanda destes servizos na zona.

6º) Número de postos de traballo que se vaian crear e o grao de estabilidade deles.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que, se é o caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias formulará ao conselleiro de Innovación e Industria, a través do director xeral de Turismo, as propostas de concesión ou denegación adoptados por ela. Das ditas propostas redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra estas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación das ditas resolucións.

A resolución de concesión determinará o investimento e o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2006, 2007 e 2008.

No caso de concesión de subvención após a resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.1 desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1, terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ao 30 de xuño de 2008.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as cales non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Requisitos das subvencións.

No prazo de corenta días naturais desde o día seguinte á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación por duplicado exemplar:

a) Proxecto de execución definitivo, visado polo colexio profesional correspondente, da acción subvencionada, no cal se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención e, para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberá ser avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

c) Documento acreditativo ou contrato, do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

d) Reportaxe fotográfica do estado actual da edificación.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de 10 días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Transcorrido o sinalado prazo de 40 días naturais ou o de requirimento, de ser o caso, procederase a declarar os interesados que non cumpran o sinalado neste artigo decaídos no seu dereito ao trámite correspondente, logo de resolución ditada para o efecto, e anularase a subvención concedida.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios da subvención deberán comezar a execución do proxecto durante o ano 2006, debendo estar rematado con tempo suficiente para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade ao ano 2006, sempre e cando os solicitantes

presenten certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

2. Os proxectos que se subvencionen terán que publicitar a colaboración da Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servizos provinciais de Turismo da Consellería de Innovación e Industria. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2006: 1 de novembro de 2006.

Fase de 2007: 1 de outubro de 2007.

Fase de 2008: 30 de xuño de 2008.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo, logo de resolución ditada para o efecto.

De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente a dita anualidade, salvo que o executado non cumprise o fin para o cal se concedeu a subvención, en neste caso quedaría anulada na súa totalidade.

De ter xustificado a totalidade do investimento subvencionado antes da derradeira anualidade, deberá, non obstante, solicitarse o pagamento da subvención coa correspondente documentación exixida na orde nas datas indicadas.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado

for menor, e sempre mantendo os fins para os cales se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. No caso de o investimento xustificado ser menor do investimento mínimo subvencionable (200.000 A para creación de hotel e 60.000 A para reforma ou mellora), a Dirección Xeral de Turismo valorará as circunstancias que motivaron esta minoración e que non fosen previsibles coa solicitude, e poderá, se é o caso, logo de audiencia ao interesado, revogar a subvención concedida.

4. Para percibir a subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

4.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

4.2. Facturas e certificación por conceptos, modelo oficial, que se compón de primeira páxina certificación en orixe, por partidas e capítulos segundo medicións e prezos establecidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

4.3. Xustificantes do pagamento, mediante transferencia bancaria, das facturas presentadas. O importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas facturas.

No caso de estar eximido o beneficiario de presentar o proxecto básico segundo se sinala no artigo 5º desta orde, deberase remitir ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais ou copia compulsada delas, relativas ao investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

4.4. Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. Este documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade en tanto non se teña presentado.

4.5. Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ninguna Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

4.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromiso a que se fai referencia no artigo 4º e no anexo II desta orde. Será obrigatorio presentar este aboamento coa primeira solicitude de pagamento.

4.7. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4.8. Cando se solicite o pagamento da anualidade de 2006 ou de 2007 ou 2008, ademais da presentación da documentación indicada no número 3 deste artigo, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4.9. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de empresas xa constituídas, a condición de beneficiario de subvención, sen

prexuízo dos demais requisitos que na mesma se establecen, só poderá adquirirse cando, polo menos, o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquirir a condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento aos ditos requistos de estabilidade laboral no caso de a subvención concedida ser inferior a 60.101 A.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

I. Autoemprego.

II. Indefinidos.

III. Fixos-descontinuos.

Deberá sinalarse se a xornada é a tempo completo ou se se trata de xornada partida.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ao ano, procederase a dividir a suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2006.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria