DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2006 Páx. 6.791

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 65/2006, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Mediante o Decreto 519/2005, do 6 de outubro, aprobouse a estrutura orgánica desta consellería.

O desenvolvemento práctico das competencias atribuídas aos distintos centros directivos aconsella a introdución dalgunhas modificacións na devandita estrutura.

Por unha parte é preciso dar unha redacción máis clara e harmónica a algunhas das competencias, que no artigo 6, se asignan á Dirección Xeral de Urbanismo.

Por outro lado, e dentro da Dirección Xeral de Transportes, modifícase a denominación e dependencia do servizo encargado da xestión económica; e creouse dous servizos, aos cales se lles encomenda o apoio ao director xeral para a programación, na dobre vertente técnica e económica, das actuacións que realizará o centro directivo, no ámbito das súas competencias.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, tras os informes favorables da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

O Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, queda modificado como segue:

Un. A letra b) do número 2 do artigo 6º queda redactada da seguinte forma:

«b) A tramitación administrativa das directrices de Ordenación do Territorio e a dos restantes instrumentos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, que se formulen por iniciativa da dirección xeral, así como a elaboración de informes respecto dos demais instrumentos cando así se exixa de acordo coa devandita lei e a normativa de desenvolvemento».

Dous. A letra b) do número 3 do artigo 6º queda redactada da seguinte forma :

«b) A elaboración e tramitación das normas técnicas de planeamento e das normas subsidiarias e complementarias de planeamento; e a tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico que sexan formulados polos órganos ou entidades dependentes da administración autonómica, así como a de aqueles que afecten varios municipios».

Tres. A letra b) do número 4 do artigo 6º queda redactada da seguinte forma:

«b) A tramitación dos expedientes de reposición da legalidade urbanística e das medidas necesarias para a restauración da realidade física alterada segundo o establecido pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia».

Catro. O artigo 11º queda redactado como segue:

«Baixo a dependencia do director xeral de Transportes existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, coas seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) O estudo e proposta de resolución en materia de concesións e autorizacións.

c) O apoio e asistencia á dirección xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a propia dirección xeral lle encomende, coordinación do transporte, asistencia na coordinación con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte, e control e avaliación da xestión encomendada á dirección xeral.

d) A coordinación da Xunta Arbitral de Transportes.

Contará coas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Concesións.

1.2. Servizo de Estudos e Apoio Xurídico

1.3. Servizo de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral.

1.4. Servizo de Transporte Ferroviario.

2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, coas seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, e os servizos provinciais, en materia de inspección e sancións.

b) A programación, control e avaliación da actuación da inspección sobre a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras do transporte.

c) A tramitación de expedientes sancionadores nos cales a resolución sexa competencia do director xeral. E a resolución de expedientes sancionadores

en materia de transportes derivados de infraccións graves.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Inspección.

2.2. Servizo de Informes e Recursos.

3. Baixo a dependencia directa do director xeral existirán os seguintes servizos:

3.1. O Servizo de Xestión Económica, que se encargará da xestión económica e da preparación e tramitación dos expedientes de contratación.

3.2. O Servizo de Estudos e Planificación Técnica de Transportes, que se encargará do estudo, proposta e programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuacións da dirección xeral.

3.3. O Servizo de Estudos e Planificación Económica, que se encargará do estudo, programación e valoración económicas das propostas e plans de actuación que desenvolverá a dirección xeral».

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase, conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, derivadas da modificación da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceiro.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes