DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.692

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de abril de 2006 pola que se convocan axudas económicas dirixidas ás asociacións e fundacións con fins pedagóxicos e sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, para a realización de actividades organizadas co alumnado e coas familias da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2006, e se aproban as súas bases reguladoras.

O artigo 2.3º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece como principio da actividade educativa a participación e colaboración dos pais e titores para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 e 149 da Constitución española.

As actividades organizadas co alumnado cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos

a posibilidade de realizaren múltiples accións de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que lle van proporcionar ao alumnado unha maior convivencia e cooperación, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral.

Esta orde nace coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das asociacións e fundacións con fins pedagóxicos mediante a subvención dos gastos ocasionados polas actividades realizadas co alumnado e coas familias, así como os derivados da xestión administrativa e da adquisición de material non inventariable.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

1. Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas económicas para a organización durante o ano 2006 de actividades de formación, complementarias ao ensino regrado, organizadas por asociacións e fundacións con fins pedagóxicos e sen ánimo de lucro, dirixidas ao alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos e ás familias.

Quedan excluídas desta convocatoria as federacións, confederacións e asociacións de nais e pais de alumnos.

2. Financiamento.

O importe máximo total das axudas que se concedan é de 60.000 euros, con cargo ao concepto orzamentario 09.02.323A.480.5. A cantidade máxima que se concederá por asociación ou fundación non será superior a 6.000 euros.

3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións ou fundacións legalmente constituídas e recoñecidas cando nos seus estatutos figuren como fin preferente as actuacións co alumnado e que desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Solicitudes.

As asociacións e fundacións interesadas deberán dirixir as súas solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento, segundo o modelo do anexo IV, tendo en conta os módulos económicos e os conceptos que figuran no anexo III.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal.

D. Para aquelas entidades que o precisen, copia compulsada dos estatutos da entidade adaptados á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo (BOE do 26 de marzo), segundo a disposición transitoria única do Real decreto 1497/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento do rexistro nacional de asociacións e das súas relacións cos restantes rexistros de asociacións.

E. Copia do CIF.

F. Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.

G. Certificación bancaria da conta corrente.

H. Declaración xurada asinada polo representante legal da asociación ou fundación indicando se per

cibe outras axudas para o desenvolvemento da actividade. En caso afirmativo, especificar a contía e a entidade que a concede.

I. Declaración responsable, por parte das persoas ou entidades, de non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora, segundo o disposto no artigo 13 da Lei 38/2005, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos no citado artigo.

5. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. Temática das actividades.

Financiaranse prioritariamente aquelas actividades de formación, como congresos, xornadas, cursos, olimpíadas e rallys, que versen sobre os seguintes temas:

a) Actividades relacionadas con áreas curriculares.

b) Contidos transversais do currículo.

c) Atención á diversidade.

d) Atención ao alumnado inmigrante.

7. Contía das axudas e criterios de selección.

A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes, da adecuación dos proxectos ao establecido no artigo 6º desta convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan os gastos orzados para as actividades programadas, e a súa distribución farase atendendo a criterios como: calidade, número de horas reais de docencia e número de asistentes.

8. Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección integrada por:

Presidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-A xefa do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

-O xefe do Servizo de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Por cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá asistir un representante ás sesións da comisión con voz e sen voto. O nome do representante sindical seralle comunicado á presidenta da comisión de selección coa debida antelación.

9. Resolución da convocatoria.

Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a súa contía. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xuridición contencioso-administrativa.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses desde que remate o prazo para a presentación de solicitudes, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

10. Pagamento das axudas.

O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación de gastos. A xustificación farase nos seguintes prazos: ata o 15 de outubro de 2006 para as actividades realizadas ata o 30 de setembro e ata o 24 de novembro de 2006 para as actividades que se realicen en outubro e novembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase unicamente polos conceptos e módulos que figuran no anexo III e de acordo coas instrucións que figuran no anexo V.

Cando a xustificación de gastos non se axuste aos anexos III e V, por presentar facturas ou xustificantes incompletos ou incorrectos, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá completar estas instrucións poñéndoas en coñecemento dos interesados cando se lles comunique a contía da axuda concedida.

11. Modificación da adxudicación.

O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presentar a xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos orzados que supoña que a axuda supera a diferenza entre os ingresos e os gastos reais.

12. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación operada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

13. Incumprimento das obrigas.

O beneficiario deberá reintegrar total ou parcialmente a axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Igualmente serán causas de reintegro as establecidas no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción operada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

14. Inspeccións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comprobar a veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

15. Fiscalización e control.

O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria