DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de abril de 2006 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo correspondentes aos estudos de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, e programas de garantía social cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), establece no seu artigo 34.2º que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ao desenvolvemento destas ensinanzas.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9 que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, non modifica a vixente ordenación xeral da formación profesional e confirma o carácter obrigatorio da formación práctica incluída no currículo das ensinanzas de formación profesional.

O Real decreto 362/2004, do 5 de marzo (BOE do 26 de marzo), no seu artigo 6, desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional específica, así como as directrices sobre os seus títulos.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e a actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do l de xullo; corrección de erros no DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime

ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, e a Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro), pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, autorizan a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar a Resolución do 27 de xuño de 2005 (DOG de 8 de xullo), pola que se dan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica de cara ao curso 2005-2006, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no que se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como unha das iniciativas dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocatoria.

Convocar axudas económicas, cofinanciadas nun 48,11% polo Fondo Social Europeo, para a realización da formación práctica en centros de traballo destinadas ao alumnado matriculado no derradeiro curso de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, de artes plásticas e deseño, de módulos profesionais experimentais e de programas de garantía social.

Segundo.-Requisitos.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o derradeiro curso de:

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais.

-Un módulo profesional experimental de nivel II.

-Un programa de garantía social.

2. O período de formación práctica en centros de traballo débese realizar entre o 1 de setembro de 2005 e o 31 de agosto de 2006.

Terceiro.-Solicitudes.

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

-Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.

-Certificación expedida pola entidade bancaria, en que consten os datos da entidade e o código da conta

en que o beneficiario desexa que se lle faga efectivo o pagamento. Nesta conta o beneficiario debe figurar necesariamente entre os titulares.

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para esta mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, de acordo co previsto no artigo 8.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Copia do DNI.

Cuarto.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, poderase presentar no centro onde o alumnado estea ou estiver matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo.

Quinto.-Orzamento.

1. O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 09.03.322S.480.2 dentro do exercicio orzamentario do ano 2006, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ata un importe máximo de 2.750.000 euros (dous millóns setecentos cincuenta mil euros). Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2006.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para axustar os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todos os solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Sexto.-Contía das axudas.

O cálculo da contía para cada alumno estará en función do número de xornadas formativas que lle corresponda realizar, multiplicado polo importe da xornada (tramos abaixo sinalados), tendo en conta a distancia existente entre a empresa e o domicilio habitual do alumno durante a realización da formación en centros de traballo, segundo o seguinte baremo:

TramoConceptoImporte por xornada en euros

1Menos de 15 km4

2Entre 16 e 30 km6

3Entre 31 e 50 km8

4Máis de 50 km11

-O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será de dez. O límite máximo de xornadas que se considerarán calcularase da seguinte forma:

a) Para o alumnado de ciclos formativos e módulos profesionais experimentais de formación profesional

de réxime xeral, o número de xornadas obterase de dividir entre oito o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

b) Para o alumnado de ciclos formativos das familias de artes plásticas e deseño, o número de xornadas obterase dividindo entre cinco o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

c) Para o alumnado de programas de garantía social que curse a modalidade de formación educativa e profesional que se desenvolverá integramente no centro educativo, (modalidade A), será de 23. Para o alumnado que curse estes programas na modalidade de iniciación profesional que desenvolverá a parte práctica integramente nun centro de traballo, (modalidade B), será de 50. En ambas as modalidades a xornada computarase a razón de oito horas.

d) Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo vixésimo terceiro punto 7 da Resolución do 27 de xuño de 2005, o máximo de xornadas será o correspondente ás do ensino que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período inicial das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

-Para calcular a distancia existente entre distintos concellos, tomarase como referencia o cadro de distancias quilométricas por estrada, obtido a partir do mapa oficial de estradas do Ministerio de Fomento.

-En ningún caso poderá ser aplicado simultaneamente máis dun tramo para un mesmo solicitante nunha mesma empresa.

- Os solicitantes percibirán axuda por un só período de realización de FCT por ensino realizado no ámbito temporal de vixencia da presente orde.

Sétimo.-Documentación que tramitarán os centros.

Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas as aplicacións informáticas que determine e subministre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, proporcionarán á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais todos aqueles documentos ou datos previstos na presente orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou en instrucións remitidas aos centros.

1. A dirección do centro trasladará os datos cargados na aplicación informática oficial FCT-Xade á páxina web http://www.edu.xunta.es/FCTWeb, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno, asinada polo director e polo secretario, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. O alumnado tamén o poderá consultar na páxina web http://www.edu.xunta.es/FCTWeb.

2. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte á data de publi

cación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte dos solicitantes.

3. Rematado o prazo de reclamación, a dirección do centro resolveraas, cargará as posibles modificacións xurdidas no FCT-Xade, trasladará os datos á web indicada no punto 1 deste artigo e elaborará unha listaxe definitiva de solicitantes que será emitida a través dela, e que deberá asinar o director e o secretario.

4. O centro, a través do coordinador de FCT, marcará a finalización da formación en centros de traballo de todos os alumnos solicitantes, excepto no caso dos alumnos que estean facendo prácticas nos meses de xullo e agosto coa autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e elaborará unha certificación, que deberá asinar o director e o secretario, onde conste a relación do alumnado que realizou prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un (descontados os días lectivos que non asistiron ao centro de traballo) e co total.

Oitavo.-Envío de documentación.

A dirección do centro enviará á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a seguinte documentación en papel:

-Listaxe definitiva asinada.

-Certificación de realización e finalización da formación en centros de traballo asinada polo director e o secretario.

-Solicitudes orixinais (anexo I), declaracións xuradas (facilitadas pola aplicación FCT-Xade), certificacións bancarias e copia do DNI de cada alumno solicitante.

Esta documentación será enviada polo centro á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, dentro dos dez días naturais seguintes ao remate do prazo de reclamacións.

Noveno.-Comisión de selección.

1. Para a adxudicación das axudas establecerase unha comisión de selección integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional, que actuará como presidente.

-O xefe do Servizo de Formación en Empresas e Orientación Profesional.

-Catro inspectores de institutos de educación secundaria, un por cada provincia, por proposta do delegado provincial.

-Catro directores de centros educativos con formación profesional, un por provincia, por proposta do inspector xefe.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Décimo.-Adxudicación das axudas.

A comisión de selección das axudas, á vista das listaxes definitivas de solicitantes e do crédito dispoñible, elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Décimo primeiro.-Comunicación.

Mediante resolución da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria publicarase anuncio da exposición das listaxes definitivas dos beneficiarios, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no prazo de seis meses a contar a partir do último día de presentación de solicitudes.

Décimo segundo.-Pagamento das axudas.

As axudas efectuaranse nun só pagamento directamente ao solicitante, a través da conta bancaria aberta a nome do beneficiario.

O beneficiario presentará no centro e no momento da finalización da FCT unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

No caso do alumnado que xa rematase a FCT no momento de solicitar a axuda soamente presentará a declaración a que fai referencia o punto terceiro desta orde.

O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Para o non establecido especificamente na presente orde, haberá que aterse ao disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como no Decreto 284/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas

e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo terceiro.-Desenvolvemento da formación en centros de traballo.

Con carácter xeral o desenvolvemento das prácticas en centros de traballo para o curso 2005-2006 realizarase de acordo co regulado para a formación en centros de traballo na Resolución do 27 de xuño de 2005 (DOG do 8 de xullo).

Décimo cuarto.-De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000, da Comisión do 30 de maio de 2000 (DO L 130, do 31 de maio), os centros colaboradores tomarán as medidas oportunas para informar os beneficiarios de que as axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Décimo quinto.-Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Décimo sexto.-A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades ás que houber lugar.

Décimo sétimo.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento.

Décimo oitavo.-O beneficiario está obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Décimo noveno.-O beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Vixésimo.-Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Vixésimo primeiro.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver o disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación

e Ordenación Universitaria