DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2006 pola que se modifican as bases reguladoras da concesión por este instituto de axudas de salvamento e reestruturación a empresas en crise para adaptalas aos requirimentos da Comisión Europea.

Con data do 29 de novembro de 2005, o Consello de Dirección do Igape tomou o acordo de adaptar as bases reguladoras da concesión polo Igape de axudas de salvamento e reestruturación a empresas en crise ás novas directrices comunitarias sobre esta materia, publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea (DOC 2004/C 244/02), introducindo algúns cambios e aclaracións motivados por diversos factores, consonte a experiencia acadada coa tramitación de axudas ao abeiro da anterior normativa.

A dita adaptación das bases foi publicada mediante resolución do director xeral do 26 de decembro de 2005 (DOG nº 3, do 4 de xaneiro de 2006).

Tendo en conta que mediante carta do 20 de febreiro a Comisión Europea solicita que se incorporen expresamente ás bases determinadas restricións establecidas nas directrices, non considerando suficiente unha remisión xenérica ao establecido nas directrices, é polo que o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 30 de marzo de 2006, acorda unha nova adaptación das bases reguladoras, acollendo os puntos expresamente indicados pola comisión.

Polo que antecede, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a seguinte modificación, acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 30 de marzo de 2006, das bases reguladoras da concesión polo Igape de axudas de salvamento e reestruturación a empresas en crise, publicadas mediante resolución do director xeral do 26 de decembro de 2005 (DOG nº 3, do 4 de xaneiro de 2006):

1. Engádese un novo punto 8 á base 2ª:

«2.8. No caso de que anteriormente se concedese a unha empresa en crise unha axuda ilexítima respecto da cal a comisión adoptase unha decisión negativa cunha orde de recuperación e a dita recuperación non se fixese efectiva, na avaliación de calquera axuda de salvamento e de reestruturación que se fose a conceder á mesma empresa, tomarase en consideración o efecto acumulativo de ambas as dúas axudas (a antiga e a nova) e o feito de que a primeira delas non se reembolsase».

2. Engádense dous novos puntos 6 e 7 á base 5ª:

«5.6. Calquera axuda de salvamento que sexa superior ao resultado da aplicación da fórmula establecida no anexo das directrices comunitarias sobre axudas de salvamento e reestruturación de empresas, publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea (DOC 2004/C 244/02), terá que estar debidamente xustificada.

5.7. O importe máximo da axuda combinada concedida a unha única empresa, tanto en concepto

de salvamento como de reestruturación, non poderá superar os 10 millóns de euros, incluída calquera axuda recibida doutras fontes ou conforme a outros réximes».

3. Engádese o seguinte parágrafo a continuación do punto 2 da base 6ª:

«Toda modificación do plan de reestruturación terá que respectar o establecido nos puntos 52, 53 e 54 das directrices comunitarias sobre axudas de salvamento e reestruturación de empresas, publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea (DOC 2004/C 244/02)».

4. Engádese o seguinte parágrafo a continuación do punto 3 da base 6ª:

«Os beneficiarios da axuda terán que contribuír de xeito significativo ao plan de reestruturación con cargo aos seus propios recursos. A contribución ten que ser real e ascender como mínimo ao 25% do plan para as pequenas empresas e ao 40% cando se trate de medianas empresas».

5. Engádese un novo punto 5 á base 6ª:

«6.5. As empresas que acaden a condición de medianas, seránlles de aplicación os puntos 38 a 42 das directrices comunitarias sobre axudas de salvamento e reestruturación de empresas, publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea (DOC 2004/C 244/02), estando obrigadas a introducir contrapartidas que se ateñan ás condicións establecidas en tales puntos».

6. Substitúese a base 19ª polo seguinte texto:

«Base 19ª.-Informes.

19.1. Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitirá á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

19.2. Para dar cumprimento ás directrices comunitarias vixentes en materia de axudas a empresas en crise, cada plan de reestruturación aprobado polo Igape será comunicado á Comisión Europea.

19.3. Anualmente informarase á Comisión Europea sobre a aplicación destas bases, incluíndo unha lista de todas as empresas beneficiarias cos seguintes datos:

a) Nome.

b) Actividade.

c) Número de empregados.

d) Volume de negocios anual.

e) Importe da axuda concedida.

f) Importe e forma de contribución do beneficiario.

g) Cando proceda, forma e grao das contrapartidas.

h) Se é o caso, os datos relativos ás axudas de reestruturación ou outras axudas que se asimilen a estas, que fosen concedidas anteriormente.

i) Información sobre se o beneficiario foi obxecto de liquidación ou estivo sometido a un procedemento de quebra ou insolvencia, mentres non finalizase o período de reestruturación».

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2006.

José Antonio Delgado Arce

Director xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica