DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2006 Páx. 6.974

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 72/2006, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 370/1998, do 10 de decembro, polo que se establece a natureza e funcións da Comisión Galega de Delimitación Territorial.

O Decreto 370/1998, do 10 de decembro, polo que se establece a natureza e funcións da Comisión Galega de Delimitación Territorial, supuxo unha importante novidade nese momento ante a ausencia da existencia dun órgano destas características, necesario para levar a efecto o estudo, consulta e proposta en relación coas materias que atinxen á determinación, revisión e modificación dos límites territoriais das entidades locais galegas e das demarcacións en que se estrutura a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A práctica aconsella, para acadar unha maior celeridade e efectividade no tratamento dos asuntos competencia desta comisión, a modificación da súa composición. Así mesmo é aconsellable realizar os axustes necesarios derivados da nova estrutura dos departamentos da Xunta de Galicia, fixada polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

Polo tanto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo do informe da Comisión Galega de Cooperación Local, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 370/1998, do 10 de decembro, polo que se establece a natureza e funcións da Comisión Galega de Delimitación Territorial.

As modificacións do citado decreto afectarán os seguintes artigos:

1. O artigo 4º queda redactado como segue:

«Número e nomeamento. A Comisión Galega de Delimitación Territorial está composta por:

a) Catro representantes da Xunta de Galicia que son: o titular da consellería competente en materia de réxime local, que desempeñará a presidencia, o titular da dirección xeral competente en materia de réxime local, que desempeñará a vicepresidencia, o titular da dirección xeral competente en materia de urbanismo e o titular da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural.

b) Catro representantes das entidades locais de Galicia designados pola entidade asociativa máis representativa».

2. As referencias feitas no artigo 3º, artigo 7º punto 1 e na disposición derradeira primeira á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local

deben entenderse realizadas no sucesivo á consellería e á dirección xeral con competencias en materia de réxime local.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza