DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2006 Páx. 6.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2006, dos reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, pola que se acorda a publicación do convenio de colaboración entre as universidades galegas de Santiago de Compostela e A Coruña e constitución dun consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria.

As universidades públicas galegas de Santiago de Compostela e A Coruña asinaron o 24 de febreiro de 2006 un convenio de colaboración no que se establece a creación dun consorcio destinado ao desenvolvemento de aplicacións informáticas para xestión universitaria.

Procede, en consecuencia, publicar para a creación do consorcio con personalidade xurídica plena e ordenar a súa publicación no Diario Oficial da de Galicia.

Por todo o anterior, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña

RESOLVEN:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio de colaboración entre as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña para a constitución dun consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria, así como os estatutos do referido consorcio.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2006.

Senén Barro AmeneiroJosé María Barja Pérez

Reitor da UniversidadeReitor da Universidade

de Santiago de Compostelada Coruña

Convenio de colaboración entre

a Universidade de Santiago de Compostela

e a Universidade da Coruña e constitución dun

consorcio para o desenvol vemento de aplicacións

de xestión universitaria

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2006.

Reunidos

Dunha parte,

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Doutra parte,

José María Barja, reitor da Universidade da Coruña, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Declaran

Que a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña manifestan a súa vontade

de colaborar no desenvolvemento de ferramentas informáticas para a xestión universitaria.

Que a colaboración entre ambas universidades suporá un fluxo de comunicación que proverá de sinerxías ás análises que deberán dar respostas aos problemas de xestión presentes e futuros e aforros nos desenvolvementos e implantacións de aplicacións informáticas.

Que a colaboración abarcará o desenvolvemento de ferramentas informáticas para toda a xestión universitaria, centrándose inicialmente no ámbito de xestión académica que se entenderá non só como a tradicional xestión de alumnado e plans de estudos, senón como un ámbito no que conflúan os recursos humanos, organización académica, a propia xestión de alumnado e os servizos que a universidade preste a toda a comunidade universitaria.

Que xestionar todos estes elementos dunha forma integrada proporcionará unha maior transparencia e unha información rápida, auténtica e de calidade á dirección da universidade e, eventualmente, ao Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Que un sistema de información integrado é un elemento necesario para que as universidades poidan establecer unha nova administración baseada nas relacións electrónicas tanto cos usuarios membros da comunidade universitaria, como coa sociedade e as administracións públicas en xeral.

Cláusulas

Primeira.-Obxecto.

As partes asinantes consideran de interese estratéxico para ambas as dúas universidades converxer cara a sistemas informáticos, que integren os diferentes procesos de xestión universitaria, especialmente nos ámbitos de xestión académica, xestión da investigación, xestión económica e información á dirección que permitan ter información en tempo real para a toma de decisións, homoxeneicen os criterios da súa obtención e faciliten o seu intercambio, tanto entre as universidades asinantes, como entre estas e a Administración da comunidade autónoma ou calquera outra Administración.

Que para estes efectos as partes declaran a súa vontade de unificar os seus procedementos de xestión, salvando as peculiaridades propias de cada universidade, e os seus sistemas informáticos cara á consecución deste obxectivo. Neste senso propóñense:

a) Crear aplicacións comúns ás universidades de Santiago de Compostela e da Coruña co fin de acadar unha xestión integrada de toda a xestión universitaria.

b) Que os procedementos de adquisición ou desenvolvemento de novo software terán que avaliar a oferta global de solucións existentes, primando a adquisición ou desenvolvemento de solucións baseadas en software libre sobre outras privativas cando as primeiras acheguen un nivel de funcionalidade equivalente ou superior.

c) Realizar un desenvolvemento coordinado, planificado e acordado das novas aplicacións informáticas nos ámbitos de xestión académica, xestión da investigación, xestión económica e información á dirección, adaptadas ás necesidades do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e ás necesidades da implantación dunha administración electrónica que permita unha relación directa cos usuarios e a implantación de utilidades e servizos de alto valor engadido.

d) Desenvolver as aplicacións informáticas mediante a creación de grupos técnicos formados paritariamente por persoal da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña cos medios propios ou alleos que consideren necesarios.

Segunda.-Compromisos.

As partes asinantes comprométense:

a) A planificar, deseñar e implantar sistemas informáticos comúns nos ámbitos da xestión universitaria, en particular a xestión académica e plans de estudos, xestión da investigación, xestión económica e información á dirección.

b) A unificar e integrar procesos e trámites para poder obter información normalizada común, sen prexuízo das peculiaridades propias de cada institución.

c) A implantar unha administración electrónica, desenvolvendo os procesos e procedementos administrativos necesarios.

d) A desenvolver procesos e procedementos administrativos electrónicos, mediante o uso da sinatura electrónica e rexistros telemáticos para facilitarlle aos administrados o uso das novas tecnoloxías.

e) A adaptar os sistemas informáticos propios á xestión do Espazo Europeo de Educación Superior e ás necesidades que se derivan da administración electrónica.

f) A colaborar na adquisición e desenvolvemento de aplicacións informáticas de xestión para o aforro de custos e gastos de implantación.

Terceira.-Ámbito de colaboración.

1. Os desenvolvementos procedementais informáticos poderán abranguer a xestión académica, xestión da investigación, xestión económica e sistemas de información á dirección.

2. Prioritariamente procederase ao desenvolvemento da xestión académica que comprenderá as áreas descritas no anexo I.

Cuarta.-Consorcio.

Co obxecto de xestionar este convenio e polo tanto a colaboración e os produtos informáticos de xestión que se derivan do presente convenio a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña constitúen un consorcio que terá personalidade xurídica, cos órganos que se reflicten nos estatutos, con composición paritaria. Ambas as dúas entidades

realizarán achegas económicas equivalentes, ben en diñeiro, ben en especie ou en compromisos de desenvolvemento común. Os seus estatutos reflíctense no anexo II.

A Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña comprométense a pór á disposición do consorcio todas aquelas aplicacións informáticas de xestión universitaria desenvolvidas nos ámbitos de xestión académica, xestión da investigación, xestión económica e información á dirección e que deberán ser valoradas como achegas ao consorcio.

Quinta.-Comisión de seguimento e comisións técnicas.

Comisións de seguimento.

Para a realización do seguimento da execución do presente convenio nomearase unha comisión de seguimento que designará as comisións técnicas, establecerá as dotacións orzamentarias e a planificación dos traballos a desenvolver. Esta comisión estará constituída do seguinte xeito:

Pola Universidade de Santiago de Compostela:

-O reitor ou vicerreitor en que delegue.

-O secretario xeral ou persoa en que delegue.

-O xerente ou persoa en que delegue.

-O responsable da Área de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións ou persoa en que delegue.

-Un responsable do proxecto.

Pola Universidade da Coruña:

-O reitor ou vicerreitor en que delegue.

-O secretario xeral ou persoa en que delegue.

-O xerente ou persoa en que delegue.

-O responsable do Servizo de Informática e Comunicacións ou persoa en que delegue.

-Un responsable do proxecto.

Comisións técnicas.

As comisión técnicas estarán compostas por técnicos administrativos e informáticos en igual número por cada unha das universidades e terán por obxecto establecer as necesidades, realizar as análises, vixiar os desenvolvementos informáticos e administrativos, coordinar a implantación e resolver calquera incidencia de orde técnica que xurdise no desenvolvemento dos módulos que lle encargue a comisión de seguimento.

Cada universidade nomeará un responsable de proxecto, como máximo órgano de coordinación técnica entre as partes. Este responsable poderá ser diferente en función do módulo ou módulos a elaborar.

Sexta.-Adhesión ao convenio.

O presente convenio queda aberto á adhesión doutras universidades ou administracións públicas relacionadas co SUG.

A adhesión a el realizarase nas condicións que acorden as universidades asinantes dela, e sempre implicará a participación no consorcio que se crea na cláusula 4ª.

Sétima.-Xurisdición.

As controversias que puidesen xurdir da interpretación do presente convenio serán resoltas por unha comisión, a cal estará constituída polos mesmos membros que forman a antedita comisión de seguimento e, en última instancia, será a xurisdición contencioso-administrativa a competente para resolver, dada a natureza pública das institucións asinantes.

Oitava.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estará vixente en canto non rematen as accións establecidas nel. Anualmente a comisión de seguimento fixará a contía destinada para a planificación do exercicio.

E en proba de conformidade, asínase o presente convenio en exemplar duplicado, no lugar e data indicados no encabezamento.

Pola Universidade de SantiagoPola Universidade da Coruña

de Compostela

Senén Barro AmeneiroJosé María Barja

ReitorReitor

ANEXO I

Áreas de desenvolvemento en xestión académica

1. Planificación académica:

* A xestión de plans de estudos de títulos oficiais (1º, 2º, e 3º ciclo, grao e posgrao oficial), títulos propios, posgrao e formación continua.

* A elaboración dos plans de organización docente anuais (POD, PDA) de titulacións oficiais.

* A asignación de recursos académicos (profesorado) para os títulos propios, posgrao e formación continua, e calquera outra ensinanza que imparta a universidade.

2. Xestión do alumnado:

* Os procesos selectivos de ingreso, haxa ou non concorrencia competitiva, a excepción dos xestionados pola CIUG, matriculación, traslados, xestión económica, procesos de validación e adaptación, certificación, actas, expedición de títulos e diplomas e calquera outro procedemento que se derive da xestión do plan de estudos, da condición de alumno ou de normas que incidan na xestión académica.

* A xestión dos programas de intercambio, nacionais, europeos e intemacionais.

3. Xestión de bolsas e subvencións aos estudantes:

* As xestións das bolsas do MEC, da Xunta de Galicia e da universidade.

* As subvencións que poidan recoñecerse a estudantes ou ás asociacións de estudantes.

4. Xestión de intercambios de estudantes tanto nacionais como europeos e internacionais (Erasmus, SICUE, Seneca...).

5. Xestión de calidade: comprenderá a obtención dos rexistros que se deriven dos sistemas de calidade adaptados por cada universidade.

6. Secretaría virtual do PDI.

8. Módulo de apoio á administración interna da aplicación.

9. Xestión de órganos colexiados universitarios.

10. Calquera outro módulo que se determine na Comisión de Seguimento.

Todos os módulos deberán estar deseñados e desenvolvidos no marco da administración electrónica e coas especificacións técnicas que determinarán ambas as universidades.

ANEXO II

Estatutos do consorcio entre a Universidade

de Santiago de Compostela e A Universidade

da Coruña para o desenvolvemento de aplicacións

de xestión universitaria

A USC e a UDC consideran de interese estratéxico para ambas as dúas universidades converxer cara a sistemas informáticos que integren os diferentes procesos de xestión universitaria, especialmente nos ámbitos de xestión académica, xestión da investigación, xestión económica e información á dirección que permitan ter información en tempo real para a toma de decisións, homoxeneicen os criterios da súa obtención e faciliten o seu intercambio, tanto entre as universidades asinantes, como entre estas e a Administración da comunidade autónoma ou calquera outra Administración.

Que para estes efectos as partes declaran a súa vontade de unificar os seus procedementos informáticos e de xestión, salvando as peculiaridades propias de cada universidade, e acordan constituír un órgano con personalidade xurídica propia que se encargue e execute o acordado no convenio entre as dúas institucións, de conformidade cos seguintes

Estatutos do consorcio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Disposicións xerais.

A Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña constitúen, con personalidade xurídica propia, un consorcio, de conformidade co establecido no artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Denominación e domicilio.

O consorcio denomínase «Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria», e terá o seu domicilio na reitoría, Pazo de San Xerome, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela.

O Consello de Goberno do consorcio será competente para acordar a creación de sucursais, delegacións, axencias, representacións ou outras dependencias del en España ou no estranxeiro para a mellor realización das súas actividades. Tamén será competente para modificar o seu domicilio.

Artigo 3º.-Obxecto.

O consorcio, cun prazo de duración indefinida, terá como obxecto o desenvolvemento informático da xestión universitaria, así como a infraestrutura e organización necesarias para estes efectos.

En particular e para estes efectos o consorcio cumprirá as finalidades seguintes:

* Planificar, deseñar e implantar sistemas informáticos comúns nos ámbitos da xestión universitaria, en particular a xestión académica e plans de estudos, xestión da investigación, xestión económica e información á dirección.

* Unificar e integrar procesos e trámites para poder obter información normalizada común, sen prexuízo das peculiaridades propias de cada institución.

* Implantar unha administración electrónica, desenvolvendo os procesos e procedementos administrativos necesarios.

* Desenvolver procesos e procedementos administrativos electrónicos, mediante o uso da sinatura electrónica e rexistros telemáticos para facilitarlles aos administrados o uso das novas tecnoloxías.

* Adaptar os sistemas informáticos propios á xestión do Espazo Europeo de Educación Superior e ás necesidades que se derivan da administración electrónica.

* Colaborar na adquisición e desenvolvemento de aplicacións informáticas de xestión para o aforro de custos e gastos de implantación.

* Realizar informes, estudos e análises sobre os temas obxecto de interese para o consorcio, con medios propios e/ou alleos.

* Promover os encontros periódicos entre os seus membros para a consecución dos obxectivos anteriormente sinalados e a realización de comisións de traballo sobre temas específicos.

* Organizar foros e encontros para o estudo e debate sobre os temas de interese do consorcio.

* Establecer redes de entidades que compartan obxectivos comúns no desenvolvemento e dinamización das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) e a súa aplicación á xestión no ámbito da educación.

* Calquera outra que se lle encomende en relación co seu ámbito de aplicación.

Artigo 4º.-Membros.

1. Son membros iniciais do consorcio a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña ao 50%.

2. Poderán formar parte do consorcio outras universidades, administracións educativas e outras entidades públicas ou privadas sempre que a súa incorporación permita un mellor cumprimento dos seus fins.

3. A incorporación de novos socios requirirá o acordo unánime do Consello de Goberno e nel determinarase a cota de participación no consorcio. A aceptación dun novo membro implicará a aceptación sen reservas dos presentes estatutos.

4. O abandono dun membro do consorcio deberá ser comunicado polo menos con seis meses de antelación á data de efectividade, e aceptada polo Consello de Goberno do consorcio debendo, en todo caso, cumprir integramente coas obrigas anteriormente aprobadas polo consorcio.

Artigo 5º.-Personalidade xurídica.

O consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade xurídica pública, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros.

Artigo 6º.-Réxime xurídico aplicable.

O consorcio, como entidade pública que é, réxese polos presentes estatutos, polo Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno e supletoriamente:

a) Polo dereito público que resulte de aplicación ás entidades públicas participantes, en especial á organización e funcionamento dos órganos de goberno, de contratos e de réxime orzamentario.

b) Polo dereito privado, cando remita a el ou a iso non se opoña a normativa anterior.

TÍTULO II

Capítulo I

Órganos de goberno

Artigo 7º.-Atribucións.

Para o cumprimento das finalidades descritas no artigo 1º, o consorcio ten, entre outras, as seguintes atribucións:

* Convocar os procesos conxuntos ou separados de selección de contratistas para a realización de aplicacións informáticas en cada universidade ou das entidades participantes.

* Realizar encargas para a realización de programas informáticos a un dos socios ou entidades públicas ou privadas dependentes das entidades consorciadas.

* A elaboración de estudos xerais sobre as necesidades comúns.

* A promoción e coordinación dos proxectos e actividades que se leven a cabo en cumprimento dos fins consorciais.

* A captación, aceptación, ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento dos obxectivos e fins propios do consorcio e das súas entidades consorciadas.

* A conclusión de cantos contratos ou convenios con persoas físicas ou xurídicas sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

* A creación de entidades instrumentais para a consecución dos seus fins.

* A subscrición de contratos-programa entre o consorcio e cada entidade consorciada ou entre o propio consorcio e outras administracións públicas.

* Calquera outra que, con suxeición á lexislación vixente, poida garantir o completo cumprimento dos seus fins.

Artigo 8º.-Órganos de goberno.

O consorcio estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

1. Consello de Goberno.

2. Presidente.

3. Secretario.

O Consello de Goberno será o órgano superior de goberno do consorcio, e estará formado por tres representantes de cada unha das entidades consorciadas.

No suposto da incorporación de novos membros ao consorcio, o Consello decidirá o número de representantes que corresponderán a cada un deles, e que serán designados pola institución correspondente.

A presidencia do Consello de Goberno será desempeñada cada ano por un dos representantes das universidades consorciadas, elixido na primeira sesión que se celebre, e na que se establecerá a quenda rotativa.

Artigo 9º.-Mandato.

A duración do mandato dos membros do Consello de Goberno será de catro anos, sen prexuízo de poder ser reelixidos pola entidade que representan por períodos sucesivos. Porén, a perda da condición pola que foi elixido na entidade que representa, determina automaticamente a perda da condición de membro do Consello.

Capítulo II

Artigo 10º.-Competencias dos órganos de goberno.

1. Serán membros do Consello de Goberno tres representantes designados pola Universidade da Coruña e igual número de representantes pola Universidade de Santiago de Compostela.

No caso de incorporarse novos socios poderá reaxustarse o número de representantes de cada entidade consorciada.

2. Son competencias do Consello de Goberno:

* A aprobación do programa xeral de actividades.

* A aprobación e liquidación do orzamento ordinario.

* A aprobación de programas de investimento.

* A adquisición de bens mobles e inmobles destinados ao cumprimento do obxecto do consorcio.

* A aprobación de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

* O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

* A aprobación e adxudicación de cantos contratos sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

* A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites orzamentarios, agás delegación expresa.

* A aprobación de incorporación ao consorcio doutras universidades ou entidades públicas ou privadas, de acordo co previsto nestes estatutos.

* A aprobación das accións administrativas e xudiciais.

* Interpretar os estatutos do consorcio e establecer as normas de réxime interno e as complementarias que sexan precisas, de acordo coa lexislación vixente.

* Acordar a modificación dos estatutos, a separación de membros do consorcio por incumprimento, ou a extinción do consorcio.

* A aprobación de normas de réxime interno do consorcio.

* Calquera outra de índole xeral e análogas ás anteriores conforme a lexislación vixente.

Poderá nomearse unha comisión executiva de conformidade coas normas de réxime interno do consorcio á que se lle poderán delegar parte das funcións do Consello de Gobemo, así como as decisións en materia de xestión ordinaria que afecten a totalidade das entidades consorciadas.

3. Son competencias do presidente do Consello de Goberno:

* Representar legalmente o consorcio nos actos, convenios e contratos en que este debe intervir e perante as autoridades e tribunais de toda clase, para o que poderá outorgar os apoderamentos que coide oportunos.

* Velar polo estrito cumprimento dos preceptos destes estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Goberno, en xeral das norma aplicables en cada caso.

* Executar os acordos adoptados polo Consello de Goberno.

* Ordenar os pagamentos.

* Aprobar as transferencias e as xeracións de crédito.

* Ordenar a convocatoria das sesións do Consello de Goberno, fixar a orde do día, presidir e dirixir as deliberacións.

* Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións e as contas e o inventario de bens.

* Todas aquelas que lle fosen delegadas polo Consello de Goberno.

As facultades do presidente do Consello de Goberno, relacionadas coa xestión e administración do consorcio, para a dirección constante e inmediata da súa actividade poderán ser conferidas, mediante apoderamento do mencionado presidente, a favor do director xeral ou da persoa que aquel libremente determine.

O presidente do Consello poderá ser substituído temporalmente por ausencia ou enfermidade e para asuntos de simple trámite polo secretario, facendo constar esta circunstancia.

4. Será secretario do consorcio o secretario xeral da universidade que actúe exercendo a presidencia. O secretario actuará con voz e sen voto e terá como funcións redactar acta dos acordos, expedir certificacións e convocar as reunións por orde do presidente.

Artigo 11º.-Sesións.

O Consello de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao semestre en sesión ordinaria e sempre que o presidente o considere oportuno ou o soliciten, polo menos, o 30% dos conselleiros.

As convocatorias para as sesións do Consello, ben sexan as ordinarias, ben extraordinarias, faraas o presidente, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación persoal e escrita a cada conselleiro, dirixida ao enderezo previamente indicado por este.

As sesións convocaranse con, polo menos, seis días de anticipación á data en que deban celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo do presidente. Na convocatoria indicaranse os puntos a tratar, o día e a hora, e terán lugar no domicilio social do consorcio, agás que expresamente se indique outro.

As facultades do presidente do Consello de Goberno, relacionadas coa xestión e administración do consorcio poderán ser conferidas, mediante apoderamento do mencionado presidente, a favor do director xeral ou da persoa que aquel libremente determine.

Amais, o presidente do Consello poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que coide oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituído o Consello de Goberno para tomar acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión o presidente, o secretario e a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente o presidente e o secretario.

En segunda convocatoria, a constitución do Consello será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles o presidente e o secretario.

Nas citacións aos membros do Consello de Goberno sinalarase o día e a hora da primeira e segunda convocatoria, debendo mediar entre esta e a primeira, un prazo mínimo de media hora.

O Consello de Goberno adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos dos conselleiros presentes.

O Regulamento de réxime interno e estes estatutos determinarán os acordos que exixan da unanimidade dos seus membros.

Artigo 12º.-Sesións especiais.

Cando estean reunidos e presentes a totalidade dos membros do Consello de Goberno do consorcio, poderán constituírse en Consello de Goberno. Nese mesmo acto procederán a fixar a orde do día do Consello e diso levantarase a correspondente acta.

Artigo 13º.-Votos.

Os votos dos membros do Consello de Goberno poderán delegarse tanto en representantes da entidade que representan como doutra entidade distinta. A delegación deberá constar expresamente e por escrito e o voto delegado considerarase para efectos de quórum.

A ponderación dos votos poderá modificarse, co acordo previo do Consello de Goberno, en función da integración de novos socios ou da participación no capital do consorcio.

O acordo de ampliación ou de incorporación de novos socios incluirá a cota de participación nos órganos de goberno.

Artigo 14º.-Réxime supletorio e de impugnacións.

Os acordos e os actos do Consello de Goberno do consorcio no non previsto nos presentes estatutos, axustaranse ao establecido nas normas sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As súas decisións esgotarán a vía administrativa e contra estas só poderá interpoñerse recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO III

Relacións entre o consorcio e as entidades

consorciadas

Artigo 15º.-Relacións entre o consorcio e as entidades consorciadas.

1. O consorcio dentro do seu ámbito promoverá accións destinadas ao desenvolvemento de iniciativas comúns ou particulares de cada unha das entidades consorciadas. Neste último caso o Consello de Goberno determinará a distribución de bens, servizos e fórmulas de xestión de créditos destinados a este obxectivo.

2. As accións encomendadas ao consorcio poderán ser executadas directamente por este ou ben a través de cada unha das entidades consorciadas, de conformidade co que acorde o Consello de Goberno ou se estableza en normas de réxime interno. A xestión económica poderá realizarse conforme se establece no artigo 20º.

TÍTULO IV

Patrimonio e réxime económico

Artigo 16º.-Patrimonio.

O patrimonio do consorcio pode estar constituído por toda clase de bens, mobles e inmobles, e dereitos de calquera natureza, sen outras limitacións que as establecidas polas leis.

Artigo 17º.-Destino e alleamento do patrimonio.

Os bens inmobles, instalacións ou bens de natureza moble e dereitos que constitúen a dotación do consorcio destinaranse con carácter permanente ao cumprimento directo das finalidades do consorcio, e só poderán allearse a título oneroso e nas condicións establecidas para as entidades públicas.

Artigo 18º.-Recursos.

Os recursos do consorcio están constituídos por:

* As achegas e subvencións outorgadas polas entidades integradas no consorcio.

* As achegas, subvencións, auxilios e donativos doutras entidades públicas ou privadas e as transmisións a título gratuíto que ao seu favor fagan os particulares.

* Os ingresos produto das cotas de utilización dos servizos polos usuarios.

* Calquera outra que lle corresponda recibir.

Artigo 19º.-Orzamento.

O Consello de Gobemo aprobará anualmente o orzamento ordinario do consorcio, e igualmente a liquidación de cada un dos orzamentos anuais, así como o estado de contas e balances.

Artigo 20º.-Delegación de pagamentos.

Por acordo do Consello de Gobemo poderá delegarse en cada unha das entidades que o compoñen, o pagamento dos compromisos adquiridos polo consorcio. O devandito pagamento constituirá efecto liberatorio para o consorcio.

Así mesmo, o consorcio poderá delegar en entidades instrumentais das propias universidades a xestión e organización ordinaria do consorcio.

Artigo 21º.-Participación.

As distintas entidades consorciadas achegarán, en partes iguais, os importes necesarios para o funcionamento ordinario da institución.

No resto das actuacións, o Consello de Gobemo determinará a porcentaxe de participación de cada parte. A porcentaxe de participación determinará o grao de responsabilidade de cada entidade.

A responsabilidade polo exercicio de accións comúns será mancomunada en función da achega de cada parte.

TÍTULO V

Órganos de xestión ou de administración

Artigo 22º.-Da administración, xestión e asesoramento.

O consorcio poderá organizarse administrativamente segundo decida o Consello de Goberno,

podendo nomear un comité técnico e xefes de proxecto para cada novo desenvolvemento informático que se acorde.

Artigo 23º.-Director xeral.

O Consello de Goberno poderá nomear, a pedimento do presidente, un director xeral que se ocupe da xestión ordinaria do consorcio. Este director desenvolverá todas estas funcións, para o exercicio das cales o Consello de Goberno ou o presidente o poidan apoderar, de conformidade cos presentes estatutos, en especial co previsto no artigo 10º.3, e co que dispón a lexislación vixente. O director xeral asistirá ás sesións do Consello de Goberno con voz pero sen voto.

Artigo 24º.-Persoal técnico e administrativo.

O consorcio, se o Consello de Goberno o considera necesario, poderá dispoñer de persoal administrativo e técnico que terá as categorías, retribucións, dereitos e obrigas que o propio Consello estableza. Así mesmo, cada entidade consorciada poderá destinar temporalmente persoal propio en comisión de servizos para a realización de actividades do consorcio.

TÍTULO VI

Separación de membros por incumprimento

Artigo 25º.-Separación de membros por incumprimento.

O incumprimento grave e reiterado dos presentes estatutos, das súas normas de desenvolvemento e dos acordos dos órganos de goberno do consorcio poderá dar lugar á separación dos membros. Para estes efectos, deberá darse audiencia previa á entidade incumpridora, o acordo tomarao o Consello de Goberno por maioría absoluta dos representantes das restantes entidades. En todo caso deberá cumprir as obrigas que contraese.

TÍTULO VII

Modificación e extinción

Artigo 26º.-Modificación dos estatutos.

O Consello de Goberno poderá acordar a modificación dos estatutos do consorcio sempre que resulte adecuada en interese del, así como se for necesario para o mellor cumprimento das finalidades fundacionais. O acordo de modificación deberá adoptarse de conformidade co disposto no artigo 11º dos presentes estatutos.

Artigo 27º.-Liquidación.

En caso de retirada dalgunha das entidades que forman parte do consorcio, procederase á liquidación da súa achega tendo en conta a obriga de asumir os compromisos adquiridos con anterioridade.

No suposto de que todas as entidades desexen extinguir o consorcio requirirase:

* O acordo unánime do Consello de Goberno.

* O nomeamento dunha comisión liquidadora que se encargará da concreción das cantidades resultantes de cada entidade en función do achegado por cada parte e a distribución do inventario común.

* Ratificación do acordo da comisión liquidadora polo Consello de Goberno e comunicación ás entidades participantes.

Disposición adicional

O Consello de Goberno deberá constituírse nun prazo máximo dun mes desde a sinatura do convenio de creación, despois da designación dos representantes de cada entidade consorciada.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA