DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2006 pola que se modifica o programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 13 de marzo de 2003, acordou aprobar un programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia, para paliar as dificultades de accesibilidade aos recursos financeiros coas que poden atoparse este tipo de proxectos e especialmente aqueles que, presentando riscos de implantación superiores aos que se poidan considerar habituais, conten cunhas bases mínimas de viabilidade.

De conformidade coa característica segunda deste programa, poderían ser prestameiros as persoas xurídicas que presenten un proxecto previamente cualificado como emprendedor de acordo co establecido na base 5ª das bases reguladoras de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para o programa emprendedores, que teñan vixente a cualificación de emprendedores, ao abeiro das citadas bases e que o dito proxecto requira para a súa maduración e viabilidade unha achega financeira en condicións favorables.

Non obstante, coa entrada en vigor das novas bases reguladoras das axudas do Igape para o programa emprendedores, feitas públicas mediante resolución do director xeral do 1 de marzo de 2006 (DOG nº 49, do 10 de marzo), desaparece a figura de «proxecto cualificado como emprendedor» que se recollía na anterior normativa, polo que non se pode manter o requisito para ser beneficiario do programa de préstamos da presentación dun proxecto que dispoña desta cualificación formal. Coa nova normativa tamén se modifican, para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, os conceptos que se poden integrar na base subvencionable.

Por iso e co obxecto de adaptar o programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores á nova normativa en vigor, resulta necesario modificar os requisitos para ser prestameiro recollidos no parágrafo primeiro da característica segunda. Tamén se considera oportuno modificar o parágrafo segundo da citada característica segunda, para que os conceptos financiables co préstamo coincidan cos integrables na base subvencionable para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido.

Ademais, a documentación que deberá acompañar á solicitude de préstamo pode resultar insuficiente para comprobar o cumprimento de tales requisitos, polo que tamén é necesario modificar o punto primeiro da característica terceira.

Polo que antecede, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a modificación, acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 30 de marzo de 2006, dos seguintes parágrafos e características do programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 63, do 31 de marzo de 2003) que quedan redactados do seguinte xeito:

Parágrafo primeiro da característica segunda:

«-Prestameiros: pequenas e medianas empresas segundo definición da Comisión Europea, feita pública para os efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), que cumpran as seguintes condicións:

a) Que exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia baixo calquera forma de persoa xurídica de obxecto empresarial.

b) Que cumpran os requisitos establecidos na base 4.2. das bases reguladoras das axudas do Igape para o programa emprendedores, publicadas mediante Resolución do 1 de marzo de 2006 (DOG nº 49, do 10 de marzo).

c) Que presenten un proxecto de acordo cos requisitos establecidos na base 4.3. das bases reguladoras das axudas do Igape para o programa emprendedores, e que ademais este proxecto requira para a súa maduración e viabilidade dunha achega financeira en condicións favorables».

Parágrafo segundo da característica segunda:

«-Finalidade: financiar aqueles gastos e investimentos considerados subvencionables de acordo co establecido na base 4.4.1.1 das bases reguladoras das axudas do Igape para o programa emprendedores».

Punto primeiro da característica terceira, ao que se lle engade o seguinte punto:

«-Aquela documentación relacionada no anexo II, puntos 2, 3, 4, 5, 6 e 7 das bases reguladoras das axudas do Igape para o programa emprendedores, para proxectos empresariais de novos emprendedores, e a relacionada no anexo III, puntos 2, 3, 4 e 5 das ditas bases para proxectos empresariais de novas iniciativas innovadoras, sempre que esta documentación non figure xa noutro expediente presentado no Igape».

Segundo.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2006.

José Antonio Delgado Arce

Director xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica