DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2006 Páx. 6.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2006 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do capital humano das empresas galegas para a mellora da competitividade empresarial e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2006.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión, que tivo lugar o día 2 de marzo de 2006, acordou por unanimidade dos membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do capital humano das empresas galegas para a mellora da competitividade empresarial.

As devanditas bases prevén que as convocatorias de axudas que conterán, en todo caso, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados a elas serán aprobadas mediante resolución do director xeral do Igape e publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do capital humano das empresas galegas para a mellora da competitividade empresarial, as cales se xuntan a esta resolución.

Segundo.-Aprobar a convocatoria para 2006 do programa de axudas do instituto sinalado no punto anterior. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes desde o 19 de maio de 2006 ata o 30 de xuño de 2006, ambas as datas inclusive.

Terceiro.-Os créditos dispoñibles para concesións no exercicio 2006 ascenden a 1.290.000 A, que se aboarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e coa seguinte distribución plurianual:

Exercicio 2006Exercicio 2007Total

01.02.14/02/01-600.000 A600.000 A

01.02 11/07/01 180.000 A420.000 A600.000 A

01.02 11/08/0160.000 A30.000 A90 A

Totais240.000 A1.050.000 A1.290.000 A

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2006.

José Antonio Delgado Arce

Director xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para o desenvolvemento do capital humano das empresas galegas para a mellora da competitividade empresarial

O Consello Europeo de Lisboa de marzo de 2000 fixou como obxectivo facer de Europa a economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo. Puxo de relevo a importancia de crear un clima favorable para as Pemes e sinalou a importancia de difundir boas prácticas e de garantir unha maior converxencia entre os estados membros.

A comisión, na súa vomunicación sobre o relanzamento da estratexia de Lisboa de febreiro de 2005, propón centrar os esforzos en producir un crecemento máis forte e máis duradeiro e crear máis emprego e de mellor calidade. Isto require medidas que fomenten o crecemento e a competitividade, e que fagan de Europa un lugar máis atractivo onde investir e traballar. Pon de relevo a necesidade de estimular a iniciativa empresarial, de atraer suficiente capital risco para poñer en marcha novas empresas e de manter unha sólida base industrial europea ao tempo

que facilite a innovación e, especialmente a ecolóxica, un maior e mellor investimento en educación e formación, a incorporación das tecnoloxías da información e o uso sustentable dos recursos.

O Decreto 172/2001, de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, recolle no seu artigo 12 axudas á formación, divulgación, asistencia técnica e contratación de persoal especializado, previndo así a posibilidade de apoiar non só os procesos máis tradicionais de competitividade empresarial baseados en investimentos en activos fixos, senón tamén aqueloutros máis innovadores baseados en investimentos nos denominados activos intanxibles ou, alternativamente, capital intelectual.

Adóitase clasificar este capital intelectual en tres grandes grupos:

1. Os relacionados coas competencias propias e individuais das persoas que traballan nas organizacións. Denomínase este grupo capital humano.

2. Os relacionados cos sistemas organizativos, formais ou informais, que permiten a interrelación de persoas de cara a acadar un obxectivo común maior que a suma das posibilidades individuais. Denomínase este grupo de activos capital estrutural.

3. Os relacionados coa capacidade dunha organización de interactuar co seu contorno (clientes, provedores, sociedade en xeral) interpretando as súas necesidades e proporcionando solucións a estas. Denomínase este grupo de activos capital relacional.

Dentro da estratexia deseñada nas políticas de actuación do Igape, as bases reguladoras das axudas do instituto á mellora da produtividade empresarial mediante a innovación, cooperación e modernización do tecido produtivo (publicadas mediante Resolución do 17 de febreiro de 2006 no DOG número 40, do 27 de febreiro) supoñen un primeiro paso nos apoios aos procesos de mellora do capital intelectual nas empresas galegas, posto que nas iniciativas obxecto de apoio se incluen varios tipos de ferramentas de capital estrutural e algunhas de capital relacional.

Estas bases completan ese primeiro paso ao propoñer un conxunto de apoios dirixidos á mellora do capital humano das empresas galegas naqueles aspectos nos que non existen, na actualidade, programas públicos de apoio.

Base 1ª.-Obxectivos e procedemento de tramitación.

1.1. É obxectivo prioritario dos apoios regulamentados nestas bases desenvolver a competitividade empresarial galega a través de mecanismos de mellora e consolidación do capital humano das empresas galegas.

1.2. As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no punto 8º do artigo 78 do texto

refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, constituíndo o contido destas bases a súa normativa de aplicación.

Base 2ª.-Tipos de apoio. Os apoios previstos nestas bases poderán consistir en:

2.1. Apoios orientados a fomentar a creación e extensión de novos perfís profesionais. Consisten en subvencións a fondo perdido a diferentes conceptos e diferentes beneficiarios para proxectos individuais ou colaborativos nos que a principal característica é que se precisa dun perfil de recursos humanos para o cal o sistema educativo non ofrece unha resposta axeitada, desde os puntos de vista cualitativo e cuantitativo.

2.2. Apoios orientados á posta en marcha de proxectos colaborativos intensivos en capital humano xestionados por organismos intermedios de apoio á competitividade e á innovación. Consisten en subvencións a fondo perdido para determinados gastos correntes necesarios para o desenvolvemento de proxectos nos que as principais características son que o seu desenvolvemento se realiza principalmente mediante recursos humanos e que benefician un conxunto de empresas galegas.

2.3. Apoios orientados á xeración de espazos colaborativos de innovación que permitan a definición de novos proxectos empresariais individuais e innovadores. Consisten en subvencións a fondo perdido para determinados gastos correntes necesarios para desenvolver espazos nos que a participación de varias empresas permita, mediante o emprego de metodoloxías innovadoras, incentivar a xeración e definición de proxectos individuais innovadores.

Base 3ª.-Condicións de carácter xeral.

3.1. Os beneficiarios terán que estar ao día das súas obrigas tributarias, coa Facenda pública autonómica de Galicia e coa Seguridade Social e non estar incursos en prohibición legal para percibir subvencións.

3.2. Como regra xeral, os proxectos e accións subvencionables non poderán terse iniciado antes da data de presentación da solicitude, e unicamente serán subvencionables os gastos realizados e pagados posteriormente á presentación da solicitude de axuda e con anterioridade á finalización do prazo concedido para a execución do proxecto. Este período denomínase prazo de vixencia para os efectos de cumprir todas as condicións que estableza a resolución de concesión da axuda. No caso de falta doutros medios de acreditación válidos, entenderase como data de execución da actuación a de emisión da factura correspondente.

3.3. Quedan expresamente excluídos dos gastos subvencionables os impostos, taxas e demais arbitrios.

Base 4ª.-Apoios orientados a fomentar a creación e extensión de novos perfís profesionais.

4.1. Beneficiarios.

4.1.1. Organismos intermedios de apoio á innovación que presten con carácter habitual servizos ás Pemes galegas. Entenderanse por organismos intermedios de apoio á competitividade e á innovación aquelas entidades de carácter público, semipúblico ou privado, con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro no desenvolvemento das súas actividades.

4.1.2. Empresas con domicilio social ou con algún centro de traballo en Galicia.

4.1.3. Recentes titulados universitarios, que se poderán incorporar ao programa formativo a través do proceso de selección, cumprindo as seguintes condicións:

a) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Cumprir algunha das seguintes condicións:

I) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

II) Ser natural de Galicia.

III) Ser fillo de emigrantes galegos.

c) Non ter mantido ningún tipo de relación laboral co organismo intermedio nin con ningunha das empresas participantes.

d) Reunir os requisitos necesarios para formalizar un contrato en prácticas coas empresas participantes.

4.2. Requisitos do proxecto.

4.2.1. Xustificación da iniciativa: cada programa deberá xustificar que vai cubrir un ou varios aspectos ou técnicas empresariais (deseño industrial, comercio exterior, tecnoloxía avanzada, procesos e operacións entre outros) nos que exista para o mercado galego deficiencia de oferta de persoal coa cualificación necesaria para desempeñar as funcións relativas ao aspecto ou técnica especificada, e non existan outros programas de apoio público específicos. Para os perfís descritos no anexo II non será necesario xustificar este requisito.

4.2.2. Axentes implicados: cando se trate da cobertura de necesidades comúns a varias empresas, os organismos intermedios deberán formalizar coas empresas ou centros participantes un convenio de colaboración, conxunto entre todos os participantes, no que se especifiquen os compromisos e obrigas de cada un dos participantes no programa así como o outorgamento da representación ao organismo intermedio na interlocución co Igape en calquera aspecto do programa. O dito convenio deberá formar parte da proposta. O convenio poderá, formalmente, substituírse por unha subscrición individualizada das condicións da colaboración.

4.2.3. Selección dos titulados participantes. A proposta do proceso de selección e asignación para a contratación dos destinatarios da formación polas empresas participantes deberá asegurar o cumprimento dos principios de publicidade, igualdade, concorrencia e mérito exixibles.

4.3. Gastos subvencionables e límites de subvención.-

4.3.1. Serán subvencionables os custos de asistencia dos destinatarios á formación organizada externamente ou ben os custos externos de organización e desenvolvemento cando a formación sexa especificamente preparada para o programa. A duración máxima da formación subvencionada será de tres meses. O límite máximo de subvención será o 45% do custo subvencionable.

4.3.2. Así mesmo, será subvencionable ata o 75% do salario bruto percibido polos destinatarios da formación a través dos seus contratos en prácticas nas empresas participantes en períodos non superiores a un ano. O salario percibido polo destinatario da formación deberá axustarse ao previsto polo convenio aplicable á categoría do persoal contratado. En todo caso, o límite de axuda será de 18.030 euros por contrato. As subvencións seranlles aboadas ás empresas ou centros que leven a cabo as contratacións.

4.3.3. No caso de que estivese previsto adestramento ou formación complementaria mediante a presenza ou asistencia en eventos de interese formativo de carácter nacional ou internacional ou da estadía en centros tecnolóxicos e/ou produtivos de referencia, o Igape poderá subvencionar ata o 75% dos custos de desprazamento e aloxamento dos destinatarios da formación.

4.3.4. Serán xestionados conforme o disposto no Regulamento (CE) número 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo ás axudas de mínimis, os seguintes conceptos de gasto:

4.3.4.1. Os da base 4.3.2. en empresas que non cumpran a definición de PEME da Comisión Europea feita pública para efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004, DOG número 11, do 18 de xaneiro de 2005, pola totalidade do gasto subvencionable.

4.3.4.2. Os da base 4.3.3., en todos os casos.

4.4.-Criterios de selección e avaliación de proxectos.

a) A necesidade do mercado que se vai cubrir, é dicir, a insuficiencia de oferta de man de obra especializada no aspecto empresarial ou técnica concreta na que se propón a especialización. Avaliarase tanto o grao de xustificación da insuficiencia como o alcance potencial desta en relación cos sectores económicos potencialmente afectados por ela: ata 10 puntos.

b) O obxecto da especialización e o nivel da tecnoloxía necesaria para o seu desenvolvemento: ata 10 puntos.

c) O alcance do programa de especialización proposto en canto ao número de destinatarios da formación que se prevé especializar, en relación coas necesidades sectoriais ou horizontais ás que dar resposta no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e co custo previsto: ata 40 puntos.

d) O plan formativo previo e a previsión de adestramento complementario á estadía nas empresas participantes: ata 10 puntos.

f) O financiamento complementario comprometido: ata 30 puntos.

Base 5ª.-Apoios orientados á posta en marcha de proxectos colaborativos intensivos en capital humano xestionados por organismos intermedios de apoio á competitividade e á innovación.

5.1. Beneficiarios.

Os organismos intermedios de apoio á innovación definidos na base 4.1.1.

5.2. Requisitos do proxecto subvencionable.

5.2.1. Encadrarse nun plan global de competitividade máis amplo que afecte un sector económico ou cadea de valor ou asociación tipo clúster galego.

5.2.2. O concepto principal de gasto será en recursos humanos, con independencia de que estes formen parte ou non do cadro de persoal do organismo intermedio beneficiario.

5.3. Gastos subvencionables.

Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos que resulten aplicables ao seguimento do plan de competitividade global e/ou ao desenvolvemento de accións contidas no plan intensivas en capital humano.

5.3.1. Asesoramento externo, incluíndo gastos de calquera tipo relacionados coa formación.

5.3.2. Gastos de persoal técnico do organismo intermedio de apoio á innovación imputables ao proxecto.

Para os dous tipos de gastos subvencionables, a porcentaxe máxima de subvención será do 75% cun límite máximo de 65.000 A por beneficiario. Serán xestionados conforme o disposto no Regulamento (CE) número 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo ás axudas de mínimis, os conceptos de gasto subvencionable na medida en que superen as porcentaxes do 45% para gastos relacionados coa formación.

5.4. Criterios de selección e avaliación de proxectos.

5.4.1. En relación co plan global de competitividade:

a) O grao de interese xeral das actividades previstas, avaliado en función do colectivo de empresas

potencialmente beneficiarias das accións previstas, no plan global de competitividade: ata 20 puntos.

b) A calidade do plan global de competitividade; avaliada en termos de:

-Detalle e completitude do plan proposto.

-Diagnóstico previo das necesidades presentadas.

-Innovación no conxunto de proxectos propostos.

-Dimensionamento de recursos necesarios realista e factible.

-Dispoñibilidade de recursos financeiros para a súa execución.

-O impacto previsible en relación co custo orzado.

Ata 20 puntos.

5.4.2. En relación cos proxectos propostos para axuda:

a) A experiencia e cualificación técnica do solicitante e dos seus colaboradores: ata 20 puntos.

b) O impacto previsible en relación co custo orzado: ata 20 puntos.

c) O financiamento complementario comprometido en relación cos proxectos propostos para axuda: ata 20 puntos.

Base 6ª.-Apoios orientados á xeración de espazos colaborativos de innovación que permitan a definición de novos proxectos empresariais individuais e innovadores.

6.1. Beneficiarios.

6.1.1. Os organismos intermedios de apoio á innovación definidos na base 4.1.1.

6.1.2. Entidades de carácter público, semipúblico ou privado, con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro no desenvolvemento das súas actividades, que teñan por obxecto social, entre outros, a formación e/ou cualificación de directivos de empresas e/ou persoal técnico cualificado.

6.2. Requisitos do proxecto.

Para que poida entenderse constituído un espazo colaborativo de innovación deben xuntarse os seguintes elementos:

-Un beneficiario dos descritos na base 6.1.

-Un conxunto determinado de Pemes galegas ou con centros de traballo en Galicia. Enténdese por PEME a definición da Comisión Europea feita pública para efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG número 11, do 18 de xaneiro de 2005).

-Unha metodoloxía de traballo que, incentivando a reflexión do grupo, permita a definición individual de proxectos de innovación. A este respecto enténdese por proxecto de innovación un conxunto organizado de tarefas que, nun determinado espazo futuro

de tempo, compartirán un ou varios obxectivos e unha determinada dotación de recursos.

6.3. Gastos subvencionables.

6.3.1. Asesoramento externo, incluíndo gastos de calquera tipo relacionados coa formación, co límite máximo do 75% e limitados, en todo caso, a un máximo de 1.200 A de axuda por PEME participante e de 25 Pemes por beneficiario.

6.3.2. Gastos de persoal técnico do organismo intermedio de apoio á innovación imputables ao proxecto.

Serán xestionados conforme o disposto no Regulamento (CE) número 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo ás axudas de mínimis, os conceptos de gasto subvencionable na medida en que superen as porcentaxes do 45% para gastos relacionados coa formación.

6.4. Criterios de selección e avaliación de proxectos.

a) Número de Pemes comprometidas para participar nos espazos colaborativos de innovación: ata 30 puntos.

b) Impacto previsible, expresado en termos de compromiso de xeración de proxectos innovadores, en relación co custo previsto: ata 30 puntos.

c) Avaliación da metodoloxía de traballo: soporte teórico, completitude na súa definición, rexistros e evidencias de progreso, definición de roles, temporización das actuacións: ata 20 puntos.

d) Experiencia e cualificación técnica do solicitante e dos seus colaboradores: ata 20 puntos.

Base 7ª.-Tramitación das solicitudes de subvención.

7.1. Para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.Igape.es. Co fin de prestar asistencia ao cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono: 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario.

Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

7.2. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas que será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación.

7.3. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7.4. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG número 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

e) Os interesados que cumpran os requisitos da alínea b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda.

Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape na epígrafe Tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos no Real decreto 209/2003, do 21 de febreiro.

7.5. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

7.6. Instrución do procedemento.

7.6.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao proxecto declarados no cuestionario descritivo do proxecto.

7.6.2. Proposta de resolución.-Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e emitido informe sobre os expedientes polos servizos técnicos, serán obxecto de avaliación conxunta por unha comisión presidida polo director xeral do Igape e formada por polo menos tres vogais designados de entre o persoal técnico do Igape. Unha vez avaliados, a proposta de resolución será elevada ao presidente do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección. A proposta poderá declarar deserta a convocatoria se os proxectos presentados non acadasen unha calidade mínima prefixada.

7.6.3. Resolución.

7.6.3.1. Nas resolucións de concesión de axuda farase constar:

-O importe do gasto subvencionable a xustificar.

-A contía e porcentaxe da subvención concedida.

-As condicións e prazos de execución previstos no proxecto subvencionado.

-O prazo establecido para o cumprimento de todas as condicións da subvención.

-A documentación que o beneficiario deberá achegar no trámite de aceptación da resolución de concesión.

-A obriga por parte do perceptor da subvención de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e, de ser o caso, pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo (FSE).

-Outras condicións técnicas e económicas de obrigada observancia para a realización do proxecto, entre elas a especificación detallada dos mecanismos previstos en cada proxecto para a acreditación perante o Igape destas condicións de obrigada observancia.

7.6.3.2. Nas resolucións denegatorias de axuda farase constar o motivo de denegación; cando o motivo de denegación resulte de non acadar os puntos de avaliación necesarios no proceso de selección, explicitarase a puntuación acadada así como o posto de reserva que lle corresponde na lista de espera elaborada co fin de que, de producirse desistencias ou renuncias entre os proxectos aprobados, poidan ser propostos para concesión por estrita orde de puntuación acadada.

7.6.3.3. As resolucións seranlle notificadas ao solicitante naquela parte que o afecta. Se a resolución é de concesión, o beneficiario terá un prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación cumprindo a dilixencia que se anexe, así como para a presentación da documentación (en orixinal ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte:

a) DNI do asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación.

b) Poder de representación inscrito, de ser o caso, no rexistro competente do asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación.

c) Escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

d) No caso de que non fosen xa obtidos directamente polo órgano xestor, certificados de estar ao día de pagamentos nas súas obrigas tributarias, coa Facenda autonómica e coa Seguridade Social.

e) Calquera outra documentación necesaria para efectos da liquidación da axuda concedida que voluntariamente decida anticipar.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

7.6.3.4. Transcorrido o prazo de aceptación sen a recepción da dilixencia de aceptación ou da documentación requirida, o Igape considerará que o beneficiario renunciou á axuda aprobada, procedendo ao arquivo do expediente, logo de resolución declarativa desta circunstancia.

7.6.3.5. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución do expediente será de tres meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen ter recaído resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.

Base 8ª.-Prazo de presentación de solicitudes.

As convocatorias de axudas, que conterán en todo caso o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados a ela, serán aprobadas mediante resolución do director xeral do Igape e publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Base 9ª.-Recursos.

9.1. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdición contencioso-administrativa, se poderá interpoñer contra elas un recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da súa notificación.

9.2. Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, un recurso de reposición, que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 10ª.-Obrigas dos beneficiarios.

10.1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nestas bases ou demais normativa de aplicación. Excepcionalmente, en casos xustificados, os prazos poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do interesado.

b) Acreditar ante o Igape a realización do custo subvencionado, achegando toda a documentación xustificativa da realización do proxecto nos termos establecidos na resolución de concesión e o cumprimento das condicións, de ser o caso, impostas. Os custos en que incorren o beneficiario deberán ser xustificados mediante a presentación de facturas orixinais e xustificantes de pagamento efectivo emitidos por entidades financeiras; non se admitirán pagamentos en efectivo, salvo para importes inferiores aos 3.000 A por provedor.

c) Acreditar ante o Igape que está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. A presentación da solicitude suporá a autorización ao órgano xestor destas axudas para obter dos organismos competentes os certificados de que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas, da Seguridade Social e da Administración pública da comunidade autónoma. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlle requiridos ao interesado.

d) Cumprir as demais condicións establecidas na resolución de concesión.

e) No caso de cofinanciamento europeo, darlle a adecuada publicidade, nos termos que resulten da resolución de concesión.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuarán o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Estas actividades de comprobación poderán ser, entre outras:

-Visitas ás instalacións nas que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso aos rexistros internos da empresa, nos que se basean as xustificacións técnicas e administrativas.

g) Comunicarlle ao Igape a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de aboamento da subvención. O importe da subvención non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto subvencionado ou as porcentaxes máximas de subvención establecidas para cada liña de apoio nas bases 5ª, 6ª e 7ª.

h) Dispoñer, de ser ocaso, dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos na resolución de concesión.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control; isto é, por non ter prescrito o prazo de 5 (cinco) anos desde o cumprimento de condicións, sen prexuízo dos prazos específicos que se establezan en virtude da normativa da UE no control da aplicación de fondos comunitarios.

j) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda ou subvención que sexan establecidas na resolución.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos na base 14ª.

10.2. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, de ser o caso, ao reintegro do indebidamente percibido e aos seus xuros de demora.

Base 11ª.-Incidencias e modificacións do proxecto.

11.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

11.2. Os beneficiarios quedan obrigados a lle comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas as ditas axudas. En particular, deberán remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto.

11.3. En caso de modificación do proxecto aprobado, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación solicitada afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación. As solicitudes de modificación do prazo de execución do proxecto (prazo de vixencia) non precisarán que se cubran un novo cuestionario.

11.4. O presidente do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

11.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no que se lle dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Base 12ª.-Xustificación.

12.1. A xustificación ante o Igape da execución do proxecto e do cumprimento de todas as condicións establecidas na resolución de concesión, será realizada polo beneficiario como máximo dentro dos dous meses seguintes ao vencemento do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión para a execución do proxecto.

12.2. Dado que a resolución de concesión de axuda se dita con base nas declaracións relativas ao proxecto contidas na solicitude, en trámite de xustificación, deberá acreditarse documentalmente o cumprimento dos extremos declarados, mediante a presentación da solicitude de cobramento normalizada, anexo III, e a documentación en orixinal ou copia cotexada que para tal efecto se especifique na resolución de concesión. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, de ser o caso, poderá comportar a modificación ou revogación da concesión e o reintegro das cantidades previamente aboadas, nos termos establecidos na base 14ª.

12.3. Cando na resolución de concesión se fixasen prazos parciais para que o beneficiario acredite a execución, como mínimo, dunha determinada porcentaxe do gasto subvencionado ou o cumprimento doutras condicións, o seu incumprimento significará o inicio dun expediente que poderá finalizar coa revogación da axuda.

12.4. No caso de que existan razóns xustificadas para o atraso no cumprimento de condicións, os prazos de execución que se establezan na resolución poderán ser ampliados de oficio ou por instancia do beneficiario mediante resolución expresa e motivada.

12.5. Excepcionalmente, cando a xustificación documental resulte insuficiente para acreditar o importe e a realización de determinados gastos, o Igape poderá solicitar que se achegue informe de auditoría independente.

12.6. Sen necesidade de instar procedemento de modificación, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos aprobados, coa condición de que a oscilación, en máis ou en menos, non supere o 20% de cada capítulo, e sen que este proceso resulte nun incremento da subvención máxima aprobada.

12.7. De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación, ou no caso de que se constate a non-validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Base 13ª.-Aboamento das subvencións.

13.1. O aboamento das subvencións realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións.

13.2. O cobramento solicitarase como liquidación única da subvención.

13.2.1. Dentro do prazo máximo de dous meses seguintes á finalización do prazo de vixencia establecido na concesión, deberá acreditarse a execución da totalidade do proxecto e o cumprimento das condicións, de ser o caso, establecidas na resolución.

13.2.2. Así mesmo, poderase efectuar un pagamento único da subvención, dentro do prazo de vixencia, mesmo cando quede pendente de acreditar algunha condición, unha vez xustificada a execución da totalidade do gasto do proxecto subvencionado e o cumprimento daquelas condicións cuxo prazo vencese con anterioridade á presentación da solicitude de cobramento. Neste caso, o cobramento da subvención estará condicionado á previa presentación de garantías. Deberase presentar garantía constituída mediante aval solidario da entidade financeira ou outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos, que cubra o importe do pagamento e dos seus xuros calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da súa concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e, como mínimo, aquela en que se cumpran seis meses da fin do prazo final de vixencia previsto na resolución de concesión. Cando o beneficiario acredite que foron cumpridas todas as condicións da resolución

de concesión, autorizarase o levantamento do aval.

Base 14ª.-Incumprimento.

14.1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e, de ser o caso, o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento

do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

14.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou as porcentaxes máximas de axuda establecidas nestas bases.

14.3. O procedemento de incumprimento será iniciado de oficio polo órgano do Igape que ditou a resolución de concesión, ben por iniciativa propia, logo de informe dos servizos do Igape competentes na xestión ou liquidación dos expedientes, ben como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia, mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as súas posibles consecuencias. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

14.4. Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro do indebidamente percibido

e os seus xuros de demora de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Excepcionalmente o Consello de Dirección do Igape poderá autorizar un incumprimento parcial distinto cando as súas causas quedasen suficientemente xustificadas e non se desvirtuase a finalidade da subvención.

c) En caso de que o incumprimento se refira á obtención da subvención por unha contía cuxo importe, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere os topes máximos legalmente permitidos, procederá o reintegro do exceso obtido sobre os ditos topes máximos.

d) Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos previstos nos puntos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

e) A concorrencia de distintas causas de incumprimento ou incidencias dará lugar á aplicación a cada unha delas das regras previstas neste punto.

f) Procederá declarar a revogación total da axuda cando o incumprimento se refira aos requisitos establecidos en cada caso para obter a condición de beneficiario.

14.5. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegaren e presentaren os documentos e xustificacións que coiden pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

14.6. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o presidente do Igape ditará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, de ser o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

14.7. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se, pasado o dito prazo, non se tivese notificada a resolución, entenderase caducado o procedemento, sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando

a dita circunstancia de caducidade e ordenando o arquivo de actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose a incoar novo expediente mentres non prescriba o dereito a iso.

14.8. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa segundo o establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000 que a desenvolve en materia de axudas e subvencións.

14.9. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, levará consigo a obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

14.10. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Base 15ª.-Incompatibilidade.

15.1. As axudas previstas nestas bases serán incompatibles con aqueloutras reguladas polo Igape.

15.2. Sen prexuízo dos límites específicos establecidos nestas bases, e con carácter xeral, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera Administración pública, institución ou ente público, sempre e cando non se superen as porcentaxes máximas definidas nas bases 4ª, 5ª e 6ª.

Base 16ª.-Publicación de concesións.

As axudas concedidas ao abeiro destas bases serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.Igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria.

Base 17ª.-Informes.

Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitirá á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

Base 18ª.-Restricións ao dereito de acceso a arquivos e rexistros.

En virtude do establecido no artigo 37 da Lei de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, e para a necesaria protección do segredo comercial ou industrial dos solicitantes das axudas reguladas nestas bases, entenderase excluído o dereito de acceso a arquivos e rexistros administrativos respecto dos datos contidos no expediente que polo seu contido deban ter este mesmo tratamento.

Base 19ª.-Control e comprobación das axudas.

19.1. As axudas establecidas nestas bases poderán ser cofinanciadas co fondo FSE da Unión Europea.

19.2. Sen prexuízo da comprobación material previa ao pagamento, da realidade dos gastos subvencionados que proceda, anualmente elaborarase en coordinación coa Intervención Xeral da Comunidade Autónoma un Plan de comprobación de axudas e subvencións, cos criterios que para tal efecto se establezan.

19.3. Así mesmo, as empresas beneficiarias sométense ás actuacións de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, de ser o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das comunidades europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos devanditos organismos.

Base 20ª.-Interpretación.

Correspóndelle ao presidente do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Base 21ª.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas nos prazos que se establecen nestas bases poderán considerarse desestimadas.

Disposición derrogatoria

Con efectos do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia, derróganse as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos programas de especialización laboral, feitas públicas mediante Resolución da directora xeral do Igape do 13 de xullo de 2001 (DOG número 142, do 23 de xullo), sen prexuízo de que as solicitudes pendentes de resolución continuarán a súa tramitación ata a resolución conforme o establecido nelas.

ANEXO II

Perfís profesionais deficitarios en Galicia

-Axentes de dinamización empresarial:

A súa principal función é a de incentivar, dentro da organización na que traballan, a xeración de novos proxectos de carácter innovador, prestando para iso atención a aspectos tanto tecnolóxicos propios do sector no que opera a súa organización como ao labor máis interno de asignación de recursos e responsabilidades.

Por tanto, deben confluír na súa formación unha base tecnolóxica suficiente para entender as dinámicas de futuro dalgún sector de actividade económica e unhas competencias relativas á xestión de proxectos as cales

deben combinar competencias básicas, como a empatía e o dinamismo, con competencias profesionais, como coñecementos en xestión de proxectos e xestión da calidade.

-Axentes de internacionalización:

A súa principal función é a de incentivar, dentro da organización na que traballan, a súa apertura cara a outros países, xa sexa dentro dos ámbitos da tecnoloxía, das compras, das vendas, da produción ou de calquera combinación deles.

A formación deste tipo de axentes debe ser fundamentalmente comercial e complementarse con formación dirixida á negociación e formalización de acordos empresariais en ámbitos multiculturais e multilinguaxe.