DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2006 Páx. 6.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de abril de 2006 pola que se convocan axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos no ano 2006.

A industria agroalimentaria ten carácter estratéxico para Galicia por favorecer a viabilidade das explotacións agrarias e do tecido económico das zonas rurais que as rodean, fomentando ademais a creación e mantemento do emprego así como a fixación da poboación desas zonas. Por iso, é necesario promover o seu desenvolvemento e mellorar a súa competitividade, que está condicionada en moitos casos polas dificultades existentes para a comercialización das producións en mercados cada vez máis abertos e que exixen maiores esforzos en coñecemento e promoción.

Nese sentido, esta orde establece unha liña de apoio durante o ano 2006 aos investimentos das industrias agroalimentarias para realizar actuacións de promoción e mellora da comercialización das súas producións, e dirixida especificamente a fomentar a asistencia a certames comerciais, contratación de estudos e asistencias técnicas, e a contratación e formación de persoal específico. Os conceptos subvencionables e as condicións establecidas cumpren coas directrices sobre axudas estatais ao sector agrario (2000/C28/02).

En virtude do exposto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar para o ano 2006 as axudas da Consellería do Medio Rural para actuacións de empresas privadas na promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas agrarias e agroalimentarias, excluídas as do sector forestal e de alimentación animal, que cumpran os seguintes requisitos:

-Que teñan como actividade a elaboración e/ou comercialización de produtos agrarios ou agroalimentarios galegos. Non serán subvencionables as empresas de distribución, salvo que estean participadas maioritariamente por produtores ou elaboradores de Galicia.

-Que figuren inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables cando sexa preceptivo polo tipo de actividade.

-Que teñan o seu enderezo social en Galicia.

Artigo 3º.-Conceptos subvencionables e contía das axudas.

Considéranse subvencionables os investimentos, excluído o IVE, nos seguintes conceptos:

a) Participación en feiras e certames comerciais.

Considérase subvencionable a participación en feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario do ano 2006 que se celebren fóra de Galicia.

As axudas serán subvencións de ata un 50% dos seguintes gastos admisibles: gastos de instalación do posto (aluguer de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante, sendo, neste último caso, a cantidade máxima subvencionable a regulamentariamente establecida para os funcionarios do grupo 2º da comunidade autónoma.

b) Estudos e asistencias técnicas.

Serán subvencionables os estudos e asistencias técnicas de investigación e prospección de mercados, mellora dos procesos de comercialización, análise das perspectivas e evolución dos mercados, e calquera outro que teña incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización, en particular se se refiren a mercados con escasa presenza de produtos galegos similares.

A subvención poderá acadar ata o 50% dos gastos xustificados sempre que correspondan a servizos realizados por consultores e empresas externas

c) Contratación de persoal.

Será subvencionable a contratación no ano 2006, antes do 1 de outubro, de persoal relacionado con actuacións en promoción e mellora da comercialización, sempre que supoña creación neta de emprego na empresa e a contratación teña unha duración mínima de dous anos, no caso de que a empresa beneficiada sexa unha PEME tal como se define no Regulamento (CE) 70/2001, e de tres anos no resto dos casos.

Nese caso poderase conceder unha subvención de ata o 70% dos custos salariais do primeiro ano da contratación. Para eses efectos non se considerarán subvencionables as cotizacións á Seguridade Social que lle corresponden á empresa contratante.

Para a verificación do cumprimento da condición de creación neta de emprego, considerarase como referencia inicial a media do número de traballadores da empresa nos doce meses anteriores á contratación. Para eses efectos considerarase que existe creación neta de emprego cando a media do número de traballadores da empresa dos doce meses de cada un dos anos de duración mínima do contrato sexa superior polo menos nun traballador á media de referencia inicial.

A axudas á contratación de persoal incluídas neste punto establécense ao amparo do disposto no Regulamento (CE) 2204/2002 da Comisión, do 12 de decembro de 2002, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ao emprego (DO C 337 do 12 de decembro).

d) Formación.

Será subvencionable a asistencia do persoal das empresas a seminarios e cursos de formación relativos á comercialización de produtos iniciados no ano 2006.

A subvención poderá chegar ata o 50% dos gastos xustificados de inscrición.

As actuacións previstas nas letras a) e b) deste artigo deberán estar executadas como mínimo nun 80% no ano 2006 (ata o 15 de novembro), podendo realizarse o 20% restante no ano 2007 (ata o 15 de marzo).

Artigo 4º.-Limitacións a empresas non Pemes.

No caso de que o beneficiario da axuda non sexa unha pequena ou mediana empresa (PEME), tal como se define no Regulamento (CE) 70/2001, o importe máximo total das axudas concedidas nas epígrafes a), b) e d) do anterior artigo non poderá superar os 100.000 A por beneficiario nun mesmo período de tres anos.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes de axuda dirixidas ao conselleiro de Medio Rural, presentaranse no modelo que figura como anexo desta orde, e prioritariamente nos servizos centrais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As solicitudes deberán estar acompañadas da seguinte documentación adicional:

1. Memoria:

-Nome, NIF/CIF, enderezo da sede social, teléfono, fax, correo electrónico.

-Descrición das actividades económicas actuais. Centros de produción dispoñibles e número do Rexistro de Industrias Agrarias/Industrias Catalogables deles. Número de traballadores.

-Materias primas agrarias utilizadas: tipos, prezos pagados, cantidades e procedencia (galega ou foránea). No caso de ter contratos escritos con produtores agrarios deberase incluír unha relación deles que conteña o DNI/NIF do produtor e cantidades contratadas así como unha fotocopia dos contratos. No caso de participar en acordos de carácter sectorial, acreditación deles.

-Produtos elaborados: tipos e cantidades. Sistema de comercialización: distribución e destino das vendas.

-Contas de explotación e balance do último ano e previsión de contas para 2006.

-Relación xustificada e pormenorizada dos investimentos que se van realizar. No caso de contratación de persoal, deberá relacionarse os traballadores dispoñibles coa súa categoría profesional e os novos para contratar coa súa cualificación requirida e cometidos previstos.

2. Declaración sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos conceptos.

3. Fotocopia compulsada do DNI no caso de que o solicitante sexa unha persoa física ou fotocopia compulsada da escritura de constitución e do CIF se se trata dunha sociedade.

4. Declaración asinada polo solicitante sobre as datas de inicio e finalización previstas para a execución das actuacións. No caso de que a actuación sexa plurianual débense indicar as datas de finalización para cada anualidade, considerando que en ningún caso superará a data do 15 de novembro no ano 2006.

5. Declaración asinada polo solicitante sobre a orixe (galega ou foránea) en porcentaxe das materias primas de produción agraria utilizada pola empresa.

6. Certificación de entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, na que se solicita o pagamento da subvención.

7. No caso de estudos e servizos prestados por empresas terceiras, deberanse presentar facturas proforma ou orzamento xustificativo do custo previsto, con relación detallada do seu contido e alcance. De acordo co artigo 31, número 3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no caso de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta

económica máis vantaxosa.

8. No caso de asistencia a cursos deberá acreditarse a pertenza á empresa da persoa asistente mediante presentación de fotocopia da nómina ou outra xustificación válida.

9. No caso de adegas de viño con denominación de orixe, certificado do Consello Regulador da cantidade de uva adquirida nos anos 2004 e 2005.

10. No caso de industrias de agricultura ecolóxica, certificado do Consello Regulador das producións certificadas en 2005 e 2006.

Se o solicitante non presenta a referida documentación no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma (Consellería de Economía e Facenda). Para eses efectos, e sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira, a presentación da solicitude de axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social é Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

Para efectos da selección das solicitudes que se van aprobar, así como para establecer as porcentaxes de axuda que se van conceder, as solicitudes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en tres niveis de priorización:

-Grupo I: incluirá as solicitudes para seleccionar en primeiro lugar, e corresponderán ás solicitudes de axuda

de industrias agrarias das seguintes características:

* Que procesen maioritariamente (máis do 50%) produtos procedentes da produción agraria galega.

* Que o solicitante sexa unha entidade participada maioritariamente por cooperativas agrarias galegas, ou un produtor titular da industria á que subministra a maioría (máis do 50%) das materias primas, ou unha industria que teña contratos escritos con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50%) das materias primas que procesa. Tamén serán admisibles neste punto os solicitantes que estean inscritos na denominación Agricultura Ecolóxica de Galicia e comercializaran produción amparada no ano 2005 ou 2006.

-Grupo II: incluirá as solicitudes que se van seleccionar a continuación, e corresponderán as industrias que procesan maioritariamente (máis do 50%) produtos procedentes da produción agraria galega, e que non estean incluídas no grupo I.

-Grupo III: incluirá as solicitudes que se van seleccionar en último lugar, e corresponderán ás industrias que procesan maioritariamente (máis do 50%) produtos non procedentes da produción agraria galega.

Dentro de cada grupo daráselle ademais prioridade ás industrias que subscriban acordos de carácter sectorial relativos ás condicións de compravenda de produtos negociados entre representantes dos produtores e das industrias. Especificamente no sector do viño con denominación de orixe daráselles ademais prioridade ás adegas que incrementaron no ano 2005 a cantidade de uva recollida con respecto ao ano 2004.

Artigo 8º.-Promoción do uso do galego.

No caso de solicitude de axuda para a edición de catálogos e outros elementos promocionais subvencionables, a consellería concederá unha axuda adicional de ata o 5% do investimento subvencionable cando a edición sexa en galego e se cumpran o resto dos requisitos da convocatoria. Nese caso o solicitante deberá indicar expresamente na súa solicitude o orzamento e características do material para editar en galego.

En ningún caso a axuda total concedida poderá superar os máximos establecidos no artigo 3º.

Artigo 9º.-Tramitación de solicitudes.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A resolución de cada expediente corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación desta orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. Os investimentos obxecto destas axudas non poderán estar iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axudas.

4. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. A resolución de concesión indicará os conceptos considerados como subvencionables para cada un dos tipos de investimento sinalados no artigo 3º, así como as condicións xerais e particulares que considere necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización, e xustificación das actuacións previstas, que será polo menos posterior en dez días á data de finalización prevista no calendario presentado, sen que en ningún caso se supere na anualidade de 2006 a data do 15 de novembro.

Artigo 10º.-Tramitación do pagamento das axudas.

Executadas e pagadas as actuacións obxecto da axuda, o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais da consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a solicitude de pagamento da axuda acompañada da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: con carácter xeral presentaranse facturas orixinais ou fotocopia compulsada delas, así como xustificantes de pagamento. No caso de contratación de persoal presentaranse fotocopia compulsada das nóminas pagadas e dos TC1 e TC2.

Presentarase ademais unha relación ordenada de todos os documentos presentados xustificativos dos gastos.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c) Xustificación das actuacións desenvolvidas, consistente en:

c.1) No caso de asistencia a cursos e seminarios: certificado de asistencia.

c.2) No caso de estudos: unha copia destes.

c.3) No caso de contratación de persoal: fotocopia compulsada do DNI do traballador e do contrato. Para o pagamento final deberase acreditar ademais a creación neta de emprego mediante a presentación dos TC1 e TC2 dos doce meses iniciais da contratación e dos doce meses anteriores á mesma.

c.4) No caso de asistencias técnicas: memoria das actividades realizadas e análise dos resultados obtidos.

d) Calquera outra que se sinala expresamente na resolución de concesión.

2. Cando a axuda concedida teña carácter plurianual, efectuaranse pagamentos parciais correspondentes a cada anualidade de acordo coas condicións establecidas na resolución de concesión e nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Para eses efectos considerarase como investimentos independentes os incluídos en cada un dos tipos de investimento sinalados no artigo 3º.

Artigo 11º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo, sen que en ningún caso se supere a data do 15 de novembro para a anualidade de 2006.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. Non se admitirán modificacións que supoñan un incremento do gasto subvencionable aprobado para cada un dos tipos de investimento sinalados no artigo 3º. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos establecidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de mora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través desta orde son incompatibles con calquera outra concedida para os mesmos conceptos.

Artigo 14º.-Financiamento.

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde, que poderán ter carácter plurianual, ten participación do FEOGA nas condicións establecidas na medida 1.2 do Programa Operativo de Galicia 2000-2006.

2. As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

a) 11.03.615-A 770.0, por un importe dun millón de euros (1.000.000 A) para a anualidade 2006 e catrocentos mil euros (400.000 A) para a anualidade 2007. O citado importe poderase incrementar con outros remanentes da mesma aplicación orzamentaria.

b) 11.03.712-B.770.0 por un importe de cen mil euros (100.000 A) para a anualidade 2006. O citado importe poderase incrementar con outros remanentes da mesma aplicación orzamentaria.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG do 5 de novembro), no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-As axudas reguladas por esta orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (CE) nº 1447/2001 do Consello, do 28 de xuño de 2001, que modifica o Regulamento (CE) nº 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais, o Regulamento (CE) nº 1257/1999, sobre axuda ao desenvolvemento rural a cargo do FEOGA e o Documento 2000/c28/02, directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario.

Terceira.-No caso de que o órgano xestor teña imposibilidade material de solicitar nos prazos establecidos a documentación sinalada no último parágrafo do artigo 5º, poderá requirir ao solicitante a súa presentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural