DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2006 Páx. 6.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 10 de abril de 2006 pola que se convocan subvencións a empresas privadas para a creación de infraestrutura hoteleira na Comunidade Autónoma de Galicia.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adaptar as empresas de servizos turísticos ás exixencias de maior calidade que se observa que demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servizos, inciden directamente na configuración e calidade do produto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes é, sen dúbida, a calidade de servizos e a excelencia das instalacións hoteleiras, advertíndose, ademais, no mercado turístico unha crecente demanda de hoteis situados en zonas naturais ou urbanas que, coas súas especiais características (ambientais, patrimoniais, históricas, etc.), configuran estes establecementos como singulares.

O obxecto da presente orde é o de fomentar que os particulares creen este tipo de establecementos ben desde a restauración de inmobles ou desde a súa construción e nun espazo físico que polas súas características determine a creación dun hotel que ofreza a dita singularidade.

Así, estes establecementos deben conxugar harmonicamente a calidade e a auntenticidade, tanto desde os referidos parámetros de situación en lugares dun grande valor patrimonial, histórico, ambiental, como desde as características dos seus elementos construtivos, de xeito que para os efectos da súa comercialización poidan considerarse «hoteis con encanto».

Estes elementos deben ser axeitados, no caso de novas construcións, á tipoloxía do país, sen esquecer todos os avances arquitectónicos e tecnolóxicos e, ademais, ofrecer a prestación de servizos a un alto nivel e unha decoración axeitada ao medio e o tipo de construción.

Por outra banda, e posto que nos últimos anos se concederon axudas que situaron a oferta balneoterápica en primeira liña turística na nosa comunidade, non se considera a oportunidade de seguir

a subvencionar este tipo de establecementos, agás os dedicados á talasoterapia, onde a demanda aínda non está totalmente cuberta.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, tendo en conta os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, e con base no establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, así como o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á creación de infraestrutura hoteleira, e polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, os investimentos dirixidos á creación, mediante nova construción ou rehabilitación e/ou restauración de edificacións, de hoteis que, con base no establecido no Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, se poidan incluír nalgunha das especialidades establecidas.

Non obstante, non se consideran subvencionables ao abeiro do establecido neste artigo os hoteis incluídos nas especialidades seguintes:

-Apartamentos turísticos.

-Moteis.

-Albergues turísticos.

Así mesmo, non se consideran subvencionables os hoteis-balneario nin os hoteis-spa, agás os establecementos hoteleiros con centro de talasoterapia, considerándose estes os hoteis (grupo 1) que, estando dotados dos medios axeitados e baixo control de persoal cualificado, utilizan a auga do mar, o clima mariño, as algas, os lodos, areas e outros elementos ou substancias do medio mariño con fins beneficiosos para a saúde, tendo en conta que a captación se efectuará directamente do mar.

Estes establecementos obxecto de subvención non poderán superar unha oferta de aloxamento de máis de 75 prazas.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

Estas subvencións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.06.651A. 770.2, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, destínándose un crédito de 1.116.230,00 A, distribuídos en 3 anualidades, a saber, no ano 2006, 325.937,00 A, no 2007, 309.693,00 A e no 2008, 480.600,00 A.

Observarase o disposto nos artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os

efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios de 2006, 2007, e de 2008, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable ou legalmente establecido.

En todo caso, establécese a incompatibilidade da concorrencia de subvencións solicitadas ao abeiro do establecido nesta orde coa solicitude de axudas segundo a orde de convocatoria de subvencións para a creación de hoteis en núcleos históricos.

Os proxectos de creación de hotel que se prevén nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o investimento subvencionable.

Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se emprendan para a creación dos hoteis obxecto desta orde como, se for o caso, a adecuación do medio e as actuacións de recuperación ambiental e dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.

Considéranse comprendidos nos proxectos de obras, e, polo tanto, subvencionables todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nelas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado etc.); non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra estas condicións, agás as instalacións de talasoterapia.

Non se considera subvencionable o mobiliario, a lenzaría, menaxe, vaixelas e análogos, a adquisición de terreos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

En todo caso, para o cálculo do investimento subvencionable, estimarase como orzamento máximo de execución material o establecido por metro cadrado de superficie construída no cadro seguinte:

CategoríaHoteis

*640 m

**670 m

***690 m

****720 m

*****760 m

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

Engadiranse seis mil cen euros (6.100 A) por cada posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se exixe nesta orde, sen que en ningún caso co dito incremento se supere a poncentaxe do 40% do investimento subvencionable.

O importe total da subvención será distribuído en tres anualidades.

No caso de que, excepcionalmente, os proxectos presentados ao concurso de subvención obxecto desta orde sexan de grande importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se faga preciso ampliar o importe do crédito determinado neste artigo, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a creación de establecementos hoteleiros, con carácter xeral, as empresas turísticas, así como as de nova creación e as agrupacións delas.

Os investimentos que se subvencionen deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a douscentos mil euros.

2. Os proxectos que se presenten serán globais, é decir, estarán contidos nunha única solicitude e abranguerán todas as obras e equipamentos precisos para pór en marcha o establecemento hoteleiro unha vez rematada a intervención e no prazo a que, conforme a presente orde, se compromete o beneficiario.

3. Todos os proxectos que afecten a creación das técnicas de talasoterapia deberán contar con carteis informativos das características, temperatura e principais indicacións da auga que se está a empregar.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes da subvención para a creación de establecementos hoteleiros adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Iniciar a súa actividade turística, incluídos todos os servizos que se establecen no proxecto, provistos da correspondente autorización de apertura da administración turística, nun prazo máximo de 6 meses, contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Manter a súa actividade durante un período mínimo de 15 anos, contados desde a data de concesión da autorización de apertura expedida pola Administración turística ou, se for o caso, desde cando se reemprenda a actividade.

Así mesmo, e de conformidade co artigo 8.5º do Decreto 172/2001, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, e o número 4.10 das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional, deberán manter os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 5 anos.

3. Crear os postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e mantelos durante un período de 5 anos.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Innovación e Industria, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

5. Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado nacional ou internacional.

6. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora producidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financiero, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera administración ou ente público ou privado.

7. Adscribirse á central de reservas que, se for o caso, cree a Administración turística galega.

8. Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se for o caso, o proxecto modificado coa autorización da Administración turística galega.

9. A facilitar datos, de forma periódica ou despois de requirimento da Administración turística galega sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a seguir se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria correspondente á provincia do investimento, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Anexo II.

c) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Proxecto básico, elaborado polo técnico facultativo competente, visado polo colexio profesional, que conterá:

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento en que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá de estar na memoria del.

-Planos de localización do investimento.

-Planos do estado actual, se correspondese, e do proxecto.

-Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

-Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese de indicar calidades, situacións e número) que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

-Memoria explicativa de adecuación á contorna das actuacións que, se for o caso, corresponda, de recuperación ambiental e elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

-Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que vai prestar o establecemento.

-Memoria explicativa das accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

-Proxecto de decoración de toda a edificación e, se for o caso, da contorna.

Teñen a consideración de edificación e, polo tanto, requiren proxecto básico as seguintes:

I. Obras de edificación de nova construción, agás aquelas de escasa entidade e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nun só andar.

II. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

III. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como, aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección.

IV. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

Este proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

e) Anexo técnico.

f) Proxecto de explotación do establecemento proxectado.

g) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, bastará a presentación dun informe urbanístico emitido polo Concello, mediante certificación do secretario, en que se indique que o proxecto para que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

h) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus estatutos, nos cales se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

i) No caso de o investimento proxectado supor a creación dunha empresa, será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa vai axustarse a todas as condicións que se sinalan para os destinatarios.

j) No caso dos hoteis-talaso, terán que acollerse ao disposto na lexislación sectorial vixente en materia de industria, sanidade e turismo de aplicación.

k) No caso de hoteis situados en zonas do litoral, deberán achegarse as autorizacións pertinentes respeto á actuación que se vai subvencionar conforme o disposto na Lei de costas 22/1998 e no seu Regulamento 1471/1989, así como na Lei 62/1997, de portos, modificada pola Lei 43/2003 e o Decreto 199/2004, do 29 de xullo, sobre competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público terrestre.

No caso de a solicitude de subvención ser para a rehabilitación daquelas construcións que estean situadas no solo rústico de protección de costas (segundo o establecido na Ley 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia), é dicir, a unha distancia inferior a 200 m do límite interior da ribeira do mar, achegarase xunto coa solicitude de subvención, a autorización autonómica de uso en solo rústico (segundo o procedemento establecido na dita Lei 9/2002).

l) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

ll) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

m) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

n) Plan de calidade proxectado para o establecemento, normalizado e recoñecido, nos mercados. Débese de indicar expresamente se o plan está homologado polo Instituto da Calidade Turística Española.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. De non facelo, teranse por desistidos na súa petición, despois de resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás cales se lles xuntará un informe emitido pola respectiva delegación provincial de Turismo no cal se deberá indicar se o proxecto para que se solicita subvención cumpre a normativa de ordenación turística, así como a clasificación hoteleira que lle correspondería, serán estudadas por unha comisión técnica de valoración constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes do Servizo de Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, os xefes do servizo de Fomento e Promoción, de Inspección, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do servizo do Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto considerarase: a situación en espazos naturais ou áreas rurais con tendencia á despoboación, contornas de interese turístico do interior ou do litoral, zonas monumentais ou a interese do espazo en relación a figuras de protección ambiental.

2º Analise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de servizos de utilización turística.

3º O estado actual e as características da edificación conforme parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4º As características singulares da rehabilitación, materiais empregados e deseño da construción.

5º A oferta de servizos proxectada para o establecemento.

6º Estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún plan de dinamización ou excelencia turística.

7º Número de postos de traballo que se creen e o grao de estabilidade deles.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que, se for caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, formulará ao conselleiro de Innovación e Industria, a través do director xeral de Turismo, as propostas de concesión ou denegación adoptados por ela. Destas propostas redactarase a correspondente acta.

O conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra estas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpor potestativamente recurso de reposición ante o titular da Consellería de Innovación e Industria no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación das resolucións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2006, 2007 e 2008.

No caso de concesión de subvención após a resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.1 desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ao 30 de xuño de 2008.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as cales non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Requisitos das subvencións.

No prazo de corenta días naturais desde o día seguinte á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación por duplicado exemplar:

a) Proxecto de execución definitivo, visado polo colexio profesional correspondente, da acción subvencionada, no cal se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes ao determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberá recibir o informe favorable, do xefe do servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

c) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

d) Reportaxe fotográfica do estado actual da edificación.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Transcorrido o sinalado prazo de corenta días naturais ou o de requirimento, de ser o caso, procederase a declarar os interesados que non cumpran o sinalado neste artigo decaídos no seu dereito ao trámite correspondente, despois de resolución ditada para o efecto, e anularase a subvención concedida.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios da subvención deberán comezar a execución do proxecto durante o ano 2006, e debe estar rematado con tempo abondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade ao ano 2006, sempre e cando os solicitantes presenten certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

2. Os proxectos que se subvencionen terán que publicitar a colaboración da Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servizos provinciais de Turismo da Consellería de Innovación e Industria. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención. Así mesmo, deberán publicitar o financiamento cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) mediante un cartel que mostre a bandeira europea (fondo azul e estrelas amarelas) e as siglas Feder.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2006: 1 de novembro de 2006.

Fase de 2007: 1 de outubro de 2007.

Fase de 2008: 30 de xuño de 2008.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cum

prilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo, despois de resolución ditada para o efecto.

De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade.

De ter xustificado a totalidade do investimento subvencionado antes da derradeira anualidade, deberá, non obstante, solicitarse o pagamento da subvención coa correspondente documentación exixida na orde nas datas indicadas.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado for menor, e sempre mantendo os fins para que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Para percibir a subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, por triplicado, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, «Modelo oficial» que se compón de primeira páxina, certificación en orixe, por partidas e capítulos segundo medicións e prezos establecidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

3.3. Xustificantes do pagamento, mediante transferencia bancaria, das facturas presentadas. O importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas facturas.

3.4. Licenza urbanística, que posibilite a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo. Non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade en canto non se teña presentado.

3.5. Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ninguna administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a

Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos a que se fai referencia no artigo 4º e no anexo II desta orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.7. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.8. Cando se solicite o pagamento da anualidade de 2006 ou de 2007, ou 2008, ademais da presentación da documentación indicada no número 3 deste artigo, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo ao interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.9. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de ser unha empresa xa constituída, a condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando polomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquirir a condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento aos anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención concedida ser inferior a 60.101,00 A.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

I. Autoemprego.

II. Indefinidos.

III. Fixos-descontinuos.

Deberá sinalarse se a xornada é a tempo completo ou se se trata de xornada partida.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se for o caso, e para o cálculo da equivalencia ao ano, procederase a dividir a suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, despois de petición do solicitante e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde, entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2006.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria