DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2006 Páx. 5.966

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de abril de 2006 pola que se regula o réxime de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

Esta consellería, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar a cabo o seu labor, regula o réxime de subvencións a aquelas, para o ano 2006, e para tal efecto, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.231A.480.0, existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 615.000 A.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán para a concesión de axudas e subvencións, por importe de 615.000 A, ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

2. Estas axudas, compatibles entre si, son de dous tipos:

a) De carácter xeral: para todas as agrupacións de voluntarios de protección civil, ás que se des

tinarán ata un máximo do 90% do importe total da subvención.

b) De carácter específico: para aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil que dispoñan de terminais remotos do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia a través da subscrición dun protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, ou estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde, ás que se destinarán ata un máximo do 10% do importe total da subvención.

3. O montante das axudas de carácter específico que non se destine a elas acrecentará o montante das de carácter xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter xeral, ás que se refire o artigo 1º.2 a), as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

b) Teñan dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que recibindo subvencións en anos anteriores, xustificaran o seu investimento e liquidación, segundo o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e artigo 15 e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de tal forma que a non xustificación do dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

2. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter específico, ás que se refire o artigo 1º.2 b), as agrupacións de voluntarios de protección civil que cumprindo os requisitos sinalados no punto 1, teñan subscrito o referido protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil para dispoñer dun terminal remoto ou estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

a) As axudas de carácter xeral poderán ser investidas en:

1. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (socorro, salvamento, primeiros auxilios e comunicación).

2. Equipamento e vestimenta persoal, así como en equipos de prevención e de protección.

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base e os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

4. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

5. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

6. Gastos ocasionados na atención de peregrinos, relacionados co desprazamento e manutención dos voluntarios.

7. Equipamento e material informático.

8. Equipamento e material audiovisual.

Estes gastos non poderán acumularse con outras subvencións ou axudas nas que se solicite o mesmo.

Os gastos para xustificar nos puntos 3, 4, e 5 non poderán superar o 75% do total da subvención concedida.

b) As axudas de carácter específico poderán ser investidas en:

1. Gastos de conservación, reposición e mantemento dos equipos informáticos e de comunicación co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

2. Gastos de adquisición de accesorios (routers, modems), complementos informáticos, material non inventariable informático e recambios informáticos.

3. Gastos de comunicación e telefonía derivados das tarefas de colaboración co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

4. Gastos ocasionados pola formación específica dos seus compoñentes para este tipo de tarefas.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á delegada provincial, presentarase dentro do prazo de corenta días naturais a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

b) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2005, segundo o anexo II (en soporte papel ou informático, preferentemente no segundo).

c) Orzamento de gastos detallado, segundo clasificación sinalada no artigo 3º.

d) Xustificante orixinal da entidade bancaria, co número de conta que teña aberta esa agrupación.

e) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF para as agrupacións de nova creación.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido o antedito prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, as delegadas provinciais remitiranlla á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da dita dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

a) Para as axudas de carácter xeral:

1. Accións de colaboración e de información prestadas en emerxencias ou urxencias requiridas a través do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia ou polos servizos provinciais de Protección Civil da Dirección Xeral de Protección Civil, ata un 35%.

2. Actividades realizadas conforme o anexo II, ata un 20%.

3. Participación e colaboración en plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, ata un 15%.

4. Ter servizo de 24 horas, ata un 10%.

5. Número de voluntarios inscritos na Sección de Voluntariado de Protección Civil do Rexistro de Protección Civil da comunidade autónoma que dispoñan de carné oficial de voluntario, ata un 10%.

6. Participación e colaboración en labores de atención aos peregrinos, ata un 10%.

b) Para as axudas de carácter específico:

1. Operatividade de funcionamento as 24 horas durante os 365 días do ano, en comunicación permanente co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, ata un 40%.

2. Número de protocolos activados, así como as incidencias que se xestionen a través do terminal remoto, ata un 60%.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a Comisión de Avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses, contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Publicación.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Recibida polos beneficiarios a concesión de axudas, deberán:

a) Comunicarlles por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así, entenderase que renuncia á subvención.

b) Xustificar o emprego da subvención no prazo de 30 días desde a resolución de concesión, mediante o envío das facturas (orixinal e copia compulsada) dos gastos relacionados no artigo 3º, facturas que deben estar debidamente conformadas polo presidente da agrupación, acompañadas dos xustificantes de pagamento das casas subministradoras, de acordo

coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo III desta orde.

Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

c) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, aprobadas ou concedidas pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

d) Facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. Toda a documentación que deba ser enviada, remitiráselle inexorablemente no prazo de 30 días, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, á delegación provincial, procedéndose no caso contrario ao arquivo das actuacións.

Artigo 10º.-Informe de conformidade.

O Servizo de Protección Civil da provincia correspondente, unha vez examinada toda a documentación requirida e comprobado que cumpre co indicado nesta orde, emitirá un informe de conformidade que lle será remitido, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a axuda a unha finalidade distinta para a que foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos xuros xerados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza