DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 2006 Páx. 6.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 64/2006, do 6 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

Despois de décadas de despoboamento e perda de actividades económicas no rural de Galicia, son precisas políticas de actuación integral por parte das administracións, tendentes a inverter este proceso e a incidir significativamente na rexeneración do medio.

A procura da calidade das vivendas rurais é, sen dúbida, un dos elementos indispensables que debe estar presente neste proceso e en concreto das vivendas unifamiliares de nova construción, que son unha mostra do dinamismo e da vitalidade existentes en diversas zonas do rural.

No entanto, xa a Lei 9/2002, do 30 de decembro, denuncia a anarquía de construcións e usos que está proliferando nos últimos anos, a deterioración das edificacións, a falta de conclusión de moitas delas e a degradación da paisaxe, á vez que senta as bases para poñer remedio a estes extremos.

En efecto, numerosas vivendas permanecen moito tempo cos exteriores sen rematar causando un impacto no contorno, presentando unha imaxe pública deprimente de desidia e abandono que contribúe á dexeneración e á perda da autoestima do medio no que se sitúan, poñendo ademais en perigo a salubridade e a seguridade das familias que ás veces xa as habitan.

Para contribuír á solución deste problema, este decreto abre unha nova liña de subvencións dirixida aos promotores de novas vivendas unifamiliares rurais con baixos ingresos para que a súa falta de recursos non sexa impedimento para que poidan rematar os exteriores das súas casas, quedando protexidas da humidade e o clima, en condicións de salubridade e seguridade, e contribuíndo, coas súas novas vivendas debidamente rematadas e coidadas, á dignificación do seu contorno e do medio rural de Galicia.

A Lei 38/2003 regula o réxime xeral de subvencións, desenvolto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega.

De acordo coa citada normativa establécense estas subvencións, mediante un procedemento que permita incorporar novos interesados ao longo dun suficiente período anual que se fixará nas correspondentes convocatorias. Todo isto coa finalidade de contribuír a romper cunha longa tendencia de abandono das condicións de mantemento e habitabilidade da vivenda no medio rural.

O cumprimento dos requisitos exixidos, xunto coa existencia de dotación orzamentaria suficiente, son

os elementos determinantes na concesión destas subvencións, no marco dun procedemento extraordinario de concorrencia que respecte a observancia dos principios básicos de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Este decreto que establece e regula estas subvencións desenvolverase mediante ordes anuais que determinarán a contía de recursos, o prazo de presentación de solicitudes e o desenvolvemento do procedemento de concesión para cada exercicio orzamentario. A ordenación do procedemento orzamentario establecido terá en conta que as expectativas xeradas nas respectivas convocatorias conten coas debidas garantías.

En virtude do anterior, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto axudar os promotores de vivendas unifamiliares rurais con baixos ingresos para que poidan rematar os exteriores das súas casas, co fin de quedaren protexidas da humidade e o clima en condicións de salubridade e seguridade, adecuadas ao medio e á paisaxe e respectuosas coa tipoloxía tradicional da zona.

Artigo 2º.-Concepto de vivenda rural.

Para efectos deste decreto, considéranse vivendas rurais as vivendas unifamiliares situadas en:

a) Entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

b) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente, sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, sempre que a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso da vivenda unifamiliar.

c) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes dos municipios sen planeamento, sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan características de aglomeracións ou concentracións urbanas.

Artigo 3º.-Condicións das vivendas.

Poderán acollerse a estas subvencións aquelas vivendas de construción inferior a 15 anos de antigüidade que teñan a cuberta, os paramentos exteriores e a carpintaría exterior completa e que, contando a vivenda con licenza municipal de obras e axustándose a ela as obras realizadas, os acabamentos exteriores recollidos no artigo 4 deste decreto non estean aínda totalmente rematados.

Artigo 4º.-Actuacións protexibles.

1. As actuacións que se inclúen no ámbito de protección que se establece neste decreto son as que

van dirixidas aos acabamentos exteriores segundo o catálogo de traballos e criterios de calidade conforme o establecido no anexo deste decreto.

2. O prazo máximo de execución das obras, unha vez notificada a concesión da subvención, será de tres meses.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as subvencións reguladas neste decreto as persoas físicas que, sendo promotores de vivendas unifamiliares rurais, obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do correspondente exercicio do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Artigo 6º.-Subvencións.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos da Consellería de Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais, poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 4º deste decreto nunha contía equivalente ao 30% do orzamento das obras, sen que en ningún caso a devandita subvención poida superar a cantidade de 3.000 euros por beneficiario.

2. As axudas desta disposición atenderanse da forma que será establecida mediante ordes anuais de convocatoria da Consellería de Vivenda e Solo, que determinarán:

1. A aplicación do estado de gasto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, onde figuran os créditos para esa finalidade, con cargo á cal serán atendidas as devanditas subvencións.

2. O importe máximo das subvencións que se poderán outorgar dentro de cada exercicio orzamentario.

3. O desenvolvemento do proceso de concesión segundo as directrices deste decreto.

4. O prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 7º.-Ingresos familiares.

Para os efectos do determinado no artigo 5º desta disposición, observarase o que se regule nas correspondentes ordes de convocatoria.

Artigo 8º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para estas axudas presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, axustándose aos modelos que figuren nas ordes de convocatoria.

2. A documentación que se deberá achegar xunto á solicitude establecerase nas correspondentes ordes anuais de convocatoria.

Artigo 9º.-Prazo.

Na ordes de convocatoria establecerase un prazo de presentación de solicitudes que en ningún caso será inferior a un mes e que permita garantir a súa resolución dentro do exercicio orzamentario.

Artigo 10º.-Órganos competentes e recursos.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, após proposta realizada polos delegados provinciais desta consellería, ditará resolución expresa sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de ser o caso, sobre a súa denegación, debidamente motivada, sempre dentro dos límites previamente xustificados.

A citada resolución conterá, como mínimo, os seguintes extremos: a identificación do seu beneficiario e o importe da subvención; os motivos que fundamentan a súa concesión; orzamento protexible das obras, o prazo máximo que se fixa para rematar a obra e o prazo máximo de presentación da documentación xustificativa; exposición dos recursos que procedan contra a resolución, órgano administrativo ou xudicial ante o que terían que presentarse e prazo para interpoñelos; mención expresa de que o pagamento da subvención estará condicionado á realización da actividade obxecto da subvención e ao cumprimento dos demais requisitos exixidos pola convocatoria que a regula.

Na resolución de concesión constará a obriga de destinar a vivenda rematada a residencia habitual e permanente do beneficiario durante o prazo, como mínimo, de 10 anos, contados a partir da notificación da devandita concesión.

No caso dos galegos e das galegas residentes no exterior da comunidade autónoma, esta obriga limitarase á residencia na vivenda rematada durante polo menos trinta días ao ano, no mesmo período.

A resolución que se dite porá fin á vía administrativa e notificaráselles aos interesados de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En caso de non recaer resolución no prazo que estableza a convocatoria anual, as solicitudes de subvención entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Vivenda e Solo nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O/a beneficiario/a, unha vez executadas as obras dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicarlle por escrito á Delegación Provincial da Consellería de Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas e achegando facturas, certificacións de obras, de existiren, ou calquera outro documento similar xustificativo da utilización dos fondos.

O delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, certificará sobre o cumprimento das condicións exixidas para a elevación da proposta de pagamento á conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue.

As persoas beneficiarias, unha vez executadas as obras e antes de proceder ao pagamento da subvención, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Serán motivos de perda da subvención e do dereito ao seu pagamento non executar as obras dentro do prazo concedido para o efecto, así como o uso dos materiais expresamente excluídos e prohibidos no artigo 4º deste decreto e nas correspondentes ordes de convocatoria, a non-comunicación do termo das obras no prazo establecido para o efecto e o incumprimento das condicións establecidas no artigo 3º ou de calquera outro dos demais requisitos exixidos por este decreto ou pola convocatoria anual que as regule.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, após proposta realizada polos delegados provinciais desta consellería, ditará resolución expresa debidamente motivada na que figure o motivo da perda do dereito ao pagamento da subvención, comunicándolle ao interesado o remate e arquivo do expediente.

A resolución que se dite poralle fin á vía administrativa e notificaráselle ao interesado de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Vivenda e Solo nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46

da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

2. Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 14º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados pola Consellería de Vivenda e Solo, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das subvencións.

Artigo 15º.-Prazos de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e notificar a concesión das subvencións será de seis meses, contados desde a presentación da solicitude. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Incompatibilidade.

Os beneficios establecidos nesta disposición son incompatibles con calquera outra axuda con cargo aos orzamentos da Consellería de Vivenda e Solo ou do Ministerio de Vivenda, destinada ás mesmas actuacións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, poderá ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de abril de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO

Descrición de partidas subvencionables

1. Colocación de tella, lousa ou outro material de cuberta para o tellado.

2. Revestimento pétreo para o exterior da vivenda.

3. Rexuntado con argamasa de cemento en muro de perpiaño.

4. Recebo con argamasa de cemento.

5. Pintura exterior.

6. Elementos de evacuación de augas pluviais: canalóns e baixantes.

7. Instalación de varandas.