DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2006 Páx. 6.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de abril de 2006 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2006 as axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

A industria agroalimentaria ten carácter estratéxico en Galicia por ser un elemento clave para o desenvolvemento do sector agrario e, por extensión, para a promoción das zonas rurais de Galicia. Así, as instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios posibilitan a viabilidade das explotacións agrarias, dando valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados, fomentando ademais a creación e o mantemento de postos de traballo, beneficiando o tecido económico das zonas rurais.

Por todo iso, considérase de grande interese establecer medidas de apoio ao seu desenvolvemento. Nese sentido, esta orde establece axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o exercicio 2006. Esta actuación enmárcase no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, e está cofinanciada polo Feoga e pola Administración xeral do Estado.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar para o ano 2006 as axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos para a mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares das instalacións obxecto de axuda, sobre as que recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

Artigo 3º.-Investimentos subvencionables.

1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. Para seren subvencionables, os investimentos teñen que ser efectuados por empresas que acrediten viabilidade económica estimable sobre a base da avaliación das súas perspectivas e que cumpran as normas mínimas en materia de medio natural, hixiene e, se é o caso, benestar animal, así como no sector cárnico, a normativa pola que se establecen os sistemas de control do destino dos subprodutos xerados na cadea alimentaria cárnica.

Para os efectos destas axudas, considéranse produtos agrarios os incluídos no anexo I do Tratado CEE, excepto os relacionados coa pesca e co sector forestal.

2. Considéranse subvencionables os seguintes gastos:

a) Construción e adquisición de bens inmobles, excepto a compra de terreos.

b) Maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

c) Os gastos de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade, adquisición de patentes e licenzas sen que, en todo caso, superen o 12 por cento dos custos indicados nas letras a) e b).

3. As axudas non poderán ser destinadas aos investimentos que se relacionan no anexo I desta orde. No caso de cofinanciamento exclusivo con fondos da Consellería do Medio Rural, non se terán en conta as limitacións sinaladas nos puntos 9, 10, 12, 13, 14 e 15 do referido anexo.

Así mesmo, non serán obxecto de axuda os gastos sinalados no anexo II, nin os seguintes investimentos:

a) Os relativos á fase de comercio polo miúdo.

b) Os referentes á comercialización ou transformación de produtos de terceiros países.

c) Os investimentos que non utilicen produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar ata o 50 por cento do investimento subvencionable.

2. A achega do beneficiario non poderá ser inferior ao 50 por cento do investimento subvencionable.

3. As axudas serán cofinanciadas polo Feoga-Orientación, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

e a Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, nos regulamentos (CE) 1257/1999 e 1260/1999, no Real decreto 117/2001, do 9 de febreiro, polo que se establece a normativa básica de fomento dos investimentos para a mellora das condicións de transformación e comercialización de produtos agrarios, silvícolas e da alimentación, e demais normas de aplicación.

Artigo 5º.-Condicionantes.

1. Só se concederán axudas para investimentos relacionados con produtos que teñan saída normal no mercado. Así mesmo, os investimentos deben redundar en vantaxes para os produtores de materias primas agrarias, contribuíndo á mellora da situación do sector da produción agraria básica correspondente.

2. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións impostas polas organizacións comúns de mercado da Unión Europea.

3. Non se concederán axudas para elaboración ou comercialización de produtos que imiten ou substitúan o leite ou os produtos lácteos.

4. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción ou as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea.

5. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda, coa excepción do sinalado no punto 6 do anexo II.

6. A actividade ou actividades obxecto de axuda deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados a partir do momento en que os investimentos estean finalizados.

7. Cando o importe do investimento supere a contía de 30.000 A no caso de obra civil e instalacións, ou de 12.000 A no caso de subministracións de bens de equipo ou prestación de servizos de empresas de consultoría, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto estivese realizado con anterioridade á entrada en vigor desta orde pero con posterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente a elección nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda, dirixidas ao conselleiro do Medio Rural, presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional que se sinala e por duplicado. O lugar de presentación será prioritariamente nas delegacións provinciais correspondentes da Consellería do Medio

Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, considerarase que desistiu da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

Para a selección dos proxectos que se vaian aprobar, así como para establecer as porcentaxes de axuda que se concederán, teranse en conta, sen prexuízo do sinalado no artigo 6 do Real decreto 117/2001, os seguintes criterios:

Establécense catro grupos de proxectos:

-Grupo I: inclúe os proxectos para seleccionar en primeiro lugar, e corresponde a aqueles que sexan dalgún dos seguintes tipos:

-Proxectos de cooperativas agrarias galegas ou de empresas participadas maioritariamente (máis do 50%) por estas.

-Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios que procesen ou comercialicen maioritariamente (máis do 50%) a súa produción e esta non supere 100.000 A/ano.

-Proxectos con investimentos destinados exclusivamente á elaboración de produtos da agricultura ecolóxica de Galicia, ou que sen ser de uso exclusivo corresponda a industrias nas que alomenos o 25% da súa facturación corresponda a produtos da agricultura ecolóxica de Galicia. En todo caso, as materias primas agrarias procesadas deben proceder maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas.

-Proxectos situados en concellos de zonas de montaña tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/1999, e nos cales as materias primas agrarias procesadas procedan maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas.

-Grupo II: inclúe os proxectos considerados en segundo lugar, e corresponden a aqueles de procesado de produtos procedentes maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas, e sexan dalgún dos seguintes tipos:

-Proxectos situados en concellos de zonas desfavorecidas, tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/1999.

-Proxectos de produtores agrarios que procesen ou comercialicen maioritariamente (máis do 50%) a súa produción e non estean incluídos no grupo I.

-Proxectos de industrias que teñan contratos escritos con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50%) das materias primas que procesan.

-Grupo III: inclúe os proxectos considerados en terceiro lugar, e corresponden a outros proxectos de industrias que procesen produtos procedentes maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas, así como proxectos relativos a industrias de alimentación animal.

Non se incluirán, porén, nos grupos II e III os proxectos de: recollida, refrixeración e/ou terminado de leite de industrias non transformadoras, adegas de viño de mesa en zonas incluídas en denominación de orixe e novas adegas con denominación de orixe en zonas con exceso de capacidade instalada, e instalacións dedicadas maioritariamente ao despezamento e/ou comercialización de carne e non relacionadas accionarialmente con matadoiros ou outras industrias cárnicas.

-Grupo IV: corresponde aos proxectos considerados en último lugar, e inclúe o resto dos casos non recollidos nos grupos anteriores, establecéndose o ordenamento polo maior grao de transformación dos productos elaborados en cada tipo de actividade.

Dentro de cada grupo daráselles, ademais, prioridade aos proxectos de industrias que subscriban acordos de carácter sectorial relativos ás condicións de compravenda de produtos negociados entre representantes dos produtores e das industrias.

Independentemente desta clasificación en grupos, os proxectos para creación de novas industrias cun investimento superior a un millón de euros promovidos por entidades con fondos propios inferiores ao 10% do investimento, serán considerados en último lugar, así como os proxectos de empresas que incumpran as normas de calidade de produtos.

Para establecer a porcentaxe de axuda que se concederá en cada caso, consideraranse os mesmos criterios de priorización sinalados no punto anterior, de forma que a porcentaxe de axuda concedida aos proxectos de cada grupo non será inferior á do grupo seguinte.

Artigo 8º.-Promoción do uso do galego.

A Consellería do Medio Rural concederá unha axuda adicional aos proxectos seleccionados para aprobar que presenten a documentación da solicitude de axuda en galego e que teñan investimentos en proxecto e/ou estudos de viabilidade que estean redactados en galego. A axuda consistirá nunha subvención de ata o 5% do importe do proxecto e/ou estudos de viabilidade, que deben cumprir en todo caso o resto dos requisitos da convocatoria. Para acollerse a esta axuda adicional, o solicitante deberá indicar expresamente na súa solicitude que o proxecto e/ou estudos de viabilidade estarán redactados en galego.

En ningún caso a axuda total concedida poderá superar os máximos establecidos no artigo 4º.

Artigo 9º.-Tramitación das solicitudes.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A resolución de cada expediente corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de sección, un dos cales actuará como secretario.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a data máxima establecida para a presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

4. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que considere oportunas para garantir o cumprimento dos obxectivos do proxecto. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación das actuacións previstas, que será alomenos posterior en dez días á data de finalización prevista no calendario presentado, sen que en ningún caso se supere na anualidade de 2006 a data do 30 de novembro.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda). Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social é Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.

1. O beneficiario poderá xustificar o investimento dunha soa vez ou de forma fraccionada de acordo coas condicións establecidas na resolución, sen que en todo caso o número de pagamentos fraccionados sexa superior a tres.

Os beneficiarios de axudas superiores a 30.050 A que soliciten pagamentos parciais deberán presentar garantía constituída por seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión.

A garantía deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude de pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión.

2. As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nas delegacións provinciais correspondentes da Consellería do Medio Rural, e irán dirixidas aos servizos de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias desas delegacións, acompañadas da seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B.1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, e das que se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregará ademais unha fotocopia.

b) Declaración do beneficiario relativa ao financiamento dos gastos efectuados segundo modelo B2.

c) Relación das diferenzas existentes entre os traballos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3.

d) Análise das diferenzas cuantitativas entre os investimentos previstos e os efectuados, seguindo o modelo incluído como anexo B4.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, achegando, se é o caso, copia da resolución de concesión.

f) Fotocopia do NIF e certificado bancario de existencia da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

g) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

3. As propostas de pagamento das axudas por parte do órgano xestor acomodaranse ás dispoñibilidades económicas existentes en cada momento, derivadas das transferencias de fondos do Feoga e MAPA que se reciban.

4. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Nese caso será necesario presentar unha garantía constituída mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto.

A garantía deberá cubrir o importe do anticipo xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro

legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación establecido na resolución de concesión. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

5. No suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas noartigo 12º desta orde o beneficiario perderá o dereito ao cobro total ou parcial da subvención.

Artigo 11º.-Modificación de proxectos.

1. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, actividade, obxectivos, prazo de execución ou variación notoria do orzamento, así como de calquera condición específica indicada na resolución, requirirá a autorización da consellería logo de presentar a correspondente solicitude xustificada.

2. Se houbese unha redución dos investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas.

Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento nos supostos sinalados no artigo 37 da Lei 38/2003, xeral de subvencións e no artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, ao reintegro total ou parcial da subvención concedida.

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 14º.-Compatibilidade.

Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que non teñan financiaciamento parcial ou total doutros fondos estruturais

da Unión Europea e a suma total das axudas non supere o 50% do investimento subvencionable.

Artigo 15º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de mora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999.

Artigo 16º.-Financiamento.

As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

a) 11.03.712B.770.0 por un importe de 26.091.179,65 A.

b) 11.03.712B.770.1 por un importe de 100.000 A

c) 11.03.615A.770.0 por un importe de 5.000.000 A.

Estos importes poderanse incrementar con fondos incorporados e remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 17º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG do 5 de novembro), e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As axudas reguladas por esta orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (CE) nº 1447/2001

do Consello, do 28 de xuño de 2001, que modifica o Regulamento (CE) nº 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais, o Regulamento (CE) nº 1257/1999, sobre axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Feoga e o Documento 2000/c28/02, directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario.

Terceira.-Derrógase a Orde do 4 de xuño de 2001 pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios durante o período 2000-2006, e se convocan as correspondentes ao ano 2001 (DOG do 12 de xuño), modificada pola Orde do 20 de novembro de 2001 (DOG do 26 de novembro), Orde do 12 de febreiro de 2003 (DOG do 20 de febreiro), Orde do 29 de abril de 2004 (DOG do 6 de maio) e Orde do 16 de decembro de 2004 (DOG do 22 de decembro).

As solicitudes de axuda presentadas ao abeiro da Orde do 16 de decembro de 2004 pola que se convocan para o exercicio orzamentario 2005 as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e non concedidas, poderán concorrer a esta convocatoria sempre que o interesado así o solicite expresamente e cumpra o disposto nesta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Investimentos que non poderán ser auxiliados

Non se considerarán subvencionables:

1. Investimentos de reposición ou mera substitución de equipos e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

2. Investimentos en maquinaria e equipamentos de tecnoloxía non contrastada, ou non subministrados por fabricantes ou distribuidores autorizados, así como gastos de patentes non relativas á tecnoloxía dos procesos industriais.

3. Investimentos relativos á posta en marcha de proxectos subvencionados anteriormente no Programa Operativo.

4. Investimentos non relacionados directamente coas actividades (subvencionables) desenvolvidas polo solicitante.

5. Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que desenvolverá a empresa a curto prazo, ou dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade. Nese caso admitirase como subvencionable o custo básico de mercado do investimento coa capacidade ou dimensionamento axustado no seu caso.

6. Os investimentos relativos a almacéns frigoríficos para produtos conxelados ou ultraconxelados, excepto se as súas capacidades de almacenamento son proporcionais á capacidade de produción das instalacións de transformación ás que estean vinculadas e que se destinen exclusivamente ao almacenamento dos produtos das ditas instalacións.

7. No sector do leite de vaca e dos seus produtos derivados, os investimentos seguintes:

a) Os que supoñan un aumento da capacidade, salvo que se abandonen capacidades equivalentes, e aquelas que superen o conxunto das cantidades de referencia individuais de que dispoñan, dentro do réxime de exaccións reguladoras complementarias, os produtores que entreguen os seus produtos á unidade de transformación.

b) Os destinados á fabricación ou comercialización dos produtos seguintes: manteiga, soro en po, leite en po, butteroil, lactosa, caseína e caseinatos. Non obstante, non se verán afectados por esta exclusión os investimentos destinados á protección e defensa do medio natural, nos cales se obteña como subproduto soro.

8. No sector cárnico e dos ovos, os investimentos seguintes:

a) Aqueles que impliquen un aumento da capacidade de calibrado e envasado de ovos de galiña.

b) Os relacionados co sacrificio de gando porcino, bovino, ovino e polos e galiñas que leven consigo un aumento da capacidade de sacrificio.

9. No sector da alimentación animal: todos os que leven consigo na súa execución un aumento da produción, excepto se se xustifica abandono das capacidades equivalentes na mesma empresa ou noutras empresas determinadas, ou se favorece o aproveitamento de subprodutos, ou de produtos derivados destes, e sempre que exista unha clara e xustificada demanda do mercado, non contribuíndo ao incremento de capacidades excedentarias.

10. No sector de cereais (excepto as sementes):

a) Cereais (excepto arroz): os que supoñan un aumento da capacidade de almacenamento e transformación, excepto para usos non alimentarios.

b) Arroz: os que supoñan un aumento da capacidade de almacenamento.

11. No sector hortofrutícola: os investimentos das organizacións de produtores de froitas e hortalizas que poidan acollerse ao réxime de axudas da organización común de mercado (OCM) de froitas e hortalizas, salvo que o importe do investimento elixible sexa inferior a 200.000 euros.

12. No sector das plantas forraxeiras: todos os que supoñan un aumento da capacidade de transformación.

13. Nos sectores de oleaxinosas e proteaxinosas (excepto as sementes): todos os investimentos, salvo os relativos a produtos destinados a usos non alimentarios novos e os que teñan por finalidade:

a) O aproveitamento para usos enerxéticos.

b) A substitución de sistemas descontinuos por continuos, sen aumento da capacidade de produción.

c) O secado de grans oleaxinosos e o seu almacenamento.

d) A súa utilización por unha agrupación de empresas.

14. No sector da pataca: os relativos á fécula e os produtos derivados dela, salvo os correspondentes aos produtos destinados a usos non alimentarios novos (con excepción dos produtos hidroxenados derivados da fécula).

15. No sector de aceite de oliva, os seguintes:

a) O refinado de aceite de oliva.

b) A obtención de aceite de bagazo mediante operacións de repasado, excepto os investimentos en medios de transporte e en instalacións de almacenamento, acondicionamento e secado de bagazo destinadas ao tratamento de subprodutos procedentes da elaboración de aceite, sempre que non sexan destinados á alimentación humana.

16. No sector do tabaco, todos os investimentos.

17. No sector dos viños e alcohois:

a) No caso de viños de mesa, sen indicación xeográfica, os que signifiquen un aumento de capacidade de elaboración.

b) Os destinados á mellora do proceso de obtención de alcohois vínicos, salvo se van acompañadas dun 25 por 100 de redución da súa capacidade.

c) Os relativos ás bebidas espirituosas derivadas do viño ou de alcohois vínicos, excepto para aquelas bebidas que regulamentariamente teñan que ser elaboradas con alcohol vínico.

18. No sector de azucre e isoglicosa: a produción de azucre e isoglicosa así como a obtención de alcohol e derivados a partir de melaza e os procedentes de destilados de cereais, excepto se é para usos non alimentarios.

19. Independentemente das exclusións sectoriais sinaladas, non se considerarán subvencionables con ningún tipo de fondos os investimentos en novas instalacións de industrias de alimentación animal

e matadoiros de gando porcino, bovino e polos, salvo que leven consigo o peche doutras instalacións da mesma actividade en Galicia e se xustifique un abandono de capacidade equivalente.

ANEXO II

Gastos non subvencionables

1. Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

2. A compra de terreos e os gastos relacionados con esta (honorarios de notario, impostos e similares).

3. A compra de edificios que vaian ser derrubados. Se a compra dun edificio é obxecto de axuda do Feoga, o valor do terreo construído e do que rodea o edificio, valorado por técnico competente, non se considera subvencionable.

4. A compra de locais, se estes foron subvencionados durante os últimos dez anos. Para isto xuntarase declaración das subvencións que se lle concederan ao edificio durante os dez últimos anos.

5. Traballos provisionais que non estean directamente relacionados coa execución do proxecto (por exemplo: construción de naves para gardar maquinaria con miras a garantir a continuidade da produción). Non obstante, poderán ser subvencionables determinados traballos provisionais na medida en que permitan unha diminución dos custos de construción (acceso ao peirao provisional, caseta de obras e semellantes).

6. Traballos ou investimentos comezados con anterioridade á presentación da petición de axuda, agás os honorarios técnicos de proxectos, gastos de estudos de viabilidade económica, de solos, de mercado e semellantes e adquisición de patentes e licenzas, sempre que sexan posteriores ao 1 de xaneiro de 2000.

7. Obras de ornamentación e equipos de recreo (xardinaría, bar, pista de tenis e semellantes). Porén, son financiables os gastos previstos con fins pedagóxicos ou comerciais (salas de proxeccións, televisores, vídeos e semellantes).

8. Mobiliario de oficina. Non teñen esa consideración as instalacións telefónicas, fax e ordenadores, incluídos os programas informáticos. Admítese a adquisición de equipos de laboratorio e de salas de conferencias.

9. Compra de material normalmente amortizable nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e semellantes). Considérase que as tarimas, caixóns-tarima e caixas de campo teñen unha duración de vida superior a un ano e, polo tanto, son auxiliables, a condición de que se trate dunha primeira adquisición ou dunha adquisición suplementaria, proporcional a unha ampliación prevista, e de que non sexan vendidas coa mercadoría (deberá existir unha conta específica para estes materiais,

con entradas e saídas). Tampouco serán auxiliables aqueles investimentos que figuran na contabilidade como gastos.

10. Compra e instalacións de maquinaria e equipos de segunda man.

11. Gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou lugar en que se vai realizar o proxecto.

12. Reparacións e obras de mantemento. Non teñen a consideración de reparacións as operacións feitas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as prestacións.

13. O imposto do valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto, recuperable polo beneficiario.

14. Os gastos de aluguer de equipos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Sen embargo, os investimentos financiados mediante leasing poden ser auxiliables se existe un compromiso de adquisición do ben no prazo e normas establecidos pola autoridade de xestión e sempre antes de que remate o período establecido para a percepción das axudas. Outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables.

Así mesmo, non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo.

15. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia.

16. A compra de vehículos, excepto os vehículos de transporte que sexan especiais e carrozados e que estean ligados á actividade produtiva da empresa, que teñan como destino a transformación e comercialización de produtos agrarios e da alimentación. Igualmente, non se admitirá a reposición de flota, nin a soa compra do vehículo base. O importe destes equipos non poderá superar o 40 por cento do investimento total en cada proxecto.

17. Soldos e gastos sociais do persoal, pagados polo beneficiario, sempre e cando non se cumpra algunha destas condicións:

a) Que o persoal fora contratado especial e exclusivamente para traballar no proxecto.

b) Que o persoal sexa despedido ao concluír as obras.

c) Que se respecte a normativa nacional en materia de Seguridade Social.

18. Ademais das limitacións citadas nos puntos anteriores, deberán terse en consideración as que impón o Regulamento (CE) 1685/2000, da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1260/1999, no relativo ao financiamento dos gastos de operacións cofinanciadas polos fondos estruturais.