DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 24 de abril de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas a asociacións de comerciantes e outras entidades sen fins de lucro, para actuacións dirixidas á incentivación da demanda no ámbito do comercio retallista, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

O Plan de renovación e mellora do comercio galego inclúe un programa de impulso do asociacionismo comercial, no cal se establecen medidas para a incentivación da demanda comercial. Potenciar a implantación de novas fórmulas de distribución comercial desenvolvidas polos comerciantes, mellorar a loxística do comercio, así como acadar unha imaxe máis competitiva do comercio galego polo miúdo, teñen unha relevancia determinante para lle dar resposta, pola vía do asociacionismo, á renovación comercial cando supera o ámbito das solucións individualizadas para os propios comerciantes.

Polo tanto, establécense nesta orde unha serie de axudas dirixidas a asociacións de comerciantes e outras entidades sen fins de lucro coa finalidade de contribuír, a través delas, á renovación e desenvolvemento do comercio galego, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 10.05.521-A.780.2.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Constitúen o obxecto destas axudas as actuacións dirixidas á incentivación da demanda comercial no ámbito do comercio polo miúdo que faciliten o desenvolvemento de estratexias para a mellora da distribución, loxística e promoción comercial.

2. Poderán acollerse ás ditas axudas as asociacións de comerciantes, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais, sen fins de lucro, que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

3. Cando o peticionario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que aplicará cada unha delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. Nestes casos, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con

poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. O peticionario non poderá estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Será incompatible a presentación de expedientes de subvención polo mesmo solicitante para a percepción de axudas recollidas nesta orde, e na Orde do 26 de abril de 2006 para actuacións de desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos de Galicia e os eixes comerciais das vilas e cabeceiras de comarca, de acordo cos obxectivos fixados no plano de renovación e mellora do comercio galego.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Son actividades subvencionables:

a) Estudos de mercado realizados por empresas especializadas e plans de acción, acompañados pola documentación que avale o equipo de investigación, currículo e experiencia.

b) Publicidade que responda a un plan de medios preestablecido, orzamentado e dimensionado o ámbito de influencia da entidade solicitante.

c) Edición e impresión de folletos, carteis, produción de anuncios e elementos análogos, xustificado e dimensionado o ámbito de influencia da entidade solicitante.

d) Promoción de vendas, animación comercial e escaparatismo.

e) Potenciación de fórmulas de comercio tradicional, especialmente en áreas rurais.

f) Actuacións que teñan por finalidade a mellora da distribución e desenvolvemento loxístico da actividade comercial.

2. Non terán a consideración de subvencionables, para cada unha das accións realizadas, os seguintes conceptos:

a) Investimentos relativos a adquisición de bens inmobles e/o seu mantemento e aluguer de locais.

b) Custos de contratación de persoal.

c) Custos de mailings, mostras, regalos promocionais e os relativos á celebración de cócteles e actos análogos.

d) Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario.

3. As actuacións subvencionables comprenderán as executadas entre o 1 de xaneiro de 2006 e a data límite de presentación da xustificación da axu

da, de acordo co artigo 8 desta orde. Poderán beneficiarse das axudas previstas, aquelas solicitudes que inclúan actuacións que, en función da súa especial natureza, se inicien no mes de decembro do ano 2005 e teñan continuidade ininterrompida no exercicio 2006.

Artigo 3º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das axudas destinaranse 1.450.000,00 euros con cargo á aplicación 10.05.521-A.780.2 Transferencias de capital. Familias e institucións sen fins de lucro. Distribución, loxística e promoción comercial, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Esta contía poderá incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. A contía da axuda que se outorgue, en réxime de concorrencia competitiva, non poderá superar o 50% do importe do investimento subvencionable aprobado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, nin o 90%, no caso de que se lle acumulen outras axudas ou subvencións para igual fin.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ao conselleiro de Innovación e Industria e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de axuda, segundo o modelo normalizado do anexo I, deberáselle xuntar a documentación que a seguir se relaciona, por duplicado, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Acta, estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houbese, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante, acompañado do documento nacional de identidade.

c) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá polo menos, á súa descrición, obxectivos, localización e calendario de execución, así como número e características dos participantes e beneficiarios.

d) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actuacións para as que se solicita subvención, e/ou factura pro forma

da actividade ou adquisición a subvencionar por quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento.

e) Orzamento do exercicio corrente, sen incluír as partidas das actuacións subvencionables.

f) Certificado expedido polo secretario da entidade que acredite o número de asociados que están dados de alta, dos cales se achegará relación detallada en soporte informático, con inclusión do nome do titular e do establecemento, actividade principal a que se dedica, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

g) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como xustificación de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da la Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que se formalizará mediante declaración responsable do interesado, segundo modelo normalizado establecido no anexo II.

h) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais, e de no ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

i) Declaración de compromiso de uso e posterior utilización da lingua galega, segundo modelo normalizado no anexo III, de ser o caso.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta orde, a entidade solicitante será requirida para que, nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, rectifique a falta e xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, terase por desistido da súa petición, tras a resolución que deberá ser ditada nos termos do artigo 42 da citada lei.

3. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

4. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, o órgano instrutor deberá emitir, como paso previo á valoración, un informe relativo ao cumprimento dos requisitos que para os solicitantes se establece no artigo anterior.

Unha vez que o órgano instrutor emita informe das solicitudes, unha comisión de valoración, procederá á avaliación destas, constituída para o efecto, composta por un xefe de servizo, un xefe de sección e un técnico da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

5. O conselleiro de Innovación e Industria, á vista dos informes de valoración, ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, que será motivada de acordo coas normas reguladoras, notificaráselles aos interesados e porá fin á vía administrativa.

A resolución estimatoria da solicitude de concesión de axuda expresará, polo menos, o obxecto e o importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe da axuda concedida e a contía desta.

6. O beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, e para os únicos efectos da optimización dos créditos dispoñibles. No caso contrario, e co requirimento previo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, entenderase que renuncia á axuda concedida e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario en que este se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde de convocatoria de axudas e, se é o caso, na resolución de concesión desta, segundo modelo normalizado no anexo IV.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses, que se computará a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen notificarse a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión

e contía das axudas, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. A rigorosidade do proxecto: coherencia na estrutura, adecuación dos obxectivos ás medidas e implicación dos establecementos comerciais.

2. O proxecto presentado conxuntamente por máis dunha entidade.

3. A maior achega financeira da entidade solicitante en relación ao investimento subvencionable.

4. O alcance da actuación, atendendo tanto á súa difusión como á representatividade da entidade e, se é o caso, número de membros que as desenvolvan.

5. A representatividade da entidade no territorio: asociados e total de establecementos.

6. Concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no desenvolvemento do proxecto.

7. Compromiso de uso e posterior utilización da lingua galega nas actuacións previstas.

Artigo 7º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento. De non facelo, implicará a perda da subvención afectada pola modificación, e no caso de que esta implique unha variación substancial do proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a perda total da subvención concedida.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, ditarao o órgano concedente logo da instrución do correspon

dente expediente en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 8º.-Prazo dos investimentos, xustificación e pagamento.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto da axuda e para xustificar o correspondente investimento será o 31 de outubro de 2006. Para iso o beneficiario deberá presentar por duplicado, a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a documentación seguinte, preferentemente en orixinal ou, de ser o caso, copia compulsada:

a) A que acredite a realización dos investimentos, acompañado dunha memoria explicativa de cada unha das accións realizadas, así como facturas en relación nominativa, agrupadas por actuacións subvencionables, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento (especificando, se é o caso, o tipo de cambio aplicado, para pagamentos efectuados en moeda distinta).

Toda factura deberá reunir, polo menos, os seguintes requisitos: nome, razón social e DNI ou CIF do que a emite, IVE repercutido, número, data de emisión e de vencemento, nome, enderezo e DNI ou CIF do comprador, así como forma de pagamento. Deberá quedar claramente descrito o produto vendido ou o servizo prestado, e levará o selo do emisor e sinatura, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 6º do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido. A factura que non reúna tales requisitos non se tomará en consideración.

Ás facturas deberán xuntárselles os documentos acreditativos do seu pagamento.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

c) Xustificante das axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento de calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía. O importe das axudas reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo da actividade subvencionable.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta bancaria onde deberá realizarse o pagamento, na cal conste: díxito de control, código do banco, código de sucursal e código da conta corrente.

e) Certificados acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non

ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Os órganos competentes da Consellería de Innovación e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

3. A falla de presentación da xustificación implicará a anulación da axuda concedida.

4. A percepción da axuda terá lugar despois de que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria verifiquen a documentación xustificativa do cumprimento da realización do investimento e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. O libramento ao beneficiario farase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria.

5. A axuda minorarase proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Así mesmo, a xustificación inferior ao 50 % do investimento subvencionable poderá dar lugar á perda total da subvención, salvo nos casos de forza maior.

Artigo 9º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro, que estimen procedente.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigas do beneficiario:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da axuda.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

c) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos o recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 11º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederase o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impidan.

c) Incumprimento da finalidade, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda.

2. Así mesmo procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou se é caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable establecido no artigo 3º desta orde.

3. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e seralles de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 12º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

2. A Consellería de Innovación e Industria poderá realizar, en calquera momento, as inspeccións que considere oportunas sobre os investimentos realizados.

Artigo 13º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Artigo 14º.-Publicidade.

Unha vez resolta a convocatoria das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Comercio e Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria