DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2006 Páx. 6.040

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 11 de abril de 2006 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión da prestación económica de pagamento único por fillo/a menor a cargo para o ano 2006.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 3.2º como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, regulando, segundo o artigo 11.3º, aquelas prestacións económicas ou técnicas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, establece nos seus artigos 78 e 79 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo/a establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos/as. Por outra banda, a Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006 prevé na súa disposición adicional oitava que aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen ao seu cargo fillos/as menores de tres anos, terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2004, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estiveron obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período. A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pero exixirá xustificación documental dos requisitos precisos para o seu

gozo, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación. Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a percepción desta prestación.

Con este fin, na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, na aplicación 05.20.212A.486.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 4.949.640 euros para as prestacións que se establecen no articulado desta orde. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.Un g) da referida Lei 7/2005, de orzamentos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar

por fillo/a menor a cargo así como a convocatoria destas axudas para este ano 2006.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan ao seu cargo fillos/as menores de tres anos na data 1 de xaneiro de 2006 (nacidos entre o 2-1-2003 e o 1-1-2006, inclusivos) e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2004, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período.

Quedan excluídas aquelas unidades familiares nas cales os seus ingresos considerados de forma individual ou conxunta, segundo a opción de tributación elixida, superasen no exercicio 2004 os 22.000 euros, sumadas a parte xeral e especial da declaración do IRPF.

No caso de fillos/as adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2004 e o 31 de decembro de 2005, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da inscrición da adopción ou do acollemento no Rexistro Civil. Cando non sexa necesaria a inscrición, a prestación concederase a partir da data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o pai/nai que teña a custodia dos fillos/as, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a tutela ou garda for asumida por unha institución pública.

4. Os estranxeiros que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, e os requisitos establecidos nesta norma e teñan a condición de contribuíntes para os efectos do disposto nos artigos 8 e 9 do Real decreto 3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 3º.-Requisitos.

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

-Que os proxenitores teñan á súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega. No caso de que da documentación presentada poida deducirse que isto non é así, poderanse requirir para que presenten documentación complementaria que o demostre.

-Que na data da solicitude os nenos/as convivan coa persoa solicitante.

Artigo 4º.-Tipo de axuda e contía.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo/a menor que a persoa solicitante teña ao seu cargo.

A contía da prestación será de 360 euros por cada un dos fillos/as menores que as persoas beneficiarias teñan ao seu cargo, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. Novas solicitudes:

A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/NIF ou NIE da persoa solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

b) Fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos/as menores de tres anos.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

d) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

e) Nos supostos de adopción ou tutela, copia do auto xudicial de adopción ou da resolución xudicial de constitución da tutela.

f) Nos casos de proxenitores solteiros con fillos/as recoñecidos polo outro proxenitor pero sen que exista convivencia entre pai e nai, declaración xurada que recolla este extremo (anexo II).

g) Fotocopia da folla da cartilla de aforros na que figure o número de conta na que se desexe recibir o ingreso e na que deberá figurar como titular a persoa solicitante. No caso de non dispoñer de cartilla de aforros, poderá presentarse unha certificación bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta á que se refire.

h) Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera Administración pública, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo IV).

Respecto da persoa solicitante, a presentación da solicitude da prestación comportará a autorización da Secretaría Xeral da Igualdade para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda e para o pagamento da prestación (tal e como se establece no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006), sendo necesaria a autorización expresa do resto dos membros da unidade familiar, que deberán presentar debidamente cuberto o anexo III.

2. Solicitudes para persoas anteriormente beneficiarias:

Se a persoa solicitante recibira a prestación familiar por fillo/a menor a cargo no ano 2005 e non

ten solicitadas nin concedidas outras axudas por este mesmo concepto, só terá que presentar a solicitude formalizada no modelo oficial (anexo I) e copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, sempre e cando non se modificasen as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito á prestación.

Neste caso, poderá obterse a solicitude debidamente cuberta no enderezo http://www.xunta.es/aplicacions/pfc

Aquelas solicitudes que se presenten eliminando delas algún dos proxenitores que figuraba o ano anterior, deberán estar acompañadas da xustificación documental correspondente:

-En caso de separación, copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

-No caso de parellas de feito, certificado de convivencia expedido pola policía local do concello correspondente, que poderá substituírse por un informe dos servizos sociais do concello.

-En caso de falecemento, certificado de defunción ou copia da folla do libro de familia onde figure esta circunstancia.

3. En calquera dos dous casos, se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación sinalada, requirirase o interesado/a para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos perceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación da solicitude poderá facerse, á elección da persoa solicitante, por vía escrita ou por vía telemática:

a) Vía escrita:

A solicitude máis a documentación requirida presentarase no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Vía telemática:

A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun único trámite para aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:

-A persoa solicitante deberá ter sido beneficiaria destas axudas no ano 2005 e non teren variado as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito á prestación.

-A persoa solicitante non poderá ter solicitadas ou concedidas outras axudas por fillos/as menores de tres anos.

-A persoa solicitante deberá posuír un certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moneda.

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.xunta.es/aplicacions/pfc, onde se disporán os medios de axuda para a presentación de solicitudes.

Unha vez asinado co certificado dixital do solicitante o anexo I da solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Correspóndelle ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar a resolución destas axudas no prazo de 6 meses, contado desde o día seguinte á data en que en solicitude tiver entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución. Neste caso non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Pagamento.

O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I, debendo permanecer activa para estes efectos en tanto non se teña constancia da finalización do expediente. A administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 10º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias desta prestación quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino destas axudas.

Artigo 11º.-Revogación da prestación.

Procederá a revogación das axudas así como o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora devengado desde o momento do seu pagamento nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas prestacións terá como límite global o crédito consignado no orzamento da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para estes fins.

Segunda.-As persoas beneficiarias atópanse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposiciones derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente norma.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar