DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2006 Páx. 5.977

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de abril de 2006 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro e para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do de 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Con esta orde, se pretende continuar a política de bolsas e axudas para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro e para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares destinadas a estudantes universitarios.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é consciente de que a formación integral dos seus estudantes exixe complementar as actividades docentes con outro tipo de experiencias que, por diversas razóns, teñen difícil cabida nas aulas e laboratorios das universidades do SUG.

Dunha banda, a adaptación do alumno ao Espazo Europeo de Educación Superior exixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional. Doutra, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria debe apoiar as iniciativas dos estudantes que poidan contribuír a enriquecer a súa

formación académica e científica tanto no ambiente dos centros e das universidades do SUG como en calquera outro lugar en que se produzan eventos, congresos, simposios, seminarios e calquera outro tipo de acontecementos que poidan contribuír á dita formación.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a estudantes universitarios matriculados nunha das tres universidades do sistema universitario de Galicia durante o curso 2005/2006 e destinadas a sufragar parte dos gastos ocasionados pola realización de cursos de idiomas no estranxeiro e pola asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares, segundo se detalla:

1. Financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país (anexo I).

2. Axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares (anexo II).

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2006, cunha contía global de 177.347 A, destinándose a cada unha delas as seguintes cantidades:

* Anexo I: 124.751 euros.

* Anexo II: 52.596 euros.

As cantidades antes citadas poderanse incrementar de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería ou, no caso de quedar remanente no orzamento dunha acción, poderá reverter na outra acción.

Artigo 3º.-Período.

As actividades para as cales se solicita a axuda serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2006, ambos os dous días incluídos.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, segundo os modelos que se publican como anexos III e IV á presente orde e que deberán ir acompañadas da documentación a que se fai referencia no número 3º dos correspondentes anexos I e II, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de

novembro, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en correos en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario antes de que proceda á súa certificación. Para estes efectos, os rexistros das universidades non terán validez canto ao cumprimento dos prazos da convocatoria.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxería privados.

A presentación da solicitude de concesión de axuda correspondente ao anexo I comportará a autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda os datos de caracter tributario necesarios para a determinación da renda na unidade familiar.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisorias das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.es).

As listas provisorias estarán expostas do 5 ao 15 de xuño de 2006. Os interesados poderán, durante este prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora e criterios de selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, a subdirectora xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

O xefe do servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que actuará con voz e voto.

En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente.

Os criterios de adxudicación figuran nos anexos I e II desta convocatoria.

Artigo 7º.-Resolución.

Unha vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, na cal se terán en conta os criterios establecidos nos respectivos anexos I e II, esta comisión elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará unha relación de concedidas, unha de suplentes se os houber e outra de excluídas coas causas de exclusión.

Os solicitantes excluídos poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición-contencioso administrativa.

Artigo 8º.-Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo beneficiario após a presentación, dentro do prazo establecido, da documentación xustificativa de asistencia á actividade para a que se lle concedeu axuda, e á cal se fai referencia nos respectivos anexos I e II.

Artigo 9º.-Incompatibilidades.

Estas bolsas son incompatibles coa percepción de soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro, con calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, e con calquera outra bolsa destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10ª.-Obrigas dos beneficiarios.

Os solicitantes, polo feito de solicitaren esta axuda, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o resultado dela, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Remitirlle á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Subdirección Xeral de Universidades), unha vez finalizada a actividade a documentación que en cada anexo se solicita.

b) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de se producir unha causa que determine a renuncia.

c) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración, ente público ou privado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente e a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin, nos termos que figuran no seu artigo 2º.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo coa listaxe de suplentes que se estableza na orde de resolución de concesións.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Sexta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas se non se ditar resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións, e ás do seu desenvolvemento, así como aos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

FINANCIAMENTO DE VIAXES PARA ESTADÍAS NALGÚN ESTADO MEMBRO DA UNIÓN EUROPEA CO OBXECTO DE COÑECER A LINGUA DESE PAÍS

1º.-Obxecto.

O obxecto desta axuda é favorecer a aprendizaxe e o perfeccionamento dun segundo idioma nun país da Unión Europea ao tempo que establecer contacto con outras culturas.

2º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2005-2006, en calquera das universidades do sistema universitario de Galicia (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) ou dos centros asociados da UNED en Galicia.

-Posuír unha nota media simple no seu expediente académico de 1 punto ou superior.

-Cursar estudos regrados de carácter oficial e validez nacional de 1º ciclo, de 1º e 2º ciclo ou de 3º ciclo.

-Ter superado no momento de presentación da solicitude, 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo. Para estudos de 3º ciclo deberá estar matriculado na etapa de formación.

-Atoparse matriculado, nos planos de estudos estruturados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou os que restan para adquirir a titulación.

-Realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, cunha duración mínima de dúas semanas e máxima de 12, e unha asistencia de 3 horas diarias de clase.

Quedan excluídos desta convocatoria:

-Os alumnos que durante o curso 2005-2006 estean desfrutando do Programa Sócrates-Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a mesma lingua en que se está a desenvolver o devandito programa.

-Os alumnos que teñan concedida unha axuda para a mesma finalidade, tanto dun organismo público como privado.

-Os alumnos que xa teñan desfrutado desta axuda en anteriores convocatorias.

3º.-Documentación.

a) Solicitude, segundo modelo ED416A que figura como anexo III desta orde, asinada polo interesado e todos os membros da familia computables para efectos tributarios.

Nos casos en que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar de maneira que faga fe esta circunstancia, os medios económicos con que conta e a titularidade ou aluguer do seu domicilio, que para todos os efectos, será o que o alumno habite durante o curso escolar. De non xustificar suficientemente estes extremos, a solicitude será obxecto de denegación.

b) Copia do DNI do solicitante e de todos os membros da familia computables para efectos tributarios.

c) Certificación académica persoal ou copia compulsada en que se fará constar a nota media simple do expediente académico, calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 21 de febreiro de 2005, entre a consellería e as universidades do SUG.

Os alumnos de 3º ciclo que estean cursando o segundo ano da etapa de formación deberán presentar, ademais, o certificado das cualificacións do 1º ano.

d) Xustificante da matrícula correspondente ao curso 2005/2006.

e) Orixinal ou copia do programa do curso de idiomas a que desexa asistir, no cal deberá figurar o período de duración e o lugar de destino.

f) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para cursos similares obxecto desta orde coa cal se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

g) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no cal conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

4º.-Selección.

A selección será realizada pola comisión avaliadora en atención á cualificación obtida polo alumno en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico.

Así mesmo, a comisión elaborará unha lista de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios da bolsa.

No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlle a bolsa a aqueles solicitantes que figuren na lista de candidatos suplentes elaborada pola comisión e pola orde que nela aparece, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso, sinalada no punto 6 deste anexo, antes do 10 de outubro de 2006.

5º.-Contía.

A contía exacta determinarase atendendo aos seguintes criterios:

CriteriosContía

-Expediente académicoMáximo: 400 euros.

-Área xeográfica-Área xeográfica A: Dinamarca, Estonia, Finlandia, Suecia, Letonia e Lituania (400 euros).-Área xeográfica B: Alemaña, Austria, Bélxica, Holanda, Chipre, Francia, Grecia, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Irlanda, Italia, Malta, Polonia, Reino Unido, Rep. Checa e Luxemburgo (300 euros).-Área xeográfica C: Portugal (180 euros).

-Duración da estadíaMáximo: 90 euros/semana.

-Ingresos familiaresAta un máximo de 140 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar. Establecendo tramos proporcionalmente ata un máximo de renda de 9.600 euros/membro.

O importe global da bolsa non poderá superar os 2.020 euros.

6º.-Xustificación.

Os beneficiarios deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, no prazo máximo de 10 días naturais posteriores á finalización da actividade ou desde a publicación da resolución, no caso de terse realizado a actividade antes da publicación e, en todo caso, antes do 10 de outubro de 2006, os documentos xustificativos seguintes:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado ou acreditación de asistencia ao curso para o cal lle foi concedida a axuda, traducido para algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no cal se especifique lugar e datas de realización.

b) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas, como das pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

7º.-Pagamento.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo aos beneficiarios, unha vez presentada a documentación xustificativa dentro dos prazos sinalados no punto anterior.

ANEXO II

AXUDAS PARA ASISTENCIA A CONGRESOS, SIMPOSIOS, SEMINARIOS OU SIMILARES

1º.-Obxecto.

O obxecto desta axuda é favorecer a participación e asistencia dos estudantes universitarios do SUG a congresos, simposios, seminarios ou similares en que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudo na titulación cursada.

2º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Presentar unha soa solicitude. A presentación de dúas ou máis solicitudes invalidará todas as presentadas.

-Estar matriculado no curso 2005-2006, en calquera das universidades do sistema universitario de Galicia (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) ou dos centros asociados da UNED en Galicia, no derradeiro curso dunha titulación de primeiro ciclo; no segundo ciclo de titulacións de ciclo longo ou na etapa de formación do terceiro ciclo.

-Atoparse matriculado, nos plans de estudos estruturados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou os que restan para adquirir a titulación.

-Posuír unha nota media simple no seu expediente académico de 1 punto ou superior.

-Asistir a un congreso, seminario, simposio ou similar, organizado por universidades públicas, privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico en que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudo na súa titulación ou doutoramento.

-Que as actividades conten cunha duración mínima de 30 horas acreditadas pola entidade organizadora.

Quedan excluídos desta convocatoria:

Os alumnos que soliciten axuda para a realización dun mestrado, cursos de especialización, a distancia, on-line ou estudos propios das universidades.

-Os alumnos que presenten máis dunha solicitude.

-Os alumnos que teñan concedida unha axuda para a mesma finalidade, tanto dun organismo público como privado.

3º.-Documentación.

a) Solicitude, segundo modelo ED432A que figura como anexo IV desta orde, asinada polo interesado.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Certificación académica persoal ou copia compulsada en que se fará constar a nota media simple do expediente académico, calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 21 de febreiro de 2005, entre a consellería e as universidades do SUG.

Os alumnos de 3º ciclo que estean cursando o segundo ano da etapa de formación deberán presentar ademais o certificado das cualificacións do 1º ano.

d) Xustificante da matrícula correspondente ao curso 2005/2006.

e) Orixinal ou copia do programa das actividades do evento a que desexa asistir, no cal deberán figurar as horas de duración, lugar e data de celebración.

f) Declaración xurada do solicitante en que faga constar a vinculación existente entre as materias obxecto de estudo e as actividades a que se quere asistir.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública ou privada para a actividade obxecto desta orde, con que se entenderá cumprido o requisito exixido no punto 6.1 deste anexo.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no cal conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

i) Resumo das comunicacións ou os póster que, de ser o caso, presente o solicitante.

4º.-Selección.

A selección será realizada pola comisión avaliadora en atención á cualificación obtida polo alumno en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico.

Terán preferencia para a concesión da axuda aqueles alumnos que participen no evento mediante a presentación de comunicación, póster ou similar.

Así mesmo, a comisión elaborará unha lista de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán os solicitantes que cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios da bolsa.

No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlle a bolsa a aqueles solicitantes que figuren na lista de candidatos suplentes elaborada pola comisión e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso, sinalada no punto 6 deste anexo, antes do 10 de outubro de 2006.

5º.-Contía.

A contía exacta determinarase atendendo aos seguintes criterios:

CriteriosContía

-Expediente académicoMáximo: 1.000 euros.

Solicitantes que presenten comunicación, póster ou similar en función do lugar de celebración.-En Galicia: mínimo 75 euros, máximo 250 euros.-En España/Portugal: mínimo 100 euros, máximo 400 euros.-Resto países europeos: mínimo 150 euros, máximo 600 euros.-Resto países: mínimo 200 euros, máximo 1.000 euros.

Solicitantes que non presenten comunicación, póster ou similar en función do lugar de celebración.-En Galicia: mínimo 30 euros, máximo 100 euros.-En España/Portugal: mínimo 50 euros, máximo 200 euros.-Resto países europeos: mínimo 75 euros, máximo 300 euros.-Resto países: mínimo 100 euros, máximo 450 euros.

O importe máximo de cada bolsa non poderá superar os 2.000 euros por solicitante.

6º.-Xustificación.

Os beneficiarios deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, no prazo máximo de 10 días naturais posteriores á finalización da actividade ou desde a publicación da resolución, no caso de terse celebrado a actividade antes da publicación, e en todo caso antes do 10 de outubro de 2006, os documentos xustificativos seguintes:

a) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas, como das pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Fotocopia compulsada do certificado ou acreditación de asistencia á actividade para a cal lle foi concedida a axuda e, se é o caso, de presentación da comunicación, póster ou similar, traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, para algunha das linguas oficiais da comunidade autónoma e no cal se especifiquen o lugar e data de realización.

7º.-Pagamento.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo aos beneficiarios, unha vez presentada a documentación xustificativa dentro dos prazos sinalados no punto anterior.