DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2006 Páx. 6.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2006, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados para o ano 2006.

A existencia de asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados maniféstase como unha consecuencia lóxica dos movementos migratorios, sendo unha canle de convivencia e integración social destes colectivos nas sociedades en que se implantan, así como de mantemento das tradicións culturais dos países de orixe dos seus asociados.

Este fenómeno asociativo, que pode considerarse homoxéneo na xeografía das sociedades occidentais e que, na maioría dos supostos deriva dos movementos migratorios consecuencia dos cambios acaecidos na nova orde económica mundial, no caso de Galicia maniféstase cunha peculiaridade derivada da súa caracterización de comunidade eminentemente emigratoria do século XX, e que nos últimos anos do século anterior, supuxo o retorno de emigrantes co fin de acadar unha nova vida laboral ou desfrutar do seu retiro, despois dun período de traballo no exterior.

A presente resolución ten como finalidade contribuír á existencia destas asociacións a través de subvencións que lles permitan a realización das súas actividades, que contribúan a aqueles fins de convivencia, integración social e mantemento de tradicións culturais, considerando estas, ademais, desde un punto de vista de interculturalidade coa sociedade galega.

Tendo en conta o anterior, aínda que a presente resolución de axudas se dirixe a asociacións que maioritariamente sexan de inmigrantes e emigrantes retornados, valórase que nas ditas asociacións e nas súas actividades participen membros da sociedade galega que non teñan ese carácter, ou doutros colectivos, como canle de integración social e consecución de fins de interculturalidade.

Tras a publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta

de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias se deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A presente convocatoria, ademais das bases establecidas nela, adáptase ao disposto no artígo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ao Decreto 287/2000.

O financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 04.50.213A.480.0 (160.000 euros) e 04.50.213A.780.0 (60.000 euros) que figuran na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto regular, para o exercicio 2006, a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes radicadas en Galicia e que desenvolvan programas que favorezan a integración social destes colectivos na nosa comunidade autónoma.

Artigo 2º.-Requisitos das entidades solicitantes.

As asociacións que soliciten a axuda con cargo a esta convocatoria deberán reunir, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita como asociación sen ánimo de lucro no rexistro de asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e constituída maioritariamente por inmigrantes ou emigrantes retornados.

b) Ter entre os seus fins estatutarios a atención a emigrantes retornados ou á poboación inmigrante en Galicia, e así conste expresamente nos seus estatutos.

c) Dispor dun local para uso propio no territorio autonómico no que se realicen as actividades.

d) Desenvolver programas que favorezan a integración social destes colectivos.

e) Ter xustificadas, se é o caso, e antes do remate do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, todas as subvencións concedidas por este departamento.

Artigo 3º.-Orzamento.

A concesión das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias 04.50.213A.480.0 (160.000 euros) e 04.50.213A.780.0 (60.000 euros), que se inclúen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006, quedando condicionada a concesión destas axudas ao dito límite orzamentario.

No entanto, a dita asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 4º.-Comisión de avaliación e órgano competente para a xestión das axudas.

Correspóndelle á Secretaría Xeral de Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto, crearase unha comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida polo subdirector xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, ou persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A xefa do Servizo de Programas e Atención Integral.

-Un funcionario da unidade que actuará como secretario.

Artigo 5º.-Accións subvencionables e contía da axuda.

Poderán subvencionarse con cargo a esta convocatoria os gastos correntes, (excluídos os gastos de persoal da propia asociación), e de equipamento, derivados do funcionamento das entidades, así como para a realización de actividades correspondentes ao exercicio económico do ano 2006.

Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha axuda máxima de ata o 70% do orzamento total presentado, podendo incrementarse ata o 100% no caso de asociacións inscritas a partir do 1 de xaneiro de 2005 e que non recibiran subvención de acordo coa Orde do 27 de decembro de 2004. En todo caso a cantidade máxima para recibir por asociación será de 10.000 A.

O órgano competente, de ser o caso, procederá ao rateo entre os beneficiarios do importe global máximo destinado ás subvencións.

Artigo 6º.-Criterios de valoración para a concesión das axudas.

1. A comisión de avaliación determinará tanto as asociacións beneficiarias, como a contía da subvención a conceder a cada una delas, en función dos seguintes criterios:

a) Valorarase o número de asociados integrantes de cada asociación de acordo co seguinte baremo:

De 0 a 100 socios: 10 puntos.

De 101 a 200 socios: 20 puntos.

De 201 a 300 socios: 30 puntos.

Máis de 300 socios: 40 puntos.

A puntuación por número de asociados incrementarase en 5 puntos no caso de que o número de

socios non inmigrantes nin retornados acade un mínimo do 5% do total de socios. Igualmente incrementarase a dita puntuación en 5 puntos se a asociación ten socios representativos de 3 ou máis nacionalidades.

b) Co obxecto de fomentar aquelas asociacións que representan a colectivos con menor presenza na nosa comunidade autónoma, as solicitudes presentadas valoraranse ata un máximo de 30 puntos de acordo co cadro anexo:

Solicitude de 1 asociación en Galicia que represente ao mesmo colectivo: 30 puntos.

Solicitude de 2 asociacións en Galicia que representen ao mesmo colectivo: 20 puntos.

Solicitude de 3 asociacións en Galicia que representen ao mesmo colectivo: 15 puntos.

Solicitude de máis de 3 asociacións en Galicia que representen ao mesmo colectivo: 10 puntos.

Entenderase por colectivo ao que representa a asociación, para estes efectos, aquel que, segundo a certificación a que se refire o artigo 8.1º punto 1.6, figure como maioritario.

c) Realizarase unha valoración conxunta do programa de actividades presentado pola asociación. As ditas actividades deberán estar comprendidas entre as que a continuación se relacionan:

1. Actividades de información socio-laboral e de carácter xurídico.

2. Actividades de formación.

3. Actividades de sensibilización, integración ou multiculturalidade.

4. Actividades culturais.

5. Outro tipo de actividades para realizar pola asociación e que se entendan acordes co obxecto da presente resolución.

O programa de actividades valorarase de 10 a 30 puntos, para o que se terán en conta os seguintes criterios:

a) Interese social do programa para o colectivo ao que vai dirixido, así como o número e diversidade dos beneficiarios.

b) Estrutura e capacidade de xestión adecuada para xestionar o programa.

c) Promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres pertencentes a estes colectivos.

d) Promoción de actividades extraescolares, educativas e culturais dirixidas a menores.

e) Grao de cofinanciamento do programa con fondos propios ou con outras subvencións ou axudas recibidas.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de trinta e cinco días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial establecido como anexo á presente resolución, á que deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1.1. Copia dos estatutos da asociación.

1.2. Acreditación do requisito de inscrición da entidade no rexistro sinalado no artigo 2 a).

1.3. Acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude.

1.4. Acreditación da capacidade de representación do que asina a solicitude presentada pola asociación.

1.5. Tarxeta de identificación fiscal.

1.6. Certificación do secretario da asociación que acredite o número de socios da entidade, coa desagregación dos que teñan a condición de emigrantes retornados ou inmigrantes, e a nacionalidade ou procedencia destes.

1.7. Acreditación de dispor de local propio, debendo presentar a documentación relativa a algún dos seguintes conceptos: contrato de propiedade, aluguer ou, se é o caso, acordo, certificación ou documento que acredite a cesión ou posta á disposición dos locais a nome da asociación.

1.8. Memoria detallada das actividades realizadas en 2005.

1.9. Memoria das actividades que se van realizar en 2006.

1.10. Orzamento total da asociación. (Segundo modelo do anexo).

1.11. Orzamento de gastos das actividades que se van desenvolver.

1.12. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida. (Segundo modelo do anexo).

1.13. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para as mesmas actividades, das distintas administracións públicas competentes. (Segundo modelo do anexo).

1.14. Declaración de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Aministración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Procedemento.

Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, entenderase por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Aquelas solicitudes que cumpran os requisitos da resolución de convocatoria serán valoradas pola comisión segundo os criterios establecidos no artigo 6. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de concesión, a través da Subdirección Xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, para a súa resolución polo secretario xeral de Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

As resolucións serán ditadas polo órgano competente e notificadas ao interesados, e deberán ser sempre motivadas. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a que se outorga a axuda. No suposto de subvencións de contía inferior á cantidade sinalada, a publicación na páxina web: www.galiciaaberta.com asegurará a publicidade dos beneficiarios das axudas, de acordo coas súas especiais características, contía e número.

Entenderanse desestimadas as solicitudes, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Recursos.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Renuncia da subvención.

No suposto de que pola asociación se renuncie á subvencion concedida, esta deberá comunicarse á Secretaría Xeral de Emigración no praxo máximo de 10 días contados a partir da notificación da resolución, expresando as circunstancias polas que se produce a dita renuncia.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas axudas deberán:

a) Realizar a actividade, servizo ou investimento que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberanse realizar antes da finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 13º desta orde.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requi-

sitos ou das condicións que determinen a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral de Emigración.

d) Manter a súa actividade, polo menos, durante dous anos, computados a partir do momento da concesión da axuda, excepto causas de forza maior debidamente xustificadas.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que considere oportuno a Secretaría Xeral de Emigración e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas segundo a lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e control.

f) As asociacións beneficiarias da axuda deberán informar inmediatamente a Secretaría Xeral de Emigración, sobre calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento da actividade subvencionada.

As asociacións beneficiarias quedan obrigadas a facilitar, á Secretaría Xeral de Emigración, o exame das actividades tanto na súa execución como con posterioridade ao remate delas, así como toda aquela información que lles sexa requirida, para o que garantirá o acceso dos representantes da Secretaría Xeral ao lugar das accións, ás contas e demais documentación que se considere oportuna.

Artigo 13º.-Forma de pagamento e xustificación da axuda.

Poderá efectuarse un pagamento parcial, logo de xustificación, á conta da liquidación definitiva, de ata o 50% do importe da axuda concedida. A xustificación dos gastos realizarase mediante a presentación dunha certificación expedida polo presidente da asociación que acredite a contía do gasto e a súa imputación aos fins para os que foi concedida a subvención. A dita certificación achegarase xunto cos documentos xustificativos do gasto, en orixinal e fotocopia, tales como facturas, contratos de aluguer, servizos ou subministración e recibos validamente emitidos, así como unha relación comprensiva deles.

O importe restante aboarase no momento da completa xustificación económica por parte do beneficiario, que se realizará segundo o establecido no parágrafo anterior. A dita xustificación deberá ir acompañada dunha memoria de execución que conterá os obxectivos, actividades e resultados e que deberá estar asinada polo representante da asociación. Igualmente, deberá achegarse no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo de xustificación e entrega da totalidade da documentación será ata o 1 de decembro de 2006.

O importe da subvención concedida será transferido á conta bancaria da que sexa titular a entidade

beneficiaria e así se acredite mediante certificación bancaria segundo o modelo establecido no punto correspondente do anexo da presente resolución.

A Secretaría Xeral de Emigración, en todo momento, poderá solicitar calquera outra documentación que considere oportuna para a xustificación da subvención.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento no que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das actividades, podendo a Secretaría Xeral de Emigración adoptar a resolución de modificación da concesión que corresponda de acordo co disposto no artigo 78 do decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude da presente resolución serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza, administración ou entidade que llas conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ao longo do ano 2006 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Artigo 16º.-Reintegro.

De conformidade co disposto no artigo 78.10º do decreto lexislativo 1/1999, procederá ao reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario pola concesión da axuda.

e) Incumprimento da obriga de xustificación na forma e prazos establecidos na resolución concesoria.

f) Modificación substancial das actividades subvencionadas sen autorización expresa do órgano competente.

g) Exceso percibido sobre o custo da actividade desenvolvida.

Disposición adicional

O secretario xeral de Emigración poderá ditar as resolucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento e cumprimento da presente resolución.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día siguiente ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2006.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración