DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2006 Páx. 6.371

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 6 de abril de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de apoio á formación en tarefas investigadoras de titulados superiores no Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o establecido no artigo 11 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, amais do Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións que, en materia de ambiente e conservación da natureza, se establecen nos artigos 27.10º, 15º e 30º, así como no artigo 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e demais normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

Como complemento das accións relativas ao programa de Recursos Humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, co fin de contribuír á formación de persoal titulado superior de Galicia en materia de ambiente e, ao mesmo tempo, apoiar a actividade investigadora do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán, considérase oportuno convocar bolsas para colaborar nas actividades de investigación que se están a desenvolver no dito centro, en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade e obxectividade.

O réxime xeral das axudas e subvencións nesta Administración pública establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada aos mesmos pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

Por todo iso, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Convócanse bolsas de apoio á formación en tarefas investigadoras para cinco titulados superiores, no Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán, en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade e obxectividade.

2. As bolsas desenvolveranse nos seguintes campos de investigación:

-Ecoloxía de frondosas.

-Mellora xenética forestal.

-Fitopatoloxía.

-Incendios forestais.

-Cambio climático.

3. As persoas solicitantes deberán posuír algunha das seguintes titulacións:

-Enxeñaría de montes.

-Licenciatura en bioloxía.

-Licenciatura en ciencias ambientais.

Artigo 2º.-Financiamento.

Para a concesión das bolsas convocadas nesta orde, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible destinará un máximo de 7.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.432 A.480.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006, contía que se poderá incremetar en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Duración e dotación económica das bolsas.

1. A duración destas bolsas será dun mes, contado a partir da data que se indique na publicación da resolución desta convocatoria no DOG. No caso de haber dispoñibilidade de crédito, a duración citada poderase incrementar ata un máximo de 12 meses, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia, caso de se converter en plurianual, e logo da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente modificación desta convocatoria, sen que iso supoña modificación das condicións da convocatoria das bolsas.

2. Ademais, as bolsas poderán prorrogarse, por períodos anuais de 12 meses, como máximo, automaticamente, ata completar un total de 36 meses, sempre que exista crédito adecuado e suficiente, logo da oportuna tramitación, segundo o establecido no punto 1 deste artigo, e en función da actividade desenvolvida.

3. O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual bruta de 1.100 euros, que se aboarán aos beneficiarios por meses ou período cumprido. De acordo co establecido no artigo 1 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, as bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas. Aos bolseiros dados de alta na Seguridade Social, en aplicación do Estatuto do bolseiro de investigación, deduciráselles a cota que están obrigados a cotizar. No caso de prórroga, a dotación mensual definitiva poderá incrementarse, en función da dispoñibilidade orzamentaria, co fin de homologalas con outras bolsas de ámbito nacional.

-No caso dos bolseiros que teñan recoñecida a suficiencia investigadora, a partir do mes de desfrute da bolsa, quedarán asimilados a traballadores por conta allea, para efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, na aplicación do previsto no Real decreto 1326/2003, do 24 de outubro (BOE do 3 de novembro), polo que se aproba o Estatuto do bolseiro de investigación, nos seus artigos 5 e 6 e na súa disposición transitoria única.

-Seguro de asistencia sanitaria e seguro de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

4. A cantidade que se aboe aos bolseiros en ningún caso terá carácter de salario ou retribución, senón

de axuda económica. No derradeiro ano de desfrute da bolsa, a consellería poderá condicionar o aboamento do último pagamento, ao cumprimento do artigo 14º desta resolución.

Artigo 4º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará ningún tipo de relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia.

Artigo 5º.-Requisitos dos participantes.

1. Para optar a unha destas bolsas terán que cumprirse os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión dalgunha das licenciaturas indicadas no artigo 1º.3 desta orde, sempre que se obtivese aquela no curso académico 2001-2002 ou posteriores; ou ter aprobadas todas as disciplinas requiridas para a súa obtención.

2. Non poderán participar na convocatoria os que xa teñan o título de doutor.

Artigo 6º.-Formalización das solicitudes.

1. As solicitudes, no modelo oficial que se publica no anexo desta orde, e que están a disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible e na internet nos enderezos http:www.xunta.es/conselle/cma/index.htm ou http://www.dxid.org, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coas solicitudes, coa sinatura orixinal do interesado, xuntarase a seguinte documentación:

2.1. Fotocopia do documento nacional de identidade, ou o seu equivalente no caso de cidadáns da Unión Europea.

2.2 Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

2.3. No caso de estudos validados, presentarase, así mesmo, certificación académica de idénticas características para os estudos de orixe.

Os que accedan ao segundo ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por realizaren o primeiro ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para os efectos de determinar a media do expediente académico, xuntarán, ademais da certificación correspondente ao curso de adaptación, cuarto e quinto, a referente á diplomatura ou aos estudos do primeiro ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados antes da data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente ao proxecto de fin de carreira e indicará, expresamente, o título do mesmo.

2.4. Curriculum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados. Para tal efecto, utilizarase o modelo oficial da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, dispoñible nos mesmos puntos que o modelo oficial de solicitude.

2.5. Entre a documentación que se xunte coa solicitude, necesariamente achegarase unha declaración xurada das axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o artigo 8.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, indicando o período de desfrute delas.

3. A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Se a documentación adxunta estivera incompleta, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días, a complete ou emende as deficiencias, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada, será causa de desestimación da solicitude presentada.

Artigo 9º.-Selección de candidatos.

1. Comisión de selección.

A selección de candidatos efectuarase por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres designaraos o director xeral de Desenvolvemento Sostible, de entre os investigadores do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase, fundamentalmente, en función dos méritos acreditados, conforme o seguinte baremo:

-Expediente académico: ata 4 puntos.

-Adecuación do curriculum vitae do solicitante aos proxectos de investigación definidos no artigo 1º.2 desta orde: ata 2 puntos. Neste punto computarase a posesión do diploma de estudos avanzados.

Unha vez fixada a valoración dos méritos, os candidatos que obtiveran un mínimo de 2 puntos pasarán á fase de entrevista pola comisión de selección.

Esta entrevista utilizarase como elemento adicional de valoración, cualificándose ata un máximo de 2 puntos, tendo en conta a motivación e iniciativa do entrevistado, así como os seus coñecementos relacionados coas materias obxecto das bolsas.

3. Poderán declararse deserta/s a/s bolsa/s no caso de que os solicitantes non acaden un mínimo de 2 puntos.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A competencia para resolver esta convocatoria, de acordo co disposto nos artigos 72.4º e 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, delégase no director xeral de Desenvolvemento Sostible. Nas resolucións que se diten en virtude desta delegación farase constar explicitamente esta.

2. A comisión de selección elevará a proposta priorizada de resolución ao director xeral de Desenvolvemento Sostible. A súa resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. Para os efectos do establecido nos artigos 42.1º, 42.2º e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes das accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir do día seguinte á data de publicación no DOG desta convocatoria. No caso de non recaer resolución dentro do mencionado prazo entenderanse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes formuladas, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente.

Artigo 11º.-Réxime xurídico e recursos.

1. A convocatoria, as bases e todos cantos actos administrativos se deriven da orde poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderán ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses da súa resolución expresa ou de seis a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo,

reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12º.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou desfrute doutro tipo de becas ou axudas destinadas ao mesmo fin, salvo co desfrute daquelas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados da apli

cación do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral de investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Artigo 13º.-Aceptación da bolsa.

1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases.

2. Os aspirantes seleccionados incorporaranse, tras a aceptación da bolsa, nos 10 días naturais seguintes ao da notificación da concesión.

3. No caso de producirse a renuncia dalgún dos beneficiarios destas bolsas procederase a concederlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese, elaborada pola comisión de selección.

Artigo 14º.-Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

1. Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas da actividade de investigación na que se integren, debendo axustarse ás normas propias do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán, con dedicación exclusiva á súa función.

2. Someteranse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Non obstante o disposto no artigo 8.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 15º.-Reintegro.

En virtude do disposto no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios deberán proceder ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do pagamento e no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delégase no director xeral de Desenvolvemento Sostible o exercicio da competencia para

resolver as solicitudes desta convocatoria, contida no artigo 10º.1 desta orde; consonte os termos do disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Sostible para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta disposición.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2006.

Manuel Fernández Vázquez

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA