DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2006 Páx. 6.974

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 73/2006, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 369/1998, do 10 de decembro, que regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

A Comisión de Heráldica, foi creada polo Decreto 258/1992, do 10 de setembro, como órgano consultivo da Xunta de Galicia correspondéndolle emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de brasóns ou bandeiras das entidades locais, así como as demais facultades que se lle atribúan regulamentariamente.

Mediante o Decreto 369/1998, do 10 de decembro, regúlanse a composición e funcións da Comisión de Heráldica, co fin de adaptala á Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A práctica aconsella, tendo en conta o tempo transcorrido desde o inicio da súa actividade, a modificación na composición da citada comisión. Así mesmo, é aconsellable realizar os axustes necesarios derivados da nova estrutura dos departamentos da Xunta de Galicia, fixada polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

Polo tanto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo do informe da Comisión Galega de Cooperación Local, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e, tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 369/1998, do 10 de decembro, que regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

As modificacións do citado decreto afectarán os seguintes artigos:

1. O artigo 8º queda redactado como segue:

«A Comisión de Heráldica estará presidida polo director/a xeral con competencias en materia de

Administración local e integrada por un vicepresidente e cinco vogais:

a) O vicepresidente/a da comisión, designado polo conselleiro/a con competencias en materia de Administración local.

b) Catro vogais designados polo conselleiro/a con competencias en materia de Administración local.

c) Un vogal designado pola asociación de municipios e provincias máis representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma.

Os membros que integran a Comisión de Heráldica deberán de reunir algún dos seguintes requisitos:

-Licenciados/as en ciencias históricas, belas artes, restauración.

-Especialista en debuxo e deseño heráldico.

-Pertencer aos corpos facultativos de arquivos e biblioteca, ou de museos.

-Especialista en vexilología.

-Especialista en toponimia.

-Ser membro destacado dalgunha das institucións que aborden as ciencias da heráldica de Galicia.

-Ser membro o colaborador da Sección de Patrimonio Histórico do Consello da Cultura Galega.

O nomeamento de todos os membros que forman parte da Comisión de Heráldica será efectuado polo conselleiro/a con competencias na materia, mediante resolución do conselleiro/a.

Exercerá as funcións de secretario/a da Comisión de Heráldica, participando nas súas sesións con voz pero sen voto, un funcionario/a da dirección xeral con competencia en materia de Administración local con rango de subdirector/a, designado polo titular da dita dirección xeral.

Tamén poderán asistir as sesións da comisión o persoal técnico da administración en funcións de asesoramento».

2. As referencias feitas no artigo 4 punto 1º, artigos 5 e 6, artigo 7 apartado 1º e, disposición derradeira primeira á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local entenderanse realizadas no sucesivo á consellería con competencias en materia de Administración local.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza