DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 02 de maio de 2006 Páx. 6.926

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 68/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Creado o Observatorio Galego de Educación Ambiental polo Decreto 78/2001, do 22 de marzo, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 7 de xaneiro de 2005, aprobou o Decreto 6/2005, polo que se regula a composición e funcionamento do devandito observatorio.

A entrada en vigor do Decreto 232/2005, do 12 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como dos decretos subseguintes de fixación da estrutura orgánica dos diferentes departamentos, implica unha nova organización administrativa, o que leva consigo as conseguintes modificacións de varios órganos administrativos implicados no desenvolvemento sostible das políticas ambientais.

Estes cambios requiren, polo tanto, unha adecuación da normativa reguladora do Observatorio Galego de Educación Ambiental, adaptando así a súa composición aos referidos cambios. Neste mesmo sentido e para efectos de evitaren unha indesexable dispersión normativa, procede aprobar unha disposición que recolla todas as previsións e regulacións do Observatorio Galego de Educación Ambiental nun só texto normativo.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é regular as funcións e composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental exercerá as seguintes funcións:

1. Asesorar os organismos das administracións públicas no deseño, avaliación e desenvolvemento dos programas e iniciativas de educación ambiental.

2. Analizar as necesidades educativas e formativas en materia ambiental da poboación galega no seu conxunto, así como dos seus sectores específicos.

3. Realizar un seguimento do nivel de aplicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, propoñendo e suxerindo directrices e liñas de actuación

que faciliten o logro dos fins e obxectivos xerais e específicos nela establecidos.

4. Propoñer a elaboración de indicadores, instrumentos e procedementos de avaliación, especificamente dirixidos ao ámbito da educación ambiental.

5. Colleitar experiencias, recursos e programas que se consideran de referencia, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación, promoción, adaptación e aplicación á realidade galega.

Artigo 3º.-Composición.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental terá a seguinte composición:

-Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ou persoa en que delegue.

-Vicepresidente primeiro: o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

-Vicepresidente segundo: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Vogais: os vogais do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán propostos polos organismos, institucións e organizacións que se relacionan a continuación, debendo acreditar a súa experiencia no eido da educación ambiental:

a) Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia: un vogal.

b) Sociedade Galega de Educación Ambiental: un vogal.

c) Asociacións Protectoras do Medio Ambiente: un vogal.

d) Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: un vogal.

e) Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible: un vogal.

f) Cinco expertos de recoñecido prestixio no campo da educación ambiental, propostos polo director xeral de Desenvolvemento Sostible.

-Secretario: actuará como secretario un funcionario da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, designado polo conselleiro, con voz pero sen voto.

Artigo 4º.-Nomeamento.

1. Os membros do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán nomeados polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por proposta das organizacións, órganos e institucións

que se relacionan no artigo anterior. Igualmente nomearanse os suplentes de cada un dos membros ordinarios do observatorio.

2. O nomeamento dos membros titulares e suplentes será por un período de dous anos a partir da data da súa publicación e será renovable por outros dous. No suposto de que un dos membros perdese a súa representatividade, procederase ao seu cesamento e designarase un substituto, conforme o sinalado anteriormente e polo tempo que reste de exercicio no cargo.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. O funcionamento do Observatorio Galego de Educación Ambiental rexerase polo seu regulamento de réxime interior, que deberá aprobarse polo Pleno por maioría, e axustarse ás previsións contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. No non previsto neste decreto ou no Regulamento de réxime interno, seguirase o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O Observatorio Galego de Educación Ambiental poderá solicitar no exercicio das súas funcións o asesoramento e asistencia de expertos, funcionarios e doutros responsables das políticas sectoriais con incidencia sobre a educación ambiental.

3. O presidente do Observatorio Galego de Educación Ambiental convocará sesións ordinarias cada seis meses. Así mesmo, convocará sesións extraordinarias cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do devandito observatorio ou pola petición dun tercio dos seus membros.

Artigo 6º.-Informes e ditames.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental poderá emitir informes, sobre o estado da educación ambiental en Galicia segundo a necesidade ou procedencia, facilitando á opinión pública e aos axentes implicados no seu desenvolvemento, un coñecemento dos problemas, os proxectos en marcha e os avances acadados.

Artigo 7º.-Adscrición.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental adscríbese á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o exercicio das súas funcións.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 6/2005, do 25 de xaneiro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental, e cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible