DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2006 Páx. 6.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 12 de abril de 2006 pola que se convocan as axudas para o ano 2006 da liña de incorporación estable do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora na Comunidade Autónoma de Galicia con destino aos centros de I+D sen ánimo de lucro.

Segundo a Orde do 26 de xaneiro de 2006 (DOG do 3 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras da liña de incorporación estable do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora na Comuni

dade Autónoma de Galicia, a Consellería de Innovación e Industria establecerá anualmente, mediante convocatoria pública, o número e contía das axudas que se vaian conceder, así como os requisitos específicos dos candidatos atendendo a criterios de experiencia cunha traxectoria investigadora destacada.

Este programa ten a finalidade, por unha banda, de fomentar a incorporación estable dos investigadores cunha traxectoria investigadora destacada, nas universidades, no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e outros organismos públicos de investigación e demais centros de I+D e, pola outra, de favorecer a captación ou recuperación de investigadores españois ou estranxeiros de recoñecida experiencia, para a súa incorporación ao sistema español de ciencia e tecnoloxía, e incentivar a incorporación ao sistema nacional de I+D de mozos investigadores con alto potencial investigador en grupos emerxentes e consolidados.

De acordo coa dita finalidade, esta consellería, en virtude da Orde ECI/1520/2005, do 26 de maio, do Ministerio de Educación e Ciencia, pola que se establece o Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (Programa I3) desenvolvido polo Protocolo xeral de colaboración entre o Ministerio de Educación e Ciencia e as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e a de Innovación e Industria do 24 de outubro de 2005 e o convenio específico do 22 de decembro entre o Ministerio de Educación e Ciencia e as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e a de Innovación e Industria e as atribucións que ten conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, e o Decreto 552/2005, do 20 de outubro, pola que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta orde é a convocatoria de axudas do primeiro nivel en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para 11 postos de traballo que desenvolvan a súa actividade nos centros de I+D, sen ánimo de lucro, e con sede en Galicia á que alude o artigo 2 da orde desta consellería do 26 de xaneiro de 2006 (DOG do 3 de febreiro), pola que se establecen as bases reguladoras da liña de incorporación estable do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderán optar a estas axudas aqueles centros que oferten postos de traballo de carácter permanente, que se cubrisen mediante contrato ou nomeamento entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2005 por investigadores ou profesores-investigadores cunhas retribucións non inferiores ás dun profesor/a titular de universidade ou categoría equi

valente nos organismos públicos de investigación, e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do grao de doutor cunha antigüidade mínima de seis anos, entendéndose que a data de obtención do grao de doutor é a da lectura e aprobación da tese de doutoramento. No caso daqueles investigadores que estean en posesión de máis dun doutoramento, este requisito referirase ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

b) Ter unha experiencia posdoutoral non inferior a 24 meses nas universidades ou centros de I+D, españois ou estranxeiros, distintos a aquel en que estean prestando os seus servizos ou ter cursado de maneira íntegra e obtido o título de doutor nalgunha universidade estranxeira. Para o caso dos investigadores do Programa Ramón y Cajal das convocatorias dos anos 2001, 2002 e 2003 e do Programa Isidro Parga Pondal do ano 2003, deberán ter realizado estadías nas universidades ou centros de I+D distintos a aquel en que estean prestando os seus servizos, polo menos durante 18 meses, despois de completar os cursos de licenciatura, ou ter cursado e obtido o título de doutor nunha universidade estranxeira.

c) Requisitos de calidade da produción e actividade científica tecnolóxica que impliquen unha traxectoria investigadora destacada, que serán avaliados pola Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) segundo os criterios establecidos pola Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE nº 204, do 26 de agosto), da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do Ministerio de Educación e Ciencia.

Artigo 3º.-Compatibilidade con outras axudas.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións destinadas ao fomento e á calidade da investigación, de acordo co establecido na normativa aplicable. Esta compatibilidade estará condicionada a que o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, non supere o custo da actividade subvencionada.

Cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos neste programa, deberá poñelo en coñecemento da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e do Ministerio de Educación e Ciencia.

Artigo 4º.-Duración e contía da axuda.

4.1. Duración.

A duración da axuda será de tres anos.

4.2. Contía.

A contía total da axuda corresponde ao financiamento de 11 postos de traballo do primeiro nivel por un importe equivalente ás retribucións dun profesor/a titular de universidade, sendo a dotación anual para cada posto de traballo de 43.333,33 A. Estas axudas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Ano 2006Ano 2007Ano 2008Total

a) *10.02 432 B.442.0390.000,00 A390.000,00 A390.000,00 A1.170.000,00 A

b) 10.02.432 A.442.043.333,33 A43.333,33 A43.333,34 A130.000,00 A

c) 10.02.432 A.480.043.333,33 A43.333,34 A43.333,33 A130.000,00 A

Totais476.666,66 A476.666,67 A476.666,67 A1.430.000,00 A

Os importes asignados ás aplicacións orzamentarias citadas con anterioridade para as anualidades 2006, 2007 e 2008, poderán sufrir variacións como consecuencia da adxudicación das axudas, sen que isto supoña incremento do importe total convocado para cada anualidade.

A aplicación sinalada cun * está cofinanciada nun 75% con fondos FSE.

No caso de que resultase beneficiario algún centro de investigación dependente da Xunta de Galicia procederase a realizar unha retención de crédito na aplicación orzamentaria correspondente da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación coa finalidade de que a consellería correspondente poida levar a cabo a oportuna ampliación de crédito do seu orzamento.

Artigo 5º.-Formalización de solicitudes.

As solicitudes serán presentadas polos representantes legais dos centros de I+D reflectidos no artigo 2º da orde de bases.

O modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde atópase á disposición dos interesados nas dependencias da Consellería de Innovación e Industria e na internet, nos enderezos electrónicos: http://www.xunta.es/conselle/in ou en http://www.dxid.org, e presentaranse, dirixidas ao conselleiro de Innovación e Industria ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O dito modelo deberá presentarse xunto coa seguinte documentación:

a) Nome e código da/s praza/s.

b) Xustificación de que está/n incluída/s na relación de postos ou cadro de persoal do centro.

c) Certificado en que se faga constar a data de toma de posesión da praza, ao longo do ano 2005, do investigador/es proposto/s e a súa retribución.

d) Escrito de autorización do/s investigador/es que ocupe/n o/s posto/s para os que solicita a axuda.

e) Curriculum vitae xustificado do investigador/a que ocupe o posto elixible.

A solicitude poderá ir acompañada de informes valorativos académicos de recoñecido prestixio internacional, relativos á actividade do investigador. Os ditos informes, cun máximo de tres, deberán ser confidenciais e terán que estar datados e asinados, admitíndose unicamente aqueles que se acheguen coa solicitude, en sobre pechado.

f) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Certificación, de estar ao día no cumprimento das obrigas estatais, coa Comunidade Autónoma e a Seguridade Social, salvo que o centro estea eximido desta obriga en aplicación do establecido no artigo 41.Un da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

f) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas polas distintas administracións públicas competentes ou polos seus organismos ou sociedades.

Segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a presentación da solicitude de concesión das axudas e subvencións polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Artigo 7º.-Selección de beneficiarios.

A selección de beneficiarios levarase a cabo pola comisión de selección prevista no artigo 9 da Orde do 26 de xaneiro de 2006 (DOG do 3 de febreiro) pola que se establecen as bases da liña de incorporación estable do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora na Comunidade Autónoma de Galicia.

A citada comisión, para a realización da súa proposta nesta convocatoria, fundamentarase no maior esforzo realizado polos centros na creación de postos de carácter permanente, de forma que as prazas se repartirán proporcionalmente entre os centros solicitantes tendo en conta o número de postos de traballo de carácter permanente solicitados na correspondente convocatoria, que fosen creados no ano precedente por cada un dos citados centros participantes e que posúan certificación do cumprimento dos requisitos emitida pola ANEP.

No caso de empate no número de postos aos que se refire o parágrafo anterior, a comisión deberá recoller de maneira preferente aqueles ámbitos que establece o Plan Galego de Investigación (PGIDIT) da Xunta de Galicia, que aposta por todas as áreas científicas e tecnolóxicas, en especial pola investigación básica ou fundamental, baixo criterios de calidade e excelencia e que, pola súa vez, prioriza as liñas de interese estratéxico para os sectores produtivos ou de gran transversalidade.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

A tramitación das solicitudes, a resolución e demais trámites relacionados coa convocatoria,

seguirán o establecido na Orde do 26 de xaneiro de 2006 (DOG do 3 de febreiro) desta consellería pola que se establecen as bases reguladoras da liña de incorporación estable do programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Pagamento.

Realizaranse pagamentos parciais polos importes correspondentes a cada anualidade. Os ditos pagamentos parciais non poderán exceder do 80% da subvención concedida, consonte o establecido no artigo 16 punto dous do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para proceder aos pagamentos, os centros beneficiarios presentarán antes do 30 de outubro de cada ano a seguinte documentación xustificativa:

1. Certificado dos xerentes ou figuras equivalentes, responsables de persoal, co visto e prace do representante legal do organismo onde conste que a/s praza/s figura/n no/s correspondente/s cadro/s de persoal ou relación de postos de traballo do centro, e que fosen cubertas mediante contrato ou nomeamento entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2005 polas persoas que reúnan os requisitos reflectidos no artigo 2º da presente orde e no artigo 3 da orde de bases.

2. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Certificación de estar o día no cumprimento das obrigas estatais, coa comunidade autónoma e a Seguridade Social, salvo que o centro estea eximido desta obriga en aplicación do establecido no artigo 41.Un da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

4. Declaración das axudas solicitadas ou concedidas polas distintas administracións públicas competentes ou polos seus organismos ou sociedades.

Disposición derradeira

No non previsto na presente convocatoria aplicarase o disposto na Orde do 26 de xaneiro (DOG do 3 de febreiro) desta consellería pola que se establecen as bases reguladoras da liña de incorporación estable do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria