DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 26 de abril de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para actuacións de desenvolvemento equilibrado nos centros comerciais abertos de Galicia e os eixes comerciais das vilas e cabeceiras de comarca, de acordo cos obxectivos fixados no Plan de renovación e mellora do comercio galego.

O comercio está pasando por un período de cambio que exixe un importante esforzo e un proceso de adaptación continuo, que sitúa o comercio tradicional na necesidade de iniciar un período de cambio, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas cidades. Por isto, o Plan de renovación e mellora do comercio galego inclúe un programa específico: -Pulo do asociacionismo comercial e das integracións estratéxicas-, no cal se recolle un conxunto de medidas entre as que cabe subliñar: revitalización de centros comerciais abertos e eixes comerciais, como unha das iniciativas que, promovidas por asociacións de comerciantes fortes, poidan facilitar a recuperación dunha vila en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como incluso urbanístico, contribuíndo a evitar a despoboación que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos.

O comercio ten que lograr cumprir co dobre obxectivo de satisfacer, en primeiro lugar, as necesidades duns consumidores cada vez máis exixentes que demandan combinar o acto da compra e o ocio tal como demanda a sociedade actual e, en segundo lugar, exercer de motor social construíndo cidade.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións para o ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva, para a posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa o desenvolvemento de integracións estratéxicas verticais e horizontais nun espazo comercial definido, que reforcen a cooperación funcional na procura da dinamización e a incentivación da actividade comercial destes espazos, a través de proxectos innovadores que reforcen o desenvolvemento económico e social das vilas galegas, de xeito que o comercio poida recuperar o seu papel de actor fundamental á hora de definir os modelos urbanos en que desenvolvan a súa actividade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarios as asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que

estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais sen fins de lucro e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia en:

a) Centros comerciais abertos.

b) Eixes comerciais.

c) Mercados de abastos en centros comerciais xestionados polos propios comerciantes.

2. Para os efectos desta orde, terán a consideración de centros comerciais abertos os espazos comerciais que, estando situados na Comunidade Autónoma de Galicia, contituídos segundo o previsto no artigo 5.2º a) desta orde, cumpran polo menos cinco dos seguintes requisitos mínimos:

a) Estean en concellos con poboación superior os 10.000 habitantes, de acordo co establecido no Real decreto 1358/2005, do 18 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2005.

b) Dispoñan dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolven debe haber polo menos douscentos comercios.

c) Conten como adheridos polo menos co 50% dos comercios existentes na súa delimitación territorial.

d) Presenten un alto grao de densidade e variedade comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integren os principais eixes comerciais da vila, sendo percibida pola poboación como a zona natural e tradicional de compras.

f) Posúan unha xestión profesionalizada.

3. As solicitudes para o desenvolvemento de centros comerciais abertos que, de acordo co disposto no artigo 3.1º a), non cumpran os requisitos exixidos no punto anterior, serán tramitadas de oficio como solicitudes para o desenvolvemento de actuacións en eixes comerciais, de acordo co establecido no artigo 3.1º b), logo de comunicación á entidade solicitante.

4. Cando o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas, deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención para aplicar por cada unha das entidades, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Nestes casos, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario corresponden á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

5. Será incompatible a presentación de solicitudes de subvención pola mesma entidade para a percepción de axudas recollidas nesta orde e na Orde do 24 de abril de 2006, de incentivación da demanda no ámbito do comercio retallista.

6. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) A potenciación e consolidación de centros comerciais abertos a través de actuacións de creación e consolidación de unidades xerenciais dependentes directamente do centro comercial, sen que o custo do asesoramento externo poida ser superior ao 25% do total da unidade xerencial, desenvolvemento de sistemas de fidelización, elementos de sinalización comercial, actividades de formación, promoción e animación comercial.

O investimento máximo subvencionable será de 150.000 euros. Non obstante, ningunha das accións que integran o proxecto poderá superar o 40% do orzamento total presentado.

b) Actuacións en concentracións comerciais, cabeceiras de comarcas, zonas urbanas comerciais, centros comerciais de barrio e nos espazos de interese comercial que non responden ao modelo de centro comercial aberto, que constitúen tamén unha forma de centralidade comercial e prestan un indubidable servizo en canto á diversificación da oferta e satisfacción das necesidades cotiás da poboación residente a través de actuación de sinalización comercial, formación, promoción e publicidade comercial, equipamentos e instalacións de organismos intermediarios, etc.

O investimento máximo subvencionable será de 100.000 euros; non obstante, ningunha das accións que integran o proxecto poderá superar o 40% do orzamento total presentado.

c) Proxectos de investimento dirixidos á transformación estrutural dos mercados de abastos en centros comerciais xestionados polos propios comerciantes a través de investimentos, tanto en acondicionamento e equipamento, unidades xerenciais, realización de accións de fidelización, promoción comercial, actividades formativas, etc.

O investimento máximo subvencionable será de 100.000 euros.

As cantidades fixadas nos puntos anteriores a) e b) poderán ser modificadas en función da fase de implantación en que se atope o proxecto presentado.

2. Non terán carácter subvencionable os regalos promocionais e os impostos recuperables ou repercutibles polos beneficiarios.

3. Entenderanse coma actuacións subvencionables todas as accións realizadas entre o 1 de xaneiro

de 2006 e a data límite de presentación da xustificación, de acordo co establecido no artigo 9 da presente orde.

4. Aquelas actuacións subvencionables realizadas a partir da data de finalización do prazo límite para a xustificación dos investimentos da orde de convocatoria do exercicio anterior e ata o 31 de decembro, e en función da especial natureza destas, poderán acollerse ás axudas previstas nesta disposición.

Artigo 4º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.521-A.780.1 revitalización do sector comercial, destinándose para o financiamento a cantidade de 2.350.000 euros.

Aplicación orzamentaria: 10.05.521-A.780.1.

Ano 2006: 62.350.000 euros.

Estas contías poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. As porcentaxes de subvención poderán acadar ata o 50% do investimento máximo subvencionable aprobado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Para as actuacións recollidas nas letras a) e b) do punto 1º do artigo anterior, as porcentaxes de subvención incrementaranse en dez puntos de subvención cando o investimento se realice en concellos de menos de 20.000 habitantes, segundo o Real decreto 1358/2005, polo que se aproban as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2005.

A porcentaxe de subvención fixarase en función da calidade do proxecto presentado, do seu carácter innovador, así como das características do concello onde se vai desenvolver.

3. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencions das distintas administracións ou entes públicos, nacionais ou internacionais, supere o 90% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ao conselleiro de Innovación e Industria e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Innovación e Industria ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración autónomica de Galicia.

2. A solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo I, deberá presentarse por

duplicado acompañada da documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houbese, así como o código de identificación fiscal. No caso de solicitudes para a consolidación dun centro comercial aberto deberá presentarse a acta da súa constitución, estatutos e documentación acreditativa de estaren inscritos no rexistro correspondente, acompañada da relación de socios adscritos ao centro comercial aberto.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante, acompañada do documento nacional de identidade.

c) Memoria de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, que incluirá polo menos, a súa descrición, obxectivos, localizacion e calendario de realización, así como o número e características dos participantes e beneficiarios.

d) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as que se solicita subvención e/ou factura pro forma da actividade ou adquisición que subvencionará quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento.

e) Orzamento do exercicio corrente, sen incluír as partidas das actuacións subvencionables.

f) Certificado expedido polo secretario da entidade que acredite o número de asociados que están dados de alta, dos que se achegará relación detallada en soporte informático, con inclusión do nome do titular e do establecemento, actividade principal a que se dedica, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións para desenvolver.

g) Declaración expresa sobre a concesión, ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais, así como de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo modelo normalizado establecido no anexo II desta orde.

h) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

i) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

j) Declaración de compromiso de uso e posterior utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo III, de ser o caso.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao amparo do disposto nesta orde.

2. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúne os requisitos establecidos no artigos 2º e 4º desta orde, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

4. Revisados e completados, de ser o caso, os expedientes, o órgano instrutor deberá emitir, como paso previo á valoración, un informe relativo ao cumprimento dos requisitos que para os solicitantes se establecen no artigo anterior.

Unha vez revisadas as solicitudes polo órgano instrutor, procederase á súa valoración por unha comisión de valoración, constituída para o efecto e que estará integrada por un xefe de servizo, un sefe de sección e un técnico da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

5. O conselleiro de Innovación e Industria, á vista dos informes de avaliación, ditará as resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións que procedan.

6. As resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións serán motivadas e expresarán, polo menos, o obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe da axuda ou subvención concedida e a contía desta ou, de ser o caso, o motivo da denegación.

O beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución e para os efectos da optimización dos fondos dispoñibles. No caso contrario, e logo de requirimento da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, entenderase que renuncia á axuda ou subvención concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda ou subvención formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario segundo o modelo normalizado do anexo IV, en que se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde da convocatoria de axudas e, de ser o caso, na resolución de concesión desta.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen se ter notificado a resolución lexítima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 7º.-Criterios de selección dos proxectos.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. A rigorosidade do proxecto, coherencia na súa estrutura, adecuación dos obxectivos e implicación dos comerciantes no proxecto.

2. A maior achega financeira da entidade solicitante en relación co investimento subvencionable.

3. O número de empresas participantes no proxecto, así como o seu esforzo económico e o seu grao de participación nel.

4. O grao de execución e, de ser o caso, o de cumprimento das axudas ou subvencións concedidas en exercicios anteriores en materia de comercio.

5. Que concorran o concello e/ou outras administracións ou institucións no desenvolvemento do proxecto.

6. O carácter de cabeceira de comarca do concello onde se desenvolve o proxecto.

7. A existencia dunha oferta de aparcadoiros no perímetro ou no interior da área comercial de actuación.

8. A inclusión na proposta dun compromiso de uso e posterior utilización da lingua galega en campañas publicitarias, elementos promocionais e na sinalización da área comercial de actuación e nos establecementos comerciais.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da subvención na parte afectada pola modificación; sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto aprobado pola Direccion Xeral de Comercio e Consumo.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, de ser o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente logo de instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 9º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten, preferentemente en orixinal ou copia compulsada, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Os que acrediten a realización das actuacións obxecto desta orde, acompañado dunha memoria explicativa de cada unha das accións realizadas, así como facturas segundo relación nominativa agrupadas por actuacións subvencionables, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en euros.

Toda factura deberá reunir os seguintes requisitos: nome, razon social e DNI ou CIF do emisor, IVE repercutido, número, data de emisión e de vencemento, nome, enderezo e CIF do comprador, así como a forma de pagamento. Deberá quedar claramente descrito o produto ou servizo prestado e levarán o selo do seu emisor e sinatura, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Reglamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido.

Así mesmo, deberán acompañarse de documentos acreditativos do seu pagamento.

b) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, deberase entregar un exemplar de cada un deles.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no número 3 do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. Os organos competentes da Consellería de Innovación e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale poderá entenderse que renuncia á axuda.

3. A falta de presentación da xustificación implicará a anulación da subvención concedida.

4. O beneficiario deberá presentar a documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención, no rexistro xeral da Consellería de Innovación e Industria, ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, con data límite o día 31 de outubro de 2006.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria, para o cal se lle unirá á documentación de xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria en que conste código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente onde se debe realizar o aboamento.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, excepcionalmente poderá efectuarse un único

anticipo de pagamento da subvención concedida con suxeición ao establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

O referido anticipo de pagamento soamente poderá solicitalo o beneficiario dunha subvención cuxo obxecto sexa a realización das accións recollidas no punto 1 a) do artigo 3º da orde de convocatoria. O anticipo de gasto aprobarase exclusivamente para os gastos recollidos no artigo 3.4º e os realizados ata o momento da concesión, que se deberán acreditar debidamente.

O anticipo non poderá superar o 50% da subvención concedida, sen que en ningún caso se superen os 30.000 euros, sempre que se garanta a consecución final da totalidade do obxecto do proxecto presentado e aprobado mediante resolución motivada da Consellería de Innovación e Industria.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Non obstante se a xustificación é inferior ao 50% do investimento subvencionable poderá dar lugar á perda total da subvención, se se comproba que comporta un substancial incumprimento do proxecto investidor. Neste caso deberá ditarase resolución pola que se deixará sen efectos a subvención concedida.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao amparo do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

E todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que estimen procedente.

Artigo 12º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigas do beneficiario:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

c) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

1. No se poderá exixir o pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida, xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impidan.

c) Incumprimento da finalidade, actividade, proxecto ou a non adopción do comportamento para que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable establecida no artigo 4.3º desta orde.

3. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 14º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e de control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. A Consellería de Innovación e Industria poderá realizar en calquera momento as inspeccións que considere oportunas sobre os investimentos realizados.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas na presente orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 16º.-Publicación.

Unha vez resolta a convocatoria das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de solicitudes concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro de orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Comercio e Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria