DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2006 Páx. 6.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 5 de abril de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2006 a concesión de subvencións aos titulares de autorizacións administrativas de transporte da serie VT-N domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación de sistemas de seguranza nos seus vehículos.

A prestación de servizos de transporte en automóbiles turismo, esencialmente mediante taxis, constitúe unha parte esencial do sistema galego de transporte, constituíndo en casos incluso o medio máis válido para a garantía do dereito á mobilidade do conxunto da cidadanía. Paralelamente, a concorrencia deste dereito require duns compromisos ou obrigas de servizo público, como o acceso universal ou a cobertura de diferentes franxas horarias, que potencialmente sitúan estes servizos de transporte en situacións conflitivas.

As ditas obrigas veñen provocando dificultades tanto económicas, derivadas da necesaria fixación dunha política tarifaria, como profesionais, sobre todo ligadas á perigosidade derivada da actividade, tanto por supostos de sinistrabilidade como pola concorrencia de accións delitivas, accións estas que se veñen producindo dun xeito illado e descontinuo pero reiterado, afectando incluso a vida e integridade dos propios profesionais.

Desde a administración pública galega preténdense atallar os problemas derivados da seguranza dos profesionais deste sector, coadxuvando a unha preocupación constante da sociedade que debe ser especialmente considerada.

Para tal fin, as últimas tecnoloxías achegan un elemento imprescindible para contribuír a garantir a seguridade dos taxis, e entre estes medios, estímase como o máis efectivo a implantación dun sistema de seguimento dos vehículos e de alerta ante situacións de perigo. Este sistema, implantado mediante un programa específico da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza, permite a alerta instantánea ás forzas e corpos de seguridade e a localización precisa do vehículo en situación de perigo, constituíndo así un elemento esencial para a operatividade policial, ao tempo que disuasorio destas accións.

Por tanto, estímase procedente o establecemento na presente anualidade dunha convocatoria de axudas, na que se pretende simplificar no posible as actuacións dos interesados.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Por esta orde establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2006, as axudas para a dotación de equipamentos de seguimento para vehículos de transporte que dispoñan de autorización

administrativa vixente documentada en tarxeta de transportes da serie VT-N expedida pola Dirección Xeral de Transportes.

2. Os equipamentos obxecto da axuda consistirán nun sistema GPS, instalado nos taxis, mediante o que nunha situación de emerxencia de inseguranza física do taxista se activa un sinal que se recibe no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas os titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Transportes ou órganos periféricos desta consellería competentes para o efecto, e domiciliadas en Galicia. Para tal fin, xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das que sexa titular o solicitante.

As ditas autorizacións deberán estar vixentes, no momento da presentación da solicitude.

Non poderán ser beneficiarios desta convocatoria de axudas aqueles que o foran, respecto da mesma autorización de transportes e para o mesmo fin, con base nas ordes desta consellería de datas do 8 de setembro de 2003, 23 de febreiro e 8 de setembro de 2004, ou do 27 de maio de 2005.

Artigo 3º.-Imputación orzamentaria e contía.

Esta convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 2006.08.04.413A.770.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o 2006, na que existe un crédito para este efecto de 120.000 euros, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Os equipamentos que se prevén nesta orde como obxecto da subvención poderán acadar unha axuda económica do 50 por cento do seu prezo (sen IVE), incluíndo neste, tanto o do propio equipamento como os correspondentes aos gastos de colocación, man de obra, equipamento adicional necesario e verificación do seu funcionamento; en todo caso, e para os efectos do previsto neste artigo, considerarase como importe máximo da subvención, por equipamento e tarxeta, o de cincocentos euros (500 euros).

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención serán formuladas polo titular da autorización administrativa de transportes VT-N, segundo o modelo normalizado que se xunta como anexo a esta orde, e dirixiranse ao director xeral de Transportes; fíxase como prazo límite para a súa presentación un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

A presentación da solicitude, segundo o referido modelo, determinará a autorización expresa á Dirección Xeral de Transportes, para solicitar de calquera organismo público cantos documentos sexan precisos para a verificación dos datos indicados polo solicitante, así como para a tramitación informatizada dos seus datos de carácter persoal que fosen precisos para a fin desta orde de axudas.

Igualmente, na propia solicitude, incorpórase declaración responsable referente aos aspectos seguintes:

a) Ser titular da autorización do servizo de transporte público da serie VT-N, co número correspondente.

b) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

c) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

d) Non ter sido beneficiario das axudas convocadas con base nas ordes desta consellería do 8 de setembro de 2003, do 23 de febreiro e do 8 de setembro de 2004, ou do 27 de maio de 2005, respecto da mesma autorización de transportes e para o mesmo fin.

e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, ou previstas nesta orde.

f) Compromiso de non beneficiarse nin se ter beneficiado de máis subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.

2. A presentación das solicitudes efectuarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes sito nos seus servizos centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude unirase a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada por órgano oficial competente):

-Fotocopia compulsada do DNI e do NIF ou CIF, cando corresponda, do solicitante.

-Copia da tarxeta de transportes a nome do solicitante, para a que se solicite a axuda.

-Certificación bancaria do número de conta.

-Marca e modelo do sistema de seguranza elixido polo interesado con factura pro forma do provedor.

-Certificado de homologación do sistema de seguranza.

-Informe de validación do sistema GPS expedido polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia; en caso de non dispor del en tal momento, deberá achegarse certificación de telo solicitado e que estea pendente de realización das oportunas probas previstas na disposición adicional desta orde.

Artigo 5º.-Resolución e procedemento.

1. Delégase no director xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. Para tal efecto a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as funcións de instrución do procedemento previstas polo artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinadas as solicitudes, instarase do solicitante a emenda ou complemento destas mesmas nos termos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, elevando proposta de declaralo por desistido no caso de non se ter emendado ou achegado o solicitado.

O indicado órgano instrutor poderá solicitar cantos informes técnicos considere convenientes para os seus fins.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, o órgano instrutor emitirá, con carácter previo á súa avaliación, un informe relativo ao cumprimento dos requisitos que para os solicitantes se establecen no artigo anterior.

3. Unha vez informadas as solicitudes polo órgano instrutor, procederase á súa avaliación, con base nos criterios establecidos nesta orde, por unha comisión de valoración, que funcionará como órgano colexiado segundo se establece no artigo 78.8º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia 1/1999, do 7 de outubro.

A comisión de valoración prevista nesta orde estará composta polos xefes de servizo de Informes, Autorizacións e Xunta Arbitral, de Estudos e Apoio Xurídico, e de Concesións, da Dirección Xeral de Transportes; en caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, o director xeral de Transportes poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A ou B da referida dirección.

4. Publicarase a relación provisional das valoracións no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Transportes, sito en Santiago de Compostela, praza de Europa 5º A-2ª planta, Área Central-As Fontiñas, por un prazo de 10 días, en horario de oficina, podendo os interesados formular, dentro do mesmo prazo, cantas observacións estimen oportunas, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Examinadas as alegacións, de ser o caso, a Comisión de Valoración elevará a proposta de resolución ao órgano competente, quen ditará resolución definitiva.

5. O prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución ao abeiro desta orde será de seis

meses, que se computarán a partir do seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte co previsto polo artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. Fíxanse os seguintes criterios de selección para o outorgamento da subvención respecto das solicitudes formuladas, por orde de preferencia:

1º A menor antigüidade do vehículo no que se vaia instalar o sistema de seguranza; para tal fin tomarase en consideración o vehículo que estea efectivamente adscrito á autorización de transportes no momento de conclusión do prazo de presentación das solicitudes.

2º En caso de igual antigüidade do vehículo, a maior antigüidade do solicitante na titularidade da autorización de transporte da serie VT-N.

3º A prioridade temporal na presentación da solicitude; para esta fin, considerarase como elemento temporal para considerar o do día da súa presentación.

7. Considerando o importe máximo obxecto das subvencións, a Dirección Xeral de Transportes publicará no seu taboleiro de anuncios, por 10 días, a relación definitiva de beneficiarios, con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, da cantidade concedida a cada beneficiario e da finalidade da subvención.

Artigo 6º.-Compatibilidades.

Esta subvención será compatible coas que poida conceder calquera outra Administración pública ou organismo público ou privado, nacional ou internacional, sempre e cando, e en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas, illada ou conxuntamente, poida ser tal que supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolver o beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez notificada a resolución a que se refire o artigo 5º desta orde, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións concedidas disporán dun prazo de dous meses para proceder á instalación do equipo e presentar ante a Administración o correspondente certificado da empresa instaladora, documentos xustificativos de pagamento, e certificado expedido polo organismo responsable do Centro de Emerxencia 112 SOS-Galicia xustificativa da alta do sistema GPS; a dita documentación deberá ser achegada no referido prazo ante a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, presentándoa no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras

Públicas e Transportes nos servizos centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de omisión da antedita xustificación no prazo sinalado na alínea anterior, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda concedida, e procederase, de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Procederase ao pagamento das subvencións, tras a comprobación de que a documentación antedita se axusta ao contido desta orde, mediante transferencia bancaria ao número de conta expresado na certificación bancaria que se xunte, segundo o artigo 4º desta orde.

De existir substitución de vehículo durante este proceso de concesión de subvencións, deberá achegar xustificante do inicio do procedemento de autorización da substitución do anterior vehículo, adscrito á tarxeta de transporte, polo novo no que se instalará o sistema de seguranza; debendo achegar o certificado e demais documentación, especificada no parágrafo primeiro deste artigo, no mesmo prazo de dous meses.

Artigo 8º.-Condicionantes.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Transportes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da axuda concedida.

2. Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a finalidade delas, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá realizar as inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos fundamento da concesión. Por tanto, os equipamentos obxecto desta liña de subvención deberán estar instalados e operativos, durante toda a súa vida útil, en todo momento e, en todo caso, durante un prazo mínimo de dous anos, no vehículo adscrito á autorización administrativa de transporte VT-N, mesmo no suposto de substitución ulterior do material móbil no que inicialmente se instalasen.

3. Os solicitantes e beneficiarios das subvencións deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como

o lóxico seguimento e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das axudas.

4. Os beneficiarios das subvencións deberán facer constar en todo tipo de publicidade e información ao respecto, a condición de subvencionada pola Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Para tal fin, e concretamente, establécese a obriga dos beneficiarios de inserir e manter permanentemente, en lugar visible para o usuario, na totalidade dos vehículos dotados cos presentes equipamentos, información da súa dotación do referido sistema de seguranza e a colaboración para o efecto, das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

5. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, das subvencións percibidas e dos xuros de demora correspondentes, todo isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; de xeito concreto, terase en consideración o previsto no punto 9 do referido artigo.

Artigo 9º.-Réxime xurídico e de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, consonte co disposto polo artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998,

do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións reguladas por esta orde quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e ao previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Cando o titular da autorización solicitante da subvención opte pola instalación dun sistema GPS que non estea validado e operativo polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, a empresa instaladora del deberá presentar previamente para a súa validación un equipo no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Os equipos deben estar preparados para a súa integración dentro do sistema Taxgal (Sistema de Emerxencias de Taxis de Galicia, que consta dun número elevado de elementos: sistemas embarcados nos taxis, operador de telefonía, equipos receptores de alarmas, equipo integrador de alarmas e postos de atención e seguimento) no contorno da plataforma de operacións Séneca-Galicia do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, sendo imprescindible para a dita validación a realización dunha batería de probas desde o Centro de Emerxencias con presenza in situ do persoal da empresa instaladora e do persoal técnico do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Todos os custos que se deriven da dita integración e das probas necesarias serán por conta da empresa instaladora, sendo responsable o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia unicamente da atención das alarmas que entren directamente nel, e o correcto tratamento destas.

De non se ter obtido e acreditado ante a Dirección Xeral de Transportes, a validación e integración do equipo proposto no sistema do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia no prazo máximo dun mes contado dende o vencemento do prazo de presentación de solicitudes, a Administración non admitirá a solicitude formulada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para que, no ámbito das súas competencias, dite os actos necesarios para a correcta aplicación e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes