DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2006 Páx. 6.975

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia crea, no seu artigo 28, o Consello Galego de Medio Ambiente, como órgano consultivo da Administración ambiental. Con posterioridade, aprobouse o Decreto 155/1995, do 3 de xuño, no que se regulaba o dito órgano e en posteriores decretos foi adaptándose ás variacións da estrutura administrativa da Xunta de Galicia.

No momento actual debe adaptarse este texto legal á nova estrutura orgánica e administrativa establecida no Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, nos cales se determina a nova estrutura orgánica da consellería e a súa nova denominación como Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Esta aposta polo desenvolvemento sostible como referente fai necesario ampliar as perspectivas deste consello incluíndo nas súas análises non soamente os aspectos ambientais, senón tamén os sociais e económicos que conforman os piares da sustentabilidade.

Tendo en conta ademais os cambios de circunstancias, provocados tanto polo transcurso do tempo como pola sucesiva promulgación de novas normas autonómicas, estatais e comunitarias, é preciso incorporar ao ordenamento as modificacións que desde a entrada en vigor e establecemento do dito órgano tiveron lugar, actualizando aspectos que son consubstanciais a el e que permitan a súa conversión nun instrumento que sirva de canle e medio de debate, información e asesoramento e no que se integre a todos os axentes económicos e sociais que poidan e deban involucrarse en prol do medio e o desenvolvemento sustentable.

Por outra banda un dos obxectivos da nosa acción é conducir a nosa sociedade pola senda do desenvolvemento sustentable, establecendo marcos de actuación estratéxicos como a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible, e para iso é fundamental acadar un alto grao de consenso tanto no seu deseño como no seu posterior seguimento, polo que unha ampla participación pública é indispensable. Pola súa vez, a Directiva Europea 2001/42/CE, do 27 de xuño de avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio, tamén introduce no seu articulado a necesidade de participación pública para consensuar coa sociedade civil os plans e programas de actuacións das administracións públicas.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible engloba, por tanto, non só os aspectos ambientais senón tamén os económicos e sociais, o que garantirá, na medida do posible, a consecución dun desenvolvemento útil, baseado no coñecemento, abundando na transversalidade e no

seu carácter multidisciplinar. Estas especiais características fan necesario que neste consello a Administración autonómica estea formada por un amplo abano de representantes, pois as opinións e propostas que formulen os representantes da sociedade civil deben ser escoitadas e debatidas desde o punto de vista integrador que caracteriza a sustentabilidade.

Este decreto dítase en virtude das competencias conferidas polo artigo 149.1.23 da Constitución española e o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Definición.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en relación cos plans, proxectos e actuacións que teñan incidencia sobre a sustentabilidade, tendo entre os seus fins o servir de foro de debate para os efectos de darlle cumprimento ao principio de participación pública, establecendo unha vía de cooperación dos estamentos interesados da sociedade galega.

Artigo 2º.-Funcións.

Este consello terá as seguintes funcións:

1. Coñecer e informar sobre os plans e programas de carácter xeral que estean relacionados coa sustentabilidade da comunidade autónoma, así como sobre os anteproxectos de lei con incidencia ambiental.

2. Informar e elaborar propostas sobre cuestións de sustentabilidade por iniciativa dos membros do consello e aprobados por maioría.

3. Propoñer medidas que incentiven a creación de emprego ligado a actividades relacionadas coa protección do medio, así como participación cidadá na solución de problemas ambientais.

4. Propoñer medidas de información e educación ambiental que teñan como obxectivo implicar, orientar, concienciar e sensibilizar a sociedade sobre os valores da sustentabilidade.

5. Propoñer medidas para o cumprimento dos acordos internacionais, de forma proporcional ás nosas competencias, en materia de medio e desenvolvemento sustentable, valorando a efectividade dos programas e normas de execución e, así mesmo, propoñer, se é o caso, as oportunas modificacións.

6. Servir de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais no debate dos asuntos sobre sustentabilidade. En particular, coordinar e conciliar os intereses públicos e privados en materia de desenvolvemento sustentable.

7. Participar co seu asesoramento e colaboración no desenvolvemento e planificación da sustentabilidade do sector público da comunidade autónoma que a Xunta elabore.

8. Canalizar demandas e propostas relativas a sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma con representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

9. Asesorar sobre as directrices xerais das políticas con repercusións sobre a sustentabilidade.

10. Impulsar a coordinación do exercicio das súas funcións cos órganos consultivos existentes na Administración pública que teñan por obxeto a consecución do concepto da sustantibilidade, favorecendo a transversalidade.

11. Propoñer actuacións para o impulso da investigación científica no ámbito do desenvolvemento sustentable.

12. Formular suxestións para a definición dos orzamentos anuais e anualidades futuras.

Artigo 3º.-Composición.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estará integrado polos seguintes órganos:

1. Presidente. Será presidente do consello o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que ademais da presidencia do pleno do consello exercerá as seguintes funcións:

a) Exercer a representación do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

b) Realizar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias fixando os asuntos que comporán a orde do día.

c) Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento delas, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do presidente ou de quen legalmente o substitúa será cualificado e dirimente para o suposto de empate.

d) Exercer canta outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

2. Vicepresidente. Será vicepresidente do consello o director xeral de Desenvolvemento Sostible, que desempeñará as funcións atribuídas ao presidente nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

3. Secretario. Será secretario o subdirector xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, que actuará con voz e sen voto. Son funcións do secretario:

a) Executar a convocatoria das sesións por orde do seu presidente, así como proceder á citación dos membros do plenario.

b) Recibir calquera comunicación o notificación dos membros do Pleno das que deba ter coñecemento.

c) Redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Expedir certificacións das consultas, informes o acordos aprobados.

e) Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición de secretario.

4. Vogais. Nomearanse trinta e sete vogais en representación tanto da Administración Autonómica como da sociedade civil.

4.1. Trece en representación da Administración autonómica repartidos do seguinte modo:

a) En representación do aspecto ambiental:

-O secretario xeral da consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

-O director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

-O director xeral de Conservación da Natureza.

-O director xeral de Augas de Galicia.

b) En representación do aspecto económico.

-Un representante da Consellería de Economía e Facenda, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Industria e Innovación, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería do Medio Rural, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

c) En representación do ámbito social:

-Un representante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Traballo, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

4.2º Vinte e catro en representación da sociedade civil repartidos do seguinte xeito:

-Tres representantes dos sindicatos máis representativos de Galicia.

-Tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Catro representantes de organizacións de carácter ambiental.

-Catro representantes de organizacións de caracter social: Consello da Xuventude, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Confederación Galega de Veciños, Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Tres representantes das Universidades de Galicia, un por cada unha delas.

-Catro representantes da Federación Galega de Municipio e Provincias (Fegamp).

-Tres representantes das organizacións profesionais agrarias mais representativas de Galicia.

Artigo 4º.-Nomeamento e cesamento dos seus membros.

1. Os membros titulares e os suplentes do consello serán nomeados polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por proposta das organizacións e institucións que se relacionan no artigo precedente.

2. Os membros suplentes substituirán os titulares nos supostos de ausencia, enfermidade o calquera outra causa lexítima que poida ser debidamente xustificada.

3. O nomeamento de titulares e suplentes farase por un período de dous anos, contados desde a data da súa publicación, e será renovable. No suposto de que o membro titular perdese a súa representatividade pasará a ocupar a súa condición o suplente.

4. Serán causas de cesamento no exercicio das súas funcións as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A expiración do prazo do seu mandato sen que se produza a súa renovación.

c) A declaración de incapacidade o inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible actúa en Pleno e en comisións de traballo en función da natureza dos asuntos que vaian ser obxecto de debate.

2. O Pleno é o órgano superior de formación da vontade do consello, e está formado por todos os membros deste. As súas funcións son:

a) Supervisar, debater e aprobar os informes, no marco das competencias atribuídas ao consello.

b) Elaborar o seu propio regulamento interno que será aprobado por maioría dos seus membros.

c) A elección dos membros que conformarán as comisións de traballo cando estas se establezan.

d) A aprobación da memoria anual sobre as actuacións desenvolvidas en cumprimento das súas funcións.

e) Todas aquelas que sexan inherentes ao Pleno.

3. Comisións de traballo. Poderán ser creadas, por proposta do Pleno, cantas comisións se coiden necesarias, coas funcións e co número de membros e funcionamento que se prevexa no regulamento interno do órgano.

Artigo 6º.-Asesoramento externo.

O Pleno do consello e as diferentes comisións de traballo que se creen no seu seo, poderán solicitar, cando así o coiden oportuno, a presenza de expertos de recoñecido prestixio nas materias que vaian ser obxecto de debate, para que presten o seu asesoramento mediante a emisión dun informe para cada caso concreto. A súa asistencia, cando se produza, será con voz e sen voto.

Artigo 7º.-Informes e ditames.

1. Os informes ou ditames que poida emitir o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no desempeño das súas funcións serán facultativos e non vinculantes.

2. O prazo máximo estipulado para a súa emisión será de dous meses.

3. Non obstante o anterior e en atención á complexidade que poida revestir, este prazo poderá ser excepcionalmente ampliado ata a metade do prazo previsto no parágrafo anterior, sen que o prazo total para a súa emisión, incluída a prórroga, poida exceder de tres meses.

Artigo 8º.-Memoria de actuacións.

O consello redactará anualmente unha memoria na que se determinarán cada unha das actuacións desenvolvidas en cumprimento das súas funcións. A memoria será publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no primeiro semestre do ano seguinte.

Artigo 9º.-Periodicidade das convocatorias.

1. O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez cada semestre, para o que será debidamente convocado polo seu presidente.

2. Cando exista motivo de especial transcendencia que así o requira, relacionado directamente coas competencias que lle son propias, procederase con carácter inmediato á convocatoria extraordinaria del, por iniciativa do presidente ou dun cuarto dos membros do consello.

Artigo 10º.-emuneración de indemnizacións dos seus membros.

Os membros do consello teñen dereito á percepción de indemnizacións pola súa asistencia e gastos de desprazamento ás reunións, de acordo co establecido pola normativa vixente.

Artigo 11º.-Réxime xurídico do seu funcionamento.

1. O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible rexerase, ademais de polo disposto no presente decreto, polo seu regulamento interno, que será aprobado por maioría do seu pleno.

2. No non previsto neste decreto nin nas normas internas de funcionamento do consello, aplicarase o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Para garantir a obxectividade e imparcialidade do consello, este gozará de autonomía funcional. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible facilitará toda a información necesaria para o bo funcionamento deste consello nas materias da súa competencia.

Disposición transitoria

Única.-O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible constituirase no prazo máximo de tres meses despois da entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 155/1995, de 3 de xuño, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións que coide necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto, así como para facilitar o correcto funcionamento do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible