DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.700

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 7 de marzo de 2006 pola que se regulan, dentro das feiras culturais, as seccións de feiras do libro en Galicia para celebrar no ano 2006.

As feiras culturais en Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, establecen un concepto xenérico que define un novo tipo de acontecementos culturais e que recolle, xunto con experiencias establecidas como as feiras do libro, a posibilidade de novas actividades feirais. A Consellería de Cultura e Deporte pretende con iso crear novas vías de achegamento cultural aos galegos, coa creación de amplos escaparates, abertos a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Estas feiras culturais, abertas a diferentes posibilidades, precisan dunha normativa concreta que defina esencialmente as condicións concretas de acceso a elas, o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade e as vías para o acceso á organización ou participación nelas, tal como determinan os artigos 3 e 4 do citado decreto.

Dentro do amplo abano de posibilidades abertas polas feiras culturais, as datas dedicadas ao libro representan a actividade de maior tradición e asentamento e, así mesmo, as que pola súa amplitude demanda a entidade, mais precisan dunha ordenación que permita unha constante mellora e unha coordinación maior entre as institucións ou organismos participantes nelas. A experiencia destes últimos anos e a vontade de mellora nestes eventos de tanta importancia para a promoción do libro e da lectura aconsellan a introdución de novos elementos na organización das feiras.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Concepto das feiras do libro.

As feiras do libro supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante o achegamento do libro ao seu potencial lector, na que se desenvolve tamén

unha actividade comercial, froito da venda dos libros. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente autorizadas, poderá realizarse cos descontos máximos permitidos na Lei do libro vixente.

Artigo 2º.-Feiras do libro novo, antigo e de ocasión.

1. As seccións das feiras do libro poderán ser feiras do libro novo, ou feiras do libro antigo ou de ocasión.

2. Feiras do libro novo son aquelas nas que se exhiben e comercializan libros incluídos nos catálogos editoriais. Entenderase por catálogo a relación entregada polo editor ao distribuidor ou libreiro na que figuren os títulos, autores e prezos de venda dos libros que compoñen o seu fondo editorial, con mención expresa da data de vixencia da información que se facilita. As feiras do libro novo poderán tamén ser feiras de carácter monográfico, dedicadas a un tipo específico de libros ou de materiais bibliográficos.

3. Feiras do libro antigo ou de ocasión son aquelas nas que se exhiben ou comercializan libros antigos ou libros descatalogados polo editor e que, daquela, non figuren no seu último catálogo.

Artigo 3º.-Obxectivos das feiras do libro novo.

As feiras do libro en catálogo que se realicen en Galicia terán como un dos seus obxectivos primordiais a exhibición, difusión e comercialización do libro galego, fundamentalmente do publicado nos últimos anos, así como a promoción da lectura entre a sociedade galega.

Artigo 4º.-Organización das feiras do libro.

Poderán organizar feiras do libro en Galicia todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan autorizadas para este fin pola Consellería de Cultura e Deporte, de acordo co establecido nesta orde, e sen mingua das competencias que en materia de licenza municipal lles corresponderen aos concellos. Terán prioridade para a autorización de feiras do libro as solicitudes presentadas pola Federación de Libreiros de Galicia e, para feiras monográficas do libro galego, as presentadas pola Asociación Galega de Editores.

Artigo 5º.-Solicitudes de autorización. Documentación.

1. As solicitudes de autorización para as feiras que haxa que celebrar no ano 2006 presentaranse nun prazo de 40 días naturais, a partir do seguinte ao da publicación desta orde, segundo o modelo publicado no seu anexo I, no rexistro da Consellería de Cultura e Deporte ou nas súas delegacións provinciais, e será aplicable o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representatividade da persoa que asina a solicitude.

b) Estatutos ou regulamento polos que se rexe a feira, que en ningún caso serán contrarios ao disposto nesta orde, e nos que deben constar as condicións para a inscrición dos participantes.

c) Carácter da feira, lugar e datas de celebración e horario de funcionamento.

d) Características da situación da feira, accesos e servizos (luz, auga, comunicacións, teléfono, limpeza e outros).

e) Características das casetas expositoras e o seu número.

f) Actividades culturais previstas durante a feira.

g) Compromiso dos organizadores de lles dar a coñecer por escrito a todos os libreiros da localidade a realización da feira e de lles dar a posibilidade a todos eles de se inscribiren.

h) Seguros de persoas e bens (responsabilidade civil).

i) Declaración de que polo menos a metade dos participantes son libreiros ou editores radicados en Galicia, no caso de feiras do libro en catálogo, ou de que a metade dos postos de venda se lles ofertasen a libreiros galegos no caso de feiras do libro antigo e de ocasión.

j) Memoria económica do custo desagregado en gastos materiais e actividades culturais. Faranse constar na memoria as subvencións recibidas ou solicitadas de calquera entidade pública ou privada para a realización da feira.

Artigo 6º.-Resolución.

Unha vez recibida a solicitude e a documentación sinalada no artigo 5º, estudarase por parte dos servizos competentes da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. O director xeral de Creación e Difusión Cultural proporalle a conselleira de Cultura e Deporte a resolución que proceda.

Artigo 7º

En virtude do disposto nos artigos 3 e 4.1º do Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, as feiras do libro que realizará a Consellería de Cultura e Deporte en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia para o ano 2006 relaciónanse a seguir:

Santiago de Compostela: do 28 de abril ao 7 de maio.

Lugo: do 13 de maio ao 21 de maio.

Ourense: do 27 de maio ao 4 de xuño.

Ferrol: do 12 de xuño ao 18 de xuño.

Noia: do 22 de xuño ao 25 de xuño.

Vigo: do 30 de xuño ao 9 de xullo.

Pontevedra: do 13 de xullo ao 21 de xullo.

Cangas: do 22 de xullo ao 26 de xullo.

A Coruña: do 1 de agosto ao 10 de agosto.

Viveiro: do 13 de agosto ao 16 de agosto.

Foz: do 17 de agosto ao 20 de agosto.

Monforte de Lemos: do 24 de agosto ao 27 de agosto.

Artigo 8º.-Comisión Técnica.

As feiras do libro contarán cunha comisión técnica para o conxunto das feiras.

1. A Comisión Técnica estará presidida polo director xeral de Creación e Difusión Cultural ou da persoa na que delegue e estará constituída polos seguintes membros:

Dous representantes da Consellería de Cultura e Deporte.

Dous representantes da Federación de Libreiros de Galicia.

2. A función desta comisión técnica consistirá en velar pola correcta aplicación desta orde.

Artigo 9º.-Presidencia da feira.

A dirección técnica de cada feira estará ao cargo do presidente da Federación de Libreiros de Galicia ou persoa na que este delegue.

Terá como función a de dirixir a selección de participantes e o sorteo de casetas, así como dirixir o funcionamento da feira, coidando de que se cumpra o regulamento e as disposicións previstas nesta orde.

Artigo 10º.-Número de feiras do libro en cada localidade.

Poderá realizarse en cada localidade de Galicia unha feira do libro novo non monográfica e unha feira do libro antigo ou de ocasión. Nas localidades onde a Federación de Libreiros de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, realice unha feira do libro novo, esa será a única no seu tipo autorizada.

Artigo 11º.-Requisitos dos participantes.

Os participantes deberán reunir os requisitos legais necesarios para o exercicio de actividades mercantís. No caso dos libreiros, deberán estar inscritos no Rexistro de Librarías da Consellería de Cultura e Deporte e, no caso dos editores que soliciten caseta individual, deberán ter no seu catálogo un mínimo de 50 títulos en galego, se o fan pola cota reservada para editores galegos, e 50 títulos en xeral, se o fan pola cota doutros libreiros e editores, agás no caso de empresas editoriais dedicadas en exclusiva á produción de obras destinadas á venda a crédito.

Artigo 12º.-Tipo de casetas. Porcentaxes que rexerán na admisión de participantes.

As feiras do libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura e Deporte poderán contar con dous tipos de casetas diferentes, unhas unicamente para exposición e outras para venda.

A admisión para as casetas nas feiras do libro rexerase polas seguintes cotas:

-45% para libreiros da localidade, inscritos no Rexistro de Librarías da Consellería de Cultura e Deporte e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

-15% editores radicados en Galicia durante un período maior de dous anos, que cumpran os requisitos estipulados no regulamento. As editoriais que se dediquen á produción do libro galego, cun mínimo de 50 títulos en catálogo nesta lingua, poderán participar con ou sen venda.

-20% libreiros de fóra da localidade, inscritos no Rexistro de Librarías da Consellería de Cultura e Deporte e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

-10% outros libreiros e editores non incluídos en ningún dos puntos anteriores.

-10% para as invitacións que determina a Dirección Técnica de cada feira para aqueles libreiros, editores ou distribuidores que teñan especial interese para a feira do libro e que cumpran os requisitos regulamentarios para a súa participación.

No caso de non se cubriren as cotas reservadas para os diferentes grupos, a Dirección Técnica decidirá sobre as prazas que queden vacantes.

Artigo 13º.-Solicitudes para participar nas feiras do libro.

O prazo de solicitudes para participar en calquera das feiras que se anuncien cerrarase aos 30 días naturais antes do día de apertura da feira correspondente. Os editores galegos que cumpran as con

dicións estipuladas poderán presentar a solicitude nunha soa das modalidades, exposición ou venda, ofertadas. Os que soliciten a participación na cota destinada a outros libreiros e editores deben acreditar documentalmente a súa condición de editor ou libreiro e o tempo que leven radicados en Galicia.

Na solicitude debe constar claramente o nome da empresa, nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI do representante na feira, enderezo e, se for o caso, o número de Rexistro de Librarías. Con todas as solicitudes debe achegarse unha fotocopia do último recibo do IAE e do pagamento da taxa correspondente. No caso dos editores, deberán xuntarlle á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos.

As dilixencias de inscrición para as casetas con venda faranse na Federación de Libreiros de Galicia. No caso dos editores, deberán acompañarlle á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos. A Federación de Libreiros de Galicia debe comunicarlle a lista de solicitantes á Comisión Técnica, nun prazo non superior á cinco días tras o remate do prazo de inscrición de cada feira.

Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados, en función do interese de cada feira, pola Dirección Técnica. Dentro destes, a orde de colocación farase sempre por sorteo público, realizado polo menos con quince días de antelación respecto do comezo da feira, coas casetas numeradas correlativamente desde o 1 en diante.

Cando un solicitante presente para a mesma feira solicitudes para varias librarías, coa mesma titularidade para todas elas, pode participar con todas no sorteo, dentro do grupo que lle corresponda, pero soamente se lle adxudicará unha caseta, agás no caso de que non se complete a cota de casetas destinada ás librarías. Neste caso, adxudicaranse as casetas dispoñibles seguindo a orde de preferencia das solicitudes presentadas. No caso de haber máis dun solicitante nesta circunstancia, procederase a sortear as casetas sobrantes entre as solicitudes presentadas que quedasen sen adxudicar. O solicitante debe especificar a orde de preferencia.

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados 5 días, se non existisen suficientes solicitudes para realizar a feira, cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión da feira. Se for o caso, a suspensión notificaráselles por escrito ao director da feira correspondente e aos solicitantes.

Artigo 14º.-Normas internas de cumprimento dos participantes nas feiras do libro.

As casetas participantes na feira do libro deberán cumprir a seguinte normativa:

1. Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel, que corresponderá ao nome da firma solicitante, sen que poida cederse ou arrendarse a outra persoa ou entidade, e debe contar obrigatoriamente con varios fondos diferenciados, sen que ningún deles supere o 50% do espazo dedicado á exposición. No caso das editoriais, deben levar fondos propios ou fondos galegos que leven en distribución, sen que poidan estes últimos exceder en ningún caso o 50% do espazo dedicado á exposición.

2. Todas as casetas de libraría con venda, agás as de carácter monográfico, deben contar cun mínimo dun 25% de libros en galego; o total de libros galegos

da feira debe acadar un mínimo do 50%. O incumprimento desta norma pode motivar a exclusión de participar nas feiras do libro durante dous anos, contados a partir da data da aprobación na comisión técnica deste expediente.

3. Cada expositor ocupará a caseta correspondente, manténdoa aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas será advertido pola Dirección Técnica da correspondente feira, ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que se desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ao seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, coa perda de todos os dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereitos a compensacións. No caso de que un expositor, sen causa considerada xustificada pola Dirección Técnica das feiras do libro, non ocupe a caseta que tiver asignada, quedará automaticamente excluído desta, así como das feiras do libro que se organicen nun prazo de dous anos, contados a partir da data de finalización da feira na que cometese a infracción.

4. Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas súas proximidades, non aprobadas pola Comisión Técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer detrimento para esta. Queda, así mesmo, prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal, ou falta de respecto grave cara aos outros feirantes. A Comisión Técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola Dirección Técnica da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do infractor, que perderá todos os dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

5. Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da firma participante e tamén queda prohibida a exhibición de materiais promocionais alleos ao libro e ao seu contido.

6. Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen ao público e tamén que os participantes atendan ao público desde o exterior das casetas. Trátase, con isto, de acadar a necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral que en ningún momento poida supor un compromiso para os visitantes.

7. Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ao remate da feira, e reporá pola súa conta o material que sufrise deterioración, imputable a unha mala utilización.

8. En cada caso, será a Comisión Técnica quen estudará todos os incidentes que se susciten, así como a súa gravidade, e determinará as medidas para adoptar, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2006.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte