DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2006 Páx. 6.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 11 de abril de 2006 pola que se regulan os servizos e a adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre dependentes da Vicepresidencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser usuarios das residencias traspasadas todos os traballadores españois e os seus familiares, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais de familia, infancia e mocidade, competencias atribuídas neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

A Vicepresidencia da igualdade e do Benestar dispón de dous centros destinados ao desfrute do ocio e o lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás que se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso de familias con baixos recursos a un período vacacional nas residencias de tempo libre da nosa comunidade.

Mediante a presente orde ofertánse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular, para o ano 2006, o procedemento de adxudicación de estadías e servizos das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense) respectivamente, e dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 2º.-Persoas destinatarias.

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade, ou menores sempre que vaian acompañados dos seus proxenitores ou titores legais, que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos residentes no exterior.

Artigo 3.-Distribución das prazas.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e as centrais sindicais en razón á súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.

Do 50 % das prazas que lle corresponden á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ofertaranse o 25% das prazas en cada quenda a familias de baixos recursos.

Para os efectos desta orde consideraranse familias con baixos recursos aquelas que acrediten unha renda anual per cápita inferior ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) anual, establecida para este ano 2006 en 5.749,20 A.

A renda per cápita anual será o resultado de dividir a suma das rendas dos membros da unidade familiar entre o nº de membros da dita unidade, entendendo neste caso por unidade familiar a formada polos proxenitores e fillos e fillas menores de dezaoito anos ou fillos e fillas maiores de dezaoito anos con minusvalidez superior ao 33%.

Os datos económicos de referencia para o cálculo serán os relativos á renda do ano 2004.

Artigo 4º.-Tipos de servizo.

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo III da presente orde.

2. Servizos para non residentes.

Poderán desfrutar do servizo de comedor os familiares e amizades das persoas residentes que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o/a director/a de cada residencia, e sen prexuízo da lóxica prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5º.-Os prezos.

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para os non residentes, establécense no Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

Polo que respecta ás prazas adxudicadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, farase unha única solicitude por quenda e unidade familiar.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que desfrutaran dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

As solicitudes de estadías deberán dirixirse por escrito ao/á director/a da residencia de tempo libre correspondente.

1. Persoas que accedan ao 25% das prazas para familias con rendas inferiores ao IPREM anual presentarán a seguinte documentación:

-Anexo I.

-Fotocopia do DNI da persoa solicitante.

-Fotocopia do libro de familia.

A presentación da solicitude comportará por parte da persoa solicitante, a autorización á Secretaría Xeral da Igualdade para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, sendo necesaria a autorización expresa do resto dos membros da unidade familiar, presentando debidamente cuberto o anexo II.

2. Solicitantes da quenda de familias numerosas deberán presentar:

-Anexo I.

-Copia do DNI da persoa solicitante.

-Copia do libro de familia.

3. Resto de familias:

-Anexo I.

-Fotocopia do DNI da persoa solicitante.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes: lugar e prazo.

As solicitudes remitiranse ás residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 12 de maio de 2006.

Artigo 8º.-Requirimento de emenda.

Os directores das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos na presente orde e, en caso contrario, procederán a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de 10 días, se considerará que desisten da súa petición, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do/a delegado/a provincial competente, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9º.-Adxudicación de estadías.

A adxudicación das prazas correspondentes á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a delegado/a da Igualdade e do Benestar. No antedito sorteo serán tidas en conta todas aquelas solicitudes remitidas directamente ás residencias de tempo libre e as presentadas ao abeiro do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de maio de 2006. Todas estas datas entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación, ofertaranse as persoas solicitantes que non obtiveran praza, seguíndose para estes efectos a orde de adxudicación establecida no sorteo.

A mesma data resultante do sorteo será a que determine a elección das familias con recursos económicos inferiores ao IPREM anual, que se irán seleccionando segundo a súa renda ata cubrir a totalidade de cuartos dispoñibles. De non ocuparse todos estes cuartos poderán ser cubertos polo resto de persoas solicitantes.

A primeira quenda do mes de agosto en ambas residencias queda reservada ás familias que acrediten a súa condición de numerosas, podendo estas, non obstante, solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo III. A adxudicación desta quenda farase igualmente por sorteo de datas, sendo as prazas sobrantes incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 10º.-Resolución.

Correspóndelle ao delegado/a provincial competente por razón de territorio a resolución das adxudicacións das estadías, levantando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado aos respectivos director/a das residencias. Estes notificarán aos interesados antes do 10 de xuño de 2006 a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso.

Contra as anteditas resolucións poderase interpoñer recurso de alzada perante o vicepresidente da Igualdade e do Benestar no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 11º.-Pagamento do prezo da estadía.

As persoas beneficiarias realizarán, no prazo de cinco días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito de 30 A por cuarto en concepto da dita reserva. Así mesmo, aquelas persoas adxudicatarias dalgunha das dúas primeiras quendas de xullo realizarán, 15 días antes do inicio da quenda adxudicada, outro depósito pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía. Nas demais quendas, este ingreso deberá efectuarse 30 días antes do inicio da quenda adxudicada. Estes depósitos teranse en conta á hora de xirar o recibo definitivo.

Artigo 12º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

No caso de que a persoa adxudicataria anulase as estadías, perderase a cantidade depositada en concepto de reserva, salvo causas de forza maior debidamente acreditadas. As cantidades depositadas con posterioridade seranlle devoltas, logo da reclamación da persoa interesada, unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

-Anulación ata 20 días antes da data do comezo do desfrute das estadías: 100%.

-Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do desfrute das estadías: 75%.

-Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do desfrute das estadías: 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o desfrute das estadías: 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada e, para calcular a porcentaxe da devolución de cantidades, tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA