DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2006 Páx. 6.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2006 pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2006.

Tras a publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias se deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para dar cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor de emigrantes retornados e os seus familiares que ten por obxecto a protección de situacións de carencia que puidesen derivarse do retorno.

No marco desta resolución preténdese reforzar a cobertura ao colectivo de persoas da 3ª idade que se atopen nunha especial situación de vulnerabilidade.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno, que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos. Por estes motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social e humanitario, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.

Así mesmo, e dada a natureza e carácter das axudas, non se procederá á súa publicación segundo o disposto no artigo 18 d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos emigrantes galegos retornados e aos seus familiares, para atender situacións de necesidade ou pre

cariedade económica derivadas do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Orzamento.

A concesión das axudas previstas nesta resolución de convocatoria faise con cargo á partida orzamentaria 04.50.213A.480.0 que se inclúe nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

O importe que se destinará a este programa de axudas será de catrocentos mil euros (400.000 A), quedando condicionada a concesión destas axudas ao dito límite orzamentario.

Non obstante, esta asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios e solicitar estas axudas:

a) Os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volvesen á comunidade autónoma.

b) Os familiares das persoas indicadas no punto anterior unidos a estes por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao, ou por adopción e parentes consanguíneos de segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as de emigrantes naturais de Galicia.

De existiren varios solicitantes integrados dentro dos graos de parentesco sinalados neste punto que convivan no mesmo domicilio, só un deles poderá ser beneficiario das axudas reflectidas nesta resolución.

2. Os beneficiarios anteditos deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia en Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Os requisitos exixidos para poder ser beneficiarios son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data da súa chegada a España.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo dun ano.

Quedarán eximidos deste requisito:

-Os solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de entrada en vigor desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2006.

-Os solicitantes que teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun grao igual ou superior ao 65%.

c) Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da entrada en vigor desta resolución.

d) Estar empadroado e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen o Indicador Público de Renda

de Efectos Múltiples (IPREM), fixado para o ano 2006 en 479,10 A mensuais, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5º desta resolución.

2. Quedan excluídos das axudas da presente convocatoria os beneficiarios da convocatoria de axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2005, regulada pola orde da extinta Consellería de Emigración do 1 de decembro de 2004.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das axudas efectuarase, para os solicitantes aos que se fai referencia no artigo 6º.b), conforme os criterios e a gradación que se establece a continuación:

1. Situación económica per cápita mensual da unidade familiar do solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e ao número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50% do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50% ao 80% do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80% do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

Para estes efectos, entenderase como unidade familiar a integrada polo solicitante e, se é o caso, o cónxuxe, fillos e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan e dependan economicamente do solicitante.

Así mesmo, enténdese que hai dependencia económica do solicitante cando os ingresos mensuais percibidos por algún dos membros da súa unidade familiar sexan inferiores á contía do IPREM fixada para o ano 2006.

2. Número de fillos menores de 18 anos a cargo do solicitante: 2 puntos polo primeiro fillo e un punto mais por cada fillo a partir do primeiro.

3. Situación de discapacidade do solicitante e/ou de membros da unidade familiar que dependan economicamente del:

-Minusvalidez igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%: 1 punto por persoa.

Minusvalidez igual ou superior ao 65%: 2 puntos por persoa.

No caso de que necesite axuda de 3ª persoa para as actividades básicas da vida diaria aumentarase nun punto a valoración por persoa que se atope na antedita situación.

4. Estado de saúde do solicitante ou dos membros da unidade familiar consonte a necesidade de tratamentos médicos continuados debidamente acreditados, sempre e cando non se tivese valorado no punto 3 deste artigo: 1 punto por persoa.

5. Solicitante ou membros da súa unidade familiar que sexan vítimas da violencia de xénero: 2 puntos.

Artigo 6º.-Natureza e contía das axudas.

As axudas teñen carácter persoal, serán de pagamento único, por unha soa vez, e o seu importe establécese do seguinte xeito:

a) Para os solicitantes que teñan máis de 65 anos ou que cumpran esta idade ao longo do ano 2006 sempre que a renda per cápita da unidade familiar, entendida tal como se sinala no artigo 4º e) da resolución, sexa inferior ou igual ao IPREM: 2.500 A.

b) Para os solicitantes menores de 65 anos a contía será variable e establecerase en función dos criterios recollidos no artigo 5º desta resolución, de acordo co seguinte:

-Situación de necesidade valorada de 1 a 4 puntos: 800 A.

-Situación de especial necesidade valorada de 5 puntos, en diante: 1.000 A.

Artigo 7º.-Solicitude e prazo.

1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración, sita na rúa Basquiños nº 2, Santiago de Compostela, e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de entrada en vigor desta resolución ata o 30 de setembro de 2006.

Artigo 8º.-Documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial establecido como anexo á presente resolución á que deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1) DNI ou pasaporte en vigor do solicitante.

2) Documentos xustificativos da condición de galego e, ademais, en caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 3º.1 b) da resolución, acreditación documental do vínculo do solicitante co galego de orixe.

3) Libro de familia do solicitante, de ser o caso.

4) Certificación municipal emitida con posterioridade á data de entrada en vigor desta resolución que acredite a alta do solicitante no padrón do concello galego onde teña fixada a súa residencia e a convivencia dos membros da unidade familiar.

5) Certificado de emigrante retornado, expedido pola área ou dependencia de Traballo e Asuntos Sociais das delegacións ou subdelegacións do Goberno, no que conste, entre outros extremos, o tempo traballado no exterior, de ser o caso.

Para os solicitantes que retornen de países pertencentes ao Espazo Económico Europeo de non poder achegar o certificado de emigrante retornado, substituirase este pola certificación relativa aos períodos computables para a concesión das prestacións por desemprego (certificado E-301), de ser o caso.

6) Baixa consular.

7) Certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social , de ser o caso.

8) Documentación acreditativa dos ingresos económicos do solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 5º.

9) Cando o solicitante sexa o cónxuxe viúvo/a ou orfo/a do emigrante galego, achegará ademais o correspondente certificado de defunción expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

10) Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde españois, en caso de alegar enfermidade.

11) Certificado expedido polo órgano competente en España que acredite o grao de minusvalidez, en caso de alegar tal circunstancia.

12) No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, documento oficial que acredite tal situación.

13) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, incluída no anexo da resolución.

2. Cando os documentos achegados ao expediente polos solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles a calquera destes idiomas.

3. A Secretaría Xeral de Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia o solicitante, a emisión dun informe social no que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de valorar a oportunidade da concesión da axuda solicitada.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a valoración dela, sen mediar previa solicitude da secretaría xeral, cando o solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

4. Malia o disposto anteriormente, a Secretaría Xeral de Emigración poderalle solicitar ao interesado calquera outra documentación que considere necesaria para a valoración e resolución do expediente.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. De conformidade co disposto no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, antes do derradeiro pagamento da axuda o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2. Para os efectos da resolución da axuda, os solicitantes deberán comunicar, antes da notificación da resolución, calquera variación da súa situación que poida ter incidencia na súa valoración.

3. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ditándose resolución para o efecto.

Artigo 11º.-Resolución.

As solicitudes tramitadas ao abeiro da presente resolución de convocatoria, unha vez constatada a situación de necesidade ou precariedade económica das persoas solicitantes, de acordo co disposto no artigo 5º desta resolución, serán resoltas atendendo a data da presentación delas.

Corresponderalle ao secretario xeral de Emigración a resolución destas axudas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, no prazo máximo de 6 meses, contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Recursos.

Contra a resolución que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolución expresa; se non o fose, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

A resolución poderá ser impugnada directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas xunto cos xuros de demora devengados, no caso de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, segundo o disposto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O secretario xeral de Emigración ditará, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2006.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración