DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.705

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2006, da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, pola que se lle dá publicidade ao convenio de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do I Plan Integral de Emprego de Galicia.

Asinado o día 29 de marzo de 2006 un convenio de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do I Plan Integral de Emprego de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

RESOLVO:

A publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio que figura no anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2006.

José Vázquez Portomeñe

Secretario xeral da Consellería de Traballo

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do I Plan Integral de Emprego de Galicia

En Madrid o 29 de marzo de 2006.

Reunidos:

Dunha parte, en nome e representación da Administración xeral do Estado, Jesús Caldera Sánchez-Capitán, ministro de Traballo e Asuntos Sociais, nomeado polo Real decreto 558/2004, do 17 de abril (BOE do 18 de abril) e Valeriano Baillo Ruiz, director xeral do Servizo Público de Emprego Estatal do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, nomeado polo Real decreto 839/2004, do 23 de abril (BOE do 24 de abril); en virtude do disposto no artigo 6 e na disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Doutra parte, en nome e representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, o Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, nomeado polo Real decreto 1008/2005, do 30 de xullo (BOE do 1 de agosto) e Ricardo Jacinto Varela Sánchez, conselleiro de Traballo, nomeado polo Decreto 213/2005, do 3 de agosto (DOG nº 149, do 4 de agosto); en virtude do disposto no artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente.

Ambas as partes recoñécense capacidade xurídica suficiente para obrigarse e subscribir o presente convenio e para ese efecto,

Expoñen:

Primeiro.-Que o Estado, de acordo co artigo 149.1.13ª da Constitución, ten atribuída a competencia sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Segundo.-Que a Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade cos artigos 28.24º, 30.1º e 31 do Estatuto de autonomía, ten atribuídas competencias en materia de promoción do desenvolvemento comunitario, fomento e planificación da actividade económica rexional e ensino.

Terceiro.-Que durante os últimos anos, aínda que a situación do mercado de traballo en España evolucionou positivamente, continúan existindo importantes disfuncións e diferenzas entre as comunidades autónomas.

Así, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA-terceiro trimestre 2005) que elabora o Instituto Nacional de Estatística (INE), as taxas nacionais de actividade son, para ambos os sexos, o 57,43% para os homes, o 69,041%, e para as mulleres, o 46,31%. En Galicia, con todo, os mesmos indicadores están por baixo dos nacionais: 53,52%, en ambos os sexos; 62,60%, nos homes e 44,32% no caso das mulleres.

En canto ao desemprego, a participación de Galicia no paro rexistrado está moi por encima do seu peso no total de activos. Así, mentres que Galicia representa o 6% do total de activos, o 5,8% dos homes e o 6,4% das mulleres; os parados rexistrados en Galicia supoñen o 7,8% do total nacional, un 27,3% máis do que lle correspondería polos seus activos homes e un 26,9% máis no caso das mulleres.

Cuarto.-Que ambas as partes consideraron e valoraron a oportunidade de poñer en marcha e desenvolver un plan integral de emprego durante o período 2006-2009, que ademais de posibilitar melloras substanciais, en termos de actividade e de ocupación, nos mercados de traballo en Galicia, permita ir reducindo os desfases que a separan da media española. Por iso, o 17 de setembro de 2005, asinouse o acordo de Colaboración entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Xunta de Galicia para a posta en marcha do I Plan Integral de Emprego de Galicia.

En virtude do devandito acordo, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a través do Servizo Público de Emprego Estatal, realizará con cargo ao orzamento deste, unha dotación económica destinada a financiar as accións e medidas de fomento de emprego descritas nel.

Quinto.-Que, así mesmo, a disposición adicional decimo sétima da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, establece que o Servizo Público de Emprego Estatal achegará ao financiamento do Plan Integral de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia 24.000.000 de euros. A mencionada cantidade destinarase, conxuntamente coa achega financeira que realice a Comunidade Autónoma de Galicia, a financiar accións e medidas de fomento de emprego, encadradas nas políticas activas de emprego, que se describan no convenio de colaboración que subscriba a Administración xeral do Estado coa Administración da citada comunidade autónoma.

Por todo o exposto, ambas as partes acordan subscribir o presente convenio de colaboración, que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto establecer a colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do I Plan Integral de Emprego de Galicia (en diante I PIEG), durante o período 2006-2009.

Segunda.-Obxectivos do Plan Integral de Emprego de Galicia.

1. Os principais obxectivos do Plan, recollidos no acordo de colaboración entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Xunta de Galicia para a posta en marcha do I Plan Integral de Emprego en Galicia, subscrito en Santiago de Compostela o 17 de setembro de 2005, son, por unha banda, favorecer a xeración de emprego nos sectores económicos menos desenvolvidos, con especial atención ás zonas rurais e as que resulten afectadas por catástrofes naturais ou doutra índole e, por outra, promover a inserción laboral dos desempregados mediante a creación de itinerarios de inserción:

-Impulsando a inserción laboral de colectivos con maiores dificultades como mulleres, mozos desempregados e parados de longa duración.

-Apoiando a reincorporación á vida laboral de persoas que abandonaron o mercado de traballo.

-Facilitar oportunidades de emprego a quen desexen incorporarse ao mercado de traballo, establecendo, para o caso dos beneficiarios de prestacións, en coordinación co Servizo Público de Emprego Estatal, o correspondente itinerario de inserción, co fin de facilitar as obrigas que subscriben no compromiso de actividade, segundo se establece na Lei 45/2002, do 12 de decembro, e deste xeito acurtar o período que transcorre entre o inicio da prestación e a súa volta ao traballo.

-Apoiando a inserción no mercado laboral de persoas discapacitadas e de inmigrantes e colectivos en risco de exclusión.

2. Para a consecución de tales obxectivos e para a execución do Plan, ambas as administracións consideran necesaria unha achega de 48 millóns de euros anuais durante o período 2006-2009, segundo o detalle que figura a continuación.

Terceira.-Compromisos da Administración xeral do Estado.

O Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a través do Servizo Público de Emprego Estatal, con cargo ao seu orzamento, achegará vinte e catro millóns de euros cada ano, durante o período de vixencia do Plan Integral de Emprego de Galicia, que se destinarán a financiar accións e medidas de fomento de emprego, encadradas nas políticas de emprego que se describen neste convenio de colaboración.

A achega financeira dos exercicios económicos 2007, 2008 e 2009 estará condicionada á correspondente habilitación nas sucesivas leis de orzamentos xerais do Estado.

2. A citada achega librarase no segundo mes de cada cuadrimestre natural dos sucesivos exercicios económicos, logo de solicitude documentada da Comunidade Autónoma de Galicia ao Servizo Público de Emprego Estatal da aplicación dos fondos.

A achega do Servizo Público de Emprego Estatal é adicional á distribuída á Comunidade Autónoma

de Galicia, conforme o procedemento establecido no artigo 86 da Lei xeral orzamentaria, de subvencións estatais de xestión estatutariamente asumida por devandita Administración pública.

Cuarta.-Compromisos da Xunta de Galicia.

1. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, con cargo ao seu orzamento, achegará mediante a afectación ao I Plan Integral de Emprego de Galicia de medidas activas de emprego, ata vinte e catro millóns de euros cada ano, durante o período 2006-2009.

2. Respecto da achega estatal, a través do Servizo Público de Emprego Estatal, a Xunta de Galicia queda suxeita ás actuacións de comprobación que poidan realizar o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servizo Público de Emprego Estatal, á función fiscalizadora do Tribunal de Contas, ás de control financeiro e/ou auditoría pública da Intervención Xeral da Administración do Estado e, en razón á cofinanciación do Fondo Social Europeo, ás que leven a efecto a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo e os órganos da Unión Europea.

Quinta.-Obxectivos das accións.

As actuacións irán enfocadas á realización de accións integradas en itinerarios de inserción laboral que contribúan a mellorar as condicións de ocupabilidade dos colectivos de desempregados, especialmente desempregados de longa duración, mulleres, persoas ausentadas do mercado de traballo, colectivos en risco de exclusión social, mozos e beneficiarios de prestacións, utilizando para iso as medidas previstas na cláusula sexta. Para articular os itinerarios citados procurarase coordinar e integrar, polo menos, dúas destas medidas.

Ademais, estas actuacións haberán de favorecer a xeración de emprego, sobre todo no ámbito local e rural, en sectores económicos diversificados, facilitando a mobilidade xeográfica dos desempregados e prestando un especial apoio á creación de emprego, dentro do sector servizos, no ámbito da atención a persoas dependentes e daqueloutros incluídos dentro dos novos xacementos de emprego; igualmente estas actuacións deberán de crear contornos favorables para o aproveitamento das posibilidades do mercado autonómico polos potenciais emprendedores; e, así mesmo, haberán de coadxuvar á internacionalización da economía galega e á expansión e maior uso das tecnoloxías da información.

Sexta.-Programas que se desenvolverán.

As accións e medidas de fomento de emprego concretos que se desenvolverán, neste marco de colaboración entre o Servizo Público de Emprego Estatal e o correspondente órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán deseñados con base na seguinte descrición:

-Accións para a formación, maior cualificación e reconversión profesional de desempregados e ocupados.

-Programas que combinen formación e emprego, prestando especial atención á rehabilitación de contornos e núcleos rurais, estimulando a cualificación dos traballadores desempregados naquelas ocupacións máis demandadas nos territorios en que se establezan.

-Contratación de traballadores desempregados en colaboración con corporacións locais, outros organismos públicos e entidades sen ánimo de lucro para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, poñendo especial atención na capacitación e adquisición de experiencia de técnicos en prevención de riscos laborais naqueles sectores con maiores índices de sinistralidade e, sinaladamente, na construción; así como na cualificación de técnicos para fomentar a inserción laboral das persoas con discapacidade.

-Programas integrados para o emprego.

-Programas experimentais de emprego.

-Iniciativas de desenvolvemento local.

-Programas de promoción de actividade xeradora de emprego.

-Programas de apoio ao emprego estable, a través da mellora da experiencia profesional.

-Programas de conciliación da vida familiar e laboral.

Sétima.-Obrigas da Xunta de Galicia.

Finalizado cada un dos exercicios aos que se estende o presente convenio, e con anterioridade ao 1 de abril de cada un dos correspondentes anos inmediatamente posteriores, a Comunidade Autónoma de Galicia remitirá á Dirección Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal un estado comprensivo dos compromisos de créditos, das obrigas recoñecidas e dos pagamentos realizados polas subvencións xestionadas, financiadas con cargo á achega financeira estatal, e será asinado polo titular do centro xestor da subvención ou subvencións ao que dará a súa conformidade o interventor delegado. Este documento xustificativo deberá acompañarse da información dos colectivos de traballadores atendidos coas achegas feitas efectivas, as accións realizadas, así como a documentación necesaria para efectos da cofinanciamento do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de titularidade do devandito organismo de Fomento do Emprego do Obxectivo 1.

Nas correspondentes resolucións da Dirección Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se fagan efectivos os libramentos, especificarase a documentación e información que se remitirá, antes de cada 1 de abril do correspondente ano, pola Comunidade Autónoma de Galicia ao devandito organismo respecto de cada unha das accións dos programas de políticas activas de emprego executadas con cargo á achega financeira estatal detallados na cláusula sexta, con especial referencia aos cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a través do citado programa operativo de titularidade do Servizo Público de Emprego Estatal.

Oitava.-Remanentes non comprometidos da execución da achega estatal.

1. Os remanentes non comprometidos da achega financeira estatal serán devoltos pola Comunidade Autónoma de Galicia ao Servizo Público de Emprego Estatal antes de cada 1 de abril do correspondente ano. Esta devolución, que se materializará mediante o correspondente ingreso na conta oficial do Servizo Público de Emprego Estatal situada no Banco de España (praza de Madrid), acreditarase mediante certificación, subscrita polo titular do órgano xestor e o interventor delegado, en que conste o montante da achega estatal do exercicio correspondente, o gasto comprometido e o remanente non comprometido, segundo o anexo que para o efecto se incorpore á resolución de concesión da Dirección Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal pola que se fagan efectivos os libramentos.

2. De non realizarse a devolución na forma e prazo sinalados no parágrafo anterior, a Dirección Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal incoará o regulamentario procedemento de reintegro con suxeición ás prescricións contidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que se refire aos remanentes de crédito.

Novena.-Dereito supletorio.

No non regulado expresamente no presente convenio, será de aplicación o previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na normativa reguladora das accións de políticas activas de emprego que se prevé executar.

Décima.-Comisión de seguimento.

Coa finalidade de garantir o cumprimento dos obxectivos previstos no convenio, realizar o seu seguimento, facilitar a adecuada coordinación das administracións asinantes, así como resolver os problemas de interpretación e cumprimento do presente convenio que poidan suscitarse, créase unha Comisión Mixta de Coordinación e Seguimento entre ambas as partes, composta por catorce membros, sete para cada unha delas, coa seguinte distribución:

Por parte do Servizo Público de Emprego Estatal:

-O director xeral do Servizo Público de Emprego Estatal que, para estes efectos, poderá ser substituído polo subdirector xeral de Servizos Técnicos do organismo.

-En función da materia que se trate en cada reunión: o subdirector xeral de Promoción de Emprego, o subdirector xeral de Prestacións, o subdirector xeral de Xestión Económica e Orzamentaria e a subdirectora xeral de Xestión de Formación Ocupacional.

-Os directores provinciais do organismo da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

-Un representante designado pola Delegación de Goberno.

Por parte da Comunidade Autónoma de Galicia:

-O director xeral de Promoción do Emprego.

-O director xeral de Formación e Colocación.

- O subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, o subdirector xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores, o subdirector xeral de Colocación, a subdirectora xeral de Formación Ocupacional e Continua e a subdirectora do Instituto das Cualificacións.

A comisión de seguimento reunirase con periodicidade semestral, podendo celebrar outras sesións por petición de calquera das partes.

A Presidencia será rotatoria, desempeñándoa en primeiro lugar, a representación do Servizo Público de Emprego Estatal.

A Secretaría da Comisión e a súa coordinación administrativa corresponderanlle á representación do Servizo Público de Emprego Estatal.

No non regulado expresamente neste artigo, será de aplicación o prevido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (artigos 22 ao 27).

Décimo primeira.-Publicidade.

Na medida en que a tipoloxía das actuacións cofinanciadas por este convenio o permita, incluiranse medidas de publicidade que aludan á súa inclusión no PIEG.

Décimo segunda.-Xurisdición.

Dada a natureza administrativa deste convenio, será competente a xurisdición contencioso-administrativa para dirimir os conflitos a que a súa execución puidera dar lugar.

Décimo terceiro.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, estendendo os seus efectos desde o 1 de xaneiro de 2006 ata o 31 de decembro de 2009.

E en proba de conformidade, asinan as partes por duplicado exemplar no lugar e na data indicados no encabezamento.

Pola Administración do Estado, Jesús Caldera Sánchez-Capitán, ministro de Traballo e Asuntos Sociais.

Pola Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidente.

Pola Administración xeral do Estado, Valeriano Baillo Ruiz, director xeral do Servizo Público de Emprego Estatal.

Pola Xunta de Galicia, Ricardo Jacinto Varela Sánchez, conselleiro de Traballo.