DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.312

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de abril de 2006 pola que se modifica a do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecementos ao labor docente e ao labor investigador.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece nos seus artigos 55 e 69

que as comunidades autónomas poderán establecer retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión.

En desenvolvemento do anterior publicouse a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, que establece a capacidade do Consello Social para acordar, dentro dos límites fixados pola comunidade autónoma, a asignación singular e individualizada de retribucións adicionais ligadas a méritos docentes, investigadores e de xestión, e o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, que establece estas retribucións adicionais para o profesorado contratado das universidades.

Posteriormente publicouse o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, decreto que se desenvolve a través da Orde do 16 de abril de 2004 (DOG do 28 de abril), pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecementos ao labor docente e ao labor investigador.

A experiencia acumulada pola ACSUG neste tempo fai necesaria a modificación do procedemento establecido na mencionada orde, sen varialo substancialmente para que resulte máis claro e garante tanto para os interesados como para as administracións participantes neste procedemento.

O 10 de abril de 2006 a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia dá traslado dos acordos do Consello de Dirección e da CGIACA relativos á proposta de modificación da normativa referente aos complementos retributivos contida na mencionada Orde do 16 de abril de 2004.

A modificación proposta parte da regulación de dous procedementos, ligados entre si, pero claramente diferentes. Por un lado, o procedemento de valoración previa pola ACSUG, exixido no artigo 8 do Decreto 55/2004, e por outro a asignación dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, por proposta dos respectivos consellos de goberno.

Deste xeito diferéncianse os actos administrativos que emite cada Administración e, polo tanto, a competencia material de cada unha delas no procedemento de asignación das retribucións adicionais. Por outra parte, os actos do Consello de Dirección da Axencia poñen fin á vía administrativa e, polo tanto, son susceptibles de recurso, ben en reposición ben perante a xurisdición contencioso-administrativa, polo que, en coherencia co exposto, se lle debe ofrecer expresamente ao interesado esta posibilidade antes de pasar ao seguinte trámite ante as universidades. Do mesmo xeito, o acto que emita a universidade no cal, unha vez obtida a valoración previa

da axencia, polo que asigne ou non as correspondentes retribucións adicionais, será tamén susceptible de recurso polo interesado.

Por último, a consellería establece o réxime de convocatorias que deberá lanzar a ACSUG e fíxanse os efectos económicos do pagamento no caso de que as universidades asignen os referidos complementos.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Modificación dos artigos catro e cinco da Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, que quedan redactados da seguinte forma:

Artigo 4º.-Procedemento de valoración previa pola ACSUG.

1. Os interesados poderán solicitar á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) a valoración previa a que fai referencia o artigo 8.2º do Decreto 55/2004, do 22 de marzo, necesaria para o recoñecemento dos complementos ao labor docente e ao labor investigador.

As solicitudes dirixiranse ao presidente do Consello de Dirección da ACSUG e poderán presentarse en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A través das respectivas convocatorias estableceranse os modelos normalizados de solicitude, así como a documentación xustificativa que deberá acompañar esta, modo de presentación, número de copias e demais cuestións desta índole.

2. Unha vez estea a documentación en posesión da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, seralle remitida á Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación que, após estudo, análise, verificación e certificación dos méritos en que se sustenta a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 2º e 3º desta orde, emitirá as correspondentes propostas de valoración. As propostas da Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación deberán estar motivadas e serán vinculantes para o Consello de Dirección da Axencia.

3. O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá os respectivos acordos nos cales se conteñan as valoracións positivas ou negativas dos méritos en que se sustentan as solicitudes, para o que fará súas as propostas motivadas e vinculantes elaboradas pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación.

Estes acordos, que serán notificados pola ACSUG a cada solicitante, persoal e directamente, poñen fin á vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (LRX-PAC), poderán ser obxecto de recurso en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

4. A través do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e no seu nome, o presidente, poderanse realizar ata dúas convocatorias anuais ordinarias de valoración previa á asignación dos complementos retributivos, sen prexuízo das convocatorias extraordinarias que se fagan, por causas excepcionais e debidamente motivadas, respectándose os requisitos formais e de tramitación previstos para as convocatorias ordinarias.

En cada convocatoria de valoración previa establecerase a data concreta na cal os solicitantes deberán ter cumprido o requisito establecido no artigo 6, puntos 1.3 e 2.3 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo.

Artigo 5º.-Asignación dos complementos polas universidades.

Os acordos de avaliación adoptados polo Consello de Dirección da ACSUG, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades. Os consellos sociais das universidades, por proposta do seus respectivos consellos de goberno, acordarán a asignación singular e individual dos referidos complementos, nos casos que proceda, dentro das modalidades e coas limitacións previstas no Decreto 55/2004, do 4 de marzo, que poderán ser impugnados polos interesados.

Cando, de conformidade co disposto no parágrafo anterior, se proceda á asignación dos referidos complementos, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do día seguinte ao da data que se estableza en cada convocatoria de valoración previa, á cal se fai referencia no punto 4, parágrafo segundo, do artigo 4º desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os anexos I e II da Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria