DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2006 Páx. 6.432

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 3 de abril de 2006 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

O Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, actualizou a normativa existente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 28 de xullo de 1995, pola que se desenvolve o citado decreto, veu ordenar o funcionamento das federacións, e, en especial, no correspondente á elección dos seus órganos de goberno.

A Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, se ben non regula os procesos electorais das federacións dun xeito exhaustivo, introduce algunhas modificacións na anterior normativa, que precisan ser concordadas.

Tendo en conta que neste ano se deben celebrar eleccións aos órganos de goberno das federacións, faise necesario adaptar a orde ao disposto na posterior norma e á realidade actual da sociedade e das federacións deportivas galegas.

As novidades que agora se incorporan afectan determinados aspectos dos procesos electorais: mellóranse as regras de proporcionalidade na composición da asemblea, establécense criterios para a elaboración do censo electoral, e introdúcense determinadas variacións que permiten incrementar as garantías e a transparencia dos procesos electorais.

Por todo isto, é polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación ás federacións deportivas galegas no desenvolvemento dos procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e representación, de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que deberán axustarse ao disposto nesta normativa.

Artigo 2º.-Celebración de eleccións.

1. As federacións deportivas galegas procederán á elección das súas respectivas asembleas xerais, presidentes e comisións delegadas cada catro anos.

2. O proceso electoral celebrarase dentro do ano no que corresponda a celebración dos Xogos Olímpicos de Inverno, debendo prever o procedemento ordinario a súa finalización antes do 31 de decembro do citado ano.

Artigo 3º.-Convocatoria de eleccións.

1. O presidente da federación convocará asemblea xeral en sesión extraordinaria, para aprobación do regulamento e calendario electoral. A convocatoria de eleccións será realizada polo presidente, observando os mandados contidos no regulamento e calendario electoral.

2. Garantirase a máxima difusión e publicidade do procedemento electoral coas medidas previstas nas disposicións federativas. A convocatoria de eleccións será notificada a través dun medio que permita asegurar a recepción da notificación, cando menos, aos clubs integrantes da federación, e exposta no taboleiro de anuncios na sede da federación e nas delegacións territoriais, se as houber, cun mínimo de 20 días de antelación ao inicio do procedemento, utilizando, se for posible, os medios electrónicos ou informáticos dos que dispoña a federación. No mesmo prazo deberá ser remitida copia da convocatoria á Dirección Xeral para o Deporte.

3. A notificación da convocatoria de eleccións deberá conter cantos datos se precisen para o correcto desenvolvemento do proceso electoral, e sinaladamente:

a) Regulamento e calendario electoral.

b) Lugar, data e hora de celebración dos actos propios do proceso electoral.

c) Lugar de consulta dos censos electorais, garantindo o acceso a súa consulta a todos os membros da federación interesados, así como os procedementos establecidos para as reclamacións destes.

d) Modelos oficiais de sobres e papeletas.

e) Composición e sede da xunta electoral da federación.

4. Simultaneamente á convocatoria de eleccións, as xuntas directivas disolveranse constituíndose en comisións xestoras, que non poderán adoptar máis que acordos de mera administración e trámite.

Artigo 4º.-Regulamento electoral.

1. Os regulamentos electorais elaborados polas federacións, após a súa aprobación pola asemblea xeral, poderán ser remitidos á Dirección Xeral para o Deporte para a emisión dun informe de adecuación á normativa existente. Este informe será emitido no prazo máximo de dez días hábiles dende a recepción da solicitude.

Unha vez aprobado o regulamento electoral por parte da asemblea xeral de cada federación, presentarase na Dirección Xeral para o Deporte, quen resolverá, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a entrada do regulamento no seu rexistro, sobre a adecuación deste á normativa electoral de aplicación. En caso de non adecuación, procederase a súa devolución para a corrección dos extremos discordantes. Transcorridos estes sen que recaia resolución, entenderase aprobado o regulamento. No caso de ser necesaria a emenda de deficiencias, indicaranse estas e concederanse dez días hábiles para proceder á dita corrección.

Neste último caso, é potestativo de cada federación a convocatoria de nova asemblea xeral para a aprobación do regulamento electoral coas modificacións feitas pola Dirección Xeral para o Deporte, ou ben, a delegación na comisión xestora da facultade de aprobación e realización das modificacións indicadas, sen necesidade de novo sometemento á aprobación da asemblea xeral (esta delegación deberá ser feita expresamente na asemblea xeral que aprobe

o regulamento electoral). Unha vez feitas estas modificacións, o novo regulamento presentarase á Dirección Xeral para o Deporte para a súa ratificación definitiva.

2. O regulamento electoral regulará as seguintes cuestións:

a) Calendario electoral: prazos, requisitos para presentación e reclamacións de candidatos así como sistemas de desempate e reclamacións.

b) Sistema de elección, composición, competencias e funcionamento da xunta electoral e das mesas electorais.

c) Censo electoral, dividido por circunscricións electorais de existiren estas.

d) Número de membros da asemblea de conformidade cos artigos 5, 6 e 7 desta orde e distribución destes por estamentos.

e) Circunscricións electorais, se é o caso, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

f) Regulación do voto por correo.

g) Sistema de elección do presidente.

h) Composición e sistema de elección da comisión delegada.

i) Procedemento de resolución de conflitos, reclamacións e recursos electorais.

3. Calquera procedemento electoral iniciado con base nun regulamento electoral non aprobado pola Dirección Xeral para o Deporte será nulo de pleno dereito.

Artigo 5º.-Composición da asemblea xeral.

1. Na asemblea xeral deberán estar representados todos os estamentos recoñecidos nos estatutos e integrados nesta, cando menos, os clubs deportivos, os/as deportistas, os/as técnicos/adestradores e os/as xuíces/árbitros.

2. Os seus membros serán elixidos cada catro anos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, por e entre os compoñentes de cada estamento, de conformidade co número e proporcións de representación que se establecen na presente orde e que deberán singularizarse nos respectivos regulamentos electorais.

3. A representación dos clubs corresponde ao seu presidente ou persoa autorizada, de acordo cos seus propios estatutos.

O exercicio dos dereitos dos/as deportistas, técnicos/adestradores e dos/as xuíces/árbitros é persoal, e non admite ningunha delegación.

4. Ningún membro da asemblea poderá desempeñar unha dobre representación nesta.

5. As federacións deportivas galegas, axustarán, no posible, as súas actuacións, en particular ao que se refire aos procesos electorais, ás recomendacións feitas pola Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Artigo 6º.-Número de membros da asemblea xeral.

1. O número de membros das asembleas xerais das federacións deportivas galegas, fixaranse segundo os procedementos previstos no regulamento elec

toral de cada unha delas. O presidente da federación desempeñerá a presidencia da asemblea xeral.

Artigo 7º.-Electores e elixibles.

1. Poderán ser electores e elixibles:

a) Para os estamentos constituídos por persoas físicas: as persoas maiores de idade no momento da convocatoria electoral e que, como mínimo, cumpran os seguintes criterios:

-Se as eleccións se realizasen no primeiro terzo da tempada, estivesen en posesión de licenza federativa nas dúas últimas tempadas.

-Se as eleccións se realizasen no resto da tempada, estivesen en posesión de licenza federativa en vigor e a tivesen na tempada anterior.

b) Os clubs inscritos na respectiva federación que participen ou desenvolvan actividades dos programas oficiais desta, e que ademais cumpran os seguintes requisitos:

I)

-Se as eleccións se realizasen no primeiro terzo da tempada, que participasen ou tivesen actividade oficial nas dúas últimas tempadas.

-Se as eleccións se realizasen no resto da tempada, que participen ou teñan actividade oficial na tempada en vigor e a anterior.

II)

-Naquelas federacións que teñan entre 0 e 2.000 licenzas, serán electores e elixibles:

i. Se a federación ten 30 clubs ou menos: os clubs que teñan cando menos o 4% do total das ditas licenzas.

ii. Se a federación ten máis de 30 clubs: os clubs que teñan cando menos o 2% do total das ditas licenzas.

-Naquelas federacións que teñan entre 2.001 e 10.000 licenzas, serán electores e elixibles:

i. Se a federación ten 50 clubs ou menos: os clubs que teñan cando menos o 1% do total das ditas licenzas.

ii. Se a federación ten máis de 50 clubs: os clubs que teñan cando menos o 0,5% do total das ditas licenzas.

-Naquelas federacións que teñan 10.001 licenzas ou máis, serán electores e elixibles: os clubs que teñan cando menos o 0,15% do total das ditas licenzas.

Para o cálculo destas porcentaxes teranse en conta, como mínimo, os seguintes criterios:

a) O número total de licenzas establecerase con base nos datos da última tempada finalizada.

b) Soamente se computarán o número de licenzas pertencentes e tramitadas a través dos clubs inscritos na federación correspondente.

c) Non se computarán as licenzas vinculadas aos programas de escolas ou cursos.

2. Os membros da federación que pertenzan a dous ou máis estamentos no censo provisional, deberán optar por un deles ante a xunta electoral, mediante escrito que deberá cursarse no período de reclamacións ao censo. O regulamento electoral deberá especificar os criterios para identificar os electores

nun único estamento no caso de non existir a proposta individual.

3. Se un membro electo da asemblea xeral perdera a condición pola que foi elixido, causará baixa automaticamente naquela, facéndose necesario regular o mecanismo de substitución no regulamento electoral.

Artigo 8º.-Proporcionalidade na composición da asemblea xeral.

1. As federacións con diferentes especialidades recoñecidas nos seus correspondentes estatutos, deberán fixar dentro de cada estamento, a porcentaxe de representantes que corresponderá a cada unha delas, conforme os seguintes criterios:

1.1. A representación de cada especialidade responderá a criterios de proporcionalidade ao número de clubs e ao número de licenzas. En calquera caso todas e cada unha das especialidades terán cando menos un representante en cada estamento, sempre que o número establecido de membros de cada un deles permita esta opción.

1.2. Se existe unha especialidade principal, deberá garantirse a esta un mínimo do 51% de cada un dos estamentos que teña a federación correspondente. Nestes casos o número de compoñentes dos respectivos estamentos adecuaranse a este requisito.

2. A porcentaxe de cada estamento fixarase de acordo coas seguintes proporcións:

a) Representantes de clubs: entre 60 e 75%.

b) Representantes de deportistas: entre 20 e 30%.

c) Representantes de adestradores e técnicos: entre 5 e 10%.

d) Representantes de árbitros e xuíces: entre 5 e 10%.

e) Outros colectivos se os houber: ata o 10%.

3. Unha vez aprobados definitivamente os censos electorais de cada un dos estamentos, e tendo en conta o número de membros do estamento de clubs, a xunta electoral fixará o número concreto de membros de cada estamento, segundo os porcentaxes e criterios establecidos no regulamento electoral. As federacións nas que o estamento de clubs teña como mínimo 150 clubs no censo provisional, poderán fixar o número de membros da asemblea xeral no propio regulamento electoral, garantindo un número mínimo de 65 membros para o estamento de clubs.

4. A conformación do estamento de clubs deberá seguir os seguintes criterios:

a) Nas federacións nas que o censo definitivo de clubs sexa inferior ou igual a 50, todos eles formarán parte da asemblea xeral.

b) Nas federacións nas que o censo definitivo de clubs sexa superior a 50 e inferior ou igual a 90, estarán representados no estamento de clubs un mínimo do 70% deles. En ningún caso poderá ser menor de 50 representantes.

c) Nas federacións nas que o censo definitivo de clubs sexa superior a 90 e inferior a 150, estarán representados no estamento de clubs un mínimo do 50 %. En ningún caso poderán ser menos de 60 membros.

En calquera caso todos os clubs deberán necesariamente cumprir os requisitos establecidos no artigo 7.b desta orde.

5. Cando debido ás peculiaridades dunha federación non existan nela os estamentos de adestradores-técnicos e/ou de xuíces-árbitros, a totalidade da representación de cada un deles atribuirase aos demais estamentos en proporción á súa respectiva participación na asemblea xeral, efectuando repartición de modo que non superen a porcentaxe máxima establecida.

6. As porcentaxes xerais atribuídas a cada un dos estamentos poderán ser distribuídas proporcionalmente entre as distintas delegacións territoriais, de existir estas, en función do número e categoría de clubs (para o estamento de clubs) ou de individuos (para o resto de estamentos) incluídos no censo electoral, tendo en conta que cada delegación deberá ter como mínimo un representante para cada estamento, se o número de membros establecido para cada un deles o permite; de non ser así, a circunscrición electoral para ese estamento será única.

7. Cando o número de candidatos de calquera estamento coincida ou sexa inferior ao número de membros que hai que elixir, non será necesaria a celebración de eleccións polo que a ese estamento se refire, dando continuidade o procedemento electoral.

Non obstante, en caso de que en algún estamento da asemblea houbese máis dun 20% de vacantes, unha vez rematado o procedemento electoral, e nun prazo máximo de tres meses, o presidente convocará eleccións nese estamento ata cubrir as vacantes.

Artigo 9º.-Censo electoral.

1.- O censo electoral incluirá as persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para seren electores e elixibles, de acordo co establecido no artigo 7º da presente orde. Así mesmo, deben agruparse os seus compoñentes por circunscricións electorais, de existiren estas.

2. Simultaneamente á convocatoria de eleccións publicarase un censo provisional.

2.1. No censo provisional incluiranse os seguintes datos:

a) Para os/as deportistas, técnicos/adestradores e xuíces/árbitros: nome, apelidos, número de licenza federativa e DNI.

b) Para os clubs deportivos: nome, denominación ou razón social e número de inscrición no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia. Os datos dos clubs deberán ser coincidentes cos datos contidos no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, tendo a federación a obriga de cotexar os ditos datos. No caso de discrepancias entre os datos que se encontran no rexistro da federación e os que se encontran no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, establecerase un prazo de 10 días para a corrección das posibles discrepancias ou erros.

2.2. Unha vez contrastados os datos, o censo provisional será exposto publicamente, se ben, con carácter previo á súa exposición pública, será enviado á Dirección Xeral para o Deporte xunto co regulamento electoral aprobado pola asemblea xeral. A súa exposición pública deberá facerse de xeito que

sexa facilmente accesible aos electores (no taboleiro de anuncios da federación e das delegacións territoriais, se é o caso, e na súa páxina web se a tiver), durante un prazo mínimo de 8 días naturais para posibles reclamacións, resolvendo estas a xunta electoral da federación no prazo establecido no calendario electoral. Contra a resolución que adopte ao respecto a xunta electoral, poderá interpoñerse recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva de conformidade co establecido no artigo 16 da presente orde.

2.3. O censo será considerado definitivo se non se presenta reclamación ningunha, ou cando de presentarse, sexa resolta pola xunta electoral ou, se é o caso, polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

2.4. Os datos contidos no proceso electoral gozarán da protección do previsto na LO 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10º.-Xuntas electorais.

1. As xuntas electorais constituiranse de forma simultánea á convocatoria de eleccións de acordo cos criterios que establezan os regulamentos electorais das federacións deportivas galegas.

2. Co obxecto de facilitar a presentación de solicitudes para membros da xunta electoral, os regulamentos electorais das federacións fixarán indemnizacións (debendo fixar a súa contía exacta) ao obxecto de sufragar os posibles gastos ocasionados.

3. As xuntas electorais estarán integradas por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na asemblea xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura. Poderá asistir á xunta electoral como secretario de actas un membro da federación con voz e sen voto designado pola asemblea xeral.

O membros da xunta deberán reunir os requisitos seguintes:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Ter o título de bacharelato superior ou equivalente.

c) Non presentarse como candidato a membro da asemblea xeral.

d) Non ter relación contractual ou profesional coa federación deportiva correspondente.

4. No caso de non presentación de candidatos a membros da xunta electoral, o presidente da federación proporalle á asemblea os membros necesarios para completar a que deberán reunir os requisitos definidos no punto anterior.

5. Actuará como presidente e secretario da xunta electoral o membro de maior e menor idade, respectivamente. As decisións da xunta electoral tomaranse por maioría de votos.

6. No acto de sorteo designaranse, ademais, o número de suplentes establecidos no regulamento electoral para supostos de enfermidade ou calquera outra causa excepcional.

7. Funcións da xunta electoral:

a) Velar polo axustamento a dereito do proceso electoral dos órganos de goberno e representación federativos.

b) Organizar os procesos das eleccións para a asemblea xeral e presidente da federación, segundo o disposto no regulamento electoral.

c) Designar a/s mesa/s electoral/is de conformidade co previsto no regulamento electoral da federación.

d) Aprobar as candidaturas que reúnan os requisitos exixidos, así como o resto da documentación electoral.

e) Expoñer as candidaturas na sede de cada federación e nas súas delegacións.

f) Coñecer e pronunciarse sobre os recursos que se presenten.

g) En xeral, cantas facultades lle sexan atribuídas polo regulamento electoral de aplicación.

h) Custodiar a documentación correspondente a todo o proceso electoral ata a súa finalización.

Artigo 11º.-Composición e competencias das mesas electorais.

1. En cada circunscrición electoral constituirase unha mesa electoral para a elección dos membros da asemblea dos diferentes estamentos. Estará radicada na sede de cada delegación territorial se as houber ou, de non habelas, nos lugares que se indique no respectivo regulamento electoral de cada federación.

Cada mesa electoral estará composta por tres membros titulares (un presidente, un secretario e un vogal) e tres suplentes destes, elixidos por sorteo pola xunta electoral entre os integrantes do censo de cada circunscrición electoral, se é o caso. Serán presidente e secretario os membros de maior e menor idade respectivamente. A asistencia ás mesas electorais é obrigatoria e recollerase no regulamento electoral, salvo causa xustificada que deberá ser autorizada pola xunta electoral. A non asistencia a estas poderá dar lugar á apertura de expediente disciplinario de conformidade co establecido na Lei 11/1997, do deporte de Galicia.

Así mesmo, en cada mesa electoral os candidatos poden nomear interventores, entre quen desempeñe a condición de electores, que serán identificados ante a xunta electoral con antelación non inferior a 48 horas do día da celebración das respectivas votacións. A xunta electoral expedirá a correspondente acreditación.

2. Son competencias da mesa electoral:

-Comprobar a identidade dos votantes.

-Recoller a papeleta de voto e depositala na urna pechada e preparada para os efectos.

-Proceder á contaxe de votos.

-Levantar acta dos votos emitidos, resultados, etc., así como das incidencias e reclamacións se as houber, facendo constar o número de votos obtidos por cada candidato.

3. A acta será subscrita por todos os membros da mesa electoral, así como polos interventores, se os houber, remitíndose posteriormente á xunta electoral.

4. As federacións fixarán nos seus respectivos regulamentos electorais axudas de custo (debendo fixar a súa contía exacta) co obxecto de sufragar

os posibles gastos ocasionados aos integrantes das mesas electorais. As ditas axudas de custo serán custeadas con cargo ao orzamento de cada federación.

5. Cando proceda a elección de presidente constituirase a mesa electoral con dous membros que serán respectivamente o de maior e menor idade da asemblea. O primeiro actuará como presidente e o segundo como secretario. Así mesmo, e ata que conclúa a elección de presidente, exercerán funcións de presidente e secretario da asemblea.

Artigo 12º.-Sistema de votación.

As votacións e membros da asemblea realizaranse en urnas separados por estamentos. A votación desenvolverase sen interrupcións durante o horario que se fixe na súa convocatoria. Soamente por causa de forza maior poderán non iniciarse ou interromperse a votación. En caso de suspensión da votación non se terán en conta os votos emitidos nin se procederá ao seu escrutinio. Neste caso, a xunta electoral fixará unha data para a nova votación.

O dereito de votar será acreditado pola inscrición no censo electoral definitivo, para a súa identificación, o elector deberá presentar o seu DNI ou pasaporte, e documento que acredite ter licenza deportiva en vigor.

Artigo 13º.-Voto por correo.

1. Unicamente se admitirá o voto por correo nas votacións para membros da asemblea dos estamentos integrados por persoas físicas.

2. O voto por correo exercerase cando os electores prevexan que na data de celebración das votacións non van poder acudir persoalmente á mesa electoral por participaren nunha competición oficial, por cumpriren un deber público de carácter inescusable, ou no caso de enfermidade. Tales causas deberán acreditarse mediante os documentos que se establezan regulamentariamente.

3. Para exercer o voto por correo previamente deberá ser solicitado polo interesado á xunta electoral, no prazo que vai desde a publicación do censo provisional ata 72 horas despois da publicación do censo definitivo.

Recibida pola xunta electoral a solicitude referida no punto anterior, comprobará a inscrición no censo do solicitante e a suficiencia e acreditación dos motivos alegados, resolvendo o procedente. En caso afirmativo, realizará a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das votacións non se realice o voto persoalmente e estenderá un certificado autorizando o voto por correo.

Publicada a listaxe definitiva de candidaturas admitidas, enviaráselles aos solicitantes o certificado referido anteriormente, o sobre de votación e unha papeleta que corresponda ao estamento que pertenza, e que deberá levar a relación definitiva de todas as candidaturas presentadas ordenadas alfabeticamente.

O elector introducirá a papeleta de voto no sobre da votación e pecharao. A copia da licenza en vigor e do DNI, así como o sobre de votación e o certificado indicado anteriormente introducirase nun sobre dirixido á mesa electoral que corresponda e deberá

expresar o nome e apelidos do remitente, así como o estamento polo que vota.

O sobre remitirase por correo certificado ao lugar que sinale a xunta electoral, quen os custodiará e os entregará á mesa electoral correspondente no momento do peche desta. Non serán admitidos os sobres que se reciban con posterioridade.

4. A xunta electoral fará chegar, con 48 horas de antelación á celebración das eleccións, á Dirección Xeral para o Deporte, listaxe indicativo das persoas habilitadas para votar por correo, indicando nome e estamento ao que representan.

Artigo 14º.-Elección de presidente.

1. Poderá presentar candidatura a presidente da federación calquera persoa física de entre os membros da asemblea xeral que desempeñe a condición de tal como representante en calquera dos estamentos que a integran, que teña a condición política de galego, maior de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís, que non incorrese en ningunha sanción deportiva que o inhabilite e que non estea inhabilitado para o desempeño dun cargo público por sentenza xudicial firme, debendo avalar a presentación da súa candidatura mediante a sinatura de, polo menos, o 10% dos membros da nova asemblea xeral da federación.

Se algún membro da comisión xestora presentase a súa candidatura á presidencia, deberá, previa ou simultaneamente, cesar nesta.

O presidente saínte da federación será membro da nova asemblea xeral. Esta condición perderase nos casos de non presentar candidatura a presidencia ou de téndoa presentado non resultar elixido.

2. A presentación de candidaturas para presidente da federación farase na sede oficial da federación, nas súas delegacións ou calquera outro lugar que fixe o regulamento electoral, mediante escrito dirixido á xunta electoral, facendo constar a condición de membro de pleno dereito da asemblea xeral, xunto cos avais acreditativos da súa candidatura.

3. Finalizado o prazo de presentación de candidaturas a presidente da federación, a xunta electoral exporá a listaxe provisional de candidatos a presidente garantindo o acceso á súa consulta a todos os membros da federación interesados, podéndose presentar impugnacións a esta no prazo definido no regulamento electoral e como mínimo de 2 días hábiles. As impugnacións serán resoltas pola xunta electoral no prazo máximo dos 2 días hábiles seguintes.

A xunta electoral, se é o caso, publicará no día seguinte hábil a lista definitiva de candidatos á presidencia da federación.

Contra as resolucións da xunta electoral poderá interpoñerse recurso perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

4. O presidente da federación será elixido mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos membros da asemblea xeral presentes no momento da elección. Para que se proceda a elección válida de presidente será necesaria a presenza, no momento de iniciarse esta, de cando menos a metade máis un dos membros da asemblea. O regulamento esta

blecerá o procedemento dunha segunda convocatoria.

5. A persoa que resulte elixida presidente terá que cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación galega correspondente.

Artigo 15º.-Sistema de votacións para a elección de presidente.

1. No día e hora fixados na convocatoria correspondente, constituirase a asemblea xeral en primeira ou segunda convocatoria, tendo como únicos puntos do día a elección de presidente e da comisión delegada da federación.

2. Comezada a sesión e constituída a mesa electoral, o presidente procederá á presentación dos candidatos. Se así se prevé no regulamento electoral de cada federación, exporán os seus programas. A continuación procederase á votación, que será secreta.

3. A xunta electoral determinará o modelo de papeleta. Cada membro da asemblea só poderá votar a un dos candidatos.

4. Terminada a votación, a mesa electoral procederá á contaxe de votos e levantará a oportuna acta.

5. Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos dos membros presentes. No caso de que ningún candidato obteña esta maioría, procederase a unha segunda votación entre os dous máis votados, no prazo establecido no regulamento electoral, resultando elixido o que obteña maioría de votos.

No caso de existir soamente dous candidatos, resultará elixido o que obteña a maioría simple dos votos. O regulamento electoral de cada federación deberá establecer o procedemento de desempate.

No caso de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación.

6. Se non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas, a comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións a presidente no prazo máximo de 3 meses.

7. Rematada a elección, a acta do resultado desta será remitida á xunta electoral. Transcorridos os prazos de presentación de posibles recursos e resoltos estes, a xunta electoral proclamará presidente ao candidato máis votado e comunicará os resultados á Dirección Xeral para o Deporte no prazo máximo de 10 días.

8. Unha vez proclamado definitivamente o novo presidente, a comisión xestora deberá poñer á disposición deste no prazo máximo de 5 días hábiles, contados desde a proclamación definitiva, toda a documentación relativa á federación, levantando acta da documentación entregada e remitíndolle copia desta á Dirección Xeral para o Deporte.

9. Tras a súa proclamación, o presidente designará os demais órganos e comités de acordo cos estatutos da federación, debendo comunicarlle a súa composición á Dirección Xeral para o Deporte no prazo máximo de 10 días hábiles, dende o seu nomeamento.

Artigo 16º.-Elección de membros da comisión delegada.

A comisión delegada será elixida entre e pola asemblea xeral mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre os seus membros. O seu mandado coincidirá co da asemblea xeral. Será presidida polo presidente da federación como membro nato desta.

O número de membros da comisión delegada, así como o procedemento de elección, será o fixado polo regulamento electoral da federación. A composición da comisión delegada no poderá ser menor de cinco nin superior a quince membros, debendo estar obrigatoriamente representados todos os estamentos, respectándose a proporcionalidade da asemblea xeral como membro nato.

Artigo 17º.-Recurso electoral.

1. Contra os acordos e resolucións das xuntas electorais das federacións deportivas procederá recurso electoral ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, poñendo fin, as resolucións deste, á vía administrativa.

Están lexitimados para interpoñer este recurso os representantes das candidaturas ou as persoas ou entidades debidamente afectadas polos acordos da xunta electoral.

2. Os prazos para formalizaren estes recursos estableceranse no regulamento electoral e serán de dous días hábiles como mínimo desde o seguinte ao da notificación do acordo expreso da correspondente xunta electoral ou do seguinte a aquel en que rematou o prazo de resolución de reclamacións segundo o calendario electoral.

3. O escrito de interposición do recurso deberá expresar:

a) Nome, DNI e domicilio da persoa física ou denominación e enderezo social dos entes asociativos interesados, incluíndo neste último caso o nome do seu representante legal.

b) Se é o caso, o nome, DNI e enderezo do representante do interesado, podendo acreditar a súa representación, ademais de polos medios legais procedentes, a través de comparecencia ante a Secretaría do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

c) Lexitimación para interpoñer o recurso.

d) O acto que se recorre e a razón da súa impugnación.

e) As consideracións de feito e de dereito nas que baseen as súas pretensións, así como as propostas de proba que ofrezan en relación con aquelas.

f) As pretensións que deduzan de tales consideracións.

g) Lugar, data e sinatura.

Artigo 18º.-Incumprimento das disposicións da orde.

O incumprimento das disposicións establecidas nesta orde dará lugar á aplicación das sancións establecidas no título VII da Lei 11/1997, xeral do deporte de Galicia.

Disposición adicional primeira

O mes de agosto non se considera hábil para os efectos de presentación de candidaturas e de celebración de votacións.

Disposición adicional segunda

As federacións adecuarán os seus respectivos estatutos ás disposicións contidas nesta orde antes de iniciar o proceso electoral correspondente ao actual período.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2006.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte