DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2006 Páx. 6.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 10 de abril de 2006 pola que se convocan subvencións para a mellora de establecementos de turismo rural.

Desde a Administración turística valórase positivamente o acollemento e evolución da posta en valor de vivendas no medio rural para a súa dedicación a establecementos turísticos por ser un feito que nos derradeiros anos contribuíu a dinamizar económicamente o dito medio, así como a desestacionalizar e diversificar o noso turismo.

Cara á xeración dun turismo sustentable, as axudas para a creación destes establecementos incidiron fundamentalmente na recuperación e rehabilitación do noso patrimonio arquitectónico tradicional alén de fomentar e promover unha nova alternativa de ocio.

Non obstante, xa conseguido un elevado número deste tipo de establecementos, faise necesario seguir a mellorar a oferta existente incidindo fundamentalmente na calidade.

A presente orde busca esta finalidade para os establecementos xa aperturados que se concreta nunha mellora das súas instalacións así como, de ser o caso, a súa adaptación ao determinado no Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural.

Así, preténdese que, efectuando pequenos investimentos, as casas melloren a súa calidade e, se é o caso, se adapten á dita normativa do ano 2004.

En consecuencia, e con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, así como o determinado no Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural e de acordo co estipulado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas a fomentar o turismo no medio rural que, pola súa conceptuación como actividade turística, se considera incentivable ao abeiro do antedito Decreto 172/2001, polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos a:

1º Mellora das instalacións e servizos dos establecementos de turismo rural, aperturados con anterioridade á entrada en vigor ao Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural, coa finalidade de que estes establecementos axusten

as súas instalacións e servizos ás exixencias que para estes se sinalan no artigo 10 do referido decreto.

2º Mellora da oferta complementaria de servizos segundo o establecido no artigo 10.3º e 4º do Decreto 191/2004, de establecementos de turismo rural.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material do investimento como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o equipamento, nin as taxas e impostos legalmente exixibles.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

As ditas subvencións, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.05.651A.770.0, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 200.000 A distribuídos en 2 anualidades, a saber, no ano 2006, 100.000 A e no ano 2007 100.000 A. Como as subvencións concedidas teñen carácter plurianual, haberá que aterse ao que dispoñen os artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2006 e 2007, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable segundo o legalmente establecido.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar un máximo de axuda de ata o 20% do orzamento do investimento subvencionable; a porcentaxe da subvención concedida, con respecto ao investimento subvencionable, incrementarase en 5 puntos porcentuais se o proxecto leva consigo a creación de comedor para o establecemento.

Engadiranse seis mil cen (6.100) euros por cada posto de traballo a crear indefinido que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se exixe nesta orde.

En ningún caso o importe da subvención concedida, con cargo aos referidos créditos desta consellería, poderá superar o 40% do investimento subvencionable.

O importe total da subvención será distribuído en dúas anualidades.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención, de conformidade co sinalado nesta orde, os propietarios de inmobles dedicados a turismo rural ou as persoas físicas ou xurídicas que, sen ser propietarias, xestionen o establecemento coa debida autorización da Administración turística.

Alén do establecido no antedito Decreto 191/2004, de establecementos de turismo rural, os investimen

tos que se subvencionen deberán de cumprir as seguintes condicións:

a) Os proxectos subvencionados que impliquen obras serán de rehabilitación ou restauración, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno.

* Deberán ser respectuosos coa estrutura da edificación nas súas relacións co lugar, así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas.

* Manteranse os volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble.

* Recuperaranse as estruturas tradicionais cos requirimentos técnicos exixibles.

* Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas.

* O proxecto tratará de formular solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) As construcións ex novo que se formulen serán subvencionables sempre que estean vencelladas a servizos complementarios do establecemento ou de mellora dos existentes.

c) A superficie pechada destinada a cuartos (e os seus baños), non poderá ser maior que a destinada a espazos comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espazos de circulación.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

a) Manter a súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data que se lle concedeu por vez primeira pola Administración turística a autorización provisional para o funcionamiento do establecemento. Así mesmo, e de conformidade co artigo 8.5º do Decreto 172/2001, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e o punto 4.10 das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional, deberán manter os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 5 anos.

b) Ofrecer os seus servizos mediante prezos semellantes aos que operan no mercado desta comunidade autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

c) Manter o establecemento aberto e en funcionamento durante 8 meses ao ano e obrigatoriamente os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

d) Adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia.

e) Crear os postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo III nun prazo de 5 anos contados desde a data da realización

íntegra do investimento subvencionado e mantelos durante un período de 5 anos.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Innovación e Industria, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

g) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

* Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou da subvención.

* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financiero, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención e a documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria-Servizo Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o anexo I.

b) Anexo II.

c) Anexo III.

d) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

e) Licenza municipal ou licenza por obra menor se fose o caso que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, presentarase Informe urbanístico

emitido polo concello, mediante certificación do secretario, onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio.

Será obrigatoria a presentación da licenza urbanística coa primeira solicitude de pagamento.

De non ser necesaria a dita licenza presentarase certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non a precisa.

f) Proxecto básico asinado por técnico facultativo competente, no que se faga constar o seu número de colexiado, cando o investimento se refira á realización das obras. Así mesmo será preceptivo remitir o dito proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vencelladas coa súa seguridade ou dos seus usuarios.

Teñen a consideración de edificación e polo tanto requiren proxecto básico os seguintes:

I. Obras de edificación de nova construción, agás aquelas de escasa entidade e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nun só andar.

II. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estructural, así como, as que teñan por obxeto cambiar os usos turísticos do edificio.

III. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como, aquelas que afecten os elementos ou partes obxeto de protección.

IV. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

Cando se trate de actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución segundo a normativa vixente, mediante resolución motivada do director xeral de Turismo, visto o informe técnico correspondente, e tendo en conta a natureza do investimento pódese eximir o solicitante, logo de petición razonada deste, de presentar o proxecto básico; neste caso deberase presentar memoria explicativa, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica. Así mesmo achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

g) Memoria explicativa, asinada, así mesmo, por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamiento telefónico, a execución dun proxecto de decoración, as inter

vencións de remoción e pequenas reparacións, sempre e cando estes investimentos non se atopen vencelladas coa seguranza do establecemento ou da dos seus usuarios. Á dita memoria achegaráselle os correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En calquera de ambos os casos, é dicir, tanto co proxecto como coa memoria explicativa, farase constar no expediente, obrigatoriamente, o seguinte:

* Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado cando a edificación para a que se solicita a subvención non a percibise con anterioridade da Administración Turística da Xunta de Galicia.

* Fotografías actuais do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

* Memoria explicativa do investimento e xustificación das solucións adoptadas.

* Orzamento do investimento en que se incluirá, segundo corresponda, e especificándose o importe detallado de cada un deles, os elementos ou os capítulos que conforman o investimento, así como, se é o caso, o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

* Planos do estado actual e do proxectado, cando o investimento afectase a distribución ou uso das instalacións existentes.

* Referencia dos materiais e acabamentos propostos.

* Características técnicas do investimento.

* Prazo previsto para a execución.

h) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao corrente nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

i) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

j) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o

sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non facelo se lles terá por desistidos na súa petición previa resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

Ás solicitudes achegaráselles o informe emitido pola respectiva delegación provincial de Turismo no que se deberá indicar as faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á normativa vixente, a súa data de autorización así como un informe de valoración da prestación do servizo de turismo rural.

As solicitudes serán estudadas por unha Comisión Técnica de Valoración constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes dos servizos provinciais de Turismo, os xefes de Servizo de Fomento e Promoción, de Inspección, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da Área de Turismo Rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servizo de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

1º Melloras que redunden na elevación da calidade dos servizos ofrecidos.

2º O estado actual e as características da edificación conforme a parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

3º Que o investimento estea localizado nun municipio incluído nun Plan de Dinamización ou Excelencia Turística.

4º A inexistencia de sancións firmes impostas ao establecemento por un funcionamento defectuoso na calidade dos servizos ofertados.

5º Número de postos de traballo que se crearán e o seu grao de estabilidade.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que se é o caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, formulará ao conselleiro de Innovación e Industria a través do director xeral de Turismo, as propostas de concesión ou denegación adoptados por esta. Das ditas propostas redactarase a correspondente acta.

O conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interponer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes

ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación das ditas resolucións.

3. A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2006 e 2007.

No caso de concesión de subvención tras a resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ao 30 de xuño de 2007.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Requisitos das subvencións.

No prazo de corenta días naturais, contados desde a notificación da concesión da subvención, os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria, a seguinte documentación:

a) Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

b) Cando o investimento fose un dos determinados no artigo 5º.1 e) achegarase proxecto definitivo visado polo colexio oficial da acción subvencionada.

O dito proxecto e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberá ser avaliado, polo xefe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cubrilos, segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Transcorrido o sinalado prazo de corenta días naturais ou o de requirimento, se é o caso, procederase a declarar os interesados que non cumpran o sinalado neste artigo, decaídos no seu dereito ao trámite correspondente após resolución ditada para o efecto e anularase a subvención concedida.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios da subvención deberán comezar a execución do proxecto durante o ano 2006 debendo estar rematado con tempo dabondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade ao ano 2006, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

2. O establecemento obxecto de subvención deberá de contar coa documentación preceptiva que para o seu funcionamento se refire o Decreto 191/2004, de establecementos de turismo rural.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que publicitar a colaboración da Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servizos provinciais de Turismo da Consellería de Innovación e Industria. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención. Así mesmo, deberán publicitar o financiamento co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) mediante un cartel que amose a bandeira europea (fondo azul e estrelas amarelas) e as siglas Feder.

4. Se e o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2006: 1 de novembro do 2006.

Fase de 2007: 30 de xuño de 2007.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cubrilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito aos interesados que non cumpran o disposto neste artigo, logo de resolución ditada para o efecto.

De non xustificarse o investimento total ou parcialmente executado correspondente a primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De ter xustificado a totalidade do investimento subvencionado antes da derradeira anualidade, deberá non obstante solicitarse o pagamento da subvención coa correspondente documentación exixida na orde nas datas indicadas.

2. A xustificación do investimento executado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Para percibir a subvención os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da

Consellería de Innovación e Industria, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

3.3. Xustificantes do pagamento, mediante transferencia bancaria, das facturas presentadas. O importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado con ditas facturas.

3.4. Cando o investimento subvencionable se referise ás accións recollidas no artigo 5º.1 e) desta orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada destas, relativas ao investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberase especificar, polo interesado, a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.5. Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao corrente nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ninguna Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir á Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

3.6. Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo, non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade en tanto non se teña presentado.

3.7. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos aos que se fan referencia no artigo 4º e, se fose o caso, no anexo III desta orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.8. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.9. Cando se solicite o pagamento da anualidade de 2006 ou de 2007, ademais da presentación da documentación indicada no punto 3 deste artigo, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias

e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.10. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de novembro. A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de empresas xa constituídas, a condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que na mesma se establecen, só poderá adquirirse cando menos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral o remate do prazo de 5 anos.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquirir a condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento aos anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención, concedida sexa inferior a 60.101 A.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

* Autoemprego.

* Indefinidos.

* Fixos-descontinuos.

Deberá sinalarse se a xornada que se desempeñará é a tempo completo ou se se trata de xornada partida.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ao ano, procederase a dividir a suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-No caso de que os proxectos presentados ao concurso de subvención obxecto desta orde, fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixese preciso ampliar o importe do crédito determinado no artigo 2º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposición derradeira

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2006.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria