DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de abril de 2006 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ao profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2006 e organizadas polos movementos de renovación pedagóxica ou polas asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, legalmente constituídas, e se aproban as súas bases reguladoras.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia que ten a formación permanente do profesorado, de cara á mellora da calidade do ensino e á potenciación no uso do galego, e a renovación da metodoloxía e das técnicas didácticas que se aplican nos centros docentes, e

consciente da repercusión e incidencia real que teñen os movementos de renovación pedagóxica, as asociacións e fundacións pedagóxicas e as organizacións sindicais do ámbito educativo, en canto a que contribúen ao desenvolvemento deste proceso e potencian a realización de actividades de perfeccionamento, pretende facilitar o logro destes obxectivos a través da concesión de axudas económicas.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

1. Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas económicas para a organización durante o ano 2006 de actividades de formación do profesorado dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios, que estean homologadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que dinamicen o ensino galego.

2. Financiamento.

O importe máximo total das axudas que se concedan é de 100.000 euros, con cargo ao concepto orzamentario 09.02.322I.480.0. A cantidade máxima que se concederá por movemento de renovación pedagóxica ou asociación non será superior a 10.000 euros.

3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as organizacións sindicais do ámbito educativo, os movementos de renovación pedagóxica e as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas e recoñecidas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. Solicitudes.

As organizacións sindicais do ámbito educativo, os movementos de renovación e as asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixir as súas solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento, segundo o modelo do anexo IV, tendo en conta os módulos económicos e os conceptos que figuran no anexo III.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal.

D. Para aquelas entidades que o precisen, copia compulsada dos estatutos da entidade adaptados á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo (BOE do 26 de marzo), segundo a disposición transitoria única do Real decreto 1497/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro nacional de asociacións e das súas relacións cos restantes rexistros de asociacións.

E. Copia do CIF.

F. Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.

G. Certificación bancaria da conta corrente.

H. Declaración xurada asinada polo representante legal do movemento de renovación pedagóxica, da asociación ou da fundación indicando se percibe outras axudas para o desenvolvemento da actividade. En caso afirmativo, especificar a contía e a entidade que a concede.

I. Declaración responsable, por parte das persoas ou entidades, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora, segundo o disposto no artigo 13 da Lei 38/2005, xeral de subvencións, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro).

A documentación das letras C, D, E, F e G non terá que ser achegada polos movementos de renovación pedagóxica nin polas asociacións e fundacións pedagóxicas que xa recibiran axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tiveran variación nos seus datos e que os seus estatutos estean adaptados á lei vixente.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos no citado artigo.

5. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. Requisitos das actividades.

As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego e de acordo co Decreto 173/1982, sobre nor

mativización da lingua galega, e coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, e irán dirixidas ao profesorado e persoal especializado que reúna os requisitos establecidos para o exercicio das súas funcións en centros públicos ou privados, todos eles dentro do ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos que se impartan ensinanzas de réxime xeral e de réxime especial e en servizos técnicos de apoio a eles.

7. Temática das actividades.

Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos nos plans de formación e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

a) Deseño e desenvolvemento curricular.

b) Contidos transversais do currículo.

c) Atención á diversidade.

d) Atención ao alumnado inmigrante.

e) Educación de adultos.

f) Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

g) Xestión e organización de centros educativos.

h) Orientación e titoría.

8. Contía das axudas e criterios de selección.

A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes, da adecuación dos proxectos ao establecido no artigo 7º desta convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas, e a súa distribución farase en función dunha programación anual de actividades, tendo en conta criterios como: calidade, número de horas reais de docencia e número de asistentes.

9. Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección integrada por:

Presidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-O xefe do Servizo de Formación do Profesorado.

-A xefa do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Por cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá asistir un representante ás sesións

da comisión con voz e sen voto. O nome do representante sindical seralle comunicado á presidenta da comisión de selección coa debida antelación.

10. Resolución da convocatoria.

Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a súa contía. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xuridición contencioso administrativa.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses desde que remate o prazo para a presentación de solicitudes, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. Libramento das axudas.

O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación de gastos. A xustificación farase nos seguintes prazos: ata o 15 de outubro de 2006 para as actividades realizadas ata o 30 de setembro e ata o 24 de novembro de 2006 para as actividades que se realicen en outubro e novembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase unicamente polos conceptos e módulos que figuran no anexo III e de acordo coas instrucións que figuran no anexo V.

As actividades, das que se xustifica o gasto, deben contar con homologación definitiva antes do 12 de decembro de 2006.

Cando a xustificación de gastos non se axuste aos anexos III e V, por presentar facturas ou recibíns incompletos ou incorrectos, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

Para poder percibir a axuda concedida, o número de asistentes con dereito a certificado non deberá ser inferior ao 50% das prazas ofertadas e en ningún caso este número poderá ser menor de 10.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá completar estas instrucións poñéndoas en coñecemento dos interesados cando se lles comunique a contía da axuda concedida.

12. Modificación da adxudicación.

O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presentar a xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos orzados que supoña que a axuda supera a diferenza entre os ingresos e os gastos reais.

13. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación operada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

14. Incumprimento das obrigas.

O beneficiario deberá reintegrar total ou parcialmente a axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Igualmente, serán causas de reintegro as establecidas no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción operada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 78.9º do mencionado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

15. Inspeccións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comprobar a veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

16. Fiscalización e control.

O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria